Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.455

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 234/2003, do 3 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

O Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, establece o marco normativo de financiamento de actuacións protexidas do Plan de Vivenda e Solo para o período 2002-2005.

Estando en execución as actuacións acollidas ós plans de vivenda 1998-2001 e 2002-2005 e asinados diversos convenios referentes a áreas de rehabilitación coincidentes cos conxuntos históricos de diversos concellos de Galicia, seguen vixentes os motivos que xustifican a oportunidade e necesidade de continuar coa liña de axudas tendente ó rescate, conservación e ordenación dos ditos conxuntos históricos galegos e a publicación dunha nova normativa que, en coherencia co novo Plan de Vivenda, articule estas subvencións como unha liña máis de axuda entre as previstas para a vivenda con carácter permanente ata o ano 2005.

Así pois, este decreto ten por obxecto a regulación e coordinación co marco normativo dos plans de vivenda das axudas ós promotores de actuacións de rehabilitación en vivendas e edificios con destino a vivenda situados nos conxuntos históricos galegos, nos núcleos históricos con planeamento especial oficialmente aprobado e nas entidades de poboación polas que discorre o Camiño Francés de Santiago.

Este decreto desenvolverase mediante ordes anuais que determinarán a contía dos recursos para cada exercicio orzamentario.

En virtude do anterior e por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición aplicarase ó fomento e á protección da rehabilitación de vivendas situadas en:

a) Zonas de rehabilitación de núcleos históricos por fomento da iniciativa privada que serán delimitadas por acordo municipal e terán que estar incluídas obrigatoriamente na delimitación de conxunto histórico-artístico oficialmente aprobada.

b) Núcleos históricos con Plan Especial de Protección e Reforma Interior oficialmente aprobado.

c) Entidades de poboación que figuran no anexo III, polas que discorre o Camiño Francés de Santiago.

Artigo 2º.-Actuacións protexibles.

1. As actuacións de rehabilitación que poderán acollerse a este decreto serán o conxunto de obras necesarias para acada-lo necesario nivel de adecuación nos seguintes aspectos:

a) Condicións estructurais-seguridade.

1. Elementos estructurais e constructivos.

2. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

3. Mellora das condicións de illamento en xeral.

4. Medidas de seguridade (incendios, sinistros, etc.).

5. Acabados de elementos comúns.

b) Habitabilidade.

1. Programa funcional das vivendas.

2. Dimensións da vivenda e as estancias.

3. Adecuación e funcionalidade das diferentes instalacións.

4. Condicións de ventilación, iluminación e aireación.

5. Mellora das condicións constructivas.

c) Condicións artísticas: protección patrimonial.

1. Melloras do volume externo.

2. Melloras de elementos singulares.

2. As condicións a que se refire o punto anterior serán as mínimas esixibles, sendo complementarias das determinacións derivadas do planeamento urbanístico que, se é o caso, afecten ós núcleos históricos.

3. As obras relativas á adecuación estructural e de seguridade serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que non poderán solicitarse estas se o inmoble precisase a realización das primeiras.

O nivel mínimo de adecuación nos aspectos a que se refire este artigo é o establecido no anexo I desta disposición.

4. Establécense como prezos máximos os das distintas partidas da base de datos da construcción de Galicia publicadas, e para as partidas non definidas determinaranse os rendementos por asimilación doutras partidas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederalles axudas a promotores de actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios con destino a vivenda situados nas zonas, núcleos e entidades establecidos no artigo 1º.

Artigo 4º.-Axudas.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes anuais, poderá subvenciona-las actuacións recollidas no artigo 2º nunha contía equivalente ó 30% do custo real das actuacións de rehabilitación determinado polo prezo total do contrato de execución, os honorarios facultativos e de xestión e os tributos satisfeitos por razón das actuacións. A devandita subvención terá un límite absoluto de 4.250 euros por vivenda.

2. As axudas desta disposición atenderanse da forma que será establecida mediante ordes anuais da Con

sellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que determinarán:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, onde figuran os créditos para esta finalidade, con cargo á que serán atendidas as ditas axudas.

2. O importe máximo das axudas que se poderán outorgar dentro de cada exercicio orzamentario.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes presentaranse nas oficinas da delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e formularanse en instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo segundo o modelo que figura no anexo II deste decreto.

Xunto coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

-DNI/NIF.

-Memoria que conterá polo menos:

a) Descrición do tipo de actuación que vai levar a cabo entre as recollidas no artigo 2º.

b) Documento acreditativo da titularidade, como propietario ou inquilino.

c) Superficie útil da vivenda ou inmoble.

d) Orzamento de execución, asinado polo contratista, polo promotor e polo técnico competente, se é o caso.

e) Se é o caso, proxecto de execución asinado por técnico competente.

f) Prazo máximo da execución das obras.

g) Fotografías do edificio no que se proxecta a rehabilitación.

-Licencia municipal das obras.

-Certificado municipal de situación da vivenda, según sexa o caso, en:

a) Zona de rehabilitación do núcleo histórico por fomento da iniciativa privada aprobada polo concello.

b) Núcleo histórico con Plan Especial de Protección e Reforma Interior oficialmente aprobado.

c) Entidade de poboación, de entre as que figuran no anexo III, polas que discorre o Camiño Francés de Santiago.

Os peticionarios das axudas presentarán coa solicitude inicial unha declaración do conxunto de tódalas subvencións solicitadas ou concedidas para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

A solicitude de subvención suporá que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal da Admi

nistración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e aboamento das subvencións.

Artigo 6º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte da entrada en vigor desta disposición e rematará o día 31 de decembro de 2005.

A finalización do prazo de presentación de solicitudes poderase modificar por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en función dos recursos orzamentarios e do número de solicitudes presentadas.

Artigo 7º.-Declaración provisional.

Á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá a outorga-la declaración provisional de rehabilitación protexida, no caso de cumpri-los requisitos esixidos ou a denegala no caso de non cumprilos, no prazo de tres meses contados desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, a declaración provisional entenderase denegada.

A denegación da declaración provisional será motivada e susceptible de recurso de alzada ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

A declaración provisional comprenderá as actuacións que se van realizar, o prazo de execución das obras e o seu orzamento.

O prazo de execución non poderá exceder dun ano a partir da data de notificación da declaración provisional de rehabilitación protexida.

Excepcionalmente por causa xustificada e por petición motivada do promotor, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda da metade del.

O non cumprimento dalgún dos requisitos establecidos nesta disposición ou o feito de que as actuacións de rehabilitación obxecto da solicitude xa estiveran realizadas con anterioridade ó momento da solicitude das axudas será motivo da denegación expresa e motivada da declaración provisional de rehabilitación protexida do expediente.

Artigo 8º.-Declaración definitiva.

O beneficiario, unha vez executadas as obras declaradas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para lle comunicar por escrito á delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas. A falta de comunicación no dito prazo do promotor dará lugar á denegación da declaración definitiva por incumprimento das condicións da declaración provisional.

O delegado provincial do IGVS, á vista da documentación presentada, logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, procederá a outorgar ou denegar, segundo se cumpran ou non as condicións, a declaración definitiva de rehabilitación protexida con notificación ó interesado, no prazo de tres meses desde a entrada na delegación provincial da comunicación escrita referida no parágrafo anterior. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, a declaración definitiva entenderase denegada.

A denegación da declaración definitiva será motivada e susceptible de recurso de alzada ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación.

Será motivo de denegación da declaración definitiva non executa-las obras obxecto da declaración provisional dentro do prazo concedido para o efecto. Non obstante, poderá outorgarse a declaración definitiva naqueles casos en que, conseguida a seguridade estructural e a habitabilidade da vivenda e cumpridos os demais requisitos, se comprobe que as obras executadas de entre as declaradas provisionalmente chegan como mínimo ó 75% do orzamento protexido. Neste caso, a contía da subvención limitarase ó 30% do orzamento efectivamente executado.

Artigo 9º.-Concesión da subvención.

A concesión da subvención efectuarase por resolución do director xeral do IGVS, na que constará o importe da subvención concedida, por proposta do delegado provincial no prazo de tres meses desde a obtención da cédula da declaración definitiva. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa entenderase denegada. Non obstante, se non existise crédito orzamentario, resolverase a concesión no momento en que exista cobertura orzamentaria.

Contra a resolución de concesión da subvención poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Os beneficiarios, unha vez obtida a declaración definitiva de rehabilitación protexida e dictada a resolución de concesión da subvención e en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Deberán, así mesmo, acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Compatibilidade.

1. Estas axudas son compatibles coas establecidas na normativa estatal e autonómica dos plans de vivenda, así como coas establecidas nos programas autonómicos de axudas á rehabilitación e á reconstrucción da vivenda rural en Galicia.

No caso de solicitar ámbalas dúas, a solicitude das previstas neste decreto poderase presentar ó mesmo tempo.

2. Sen prexuízo do determinado no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, en ningún caso o importe total das subvencións concorrentes, para as mesmas actuacións de rehabilitación, con cargo ós orzamentos do IGVS e con cargo ó Ministerio de Fomento ó abeiro do Plan de Vivenda 2002-2005 poderá ser de tal contía que supere o 75% do orzamento protexido.

3. Non poderán concederse os beneficios desta disposición para aquelas vivendas que xa os obtiveron ó abeiro dos programas autonómicos de axudas específicas para a rehabilitación en inmobles situados en conxuntos históricos, se os seus promotores as solicitaron nos catro exercicios inmediatamente anteriores ó da presentación da solicitude, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataran o seu procedemento sen obter beneficio nengún.

Artigo 11º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención suporá, ademais das sancións que puideran corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados polo IGVS, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das axudas.

Artigo 12º.-Facultade de inspección.

1. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

2. Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo IGVS así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposición transitoria

As axudas económicas solicitadas dentro de prazo ó abeiro de convocatorias anteriores seguirán tramitándose conforme a normativa aplicable a elas e poderanse atender con cargo ós créditos consignados para esta finalidade na aplicación correspondente do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio, se ben o seu outorgamento quedará supeditado ó cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre outorgamento de subvencións e, en especial, dos esta

blecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Así mesmo, a tramitación administrativa levada a cabo conforme a normativa anterior entenderase sempre sen prexuízo da aplicación da normativa en vigor reguladora do réxime e control da aplicación das subvencións públicas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO I

A. Condicións estructurais-seguridade.

a) Elementos estructurais e constructivos.

Deberán presentar garantías suficientes da súa adecuación. Para isto necesitarase certificación dun técnico competente que avale a estabilidade do edificio. A sobrecarga mínima que se deberá soportar ó uso é de 200 kg/m.

b) Instalacións en xeral.

-A instalación eléctrica para iluminación e usos domésticos cumprirá co Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

-Instalación de auga.

Distínguense dous supostos: que no núcleo histórico exista rede de abastecemento público, caso no que será obrigatoria a conexión á rede de auga que asegurará o nivel de servicio suficiente, considerando como tal un caudal de 15 litros por minuto.

Se non existe rede de abastecemento e o inmoble se servise por captación propia, deberá existir un depósito de reserva suficiente.

-Instalación de saneamento.

Distínguense, así mesmo, dous supostos.

A existencia de rede de saneamento xeral no núcleo histórico: neste caso as augas residuais deberán recollerse en tubaxes tecnicamente aceptables e conectarse á rede xeral de forma adecuada. Entenderase que existe rede xeral cando discorra, como máximo, a 200 m do inmoble.

Se non existise rede xeral, resolverase o saneamento mediante fosas sépticas tecnicamente aceptables, situadas no exterior do inmoble. O efluente deberá ser depurado antes de mesturalo con augas correntes, ou ser enviado ó terreo.

Todo tipo de aparello sanitario deberá contar cos sifóns correspondentes.

Outras instalacións.

Son susceptibles de axuda as obras encamiñadas a dota-la vivenda de instalacións tales como teléfono, calefacción, antenas colectivas de FM e TV, así como as de protección contra incendios.

c) Condicións de illamento en xeral.

Garantirase o illamento do inmoble en xeral e a través de medios técnicos normais.

O illamento refírese tanto á estanquidade de cubertas e fachadas á auga, como ó térmico e ó acústico.

d) Medidas de seguridade.

O inmoble contará coas mínimas condicións de seguridade fronte a incendios e sinistros.

Para isto deberán protexerse os elementos estructurais metálicos; as caldeiras e depósitos de combustible presentarán as medidas de aireación mínimas e a instalación eléctrica e antena colectiva presentarán as garantías técnicas necesarias.

