Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.450

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 233/2003, do 3 de abril, de axudas ós concellos para a infravivenda rural.

O Decreto 343/1992, do 26 de novembro, de axudas ós concellos para a infravivenda rural, establecía o marco de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e os concellos de Galicia para a solución do problema das infravivendas rurais habitadas por familias con baixos ingresos, co obxecto de que puidesen acadar unha vivenda digna conservando a súa integración social co medio.

O Decreto 195/1996, do 17 de maio, modificou determinados artigos do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, referentes ás actuacións protexidas e á tramitación das axudas.

A disposición adicional do Decreto 127/2001, do 25 de maio, sobre subvencións a fondo perdido para a reconstrucción de vivendas no medio rural de Galicia modificaba o artigo 4º do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, no referente ás porcentaxes e contía das axudas.

A Orde do 19 de xullo de 2001 determinaba os ingresos familiares e a súa ponderación e establecía o impreso cos datos da unidade familiar e da infravivenda.

A xeral aceptación destas axudas polos concellos, así como a necesidade aínda existente de resolve-lo problema da vivenda das familias con baixos ingresos que habitan en infravivendas rurais de Galicia explican a oportunidade dunha nova normativa que, por unha banda, recompile a anteriormente dispersa e, pola outra, a actualice en coherencia coas actuais disposicións da nova normativa autonómica e estatal en materia orzamentaria, procedemental e fiscal.

O presente decreto desenvolverase mediante ordes anuais que determinarán a contía dos recursos para cada exercicio orzamentario.

En virtude do anterior e por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto establece-lo marco da colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e os concellos de Galicia, incentivados mediante subvencións a fondo perdido para a solución do problema das infravivendas rurais de modo que as familias con baixos ingresos que as habitan poidan acadar unha vivenda digna conservando a súa integración social co medio.

Artigo 2º.-Concepto de infravivenda rural.

1. Para os efectos da presente disposición enténdense por infravivendas rurais as edificacións situadas en entidades de poboación de menos de 1.500 habitantes que, sen reuniren as mínimas condicións de habitabilidade, veñen sendo utilizadas como vivendas por familias con ingresos ponderados inferiores ó salario mínimo interprofesional.

2. As anteditas condicións mínimas de habitabilidade enténdense referidas ós seguintes aspectos: seguridade e estanqueidade, condicións hixiénico-sanitarias, espacio habitable suficiente, servicios de auga e electricidade.

Artigo 3º.-Actuacións protexibles.

As axudas ós concellos previstas no presente decreto deberán destinarse a algunha das seguintes actuacións:

I. Actuacións en infravivendas ou terreos propiedade dos afectados.

A) Rehabilitación da infravivenda.

Comprende actuacións en cubertas, fachadas e carpinterías exteriores así como as dirixidas a garanti-las condicións hixiénico-sanitarias e de habitabilidade e as obras de acondicionamento térmico, illamentos e estanqueidade da vivenda, mellora das instalacións eléctricas, acabamentos interiores e adaptación da vivenda para uso de minusválidos.

B) Reconstrucción da infravivenda.

Comprende as actuacións de reestructuración interior e baleirados totais con mantemento de fachadas, as reconstruccións integrais e as ampliacións do volume da edificación.

C) Nova construcción de vivenda unifamiliar.

Comprende a construcción de vivenda nova unifamiliar con destino a realoxamento da familia que habita na infravivenda non susceptible dalgunha das actuacións precedentes.

II. Actuacións en edificacións ou terreos do concello.

D) Acondicionamento de edificacións do concello para o seu uso como vivendas.

Comprende as actuacións de rehabilitación e acondicionamento de edificacións dos concellos co fin de adaptalas para aloxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

E) Nova construcción de vivendas.

Comprende a construcción de vivendas novas con destino a realoxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

III. Requisitos das actuacións.

Tódalas actuacións se axustarán ó planeamento vixente e deberán ser coherentes coa tipoloxía tradicional da zona, e adecuadas ó medio e á paisaxe.

As actuacións deberán cumpri-la normativa vixente en materia de habitabilidade, e especificamente as esixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

Deberán, así mesmo, mante-las características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva conservando os elementos que o merezan polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico ou da tipoloxía tradicional se os houbera.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las axudas reguladas neste decreto os concellos de Galicia con infravivendas rurais no seu termo, habitadas por familias con ingresos familiares que non superen o salario mínimo interprofesional.

Artigo 5º.-Axudas.

1. As axudas ós concellos para as actuacións anteriormente sinaladas poderán acada-lo 80% do orzamento protexido das obras para os concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes, e o 65% para os restantes, sen que en ningún caso poidan supera-la cantidade de 20.000 euros por vivenda para as actuacións comprendidas nas letras A e D do artigo 3º deste decreto, e de 36.000 euros por vivenda para as actuacións comprendidas nas letras B, C, e E do devandito artigo.

2. As axudas da presente disposición atenderanse da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que determinarán:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, onde figuran os créditos para esta finalidade, con cargo á que serán atendidas as ditas axudas.

2. O importe máximo das axudas que se poderán outorgar dentro de cada exercicio orzamentario.

Artigo 6º.-Ingresos familiares.

Para os efectos do determinado no artigo 2º da presente disposición enténdese:

1. Por ingresos familiares a contía, en número de veces o salario mínimo interprofesional, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, isto é, antes de proceder ás deduccións dos mínimos persoal e familiar, e correspondente á declaración do solicitante e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior (con prazo de presentación vencido) á solicitude das axudas.

Se o interesado non presentase declaración por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base, reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sen prexuízo da posible comprobación administrativa.

Descontaranse, en todo caso, os ingresos percibidos en concepto de pensións ou subvencións por invalidez ou minusvalidez.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar ós ingresos familiares os seguintes coeficientes multiplicadores de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias de 1 membro: 1.

Familias de 2 membros: 0,90.

Familias de 3-4 membros: 0,80.

Familias de 5-6 membros: 0,70.

Familias de máis de 6 membros: 0,60.

3. Por unidade familiar tal e como resulte definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

Artigo 7º.-Solicitudes.

Os concellos que desexen acollerse ós beneficios da presente disposición formularán solicitude escrita que presentarán nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, xunto coa seguinte documentación:

1. Memoria para cada unha das infravivendas obxecto das actuacións composta por:

1.1. Impreso, que figura no anexo desta disposición cos datos da unidade familiar e da infravivenda, asinado necesariamente polo cabeza de familia e, se é o caso, polo propietario do inmoble, membro da unidade familiar.

1.2. Informe social sobre a composición, idades, situación económica, de saúde, cultural e de integración social da unidade familiar, con xustificación da necesidade e do axeitado das solucións propostas.

1.3. Informe sobre a infravivenda que ocupa a familia afectada, asinado polo técnico competente relativo á súa localización, características e estado de deteriorización, con reportaxe fotográfica en cor da edificación e xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

1.4. Proxecto técnico con memoria das actuacións propostas de entre as consideradas no artigo 3º da presente disposición, orzamento de execución material e calendario de execución.

1.5. Informe do técnico municipal de que as actuacións propostas cumpren os requisitos de planeamento, tipoloxía, habitabilidade e conservación do patrimonio esixidos no artigo 3º.III do presente decreto.

1.6. Custo total das actuacións e esquema de financiamento que xustifique a viabilidade financeira da operación.

2. Certificado do acordo da entidade local no que se solicite a subvención ó Instituto Galego da Vivenda e Solo aceptando os termos da presente disposición e de conformidade coa memoria, orzamento e prazo, que figuran no punto anterior, facultándose o alcalde para aceptación da subvención.

3. Declaración do conxunto de tódalas subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

Artigo 8º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes comenzará o día da entrada en vigor da presente disposición e rematará o día 31 de decembro de 2005.

A finalización do prazo de presentación de solicitudes poderase modificar por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en función dos recursos orzamentarios e do número de solicitudes presentadas.

Artigo 9º.-Aprobación inicial.

Á vista da documentación presentada e logo das comprobacións que se consideren pertinentes, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por proposta do delegado provincial, procederá a outorga-la aprobación inicial do expediente, no caso de cumpri-los requisitos esixidos, ou a denegala no caso de non cumprilos, con notificación ó concello.

Non obstante, se non existise crédito orzamentario, resolverase a aprobación no momento en que exista cobertura orzamentaria.

A aprobación inicial comprenderá as actuacións que se van realizar así como as condicións que se coiden necesarias para a súa execución, o prazo de execución das obras, o orzamento protexido, a porcentaxe en función da poboación do concello ó abeiro do determinado no artigo 5º deste decreto e a contía da subvención inicialmente aprobada.

O prazo de execución non poderá exceder dun ano a partir da data de notificación da aprobación inicial para as actuacións de rehabilitación comprendidas no punto I.A do artigo 3º da presente disposición e de dous anos para as restantes actuacións.

Excepcionalmente por causa xustificada e por petición motivada do concello, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda da metade del.

O non cumprimento dalgún dos requisitos establecidos na presente disposición ou o feito de que as actuacións obxecto da solicitude xa estiveran realizadas con anterioridade ó momento da solicitude das axudas, será motivo da denegación da aprobación inicial do expediente.

O concello beneficiario dispoñerá do prazo dun mes contado a partir da notificación da aprobación inicial para remiti-lo escrito do alcalde aceptando a subvención nas condicións establecidas na resolución aprobatoria.

Transcorrido o devandito prazo sen que se produza a aceptación por parte da entidade solicitante entenderase que desistiu da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, salvo por cincunstancias excepcionais que deberán xustificarse dentro do prazo.

Artigo 10º.-Aprobación final.

O concello beneficiario, unha vez executadas as obras inicialmente aprobadas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicar por escrito á Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas, así como a acta de recepción e certificación valorada aprobada polo concello da total execución das obras inicialmente aprobadas.

A falta de comunicación no dito prazo do concello, salvo causa xustificada, dará lugar á denegación da aprobación final por incumprimento das condicións da aprobación inicial.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por proposta do delegado provincial, á vista da documentación presentada, logo das comprobacións que se consideren oportunas, procederá a outorgar ou denegar, según se cumpran ou non as condicións, a aprobación final para o expediente con notificación ó concello interesado.

Na resolución de aprobación final constará o orzamento efectivamente executado e o importe da subvención aprobada.

Será motivo de denegación da aprobación final non executa-las obras obxecto da aprobación inicial dentro do prazo concedido para o efecto, así como non executalas segundo o proxecto aprobado.

Non obstante, poderá outorgarse a aprobación final naqueles casos en que, conseguida a seguridade estructural e a habitabilidade da vivenda e cumpridos os demais requisitos, se comprobe que as obras executadas de entre as inicialmente aprobadas chegan como mínimo ó 75% do orzamento protexido. Neste caso, a contía da subvención limitarase á porcentaxe inicialmente aprobada do orzamento efectivamente executado.

No caso das actuacións cun prazo inicial de execución superior a un ano, logo de que o concello certifique a realización do 50% da actuación prevista, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por proposta do delegado provincial, poderá resolve-la aprobación e o pagamento do 50% da subvención inicialmente aprobada e o 50% restante logo da finalización das actuacións inicialmente aprobadas e a aprobación final do expediente.

Non obstante, se non existise crédito orzamentario, resolverase a aprobación no momento en que exista cobertura orzamentaria.

Os concellos beneficiarios, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públi

cas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Contra as resolucións de aprobación ou denegación, inicial e final do expediente poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 11º.-Obrigas.

1. A vivenda resultante das actuacións subvencionadas de entre as sinaladas no número I do artigo 3º desta disposición deberá dedicarse a residencia habitual e permanente durante polo menos 5 anos, da unidade familiar que ocupaba a infravivenda.

2. As vivendas resultantes das actuacións recollidas no punto II do devandito artigo quedarán vinculadas á solución do problema da infravivenda definido na presente disposición.

Artigo 12º.-Facultade de inspección.

1. Desde o momento da presentación da solicitude, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

2. Os concellos están obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a aprobación das axudas determinará a obriga do reintegro por parte do concello beneficiario dos recursos achegados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a aprobación da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión das axudas.

Artigo 14º.-Prazos de resolución.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo establecido para resolver e notifica-las resolucións de aprobación inicial e final será de seis meses. Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se dictara e notificara a resolución, os concellos interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 15º.-Compatibilidade.

Os beneficios establecidos na presente disposición:

1. Son incompatibles con cualquera outra axuda con cargo ós orzamentos do IGVS ou do Ministerio de Fomento, destinada ás mesmas actuacións.

2. Non poderán concederse a aqueles concellos que, ó abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para a infravivenda rural, as teñan solicitado para a mesma infravivenda nos catro exercicios inmediatamente anteriores ó da presentación da solicitude, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataran o seu procedemento sen obter beneficio ningún.

Disposición transitoria

As axudas económicas solicitadas dentro de prazo ó abeiro de convocatorias anteriores seguirán tramitándose conforme a normativa aplicable a elas, se ben o seu outorgamento quedará supeditado ó cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre outorgamento de subvencións e, en especial, dos establecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Así mesmo, a tramitación administrativa levada a cabo conforme a normativa anterior entenderase sempre sen prexuízo da aplicación da normativa en vigor reguladora do réxime e control da aplicación das subvencións públicas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os decretos 343/1992, do 26 de novembro, 195/1996, do 17 de maio e 127/2001, do 25 de maio e a Orde do 19 de xullo de 2001, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda