Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.387

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 25 de marzo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Condomínguez da parroquia de Priegue do concello de Nigrán.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: José A. López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Secretaria: Pilar Pita Ponte (xefa de Sección do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 20 de febreiro de 2003, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte Condomínguez da parroquia de Priegue do concello de Nigrán.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 3-4-2000 Antonio Castro González, en nome e representación da comunidade de montes veciñais en man común de Priegue, como presidente, solicitou a clasificación como veciñal en man común do monte Condomínguez da parroquia de Priegue, do concello de Nigrán.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, na súa reunión de data 8-2-2002, acordou inicia-los trámites para a clasificacións do referido monte, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais para o seu estudio e informe.

Terceiro.-Na sesión do día 3 de abril de 2002, o xurado adoptou o acordo de nomear relator do expediente de clasificación a Manuel Francisco Gutiérrez.

Cuarto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, nin no trámite de audiencia, exposición pública no concello e publicación no DOG, nin ó longo da tramitación do expediente, non se formulou oposición á clasificación instada nin por parte do concello nin de particulares. Así mesmo, segundo certificación rexistral que consta no expediente, as referidas parcelas non seguen inscritas a favor de persoa ningunha.

Quinto.-O monte Condomínguez, obxecto do presente expediente de clasificación, obedece á seguinte descrición:

Concello: Nigrán.

Lugar: parroquia de Priegue.

Nome do monte: Condomínguez.

Cabida: 32.690 m.

Lindeiros:

Norte: estrada PO-550 a San Román e propiedades particulares de hros. Familia Sobreira.

Sur: monte comunal de Nigrán, campo de futbol separado por cercado e camiño de servicio.

Leste: predios particulares de Antonio Veiga Martínez, José Rodríguez Vilas e hros. de Calixto Sanromán.

Oeste: camiño de servicio.

Servidumes e ocupacións: a parcela atópase atravesada por camiños de servicio ó campo de fútbol e ó déposito de augas de Nigrán, raso empregado como aparcamento de automóbiles e voo de liñas eléctricas de baixa tensión. No extremo norte localízase unha estulleira e unha instalación aparentemente provisional de antena de telefonía móbil Amena-Protección Civil.

Unha parte da parcela, comprendida entre a estrada a San Román, o depósito de augas de Nigrán e o camiño de servicio ó citado depósito, con unha superficie estimada de 6.500 m, atópase ocupada por edificio en construcción dedicado á instalación dunha depuradora de augas para Nigrán.

Descripción: poboada por fentos e herbeiras con presencia de pés de rexeneración natural de Pinus pinaster e Eucaliptus globulus, así como un bosquete en monte bravo de P. Pinaster de extensión moi reducida.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro.-Coa solicitude acompañouse copia de documentos onde se podería constatar que en tempos máis ou menos antigos, os referidos montes tiveron un uso comunal, aínda que tales probas non se consideran suficientes tendo en conta a evolución lexislativa deste tipo de propiedade característica do dereito civil de Galicia, recoñecéndoselle o carácter de imprescriptibilidade a partir da Compilación Foral de Galicia de 1963, sendo este dato fundamental na interpretación do artigo 1 da Lei 13/1989, onde se definen os montes veciñais en man común, por dous elementos característicos que son a súa pertenza a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños.

Esta segunda característica dos montes veciñais, como xa ten dito o Tribunal Supremo na sentencia do 24-4-2000 e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, constitúe unha clara referencia a un período temporal de presente e non un pasado máis ou menos remoto.

Cuarto.-Vistos os informes do Servicio de Montes, e solicitado por este instructor informe á Sección de Topografía, co fin de aclara-la situación respecto do límite parroquial entre Priegue e Nigrán, infórmannos que: «a parcela se atopa parte na parroquia de Priegue e parte na parroquia de Nigrán segundo o límite parroquial da carpeta ficha, e que a superficie da parcela que se atopa na parroquia de Priegue é de 7.000 m aproximadamente».

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, o instructor propón e de maneira unánime o xurado, acorda:

Clasificar parcialmente como veciñal en man común o monte Condomínguez a favor dos veciños da parroquia de Priegue cunha superficie de 5.500 m aproximadamente, de acordo coa planimetría elaborada pola Sección de Topografía do Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable desta resolución, de acordo cos seguintes lindes e cabida:

Concello: Nigrán.

Lugar: parroquia de Priegue.

Nome do monte: Condomínguez.

Cabida: 5.500 m.

Lindeiros:

Norte: propiedades particulares de hros. Familia Sobreira.

Sur: Parroquia de Nigrán.

Leste: estrada a San Román.

Oeste: camiño de servicio.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 25 de marzo de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra