Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.485

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 25 de marzo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o recurso de reposición dos montes Caneiro e As Pías da parroquia de Fozara do concello de Ponteareas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de

outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente:

José A. López Rodríguez (Delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutierrez (Xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Secretaria:

Pilar Pita Ponte (Xefa de sección do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 20 de febreiro do 2003, coa asistencia das persoas na marxe indicadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre o recurso de reposición dos montes Caneiro e As Pías da parroquia de Fozara do concello de Ponteareas.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 24 de outubro de 1997, Benigno Cuevas Bugarín, en nome e representación da comunidade de montes veciñais en man común de Fozara, solicitou a clasificación como veciñais en man común dos montes Caneiro e As Pías, sitos na parroquia de Fozara, do concello de Ponteareas.

Segundo.-Juan Casiano Fandiño García, en representación de Manuel Táboas Carrera, presentou escrito interesando que se lle tivera por parte no expediente, achegando unha escritura pública do 4-8-1975, referente a unha permuta de terreos co concello de Ponteareas.

Terceiro.-Con data 21-7-1999 o xurado provincial acordou inicia-los trámites para a clasificación dos montes Caneiro e As Pías, da parroquia de Fozara, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente.

Cuarto.-En sesión de 19 de outubro do 2000, o xurado adoptou o acordo de nomear a Isabel Catoira Lamela relatora da clasificación dos montes citados.

Quinto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, no preceptivo trámite de audiencia ó solicitante presentou alegacións nas que discrepa coa descrición do monte Caneiro no límite norte.

Sexto.-En sesión do 12 de decembro de 2001, o xurado nomeu nova ponente a Mª Luisa Pardavila Pazos.

Sétimo.-Na sesión do 3-4-2002 o xurado resolveu clasificar como veciñais en man común a favor da comunidade de montes veciñais en man común de Fozara, concello de Ponteareas, os montes Caneiro e As Pías correspondéndose coa planimetría elaborado para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable da resolución, e coas seguintes descricións:

Concello: Ponteareas.

Parroquia: Fozara.

Nome do monte: Caneiro.

Cabida: 12,21 ha aproximadamente.

Lindeiros:

Norte: propiedades particulares de Enrique Groba Otero, Luz Gándara Antela, Emilio Rodríguez Pérez, Juán J. Rodríguez González, Aurelia Gándara Bugarín, José Otero Otero, Benjamín González López, Manuel Taboas Carrera e outros.

Sur: río Tea e propiedades particulares de Manuel Amoedo Coto, herdeiros de Asunción Groba, Carmen Domínguez Táboas, Enrique Groba Otero, Jesús Otero Otero e outros.

Leste: propiedades particulares de Amelia Gándara Bugarín, Enrique Groba Otero, José Nogueira López, Mª Esther Cuevas Bugarín, Dolores Barroso Méndez, Otilia Cuevas Bugarín, José Otero Otero e outros.

Oeste: río Tea.

O monte Caneiro atópase atravesado de N a S pola estrada Ponteareas-Pazos, e presenta un enclavado con varios propietarios na súa zona Oeste.

Nome do monte: As Pías.

Cabida: 1,64 ha.

Lindeiros:

Norte: propiedades particulares de herdeiros de Malvina Natal Castellano, herdeiros de Odilio Nogueira García, María López García, herdeiros de Pilar Villar Vello, Josefa Bugarín García, María López García, Jesús Otero Otero, Benjamín González López e outros.

Sur: río Tea e propiedades particulares de Josefa Bugarín García, Mª López García e outros.

Leste: propiedades particulares de Mª Antela Codeseda, Ramiro Antela, Dolores Bugarín García, Avenida Álvarez, Ramiro Casal Fernández, Acuicultura de Galicia, S.A., Carmen Redondas García e outros.

Oeste: río Tea e propiedades particulares de Manuel Pino Rodríguez, Dolores Bugarín García, Manuel Taboas Carrera, Isaura Gándara Cobas e outros.

Oitavo.-Contra a resolución do xurado presentou recurso de reposición a comunidade de montes veciñais en man común de Fozara por estar desconforme coa exclusión da clasificación relativa a unha parcela situada na linde norte do monte Caneiro, que está en posesión de Emilio Rodríguez Pérez, achegando fotocopia simple de dous documentos que o recorrente di ter xa achegado con anterioridade ó expediente.

O recorrente solicita a reposición da resolución no sentido de incluír na clasificación do monte Caneiro a parcela que na planimetría inicial achegada pola comunidade de montes decíase pertencente a Emilio Rodríguez Pérez; así como a rectificación do erro existente na parte dispositiva da resolución, que se remite

á descrición reflectida no feito sexto cando debería remitirse ó feito sétimo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolve-los recursos de reposición contra das súas resolucións de conformidade co artigo 116 da Lei 30/1992.

Segundo.-Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto por cumprir cos requisitos esixidos polo artigo 117.1º da precitada lei.

Terceiro.-Tratándose dun simple erro de transcrición procede rectificar a parte dispositiva de resolución de tres de abril de 2002, no senso de que onde di: «... correspondéndose coa descrición reflectida no feito sexto ...», debe dicir: «... correspondéndose coa descrición reflectida no feito sétimo ...».

Cuarto.-O recorrente achega neste trámite fotocopia simple de dous documentos -o que sería unha solicitude de cesión ó concello de Ponteareas encabezada co nome de Emilio Rodríguez Pérez, e unha certificación encabezada co nome do perito agrícola Benjamín Queimadelos Rivera-, nembargantes, a pesar das manifestacións do recurrente, os ditos documentos non existían no expediente cando se adoptou a resolución, polo que de conformidade co artigo 112.1º, parágrafo segundo, da Lei 30/1992 non debe terse en conta.

Quinto.-Como principal fundamento, di o recorrente que o xurado se enganou por decidir non clasifica-la parcela posuida por Emilio Rodríguez Pérez, en función de non ter acreditado o aproveitamento consuetudinario de feito polos veciños en réxime de comunidade. Alégase que a posesión actual desa parcela é debida a un acto expoliatorio e que o xurado non considerou a imprescritibilidade dos montes veciñais en man común.

Nembargantes, estes razoamentos, non poden ser acollidos, en primeiro lugar, as facultades atribuídas os xurados provinciais, segundo ten declarado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, entre outras na Sentencia de data 2-7-1999 «... hase de referir á determinación sobre a concorrencia ou non en cada caso dun suposto de aproveitamento consuetudinario en man común quedando excluídas daquelas as cuestións relativas ó dominio e demais dereitos reais os cales son competencia da xurisdicción ordinaria ...» e, en segundo lugar, porque a imprescritibilidade dos montes veciñais en man común só ten efectos a partir da entrada en vigor da Lei do 2 de decembro de 1963, reguladora da compilación civil de Galicia, que declarou de modo expreso a imprescritibilidade desta clase de propiedade.

De conformidade co artigo 1º da Lei 13/1989 e as resolucións xudiciais que o interpretan, a clasificación dun monte como veciñal en man común debe basearse no feito «da posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños de forma mancumunada» (TS s. de 7-3-2001).

Incluso tendo en conta os documentos achegados co escrito de interposición do recurso, non existen no expediente elementos de proba da existencia dun aproveitamento veciñal relativo á parcela posuida por Emilio Rodríguez Pérez, porque con independencia de que nun pasado moi antigo puidese ter existido un aproveitamento veciñal, o certo é que non se ten demostrado ese aproveitamento nin na actualidade nin nas décadas

anteriores o ano 1963; por outra parte, a inclusión da parcela nos bens de propios do concello, as súas características físicas e de localización segundo resultan da certificación do perito agrícola achegada co recurso, xunto coa posesión e explotación dela por particulares de forma individual, e a propia cartografía achegada pola comunidade de montes son elementos, que na falta doutras probas, abondan na existencia do aproveitamento veciñal en réxime de mancomunidade.

Vistos os preceptos legais citados e demais normativa de xeral e pertinente aplicación, proponse polo instructor e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

1. Acceder á pretensión de corrección do erro existente na parte dispositiva da resolución de tres de marzo do 2002 no sentido de que onde di: «... correspondéndose coa descrición reflectido no feito sexto ...», debe dicir: «... correspondéndose coa descrición reflectida no feito sétimo ...».

2. Rexeita-lo recurso nos demais extremos, confirmando a resolución recorrida.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 25 de marzo do 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra