Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do anexo III do convenio 2002-2007 para os traballadores das piscinas e ximnasios municipais de Vigo coa adxudicataria do servicio, Gimnasios Pazos, S.A.

Visto o anexo III do convenio 2002-2007 para os traballadores das pisicinas e ximnasios municipais de Vigo coa adxudicataria do servicio, Gimnasios Pazos, S.A., co nº de código 3603061, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-2-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo presidente do comité de empresa, con data do 29-11-2002, segundo a disposición transitoria única do convenio da empresa Gimnasios Pazos, S.A. De coformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, di 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de marzo de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Anexo III convenio 2002-2007 para os traballadores das piscinas e ximnasios municipais de Vigo coa adxudicataria do servicio (Gimnasios Pazos, S.A)

Regulamento de organización e funcións do persoal adscrito ó servicio piscinas municipais e ximnasios municipais de Vigo

Capítulo I

Natureza e finalidade

Artigo 1º

Acórdase este Regulamento de funcións en cumprimento da disposición transitoria única do convenio colectivo 2002-2007 para os traballadores adscritos ó servicio das piscinas e ximnasios municipais

de Vigo coa adxudicataria do servicio (Gimnasios Pazos S.A.), publicado no Diario Oficial de Galicia nº 224, do 20 de novembro de 2002.

Artigo 2º

Este Regulamento de funcións consolida as bases das relacións laborais dos diferentes traballadores adscritos ó servicio, que mesmo non sendo reguladas con anterioridade por ningunha das empresas adxudicatarias, se suceden desde o inicio do servicio e que, na falta de disposición legal, convencional e contractual, constituíu o uso e costume dos dereitos e das obrigas concernentes á relación laboral, e constitúe dereito laboral de subrogación para os traballadores.

Artigo 3º

Este Regulamento de organización e funcións forma parte inseparable do convenio colectivo conforme o artigo 4º vinculación á totalidade.

Artigo 4º

Este Regulamento de funcións obriga a todo o persoal adscrito ó servicio que estea incluído no artigo 1º ámbito funcional.

Artigo 5º

A vixencia deste será a mesma que a estipulada para o convenio colectivo conforme o estipulado no artigo 2º ámbito temporal.

Artigo 6º

Este regulamento establece conxuntamente coas funcións a estructura orgánica, ámbito de competencia, relacións e réxime de organización laboral dos traballadores adscritos ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo de tódolos centros de traballo existentes neste momento, así como daqueles que, sen estaren incluídos explicitamente, poida ser estendido no futuro a outras piscinas ou ximnasios municipais de Vigo.

Artigo 7º

Este Regulamento de organización e funcións consolídase como fonte de relación laboral dos dereitos e das obrigas da relación laboral entre os traballadores adscritos ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo coa adxudicataria do servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo.

Capítulo II

Da estructura orgánica e das funcións xerais

Artigo 8º

A estructura orgánica establécese conforme o establecido no capítulo II organización do traballo do convenio colectivo, de conformidade coa lexislación vixente e cos dereitos adquiridos polos traballadores adscritos ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo.

Artigo 9º

Correspóndelle á xerencia ou alta dirección da adxudicataria a titularidade da prestación do ser

vicio, así como do cumprimento dos obxectivos e das metas fixadas ante o Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

Artigo 10º

As categorías profesionais establecidas no capítulo II do convenio colectivo delimitan os ámbitos de competencia: ensino e os servicios. Os niveis das categorías profesionais establecidas no convenio colectivo, do un ó seis respectivamente, para efectos de aplicación deste establecen a estructura xerárquica nas relacións laborais entre os traballadores en cada ámbito de competencia funcional.

Artigo 11º

Conforme o estipulado no convenio colectivo establécese a relación de comunicación e xerarquía dos diferentes postos de traballo e defínese o organigrama que se describe no artigo 39º deste regulamento.

Artigo 12º

Todo o persoal adscrito ó servicio queda obrigado a velar polo cumprimento do servicio, así como a facilita-la súa mellora continua.

Artigo 13º

Todo o persoal adscrito ó servicio queda obrigado a desempeña-las súas funcións coa máxima observancia das normas e dos procedementos de operacións establecidos.

Artigo 14º

Todo o persoal adscrito ó servicio ten dereito a emitir opinión así como a formular cambios nas normas e dos procedementos de operacións establecidos co fin de mellora-lo servicio.

Artigo 15º

Todo o persoal adscrito ó servicio ten dereito a ver facilitado o desenvolvemento das súas funcións, sen menoscabo dos dereitos adquiridos.

Artigo 16º

Todo o persoal adscrito ó servicio ten a obriga de desenvolve-las súas funcións co cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais.

Capítulo III

Da estructura orgánica e as funcións xerais

3.0. Do director técnico.

Artigo 17º

O director técnico é o persoal adscrito ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo, con maior xerarquía entre o persoal adscrito ó servicio, que baixo a dependencia da xerencia ou alta dirección da empresa adxudicataria do servicio, se encarga da dirección do servicio en tódolos centros de traballo, asegurando o cumprimento dos obxectivos e das obrigas contractuais da empresa adxudicataria do servicio nas piscinas e ximnasios municipais, de

acordo coa política institucional e directivas emitidas polo Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

Artigo 18º

Son funcións específicas do director técnico as seguintes:

a) Dirixir, organizar e supervisa-la xestión técnica, económica e administrativa do servicio baixo as instruccións da xerencia ou alta dirección, vixiando o cumprimento dos plans e obxectivos establecidos polo Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

b) Dirixir, programar, coordinar, supervisar e avalia-las accións correspondentes ós sistemas de administración dos recursos humanos, económicos e materiais, para o aseguramento da prestación do servicio baixo as instruccións da xerencia ou alta dirección.

c) Dirixir e controla-la marcha dos procedementos de operacións establecidos para o aseguramento da calidade implantado pola xerencia ou alta dirección.

d) Contratar, designar, ascender, suspender e resolve-los contratos laborais do persoal que considere convenientes, de acordo coas normas legais vixentes.

e) Dirixir, programar, coordinar, supervisar e avalia-las accións correspondentes ós sistemas de administración de recursos humanos, dotacións orzamentarias, subministracións e servicios auxiliares.

f) Aprobar e supervisa-los plans de adquisicións, subministracións e servicios auxiliares, conforme as instruccións da xerencia ou alta dirección.

g) Elabora-los documentos de xestión como informes de actividade, informes dos servicios, informes de xestión laboral, así como o informe anual do plan de obxectivos fixado pola xerencia ou alta dirección da empresa adxudicataria.

h) Formular e propoñer políticas, plans, programas e proxectos en asuntos relacionados cos sistemas de xestión, planificación, etc., así como as pautas técnicas e metodolóxicas e instrumentos para a identificación, formulación, seguimento e avaliación dos programas, proxectos, e de interese para a mellora e eficacia da prestación do servicio.

i) Informar periodicamente do cumprimento e avance dos obxectivos e obrigas contractuais da empresa adxudicataria do servicio, así como da súa xestión.

j) Informar e xestiona-las suxestións, peticións ou reclamacións que formulen os usuarios ou público en xeral acerca da prestación do servicio.

k) Asistir ás reunións que lle requira o Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

l) Outras funcións inherentes ó seu ámbito de competencia que lle sexan asignadas pola xerencia ou alta dirección.

3.1. Do director deportivo.

Artigo 19º

O director deportivo é o persoal adscrito ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo, que baixo a dependencia do director técnico, é o responsable da dirección dos programas e ensinanzas deportivas das instalacións, que conforme os grupos profesionais establecidos no convenio colectivo se concretan no departamento de Ensino Deportivo, asegurando o cumprimento dos obxectivos e das obrigas contractuais da empresa adxudicataria do servicio nas piscinas e ximnasios municipais, de acordo coas directrices da política institucional emitidas polo Instituto Municipal dos Deportes de Vigo e a xerencia ou alta dirección.

