Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.314

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

O Decreto 147/2002, do 11 de abril, estableceu a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais nun momento no que a asunción das súas competencias e a redistribución das xa existentes dentro da consellería facía imprescindible proceder a unha reestructuración.

Con posterioridade, o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, estableceron unha nova repartición competencial entre as consellerías, suprimindo a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e creando a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Tendo en conta estas variacións estructurais dos diferentes departamentos, é conveniente a integración das modificacións que se precisan efectuar na estructura a través dunha única norma de referencia. Ó tempo aprovéitase para actualiza-las competencias e funcións dos diferentes órganos e unidades administrativas, así como a relación dos órganos colexiados adscritos á consellería.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, cos informes previos das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito competencial.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local é o departamento da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponden as competencias e as funcións en materia de apoio á Administración de xustiza, Administración local e interior, con funcións sobre colexios profesionais, policía autonómica, coordinación das policías locais, casinos, xogos e apostas, seguridade, asociacións, espectáculos públicos e protección civil de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Artigo 2º.-Estructura da consellería.

1. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, baixo a superior dirección do seu titular, estructúrase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Xustiza.

IV. A Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

V. A Dirección Xeral de Administración Local.

VI. As delegacións provinciais.

VII. Os órganos colexiados adscritos.

2. A Academia Galega de Seguridade, organismo autónomo de carácter administrativo, queda adscrito organicamente á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, axustándose, en canto ós fins, á súa estructura orgánica e ó seu funcionamento, ó previsto na Lei de Galicia 4/1992, do 9 de abril, de creación, e demais normas que a desenvolvan.

Artigo 3º.-O conselleiro.

O conselleiro é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo 4º.-Atribucións da Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, e a inspección de centros e organismos dependentes ou adscritos á consellería, as que lle atribúa a normativa en vigor, así como aquelas que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular do departamento.

Artigo 5º.-Estructura da Secretaría Xeral.

Para o exercicio das súas funcións a Secretaría Xeral estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario. A ela correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión do persoal adscrito á consellería, tanto funcionario como laboral, sen prexuízo da competencia da Dirección Xeral de Xustiza con respecto ó persoal da Administración de xustiza.

b) A confección do borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control.

c) A xestión dos expedientes de contratación administrativa, segundo as competencias que na materia teña atribuídas o secretario xeral.

d) Velar pola correcta implantación dos sistemas de informatización dentro da consellería e do sistema de xestión dos procedementos administrativos, así como de tódolos labores inherentes á racionalización administrativa sen prexuízo das competencias nesta materia da Inspección Xeral de Servicios.

e) Coidar do correcto funcionamento do rexistro xeral da consellería, do arquivo e os restantes aspectos relacionados co réxime interior.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades a nivel orgánico de servicio:

1.1. Servicio de Xestión Económica e Persoal. Correspóndelle a xestión e o seguimento da materia

orzamentaria así como as funcións de tramitación dos asuntos do persoal adscrito á consellería, ben sexa de carácter laboral ou funcionario, agás o persoal ó servicio da Administración de xustiza.

1.2. Servicio de Contratación e Obras. Correspóndelle a xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da consellería, cando se trate de obras, xestión de servicios públicos, subministracións, consultorías e asistencias, ou calquera outra figura contractual análoga, así como os convenios de colaboración con outros entes públicos en materia de investimento. Corresponderalle, así mesmo, o seguimento e control da execución dos contratos.

2. Da Secretaría Xeral dependerá, de modo directo e inmediato, a seguinte unidade administrativa:

2.1. Servicio Técnico Xurídico. Correspóndelle o estudio, tramitación e, se é o caso, a elaboración de tódolos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos centros directivos da consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas dela; o estudio, tramitación e propostas de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións emanadas dos distintos órganos da consellería, cando aquelas non estean atribuídas a outros órganos desta; a elaboración dos estudios e informes que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral, ademais do estudio, preparación e informe dos asuntos que se elevan ó Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos acordos deste; a coordinación, dentro da consellería, da publicación no Diario Oficial de Galicia de tódalas disposicións e actos administrativos dictados polos seus órganos, así como a súa remisión; levar a cabo as funcións que a consellería teña encomendadas

sobre as fundacións de interese galego sobre as que exerza o protectorado; executa-las directrices en materia de colexios profesionais, e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

Artigo 6º.-Unidades con adscrición orgánica.

Integradas organicamente na secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

1. Asesoría Xurídica, que depende funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

2. Intervención Delegada, que depende funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 7º.-Atribucións da Dirección Xeral de Xustiza.

A Dirección Xeral de Xustiza exercerá as competencias que lle corresponden estatutariamente á Xunta de Galicia e nos asuntos transferidos nas materias seguintes:

a) As relacións co poder xudicial, Ministerio de Xustiza e demais institucións relacionadas co ámbito xurisdiccional.

b) A xestión dos medios materiais dos órganos xudiciais na Comunidade Autónoma.

c) A proposición das modificacións sobre demarcacións xudiciais.

d) A participación na fixación das demarcacións territoriais dos rexistros e notarías.

e) A tramitación dos expedientes de nomeamento de notarios e rexistradores.

f) A xestión do persoal ó servicio da Administración de xustiza e a súa formación.

g) A promoción do uso do galego na Administración de xustiza, en colaboración coa a Dirección Xeral de Política Lingüística.

h) A xestión da asistencia xurídica gratuíta.

Artigo 8º.-Estructura da Dirección Xeral de Xustiza.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xustiza estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza e Recursos Humanos. Á Subdirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza e Recursos Humanos correspóndelle, dentro das competencias asumidas pola Xunta de Galicia, executa-las directrices da dirección xeral en materia de persoal ó servicio da Administración de xustiza, así como nas materias relacionadas coa Administración de xustiza e co Consello Xeral do Poder Xudicial que veñan establecidas nas disposicións xerais correspondentes:

A) En materia de relacións coa Administración de xustiza:

a) A proposta de convocatoria das prazas vacantes de maxistrados, xuíces e secretarios xudiciais.

b) A realización dos estudios e informes para elabora-las propostas de modificación de demarcación territorial dos órganos xudiciais na Comunidade Autónoma.

c) A participación na fixación das demarcacións territoriais dos rexistros da Propiedade e Mercantís, así como das notarías.

d) A tramitación do expediente de nomeamentos de notarios e rexistradores.

e) A preparación e coordinación dos estudios para o desenvolvemento do dereito galego.

f) A formación continuada dos membros da carreira xudicial e membros do Ministerio Fiscal, en cooperación co Consello Xeral do Poder Xudicial, e dos secretarios xudiciais en cooperación co Ministerio de Xustiza.

g) A xestión da asistencia xurídica gratuíta.

h) A elaboración do estudio do anteproxecto do orzamento correspondente ó seu programa de gasto, así como o seu control, seguimento e avaliación.

B) En materia de persoal:

a) Exerce-las competencias que, con respecto ó persoal, funcionario ou laboral, ó servicio da Administración de xustiza lle correspondan á Comunidade Autónoma, dentro da ordenación xeral que nesta materia se estableza e sempre que non estean atribuídas a outros organismos.

b) Exerce-las competencias que correspondan en relación co Rexistro de Persoal e a Inspección Xeral de Servicios.

c) Coidar do cumprimento da lexislación específica en materia de persoal, adoptando, ou, se é o caso, propoñendo as medidas precisas para isto, e exercer calquera outra función que lle atribúa a normativa vixente.

d) A mutua colaboración cos órganos de goberno interno dos tribunais e xulgados.

e) Formación do persoal ó servicio da Administración de xustiza.

C) En materia de relacións sindicais:

a) Exerce-la representación que lle corresponda, se é o caso, ó departamento nas conversas e negociacións que se establezan coas centrais sindicais, comités ou outros órganos de representación do persoal ó servicio da Administración de xustiza, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

b) Representa-lo departamento naqueles órganos ou comisións que deriven de acordos ou convenios alcanzados ou subscritos coa representación do dito persoal, salvo que nestes expresamente se lle atribuíse a outro órgano.

c) Promover accións e, se é o caso, xestionar servicios de carácter social destinados a mellora-las condicións de traballo do dito persoal, conforme a normativa vixente.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Relacións coa Administración de Xustiza. Executará as directrices que lle sexan encomendadas pola subdirección xeral, elaborando ademais os estudios e propostas correspondentes nos asuntos relacionados coa Administración de xustiza, en xeral, tales como demarcación territorial dos órganos xudiciais, participación na fixación da demarcación territorial dos rexistros da propiedade e mercantís, así como das notarías, fixación do número de notarios segundo o establecido nas leis do Estado, nomeamento de notarios e rexistradores, propostas de convocatoria das vacantes de maxistrados, xuíces e secretarios xudiciais, colaboracións administrativas para aqueles estudios orientados ó desenvolvemento do dereito galego, desenvolvemento dos convenios asinados con outras institucións relacionadas coa materia xudicial, tramitación dos expedientes de axudas económicas que se concedan a aquelas institucións que realicen actividades acordes cos fins da Administración de xustiza, norma

lización lingüística do galego na Administración de xustiza, e demais funcións que, incluídas no ámbito descrito, lle sexan asignadas.

1.2. Servicio de Xestión de Persoal. Exercerá as directrices que en materia de xestión de persoal e relacións sindicais lle sexan encomendadas pola subdirección xeral, elaborando ademais os estudios ou propostas correspondentes nos asuntos relacionados co persoal da Administración de xustiza, en xeral, segundo as competencias que resultan dos correspondentes regulamentos orgánicos.

1.3. Servicio de Xerencia. Executará as directrices que lle sexan encomendadas pola subdirección xeral, con especial incidencia no relativo á xestión das nóminas de haberes do persoal da Administración de xustiza e á xestión do persoal interino e substituto ó servicio da Administración de xustiza.

2. Subdirección Xeral de Recursos Materiais e Informáticos da Administración de xustiza. Á Subdirección Xeral de Recursos Materiais e Informáticos da Administración de Xustiza correspóndelle, dentro das competencias asumidas pola Xunta de Galicia, executa-las directrices da dirección xeral nas seguintes áreas:

A) En materia de medios materiais:

Planificación e coordinación das actuacións encamiñadas á mellor distribución dos recursos que a consellería pon á disposición da Administración de xustiza. Elaboración e seguimento dos programas e proxectos que corresponden ó departamento relacionados coa mellora do sistema xudicial, informes e subministracións.

B) En materia de informática xudicial:

A elaboración e execución do plan para a informatización do sistema xudicial de Galicia, así como o deseño, programación e mantemento de aplicacións informáticas, xunto coa prestación de asistencia técnica nesta materia, sen prexuízo das competencias da Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e do establecido no Decreto 290/1992, do 8 de outubro, polo que se modifica a composición e funcións da Comisión de Informática da Xunta de Galicia.

C) En materia orzamentaria:

Elaboración do estudio do anteproxecto do orzamento correspondente ó seu programa de gasto, así como o seu control, seguimento e avaliación.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade:

2.1. Servicio de Sistemas Informáticos da Administración de Xustiza. Desenvolverá as directrices que lle sexan encomendadas pola subdirección xeral en canto á execución, deseño, programación e mantemento das aplicacións informáticas e a prestación da asistencia técnica necesaria, en coordinación coa Dirección Xeral de Organización e Sistemas Infor

máticos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

3. Do director xeral dependerá de modo directo e inmediato a seguinte unidade administrativa:

3.1. Servicio de Xestión Económica. Correspóndenlle as funcións relacionadas coa elaboración do estudio do anteproxecto do orzamento correspondente á dirección xeral, o control, seguimento e avaliación, así como a coordinación da xestión económica e orzamentaria dela.

Artigo 9º.-Atribucións da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil correspóndelle a xestión e resolución dos asuntos transferidos e os relacionados coas competencias que lle corresponden estatutariamente á Xunta de Galicia nas seguintes materias:

A) En materia de interior.

a) Casinos, xogos e apostas.

b) Asociacións.

c) Espectáculos públicos.

B) En materia de seguridade.

a) Baixo a superior autoridade do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, exerce-la xefatura dos servicios de seguridade.

b) Planificar, xestionar e distribuí-los recursos humanos e materiais destinados á seguridade da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As funcións de coordinación das policías locais que correspondan á Comunidade Autónoma.

d) Decidir ou propoñer, se é o caso, a resolución das cuestións relativas á selección, formación e perfeccionamento do persoal adscrito ós servicios policiais da Xunta de Galicia.

e) Elaborar e propoñe-los plans e proxectos de actuación operativa dos servicios policiais e de xestión e planificación adscritos á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

f) Establece-las canles apropiadas de cooperación coas forzas e corpos de seguridade do Estado para a coordinación e realización das competencias en materia de prevención e seguridade.

g) Elaborar cantos informes e estudios requira e esixa o exercicio das competencias que lle corresponden á consellería en materia de prevención e seguridade.

h) Propoñer e executa-los plans de seguridade da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Calquera outra que por disposición legal se lle encomende.

C) En materia de protección civil:

a) A planificación das correspondentes accións e funcións que debe desenvolve-la Comunidade Autónoma galega.

b) A elaboración dos plans territoriais e especiais que se indican na norma básica de protección civil, no seu ámbito competencial.

c) A coordinación e, se é o caso, a dirección dos plans de protección civil indicados na alínea anterior, así como a coordinación, a nivel preventivo e operativo, de tódolos medios e recursos que posúen os organismos e institucións dependentes da Xunta de Galicia nesta materia, así como doutras administracións públicas nos casos que corresponda.

d) A preparación dos convenios de cooperación coa Administración estatal, autonómica e local e de colaboración con aquelas institucións e organismos privados que estean relacionados coa protección civil.

e) A realización e fomento das actividades formativas e divulgativas que contribúan ó perfeccionamento técnico e á eficacia operativa en materia de protección civil, así como o obxectivo de mentalización da poboación no eido da autoprotección e da protección civil, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade.

f) As relacións da Administración autonómica con outras administracións públicas e internacionais, en cuestións relativas á protección civil e á emisión de informes, cando proceda, nos temas relacionados coas ditas cuestións.

g) O apoio administrativo e técnico á Comisión de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, executando os acordos e desenvolvendo as propostas que esta estableza.

h) A cooperación nas operacións relacionadas con accidentes que teñen lugar no mar, sen repercusións en costa e terra firme, sen prexuízo das competencias que nesta materia ten atribuídas a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

i) A dirección e planificación do Servicio Único de Emerxencias da Unión Europea 112.

j) A planificación, coordinación e promoción da seguridade vial naquelas competencias que lle correspondan.

k) O desenvolvemento das funcións encomendadas polo Consello de Seguridade Nuclear á Xunta de Galicia en materia de vixilancia radiolóxica.

l) O exercicio de autoridade competente para a protección dos traballadores e da poboación fronte á exposición a fontes de radiación natural asociada a actividades laborais, en aplicación do título VII do Regulamento de protección sanitaria contra as radiacións ionizantes prevista no R.D. 783/2001.

Artigo 10º.-Estructura da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral do Xogo, Asociacións e Espectáculos Públicos. A Subdirección Xeral do

Xogo, Asociacións e Espectáculos Públicos exercerá as seguintes funcións:

a) A execución das directrices emanadas da dirección xeral para o desenvolvemento da xestión administrativa nas materias de casinos, xogos e apostas, a coordinación dos distintos servicios de inspección de xogo e asociacións e espectáculos públicos.

b) A tramitación e proposta de resolución nos expedientes administrativos referentes ás materias indicadas anteriormente, así como a execución das resolucións dictadas neles.

c) A preparación dos correspondentes estudios e proxectos de disposicións xerais.

d) A compilación de datos estatísticos e demais información regulamentaria nas citadas materias.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio do Xogo, ó que lle corresponde a execución das directrices que lle sexan indicadas pola subdirección xeral para a xestión dos asuntos e expedientes administrativos relacionados cos distintos sectores do xogo, colaborando na preparación dos informes ou estudios encamiñados á elaboración das propostas de disposicións xerais nas citadas materias, así como para a recollida da información estatística das empresas correspondentes e demais funcións que, incluídas no ámbito respectivo, lle sexan asignadas.

1.2. Servicio de Asociacións e Espectáculos, ó que lle corresponde a tramitación dos expedientes de inscrición de asociacións; a xestión do rexistro central de asociacións e a súa coordinación cos rexistros provinciais; así como, a xestión administrativa en materia de espectáculos públicos e a tramitación dos correspondentes expedientes sancionadores da competencia desta dirección xeral.

2. Subdirección Xeral de Seguridade e Réxime Interior. Á Subdirección Xeral de Seguridade e Réxime Interior correspóndelle a execución das directrices emanadas da dirección xeral nas seguintes materias:

a) A planificación e xestión dos recursos dependentes da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil en materia de seguridade.

b) A elaboración de propostas de formación e perfeccionamento do persoal de seguridade.

c) A elaboración de estudios e análises de políticas preventivas e plans de previsión sobre política de seguridade autonómica.

d) Desenvolvemento e execución das competencias en materia de coordinación de policías locais.

e) A supervisión e control dos servicios de seguridade tendentes a velar pola protección de persoas, órganos, edificios, establecementos e dependencias da Comunidade Autónoma e dos seus entes instrumentais, garantindo o normal funcionamento das ins

talacións e a seguridade dos usuarios dos seus servicios.

f) A inspección das actividades sometidas á ordenación e disciplina da Comunidade Autónoma de Galicia, nas competencias asumidas pola Unidade do Corpo Nacional de Policía Adscrita á Xunta de Galicia.

g) O estudio, programación, coordinación e control dos plans operativos de seguridade que se estructuren en apoio das actuacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A organización, selección, distribución e control dos recursos en función dos plans e servicios que se determinen.

i) O desenvolvemento das tarefas de cooperación operativa dos corpos de seguridade dependentes doutras administracións e con outras entidades e institucións públicas e privadas.

j) Elaboración do estudio do anteproxecto do orzamento correspondente ó seu programa de gasto, así como o seu control, seguimento e avaliación.

k) A execución das instruccións en materia de réxime interior, que non estean atribuídas a outros órganos da consellería.

Para o exercicio de tales funcións contará coa seguinte unidade:

2.1. Servicio de Planificación e Xestión, ó que lle corresponden os estudios e análises de política preventiva; a elaboración de propostas de formación e perfeccionamento do persoal de seguridade dependente da Xunta de Galicia; estudiar, programar e propoñe-los plans operativos de seguridade que se estructuren en apoio das actuacións da Comunidade Autónoma de Galicia; o estudio do anteproxecto de orzamento correspondente ó seu programa de gasto, así como o seu control, seguimento, avaliación e xestión económica; formula-las propostas necesarias para a organización, selección, distribución e control dos recursos en función dos plans e servicios que se determinen; desenvolve-las tarefas que se lle encomenden en relación coas funcións de réxime interior e coa coordinación das policías locais.

3. Subdirección Xeral de Protección Civil. Á Subdirección Xeral de Protección Civil correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión dos recursos dependentes da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, en materia de protección civil.

b) A organización, no ámbito central e provincial, das actividades específicas de protección civil, tanto no aspecto preventivo como operativo.

c) A coordinación dos comités operativos de protección civil da Xunta de Galicia e dos medios e recursos intervenientes que sexan necesarios en operativos e plans de protección civil de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A elaboración do estudio do anteproxecto do orzamento correspondente ó seu programa de gasto, así como o seu control, seguimento e avaliación.

e) A coordinación, seguimento e avaliación das accións contidas no programa de actuación da dirección xeral, en materia de protección civil.

f) A promoción dos estudios necesarios para a realización do inventario de riscos e o catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa actualización permanente.

g) A información e asesoramento sobre tódolos asuntos relacionados coa protección civil, especialmente no que se refire á normativa legal e bases técnicas.

h) A coordinación e elaboración dos plans de protección civil previstos na norma básica de protección civil, así como dos plans específicos e especiais de protección civil de ámbito territorial, provincial e local.

i) A programación e deseño de actividades de carácter formativo e divulgativo en materia de protección civil que contribúan ó perfeccionamento técnico, á posta a punto operativa, así como á formación dunha conciencia na poboación no eido da protección civil e da autoprotección.

j) A programación e coordinación dos sistemas de telecomunicacións e informáticos de protección civil, dependentes da subdirección xeral.

k) A coordinación, control e avaliación das actuacións en materia de protección civil programadas pola dirección xeral e realizadas polos servicios provinciais de protección civil.

l) A supervisión da execución das funcións encomendadas polo Consello de Seguridade Nuclear á Xunta de Galicia.

m) A coordinación e supervisión do Servicio Único de Emerxencias da Unión Europea 112.

n) A programación e deseño das actividades de carácter preventivo, formativo e divulgativo na mellora da seguridade vial.

Para o exercicio destas funcións contará coas seguintes unidades:

3.1. Servicio de Planificación, ó que lle corresponde a preparación e mantemento do inventario e mapa de riscos de Galicia, así como o catálogo de medios e recursos, públicos e privados da Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración de plans de protección civil de competencia da Comunidade Autónoma, así como o seu mantemento e implementación; a elaboración de informes técnicos de avaliación de plans de protección civil, de autoprotección, de emerxencia, para a súa aprobación e homologación, cando corresponda, polo órgano competente; a instrumentación da axuda económica e asistencia técnica ós concellos, para a realización dos correspondentes plans básicos e sectoriais de emerxencia municipal; a realización do programa

de infraestructuras e equipamento de protección civil; a execución dos programas de equipamentos de protección civil ós concellos de Galicia; o asesoramento e colaboración nos convenios e acordos que poidan establecerse en materia de protección civil; e a realización e promoción de estudios en materia de protección civil;

3.2. Servicio de Información e Formación, ó que lle corresponde a promoción das asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil e o correspondente apoio técnico e económico; o control e xestión dos rexistros relacionados coas agrupacións, asociacións e entidades colaboradoras de protección civil regulamentariamente establecidos; a promoción e a coordinación dos cursos, xornadas e seminarios en materia de protección civil en colaboración coa Academia Galega de Seguridade; o fomento da autoprotección cidadá e corporativa, a través da programación de campañas divulgativas; a coordinación e execución de publicacións relacionadas coa protección civil a execución e elaboración da información relativa á protección civil da dirección xeral, así como a realización das correspondentes memorias; a elaboración de estatísticas sobre protección civil; a preparación e elaboración de material de formación que se impartirá en protección civil; a realización e mantemento dun banco de

datos relativo á información, material técnico audiovisual e biblioteca en materia de protección civil e emerxencias; elaboración e seguimento dos convenios realizados en materia de protección civil e emerxencias; e o control e seguimento do servicio de helicópteros polivalentes 112-SOS-Galicia.

3.3. Servicio de Vixilancia Radiolóxica, ó que lle corresponde a elaboración do censo de instalacións de raios X con fins médicos e dos seus correspondentes equipos; a inspección de instalacións radioactivas, incluíndo a realización das inspeccións necesarias para o control das instalacións radioactivas de segunda e terceira categoría, que comprende as fases de construcción, posta en marcha, funcionamento, modificación, clausura, a realización das inspeccións que sexan necesarias para o control das instalacións de raios X, con fins médicos, e a realización das inspeccións que sexan necesarias por razóns especiais ou denuncia, así como aqueloutras que encargue expresamente o Consello de Seguridade Nuclear; a inspección do transporte de materiais radioactivos, incluídos os residuos radioactivos que se orixinen en Galicia; as análises e avaliacións relacionadas coa protección radiolóxica nas instalacións radioactivas, incluíndo as propostas de actuacións correctoras e de preparación, se

é o caso, de propostas de sanción, dándolle conta ó Consello de Seguridade Nuclear das ditas actuacións correctoras; información sobre lexislación en seguridade nuclear, regulamentos, instruccións técnicas complementarias, guías de seguridade, circulares informativas e recomendacións para a optimización dos procedementos de operación e para as actualizacións e modificacións dos regulamentos de funcionamento

e os plans de emerxencia das instalacións radioactivas; atención, en coordenación coa sala de emerxencias do Consello de Seguridade Nuclear, das situacións de emerxencia propostas para o control e retirada de material radioactivo por detección deste entre os metais destinados á reciclaxe; a vixilancia radiolóxica ambiental no ámbito territorial de Galicia, de acordo cos programas que para este fin ten establecidos e aprobados o Consello de Seguridade Nuclear; desenvolvemento das funcións da autoridade competente para a protección dos traballadores e da poboación fronte á exposición a fontes de radiación natural asociada a actividades laborais.

3.4. Servicio de Emerxencias 112-SOS-Galicia. Ó que lle corresponde a xestión, operación e control técnico do Servicio Único de Emerxencias da Unión Europea de Galicia 112-SOS-Galicia; a coordinación con outros organismos públicos e privados das comunicacións e sistemas de información en materia de protección civil e emerxencias e de maneira especial coa central de Emerxencias 112-SOS-Galicia; o deseño, organización e xestión dos sistemas de información e comunicación dos centros de coordinación operativos de protección civil dependentes da dirección xeral; a execución e xestión do programa de telecomunicacións e informático de protección civil e de emerxencias; o control e supervisión das infraestructuras, dos equipos e sistemas de comunicación e informáticos; a xestión dos equipos de comunicacións en situacións de emerxencia e activación de plans de protección civil.

Artigo 11º.-Atribucións da Dirección Xeral de Administración Local.

A Dirección Xeral de Administración Local é o centro directivo encargado da xestión das competencias que se lle se atribúen á Comunidade Autónoma galega nas seguintes materias:

a) Relación coas corporacións locais.

b) Formulación e xestión dos programas formativos en materia de Administración local, a través do Centro de Estudios Locais de Galicia.

c) O fomento de liñas de colaboración coas entidades locais galegas, no referente á convocatoria e execución de liñas de subvención destinadas a elas.

d) Execución das competencias non atribuídas ó conselleiro, que, respecto ós funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O desenvolvemento da Lei de Administración local de Galicia.

f) O impulso do proceso de incorporación do galego na Administración local.

g) A planificación e coordinación dos plans e programas dos servicios contraincendios e salvamento local, sen prexuízo das competencias que lle poidan corresponder á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil no relativo á función operativa da pro

tección civil, así como das atribuídas por lei ás administracións locais.

h) O fomento e impulso da incorporación das novas tecnoloxías e de métodos de calidade nas administracións locais galegas.

i) Aqueloutras competencias que, non estando recollidas nas alíneas anteriores, veñan atribuídas a ela pola normativa vixente.

Artigo 12º.-Estructura da Dirección Xeral de Administración Local.

A Dirección Xeral de Administración Local, para o exercicio das súas funcións e competencias, estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico. A Subdirección Xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) A proposición e xestión de programas conxuntos coas corporacións locais no ámbito propio das competencias que lle correspondan á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, incluíndo a coordinación das propostas que procedan en canto ás convocatorias, selección e adxudicación das subvencións, axudas e convenios que se destinan ás entidades locais galegas, facendo un seguimento da súa xustificación.

b) A xestión ordinaria dos asuntos económicos e de persoal propios do funcionamento da dirección xeral.

c) O fomento da normalización lingüística na Administración local.

d) A preparación de estudios e proxectos de disposicións xerais nas materias atribuídas a esta unidade.

e) A elaboración do estudio do anteproxecto do orzamento correspondente á Dirección Xeral de Administración Local e ós seus programas de gasto, así como o seu control, seguimento e avaliación.

f) O exercicio das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma galega nos consorcios contraincendios e de salvamento, no que se refire á súa posta en marcha e asesoramento.

g) O impulso na implantación das novas tecnoloxías na Administración local, incluíndo o desenvolvemento das accións de implantación do portal Eido Local nas entidades locais galegas.

h) O fomento e impulso de programas e métodos de implantación da calidade nas administracións locais galegas.

i) A elaboración das correspondentes propostas en materia de alteracións de termos municipais.

j) A elaboración das correspondentes propostas, a través da Comisión de Heráldica, de escudos e bandeiras das entidades locais galegas.

Para cumpri-las súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Xestión e Cooperación Económica, ó que lle corresponde a xestión, tramitación e realización das propostas que procedan en canto ás convocatorias, selección e adxudicación das subvencións e axudas que se destinan ás entidades locais galegas, facendo un seguimento da súa xustificación; o estudio do anteproxecto de orzamento correspondente á dirección xeral, así como o seu control, seguimento e avaliación; a coordinación da xestión económica e orzamentaria da dirección xeral; o impulso e a execución de convenios asinados en materia de Administración local, así como aqueloutros convenios tramitados desde esta dirección xeral; o fomento do uso do galego na Administración local mediante accións cos organismos competentes na materia.

1.2. Servicio de Cooperación coas Entidades Locais, ó que lle corresponde a coordinación das actividades relacionadas co fomento do asociacionismo local; a elaboración das correspondentes propostas en materia de alteracións de termos municipais; heráldica das entidades locais galegas; a coordinación, dentro do eido local, das accións encamiñadas á implantación e desenvolvemento das novas tecnoloxías nos entes locais, así como a tramitación das subvencións a través deste instrumento; así como das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma galega nos consorcios contraincendios e de salvamento, no que se refire á súa posta en marcha e asesoramento.

2. Subdirección Xeral de Relacións Xurídico-Administrativas coas Entidades Locais e desenvolvemento normativo. A Subdirección Xeral de Relacións Xurídico-Administrativas coas Entidades Locais e desenvolvemento normativo, exercerá as seguintes funcións:

a) A execución das directrices da dirección xeral naquelas materias relacionadas coas relacións coas entidades locais de Galicia, así como con outras administracións estatais e autonómicas.

b) A execución das directrices da dirección xeral naquelas materias relacionadas coa organización, bens, servicios, persoal e réxime xurídico das corporacións locais que lle correspondan á Comunidade Autónoma de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, sen prexuízo das competencias que nestas materias poidan ser atribuídas a outras consellerías.

c) O impulso do pacto local no marco das actuacións que teña encomendadas a Dirección Xeral de Administración Local.

d) A preparación de estudios e proxectos de disposicións xerais nas materias atribuídas a esta unidade.

e) A formulación, impulso e xestión das accións formativas para funcionarios de Administración local, a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, en colaboración coa Escola Galega de Admi

nistración Pública e con outras entidades colaboradoras.

f) Estudio e informe da normativa reguladora das entidades locais.

Para cumprir estas funcións, contará coa seguinte unidade:

2.1. Servicio de Réxime Xurídico e Desenvolvemento Normativo, ó que lle corresponde a execución das competencias que, en materia de control de legalidade dos actos e acordos das corporacións locais, lle veñen atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia; o impulso, mediante a elaboración das correspondentes propostas, do desenvolvemento normativo atribuído á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de réxime local; a proposta das accións formativas para desenvolver en colaboración con outras entidades para funcionarios de Administración local; a execución das accións de coordinación que lle correspondan á consellería para a materialización do pacto local e o impulso das relacións institucionais; as declaracións de urxente ocupación en materia de expropiación forzosa; así como as competencias que, en virtude de atribución normativa, lle corresponda exercer á dirección xeral no relativo ó réxime xurídico das corporacións locais, e non estean atribuídas a outras unidades.

Artigo 13º.-Atribucións das delegacións provinciais.

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación da consellería na que se integrarán tódalas unidades de carácter provincial ou territorial situadas no seu ámbito.

Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado, que terá ademais das competencias e funcións previstas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, as derivadas en virtude dos decretos 87/1990 e 88/1990, ámbolos dous do 15 de febreiro, así como aquelas que lle sexan especial ou singularmente encomendadas.

Do delegado provincial dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería que radiquen no ámbito da súa competencia territorial.

Artigo 14º.-Estructura das delegacións provinciais.

1. Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

1.1. Secretaría da delegación. Baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, tramitación administrativa, xestión de persoal, rexistro xeral, información ó público, elaboración do estudio do anteproxecto do orzamento da delegación, administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; elaboración de estatísticas dos demais servicios da delegación provincial e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado e suplilo nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

1.2. Servicio de Xustiza e Administración Local. Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Xustiza e da Dirección Xeral de Administración Local.

1.3. Servicio de Interior. Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil nas materias de xogo, asociacións e espectáculos.

1.4. Xefatura Provincial de Protección Civil. Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil en materia de protección civil.

2. Non obstante o disposto no número 1 deste artigo, puntos 2 e 3, nas delegacións provinciais de Ourense e Lugo existirá un único servicio que se denominará Servicio de Xustiza, Administración Local e Interior.

Artigo 15º.-Os órganos colexiados adscritos.

Adscritos á consellería existirán os órganos colexiados seguintes:

1. A Comisión Superior para o Estudio do Desenvolvemento do Dereito Civil Galego, regulada no Decreto 107/1999, do 8 de abril, e polo Decreto 182/1999, do 17 de xullo, que o modifica.

2. A Comisión do Xogo de Galicia, creada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, e regulada polo Decreto 192/1988, do 21 de xullo.

3. A Comisión de Heráldica, regulada polo Decreto 369/1998, do 10 de decembro.

4. A Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia, creada pola Lei 3/1992, do 23 de marzo, regulada nesta mesma lei e no Decreto 204/2000, do 21 de xullo.

5. O Consello Asesor de Asistencia Xurídica Gratuíta de Galicia, creado polo Decreto 146/1997, do 22 de maio.

6. O Consello Rector da Academia Galega de Seguridade, creado pola Lei 4/1992, do 9 de abril, regulado polo Decreto 161/1992, do 18 de xuño, e polo Decreto 283/2000, do 21 de novembro, que o modifica.

7. A Comisión Galega de Protección Civil, regulada no Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

8. A Comisión Galega de Delimitación Territorial regulada no Decreto 370/1998, do 10 de decembro.

9. A Comisión Galega de Cooperación Local, regulada nos artigos 188 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Decreto 280/1998, do 24 de setembro.

A natureza destes órganos colexiados, cometidos, composición e funcións son as establecidas nas respectivas normas reguladoras.

Disposición transitoria

Única.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece neste decreto, se modi

fique a denominación ou contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilo, con carácter temporal, a postos de inferior nivel, se se tratase de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que, en ningún caso, a readscrición ou adscrición supoñan cambio de residencia, segundo o establecido nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei de función pública de Galicia, e sen prexuízo do disposto na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a

Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 147/2002, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relaciones Laborais, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Laias-Cenlle (Ourense), once de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local