Todo isto deberá ser certificado por técnico competente.

B. Condicións de habitabilidade.

Terase en conta neste aspecto a normativa vixente en materia de habitabilidade, especificamente as esixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

C. Condicións artísticas: protección patrimonial.

Poderán acollerse ó réxime de axudas para a mellora e conservación de elementos artísticos as actuacións en inmobles do núcleo histórico que, pola existencia dun plan especial, catálogo de inmobles ou disposicións emanadas da Comisión de Patrimonio, tivesen que mante-los referidos elementos. Estes fan referencia ó volume xeral do inmoble, fachadas e cuberta, así como a elementos singulares que poidan presentar (chemineas, gárgolas, saíntes, pináculos, etc.).

ANEXO III

Entidades de poboación polas que discorre o Camiño Francés de Santiago.

* Concello de Pedrafita do Cebreiro:

O Cebreiro.

Liñares.

Alto de San Roque.

Hospital da Condesa.

Padornelo.

Alto do Poio.

Fonfría do Camiño.

* Concello de Triacastela:

O Biduedo.

A Balsa.

Fillobal.

Pasantes.

Ramil.

Triacastela.

Vilar.

Lamas.

Vilavella.

* Concello de Samos:

San Xil.

Fontearcuda.

Zoó.

Furela.

A Brea.

Montán.

San Cristovo do Real.

Lusío.

Renche.

O Coído.

S. Martiño do Real.

Samos.

Foxos-Ferreira.

Teiguín.

Empalme de Castroncán.

Aián.

Frollais.

* Concello de Sarria:

Pintín.

Calvor.

Aguiada.

San Mamede do Camiño.

San Pedro do Camiño.

O Carballal.

Vigo de Sarria.

San Miguel.

Barbadelo.

Rente.

Mercado da Serra.

Leimán.

A Pena.

Peruscallo.

Cortiñas.

Lavandeira.

O Casal.

A Brea.

Morgade.

* Concello de Paradela:

Ferreiros.

Cruceiro.

Mirallos.

A Pena.

O Couto.

As Rozas.

Moimentos.

Cotarelo.

Marcadoiro.

Moutras.

A Parrocha.

Vilachá.

* Concello de Portomarín:

San Pedro.

Portomarín.

Leiriña.

Cortapezas.

Cerámica.

Campo de Mamas.

Toxibó.

Gonzar.

Castromaior.

O Hospital.

Vendas de Narón.

* Concello de Monterroso:

A Previsa.

Lameiros.

Ligonde.

Airexe.

* Concello de Palas de Rei:

Portos.

Vilar de Donas.

Lestedo.

Os Valos.

A Mamurria.

A Brea.

Abenostre.

As Lamelas.

O Rosario.

Casas Revoltas.

Palas de Rei.

Aldea de Riba.

Gaiola de Riba.

San Xiao do Camiño.

A Pallota.

Outeiro da Ponte.

A Ponte campaña.

Casanova.

Porto de Bois.

Campanilla.

* Concello de Melide:

O Coto.

Vilanova.

O Leboreiro.

Desecabo.

Furelos.

Santa María de Melide.

O Carballal.

Ponte de Penas.

O Raído.

Parabispo.

* Concello de Arzúa:

Boente de Arriba.

Boente Igrexa.

A Fonte Prata.

A Fraga Alta.

O Pumariño.

O Pedrido.

O Río.

Castañeda.

Ribadiso de Abaixo.

Ribadiso de Arriba.

Arzúa.

O Francés.

As Barrosas.

Raido.

Pregontoño.

Cortobe.

A Peroxa.

Taberna Vella.

A Calzada.

* Concello do Pino:

A Calle (S. Mamede).

A Calle (S. Breixo).

Lengüelle.

Boavista.

Salceda.

Cabo.

Ras.

A Brea.

Castro.

Castro (Empalme).

Santa Irene.

A Rúa.

Burgo.

Pedrouzo.

Santo Antón.

Amenal.

Cimadevila.

* Concello de Santiago de Compostela:

A Lavacolla.

San Marcos.

San Paio.

Mourentán.

Vilamaior.

Ponte de S. Lázaro.

San Lázaro.

Santiago de Compostela: rúa das Fontiñas, rúa de Valiño e rúa dos Concheiros.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL