Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 29 de abril de 2003 Páx. 5.405

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. (Sanxenxo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. (Sanxenxo), con nº de código 3603681,

que tivo entrada nesta delegación provincial o día 20-2-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, con data do 15-10-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de marzo de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A.

Sanxenxo 2002-2006

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo é de ámbito de empresa e regula as relacións laborais na empresa concesionaria dos servicios públicos de recollida de lixos e limpeza viaria do Concello de Sanxenxo Urbaser, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio colectivo subscríbese para o ámbito territorial do termo municipal de Sanxenxo, no cal Urbaser, S.A. realiza por concesión administrativa do Concello de Sanxenxo, a recollida de lixos e a limpeza viaria no indicado termo municipal.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Quedan sometidos ás estipulacións deste convenio os traballadores da empresa concesionaria dos servicios de recollida de lixos e limpeza viaria do Concello de Sanxenxo.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Este convenio terá unha duración de 5 anos, con vixencia desde o 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2006.

Artigo 5º.-Entrada en vigor.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura, con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 6º.-Denuncia.

Estipúlase un prazo de duración de 5 anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 2006, pactándose de común acordo que con antelación de 1 mes á data de expiración, se considera automaticamente denunciado.

Artigo 7º.-Salarios.

Durante a vixencia do convenio os salarios son os sinalados nas táboas que se anexan, estipulándose incrementos anuais salariais de IPC previsto con cláusula de revisión ó IPC real. A estructura salarial será a seguinte :

Salario base, devengado por día natural.

Complemento tóxico, penoso, perigoso, nunha contía do 20% do salario base, terán dereito ó seu cobramento tódolos traballadores e o seu devengo será realizado por día efectivamente traballado.

Complemento nocturno, nunha contía do 25% do salario base, terán dereito a el aqueles traballadores que realicen a súa xornada en horario nocturno, sendo o seu devengo por día efectivamente traballado.

Complemento de transporte, aboarase segundo a táboa adxunta.

Crearase unha paga chamada de marzo, complementaria das xa existentes de xuño e decembro, en contía de 15 días de salario base, sendo esta paga dunha contía de 30 días para o ano 2004 e posteriores.

O devengo das pagas extraordinarias realizarase do seguinte xeito:

*Paga de verán. Aboarase o 15 de xuño e devengarase do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

*Paga de Nadal. Aboarase o 15 de decembro e devengarase do 1 de xullo ó 31 de decembro.

*Paga de marzo. Aboarase o 15 de marzo e devengarase do 1 de abril ó 31 de marzo.

As pagas incluirán o complemento de antigüidade que se aboará na mesma porcentaxe, para aqueles traballadores que teñan dereito ó desfrute deste.

A partir do ano 2003 e co obxectivo efectivo o ano 2006, a empresa equiparará os salarios base dos traballadores ás categorías establecidas en convenio, co fin de que no ano 2006 só existan dúas categorías profesionais: conductor e peón. A dita equiparación farase cos salarios base máis altos.

Artigo 8º.-Antigüidade.

Crearase un complemento de antigüidade na contía de 30,05 euros mensuais, o cal se considera como un complemento fixo e que cobrarán tódolos traballadores que alcancen tres anos de antigüidade na empresa.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutan dun período vacacional de 30 días.

Artigo 10º.-Incapacidade temporal.

En caso de baixa por incapacidade temporal (I.T.), derivada de accidente laboral ou enfermidade común con hospitalización, establécese o aboamento do 100% do salario en caso de se-la primeira baixa do ano, o resto de baixas serán aboadas conforme o establecido na Lei de Seguridade Social.

Artigo 11º.-Vestiario.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e a empresa facilitará cada dous anos as seguintes pezas de roupa:

* Conductores:

-Inverno:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 anorak.

1 par de botas seguridade.

2 xerseis

1 cazadora.

Luvas anticortes.

-Verán:

2 pantalóns.

3 camisas.

1 cazadora.

1 par de botíns.

* Peóns:

-Inverno:

2 pantalóns.

2 camisas.

2 xerseis.

1 cazadora.

1 par de botíns.

Gorra de verán.

1 traxe de augas.

1 par de botas de seguridade.

1 par de botas de auga.

1 gorra de inverno.

Luvas anticorte.

-Verán:

2 pantalóns.

3 camisas.

1 cazadora.

1 par de botíns.

Gorra de verán.

A roupa de verán entregarase do 1 ó 15 de maio; a roupa de inverno, do 15 ó 30 de setembro.

Artigo 12º.-Comisión mixta paritaria.

A comisión mixta paritaria que debe interpretar este convenio estará composta polo delegado de persoal e polo representante da empresa; ás reunións da comisión poderá asistir un asesor por cada unha das partes.

A esta comisión correspóndelle a vixilancia e interpretación do convenio.

Artigo 13º.-Garantía do posto de traballo.

Co obxecto de contribuír e garanti-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción do persoal entre quen se suceda, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios ou doutro tipo, nunha concreta actividade das reguladas no ámbito funcional deste convenio, levarase a cabo nos termos indicados neste artigo.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.

A) En tódolos supostos de finalización, perda, rescisión, cesión ou rescate dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade de que se trate, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realiza-lo servicio, respectando esta os dereitos e obrigas que desfruten na empresa substituída. Producirase a mencionada subrogación de persoal sempre que se dean algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva do servicio, sexa cal sexa a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ó citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores, con dereito a reserva de posto de traballo, que no momento da finalización efectiva da contrata teñan unha antigüidade mínima de catro meses nela e se encontren enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan a algún dos traballadores mencionados no punto segundo, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por esixencia do cliente se incorporasen á contrata de servicios públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores á finalización daquela.

5. Traballadores que substitúan a outros que se xubilen, tendo cumpridos 64 anos dentro dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata e teñan unha antigüidade mínima nela dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que esta estea pactada en convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

B) Tódolos supostos anteriormente considerados deberán ser acreditados fidedignamente e documentalmente pola empresa ou entidade pública saínte á entrante, e no prazo de 10 días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante, ou a saínte, comunique fidedignamente á outra empresa o cambio na adxudicación do servicio.

C) Os traballadores que non desfrutasen das súas vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación, desfrutaranas coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento doutro período lle corresponde ó anterior adxudicatario, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

D) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes a que se vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria, cliente e traballador.

Se o cliente rescindise a contrata a unha empresa para deixar de presta-lo servicio, ou realizalo en por si, operará a subrogación para o propio cliente nos termos sinalados neste artigo.

No suposto de que unha ou varias contratas a actividade das cales vén sendo desempeñada por unha ou distintas empresas ou entidades públicas se fragmenten ou dividan en distintas partes, zonas ou servicios ó obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a estar adscritos ó novo titular aqueles traballadores que realizasen o seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas ou servicios resultantes da división producida, cun período mínimo dos catro últimos meses, sexa cal fose a súa modalidade de contrato de traballo, e todo iso aínda cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servicios distintos.

Subrogaranse, así mesmo, os traballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ámbolos inclusive, e que realizasen o seu traballo nas zonas, divisións ou servicios resultantes.

No caso de que distintas contratas, servicios, zonas ou divisións daquelas se agrupen nunha ou varias, a subrogación de persoal operará respecto de todos aqueles traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, realizasen o seu traballo nas que resulten agrupadas cun tempo mínimo dos catro meses anteriores e todo iso aínda cando con anterioridade prestasen servicios en distintas contratas, zonas, divisións ou servicios agrupados.

Subrogaranse, así mesmo, os traballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ambos inclusive e que prestasen os seus servicios nas contratas, zonas, divisións ou servicios agrupados.

A subrogación de persoal, así como os documentos que se van facilitar, operarán en tódolos supostos de substitución de contratas, partes, zonas ou servicios que resulten da fragmentación ou división destas, así como nas agrupacións que daquela poidan efectuarse, aínda tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas ou entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servicios, e iso aínda cando a relación xurídica se estableza só entre quen adxudica o servicio por unha banda e a empresa que resulte adxudicataria pola outra, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación de persoal, nos termos indicados e iso con independencia tanto da aplicación, se é o caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas ás que é obxecto de sucesión.

A empresa saínte deberá facilitarlle á entrante os seguintes documentos:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente de pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia dos catro últimos recibos de salarios dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal especificando: nome, apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data do desfrute das súas vacacións. Se o traballador é representante dos traballadores, especificarase o período de mandato deste.

-Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais, non quedando pendente cantidade nigunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada será de 39 horas semanais de luns a domingo, cun descanso de 20 minutos para o bocadillo diarios computables como tempo de traballo, establecendo un cómputo anual de 1.774 horas de traballo.

Artigo 15º.-Póliza de seguros.

Para tódolos traballadores contratarase por parte da empresa unha póliza de seguro individual ou colectiva que cobre en caso de morte ou invalidez derivada de accidente laboral, por unha contía de 18.030 euros.

Artigo 16º.-Festivos.

Os festivos traballados aboaranse cun sobresoldo de 48,08 euros por día traballado.

Artigo 17º.-Festividade patronal.

A festividade de San Martiño de Porres o día 3 de novembro, considérase non laborable para tódolos efectos. En caso de coincidir en festivo ou en día de díficil aplicación, trasladarase ó mércores anterior ou posterior.

Artigo 18º.-Licencias retribuídas.

Tódolos traballadores terán dereito ó desfrute de licencias na forma e condicións seguintes:

-15 días por matrimonio.

-2 días en caso de nacemento de fillo.

-2 días por enfermidade grave ou morte de familiares de segundo grao (pais, fillos, hermanos, cónxuxe) por consanguinidade ou afinidade.

-3 días cando o motivo anterior necesite desprazamento.

-1 día por traslado de domicilio habitual.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público.

Os traballadores desfrutarán, así mesmo, dos seguintes días libres de libre disposición :

Ano 2002: 1 día anual de asuntos propios.

Ano 2003: 2 días anuais de asuntos propios.

Ano 2004: 3 días anuais de asuntos propios.

Ano 2005: 4 días anuais de asuntos propios.

Ano 2006: 4 días anuais de asuntos propios.

A petición de días de asuntos propios deberá realizarse por escrito, cunha antelación mínima de 48 horas e nunca poderán desfrutalo máis dunha persoa por categoría e xornada.

Artigo 19º.-Revisión médica.

A tódolos traballadores efectuaráselles unha revisión médica con carácter periódico e obrigatoria. Os resultados da revisión serán entregados ó traballador.

Artigo 20º.-Atrasos salariais.

Os atrasos salariais aboaranse coa nómina do mes seguinte ó da sinatura do convenio.

Artigo 21º.-Anticipos reintegrables.

A empresa creará unha bolsa de 3.005 euros cun límite de 300,5 euros por traballador/ano, co fin de facilitarlles ós traballadores anticipos sobre o seu salario. O reintegro do anticipo concedido realizarase nas 12 pagas seguintes.

ANEXO

Táboas salariais

Para a realización das táboas salariais dos anos 2003 a 2006, ámbalas dúas partes acordan reunirse

durante os dous primeiros meses do ano co fin de adecua-las táboas existentes cos pertinentes índices unha vez publicados.

As táboas salariais para o ano 2002 recóllense no pertinente anexo.

Para o ano 2002 establécese a seguinte táboa salarial:

Táboa salarial Urbaser Sanxenxo

Ano 2002

20%25%

Días3652732737511

ConceptoS. baseP. tóxicoP. nocturnoPagasP. transporte

Peón día17,47 A3,49 A017,47 A96,15 A

Peón noite18,95 A3,79 A4,74 A18,95 A96,15 A

Conductor día21,17 A4,23 A021,17 A96,15 A

Conductor noite23,40 A4,68 A5,85 A23,40 A96,15 A