Artigo 20º

Son funcións específicas do director deportivo as seguintes:

a) Dirixir, organizar e controla-las actividades técnico-docentes para imparti-las ensinanzas e actividades deportivas do servicio, baixo as instruccións da xerencia ou alta dirección, vixiando o cumprimento dos plans e obxectivos institucionais do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

b) Supervisar e controla-la execución de programas, proxectos de ensino e actividades deportivas, as melloras necesarias para o aseguramento da calidade do servicio.

c) Supervisar e controla-los procesos técnicos da execución dos servicios de imparti-las ensinanzas e actividades deportivas nas piscinas e ximnasios.

d) Supervisa-los rexistros de procedementos de operacións e/ou sistema para o aseguramento da calidade nas ensinanzas ou actividades deportivas.

e) Contratar, modificar, suspender e resolve-los contratos laborais dos monitores deportivos, de acordo coas normas legais vixentes e baixo a supervisión do director técnico.

f) Formular e propoñer accións de persoal orientadas a mellora-los niveis de cualificación e capacitación profesional dos monitores deportivos.

g) Formular e propoñer políticas, plans, programas e proxectos en asuntos relacionados cos sistemas de ensino e actividades deportivas, así como as pautas técnicas e metodolóxicas e instrumentos para a identificación, formulación, seguimento e avaliación dos programas, proxectos, actividades e obrigas contractuais para imparti-lo ensino e actividades deportivas.

h) Formular e propoñe-las políticas relativas á administración dos recursos humanos, económicos e materiais no ámbito da súa competencia.

i) Informar periodicamente o director técnico do cumprimento e avance dos obxectivos e metas dos programas e actividades deportivas que se imparten nas piscinas e ximnasios.

j) Informar e xestiona-las suxestións, solicitudes ou reclamacións que formulen os traballadores no ámbito da súa competencia, así como os usuarios ou público en xeral acerca do desenvolvemento das actividades ou programas deportivos.

k) Asistir ás reunións que lle requira o Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

l) Outras funcións inherentes ó seu ámbito de competencia que lle sexan asignadas polo director técnico.

3.2. Do xefe mantemento do servicio.

Artigo 21º

O xefe de mantemento é o persoal adscrito ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo, que baixo a dependencia do director técnico, é o responsable do seguimento da execución das tarefas e dos labores dos servicios xerais complementarios ós diferentes programas e ensinanzas deportivas das instalacións conforme os grupos profesionais establecidos en convenio se concretan no departamento de servicios (limpeza, mantemento, recepción e socorrismo).

Artigo 22º

Son funcións específicas do xefe de mantemento as seguintes:

a) Controlar e adopta-las medidas precisas para a execución das tarefas e dos labores da prestación dos servicios xerais baixo as instruccións, supervisión e aprobación do director técnico.

b) Vixiar e controlar diariamente a correcta execución dos programas e protocolos do Plan de limpeza nas diferentes instalacións.

c) Vixiar e controlar diariamente a correcta execución dos programas e protocolos para o mantemento integral dos equipos, maquinaria e obra civil das instalacións.

d) Remitirlle diariamente ó director técnico, debidamente informadas, as propostas, solicitudes e reclamacións do persoal adscrito ós servicios xerais, así como dos usuarios e público en xeral, así como elaborar e redactar informe diario e/ou memoria mensual do seguimento e mantemento dos servicios xerais da prestación ou servicio nas diferentes instalacións.

e) Ordenar e supervisa-lo rexistro dos procedementos de operacións establecido para o aseguramento da calidade no ámbito dos servicios xerais da prestación do servicio.

f) Redacta-los informes e as propostas que lle sexan solicitados para a compra de materiais, subministracións, maquinaria e ferramentas, así como realizar aquelas compras e subministracións autorizadas, para a correcta prestación do servicio nas instalacións.

g) Coordinar, implantar, e actualizar-los procedementos de operacións para o aseguramento da cali

dade, así como os programas de control, recollida de datos, informes relativos a gastos de consumos, subministracións, horas de traballo e operacións periódicas do Plan de limpeza, Plan de recepción, Plan de vixilancia e socorrismo, e en colaboración co oficial de mantemento do Plan de mantemento integral de equipos, maquinaria e obra civil das instalacións, baixo as instruccións do director técnico.

h) Informar e darlle aviso ó director técnico de calquera avaría, desperfecto, incidencia que se produza na prestación do servicio.

i) Coordinar co director deportivo e os coordinadores de natación a execución de programas de actividades non habituais nas instalacións.

j) Formular e propoñerlle ó director técnico as reformas e melloras necesarias no ámbito dos servicios xerais, para a correcta prestación do servicio.

k) Dispoñibilidade horaria e presencial en calquera das instalacións.

l) Outras funcións inherentes ó ámbito de competencia que lle sexan asignadas polo director técnico.

3.3. Do coordinador de natación.

Artigo 23º

É o persoal que conforme a súa categoría profesional, baixo a dependencia do director deportivo, realiza as funcións de organización e coordinación dos programas ou actividades deportivas de ensino de natación, conforme as distintas especialidades que se imparten nas instalacións.

Artigo 24º

Son funcións específicas do coordinador de natación as seguintes:

a) Asegura-lo control e bo desenvolvemento do programa ou actividade deportiva establecido.

b) A distribución dos monitores de natación nas diferentes posicións establecidas no programa ou actividade deportiva, así como a organización de ocupación dos alumnos por niveis en cada un dos grupos e a valoración de alumnos de novo ingreso.

c) O control de asistencia dos monitores, así como remitirlle informe valorado da necesidade de altas ou baixas, modificacións de horarios, concesión e permisos, etc. ó director deportivo.

d) Realizar una avaliación continua dos alumnos, requirir información acerca das patoloxías ou deficiencias dos alumnos, así como informar da súa adaptación no programa ou actividade deportiva establecido ó alumno e ó monitor de natación asignado.

e) Informar e asesorar constantemente os monitores de natación dos diferentes obxectivos, así como a continua colaboración e instrucción da execución

dos diferentes programas e ensinanzas deportivas, co fin de establecer posibles melloras no servicio de ensino.

f) Asigna-los vestiarios, así como a entrada e saída deles.

g) Colaborar co persoal adscrito a recepción na información relativa ós cambios de grupo, prazas vacantes, etc.

h) Exerce-la titoría, facilitar e informa-los alumnos e/ou titores da evolución no sistema de ensino establecido, así como das normas de funcionamento establecidas.

i) Informar e darlle aviso ó director deportivo de tódalas incidencias e posibles suxestións, solicitudes e/ou reclamacións dos alumnos.

j) Informar e darlles aviso ó director deportivo e ó xefe de mantemento do servicio de tódolos desperfectos e problemas xurdidos no desenvolvemento dos servicios xerais da instalación.

k) Dispoñibilidade horaria no seu centro de traballo.

l) Ademais, realizará todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo director deportivo.

3.4. Do oficial de mantemento.

Artigo 25º

É o persoal adscrito ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo, que baixo a dependencia do xefe de mantemento do servicio, é o encargado responsable tecnicamente e legalmente cualificado para realiza-las tarefas e os labores do uso, vixilancia, conservación e reparación dos equipos, maquinaria e obra civil das instalacións.

Artigo 26º

Son funcións específicas do oficial de mantemento as seguintes:

a) A execución de labores e tarefas de reparación de equipamento e instalacións de electricidade, fontanería, albanelería, carpintería, calefacción, equipos protección de incendios, telefonía, etc.

b) Supervisión e control do correcto funcionamento dos equipos e maquinaria das instalacións.

c) Controlar e supervisa-los servicios externos concertados para as revisións do mantemento legal dos equipos, maquinaria e obra civil das instalacións.

d) Control e rexistro dos traballos realizados, mesmo os realizados nas instalacións por persoal especializado non adscrito ó servicio, conforme os procedementos de operacións establecido para o aseguramento da calidade.

e) Supervisar e certifica-los traballos realizados, así como asesorar e colaborar na formación e mellora do auxiliar de mantemento.

f) Elaborar coa periodicidade prevista informes, memorias, estatísticas sobre o estado de funcionamento, así como certifica-la execución das operacións de mantemento dos equipos, maquinaria e obra civil das instalacións conforme a lexislación vixente.

g) Control da entrada e saída ás salas de máquinas de persoas alleas ó servicio.

h) Informa-lo xefe de mantemento e/ou requirimento director técnico de calquera avaría, desperfecto, incidencia ou anomalía dos equipos, maquinaria e obra civil das instalacións.

i) Formular e propoñer programas, plans ou protocolos de mantemento integral dos equipos, maquinaria e obra civil das instalacións.

j) Dispoñibilidade horaria e presencial en calquera das instalacións.

k) Conducir vehículo se isto é necesario para o desenvolvemento dos seus cometidos.

l) Realizará, ademais, todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo xefe de mantemento do servicio.

3.5. Do monitor.

Artigo 27º

É o persoal que, conforme a súa especialidade profesional nunha actividade deportiva, baixo a dependencia do director deportivo e/ou coordinador de natación, imparte as clases de actividade física en especialidade competente consonte os programas deportivos establecidos.

Artigo 28º

Son funcións específicas do monitor deportivo as seguintes:

a) A execución das tarefas de ensino e asesoramento deportivo na especialidade que impartan baixo as directrices establecidas polo director deportivo e/ou coordinador de natación.

b) A preparación do material deportivo necesario para imparti-las clases, así como a custodia e vixilancia do seu bo uso durante o desenvolvemento dos programas ou actividades deportivas.

c) Incentivar e promociona-lo aproveitamento das clases impartidas, así como o aseguramento do bo desenvolvemento da actividade.

d) O cumprimento e rexistro do manual de monitores, diario de operacións ou procedemento de operacións establecido para o aseguramento da calidade.

e) Vixiar, controlar e atender en todo momento os alumnos asignados, así como facilitarlles a tódolos alumnos información acerca da súa evolución e obxectivos que se deben conseguir en cada programa ou actividade deportiva.

f) Velar polo cumprimento das normas de uso e réxime interno da instalación, procurando que as cumpran os usuarios e comunicándolle os casos de incumprimento por parte dos usuarios e persoal ó seu xefe máis inmediato.

g) A colaboración en todo momento co persoal laboral ou funcionarios que traballan na instalación baixo dependencia directa do Instituto Municipal dos Deportes.

h) Velar polo cumprimento das normas de seguridade e hixiene, así como tódalas medidas conducentes á prevención de accidentes a usuarios e persoal.

i) Rexistrar e dar aviso de tódalas incidencias, por requirimento do coordinador de natación e/ou director deportivo.

j) Realizará, ademais, todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo director deportivo e/ou coordinador de natación, acordes coa titulación que se lle esixa na especialidade deportiva en que impartan o ensino.

3.6. Do recepcionista.

Artigo 29º

O persoal adscrito ó servicio nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo que, baixo a dependencia do xefe de mantemento do servicio, é o responsable das funcións que se lle encomenden á recepción.

Artigo 30º

Son funcións do recepcionista as seguintes:

a) Identificar e prioriza-la atención ó usuario e público en xeral que acode á instalación, dando información sobre as normas de uso, horarios de apertura e peche das instalacións, programas de cursos, tarifas e demais información complementaria.

b) Abrir e pecha-la instalación conforme o horario establecido polo Instituto Municipal dos Deportes.

c) O cobramento e a recadación dos prezos ou tarifas, pola utilización dos servicios da instalación, así como a custodia da caixa, formularios de control e liquidación dela.

d) Realiza-la debida atención telefónica.

e) Realiza-lo control de acceso e saída dos usuarios, persoal e demais persoas debidamente acreditadas para accederen á instalación.

f) Enche-los formularios asignados ó departamento de recepción para o control de accesos, entrada e saída de persoal, relación de (asistentes a cursos), etc.

g) Recepción e rexistro de escritos, documentos, follas de reclamacións, follas de suxestións e demais documentación que se consigne nos diferentes procedementos estandarizados de operacións.

h) Requiri-la información relativa a patoloxías dos usuarios e informar das condicións de uso das instalacións.

i) Efectua-las propostas necesarias para a compra de materiais e subministracións necesarios para o funcionamento do departamento de recepción.

j) Informar de cantas avarías, desperfectos, anomalías e incidencias se produzan, así como do desenvolvemento da actividade no seu ámbito funcional.

k) Realiza-las diferentes anotacións que se requiran no diario de recepción, así como nos diferentes procedementos e operacións establecidos para o aseguramento da calidade.

l) Realizará, ademais, todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo xefe de mantemento do servicio, acordes coa súa categoría profesional e co convenio colectivo.

3.7. Do socorrista.

Artigo 31º

É o persoal que se acha en posesión de título suficiente en salvamento e socorrismo acuático homologado polos organismos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a dependencia do xefe de mantemento do servicio, realiza os labores propios durante a apertura das instalacións.

Artigo 32º

Son funcións específicas do socorrista as seguintes:

a) A vixilancia e prevención de accidentes na auga e recinto de baño, durante os horarios establecidos de apertura e peche das instalacións.

b) Vixilancia e control das normas de seguridade, hixiénico-sanitarias e normas de funcionamento interno da empresa na instalación, procurando que as cumpran os usuarios e comunicando os casos de incumprimento.

c) As tarefas de auxilio e salvamento que fosen precisas, colaborando co persoal da instalación e sanitario concertado. Así mesmo, requiri-los servicios de ambulancia e traslado de usuarios nos casos de urxencia, comunicándollo ó persoal de recepción.

d) Prestará colaboración ó coordinador de monitores durante o desenvolvemento dos distintos programas deportivos e de ensino de natación.

e) Vixilar, controlar e atender a todo bañista que requira os seus servicios, sen abandona-lo seu posto de vixilancia, excepto nos casos de atención a accidentados ou por relevo doutro socorrista e, en todo caso, comunicarallo ó coordinador de natación ou ó seu xefe máis inmediato nese momento.

f) A custodia e o bo uso do material do local de enfermería e da caixa de urxencias.

g) Cumprimento e rexistro dos procedementos de operacións, en especial os referentes a control de usuarios e de caixa de urxencias conforme a lexislación vixente.

h) Custodia e vixilancia do material didáctico e deportivo, fomentando no resto do persoal a súa recollida e orde nos diferentes programas deportivos.

i) A determinación analítica dos parámetros que definen a calidade sanitaria da auga, limpeza ou paso de limpafondos, cando o requira unha necesidade urxente a criterio propio ou por indicación do xefe de mantemento.

j) Informar de tódalas incidencias, conforme os procedementos de operacións, por solicitude do xefe de mantemento do servicio ou por requirimento do director técnico.

k) Levar en todo momento do seu traballo o distintivo que o acredite como socorrista, así como ter coñecemento das esixencias e prohibicións que marca a Regulamentación de piscinas de uso público.

l) Realizará, ademais, todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo xefe de mantemento do servicio, acordes coa titulación que se esixa para cubrir este posto na Regulamentación de piscinas de uso público.

3.8. Do auxiliar de mantemento.

Artigo 33º

É o persoal que actúa baixo supervisión do oficial de mantemento, con coñecementos prácticos dun oficio, executa os cometidos das distintas tarefas para o mantemento, conservación e uso da maquinaria e equipos, así como da obra civil das instalacións.

Artigo 34º

Son funcións específicas do auxiliar de mantemento as seguintes:

a) A limpeza de superficie e de fondos dos vasos, conforme a periodicidade fixada nos procedementos de operacións establecidos nas instalacións.

b) A execución dos labores e tarefas para o control das normas hixiénico-sanitarias conforme a Regulamentación de piscinas de uso público.

c) A determinación analítica e o rexistro dos diferentes parámetros conforme o Regulamento de piscinas de uso público e procedementos de operacións establecidos en cada instalación.

d) A execución dos labores e tarefas conducentes á reparación de pequenas avarías.

e) A execución de labores e tarefas de mantemento e substitución de pequenos elementos dos equipos e maquinaria das instalacións.

f) A execución dos labores e tarefas complementarias e auxiliares relacionados coa reparación e

montaxe de instalacións menores, tales como pequenas reparacións eléctricas, de fontanería, conductos de climatización, montaxe e desmontaxe de máquinas, motores e equipos, así como a súa limpeza, coidado e labores de conservación.

g) A execución dos labores e tarefas de reparación, reforma e conservación da obra civil das instalacións, auxiliares e complementarias, relacionados coa albanelería e o pintado dos equipos, maquinaria, elementos constructivos e obra civil das instalacións.

h) Rexistrar e darlle aviso, conforme os procedementos de operacións, de tódalas incidencias detectadas, así como os casos de incumprimento das normas de funcionamento, ó oficial de mantemento e/ou requirimento do xefe de mantemento.

i) A apertura ou o peche das instalacións conforme o horario establecido nas instalacións.

j) A execución dos traballos con risco de perigo ou toxicidade, en particular a manipulación dos diferentes productos químicos para o tratamento da auga ou limpeza, conforme as indicacións correspondentes das fichas técnicas e de seguridade, así como o previsto na vixente Lei de prevención de riscos laborais.

k) A dispoñibilidade horaria e presencial durante as quendas de garda establecidas.

l) Realizará, ademais, todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo oficial de mantemento e/ou xefe de mantemento.

3.9. Do auxiliar de limpeza.

Artigo 35º

É o persoal que conforme a súa categoría profesional, baixo a dependencia do xefe de mantemento do servicio, realiza os labores de aseo e limpeza nas instalacións.

Artigo 36º

Son funcións específicas do auxiliar de limpeza as seguintes:

a) A execución das tarefas de aseo e limpeza conforme os plans ou procedementos de operacións e protocolos establecidos na instalación.

b) Rexistra-las diferentes anotacións requiridas no diario de limpeza e/ou procedemento de operacións establecido para o aseguramento da calidade.

c) A manipulación dos diferentes productos de limpeza conforme as indicacións correspondentes das fichas técnicas e de seguridade.

d) O coidado dos vestiarios durante os diferentes programas deportivos, así como a custodia e o bo uso dos vestiarios.

e) Rexistrar e dar aviso, coa antelación suficiente, das diferentes necesidades conforme o protocolo existente nas instalacións.

f) Velar polo cumprimento das normas de uso e de funcionamento interno da empresa na instalación, procurando que as cumpran os usuarios e comu

nicando os casos de incumprimento por parte dos usuarios e persoal.

g) A apertura e o peche dos locais e instalacións, conforme os horarios establecidos para o efecto en cada instalación.

h) Informar de tódalas incidencias, conforme os procedementos de operacións, por solicitude do seu xefe de mantemento do servicio ou por requirimento do director técnico.

i) A recollida e devolución de obxectos perdidos que se encontren nos vestiarios e demais locais da instalación, así como a anotación no rexistro pertinente, conforme o procedemento establecido nas instalacións.

j) Ter coñecemento e acata-las prohibicións e esixencias que marcan as recomendacións básicas de seguridade e hixiene previstas na Lei de prevención de riscos laborais.

k) Prestar colaboración ó coordinador de monitores durante o desenvolvemento dos programas deportivos de ensino, con especial atención ós grupos de menores e discapacitados.

l) Realizará, ademais, todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo xefe de mantemento do servicio.

3.10. Do auxiliar administrativo.

Artigo 37º

É o persoal que con igual categoría profesional que o persoal de recepción realiza, ademais dos propios do recepcionista, labores administrativos da documentación dos diferentes centros de traballo.

Artigo 38º

Son funcións específicas do auxiliar administrativo as seguintes:

a) A clasificación, rexistro e arquivo dos escritos, documentos, e os diferentes modelos consignados nos diferentes procedementos estandarizados de operacións.

b) Realizará a debida atención telefónica.

c) As tarefas e os labores consistentes en facer recados, copiar ou fotocopiar documentos, así como realiza-los encargos administrativos de redacción elemental e/ou transcrición mecanográfica dos documentos encomendados polo xefe de mantemento e/ou directores.

d) Distribuirá a correspondencia de trámite interno entre uns e outros departamentos, así como recoller e entrega-la correspondencia da dirección técnica.

e) Realizará, ademais, todas aquelas tarefas análogas e complementarias que lle sexan encomendadas polo xefe de mantemento e/ou directores.

Capítulo IV

Do organigrama xeral

Artigo 39º

Establécese un organigrama que amosa a relación dos diferentes postos de traballo así como as canles de comunicación entre eles.

Capítulo V

Da modificación e aprobación

Artigo 40º

Debido ás implicacións colectivas que ten a estructura profesional do persoal coa Administración contratante, e pola necesidade de que exista a máxima concordancia na aplicación das clasificacións profesionais, establécese o seguinte modo de operar.

a) Interpretarase que son equivalentes tódalas denominacións de divisións orgánicas e denominación da relación de postos de traballo que sexan similares en canto sexan similares ás funcións establecidas ou desenvolvidas con anterioridade. En calquera caso, a adecuación da vixente clasificación profesional dos traballadores prodúcese de forma automática conforme o estipulado no artigo 7º do convenio.

b) Interpretarase que tódolos acordos alcanzados deben respecta-las condicións establecidas e os dereitos adquiridos con anterioridade, deben ser negociadas baixo o principio de boa fe e establecer unha relación directa entre o sistema implantado desde o inicio do servicio. Co fin de impedir calquera discriminación ó se produci-lo cambio dun sistema de clasificación a outro, todos aqueles que viñesen desempeñando funcións dun posto de inferior ou superior valoración, por necesidades de organización, se incluirán na categoría ou grupo profesional conforme o previsto no convenio colectivo.

Artigo 41º

En ningún caso é admisible que por razóns económicas, técnicas, organizativas ou productivas, se pretendan modificar substancialmente as condicións de traballo dos seus traballadores, tanto individual como colectivamente, sen alcanza-lo acordo previo cos representantes dos traballadores elixidos conforme o artigo 51º do convenio, fixado como o comité de persoal de representación dos traballadores das piscinas e ximnasios municipais de Vigo.

Artigo 42º

Este Regulamento de funcións, integrado por cinco capítulos e corenta e dous artigos, conta coa mesma natureza de convenio colectivo do cal é parte, entrará en vigor a partir do seu asinamento e para os efectos de establecer un período transitorio no cal se poidan emendar supostas anomalías que poidan conculca-la lexislación vixente, ou lesionar gravemente o interese dos traballadores, establécese un período de dous meses a partir da data do seu asinamento para a súa implantación, sendo de aplicación como dereito dispositivo mentres non se substitúa por modificación do convenio colectivo. Transcorrido o dito prazo remitirase á autoridade laboral para os efectos de rexistro e incorporación ó texto do convenio colectivo 2002-2007 para os traballadores das piscinas e ximnasios de Vigo coa actual adxudicataria do servicio Gimnasios Pazos S.A., publicado no Diario Oficial de Galicia nº 224/2002, do 20 de novembro.

Dado por duplicado en Vigo o 29 de novembro de 2002. Conforme a facultade outorgada na disposición transitoria única do convenio.

Pola empresa adxudicataria:

Alberto Rodríguez Figueira. Director técnico.

Polo comité de empresa:

Alfonso Pillado Fernández. Presidente.