Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 25 de abril de 2003 Páx. 5.278

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2003 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de sete prazas de técnicos superiores de tecnoloxías da información e comunicacións.

En cumprimento do disposto nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados por Resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade.

Este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, resolve convocar probas selectivas para cubrir sete prazas de técnicos superiores de tecnoloxías da información e comunicacións vacantes no seu cadro de persoal.

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo sete prazas de técnicos superiores de tecnoloxías da información e comunicacións, do grupo I, ás que se poderán acumular aquelas que se poidan xerar ata o momento no que o tribunal eleve a proposta definitiva de aspirantes que superen o proceso selectivo.

1.2. Resérvanse catro prazas para a quenda de promoción interna. As prazas non cubertas por esta quenda acumularanse ás ofertadas polo sistema de acceso xeral libre.

1.3. Os aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso: promoción interna ou acceso xeral libre.

1.4. O procedemento de selección será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que se especifican no anexo I.

1.5. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.6. Estas probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 95/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto nesta convocatoria.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes, con independencia da quenda de acceso, deberán posuír tódolos requisitos esixidos nesta base na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, e mantelos ata o asinamento do correspondente contrato.

2.2. Requisitos comúns para tódalas quendas de acceso:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, nacional do Reino de Noruega ou da República de Islandia.

Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega ou Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de licenciado, arquitecto superior, enxeñeiro superior ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Ter aboadas as taxas por dereitos de exame.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

f) Non ter sido separado ou estar suspendido do servicio de calquera Administración pública nin inhabilitado para o desempeño da función pública por sentencia firme. Os aspirantes que non teñan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

2.3. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán pertencer ó cadro de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo, e a unha categoría profesional distinta á das prazas obxecto desta convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI e, se é o caso, xustificación dos méritos alegados.

Os aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar, deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

Os méritos alegados acreditaranse do seguinte xeito:

3.1.1. Os servicios prestados nas universidades públicas de Galicia acreditaranse mediante certificación da xerencia ou unidade de persoal correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. A formación acreditarase mediante a presentación dos títulos e diplomas correspondentes, ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.3. De conformidade co establecido na base 6.5 da convocatoria, os aspirantes quedarán exentos da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, se coa solicitude achegan copia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude de español para estranxeiros, expedido polas escolas oficiais de idiomas. Noutro caso seralles de aplicación o previsto na devandita base.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Para os efectos divulgativos, esta convocatoria remítese tamén ó Diario Oficial de Galicia.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo (rúa Oporto, nº 1; 36201-Vigo) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha desta normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 36 euros e ingresaranse na conta corrente número 2091-0501-67-3110002558, Caixa Galicia, O.P.-Vigo. Universidade de Vigo. Cotas oposicións, facendo constar no impreso o enunciado técnico superior en tecnoloxías da información e comunicacións. Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

Os dereitos de exame seranlles reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e que cubrisen os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

Estarán exentas do pagamento as persoas cunha discapacidade igual ou superior ó 33%, sempre que xunto coa súa solicitude presenten as certificacións que a acrediten.

3.5. No recadro nº 2, os aspirantes deberán indica-la quenda pola que solicitan acceder.

3.6. Os erros de feito que puidesen advertirse, poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo dictará resolución, no prazo máximo dun mes, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobada a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaron a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase así mesmo o lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio, e contra ela, logo de comunicación a este rectorado,

poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria, e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño). Coa relación provisional de aspirantes admitidos e excluídos publicarase o nome dos dous vocais designados en representación do Comité Intercentros.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros titulares ou suplentes. Nesta sesión, o tribunal acordará as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopcións de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificada no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores elevarase ó rector da Universidade de Vigo e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios co resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na

base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. Para tal efecto, o tribunal poderá recadar xustificación documental dos aspirantes e os informes sanitarios ou técnicos correspondentes.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, e excluirá a aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Vigo, rúa Oporto nº 1, teléfono 986 81 20 00 (central) e 986 81 37 62 (Negociado de Persoal de Administración e Servicios).

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido, será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra C, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 10 de marzo de 2003 (DOG do 14 de marzo).

6.2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. O primeiro exercicio da fase de oposición realizarase a partir do 1 de xullo de 2003. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

6.4. O tribunal poderá acorda-la inclusión de preguntas de reserva que necesariamente deberán ser contestadas polos aspirantes, así como a realización simultánea para as distintas quendas dalgún dos exercicios da fase de oposición.

6.5. Os aspirantes de nacionalidade estranxeira, previamente á realización dos exercicios da fase de oposición, deberán acredita-lo coñecemento do castelán, ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.1.3, ben mediante a superación dunha proba que se axustará ós contidos establecidos no R.D. 826/1988, do 20 de xullo, e na que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita. A non superación desta proba impedirá a realización dos exercicios da fase de oposición.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares de realización destes e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superasen, o Servicio de Xestión de Persoal expedirá, de oficio, certificacións acreditativas do tempo de servicios prestados na Universidade de Vigo e o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso, que en ningún caso poderán sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, se é o caso, na fase de concurso. No caso de empate, terá preferencia o candidato con maior puntuación no conxunto da fase de oposición; de persistir, dirimirase a prol da maior puntuación nos exercicios da fase de oposición, atendendo á súa orde de realización.

O tribunal fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non aptos para tódolos efectos.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións da fase de concurso, se é o caso, e de cada un dos exercicios da fase de oposición, e a suma total.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título académico; no caso de titulación estranxeira, presentarase credencial da súa homologación.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de nin

gunha Administración pública, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións.

d) Os aspirantes que fixesen vale-la súa condición de minusválidos deberán presentar certificación dos órganos competentes de sanidade ou servicios sociais da administración que corresponda, que acredite tal condición e igualmente a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións corrrespondentes.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados como persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

8.4. Os aspirantes seleccionados deberán superar satisfactoriamente un período de proba de catro meses, de conformidade co previsto no I convenio colectivo para o persoal laboral da Universidade de Vigo e no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo (BOE do 29 de marzo), polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

9. Norma derradeira.

Esta convocatoria e as súas bases vinculan á administración, ó tribunal encargado de xulga-las probas e ós que participen nelas.

A convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 17 de marzo de 2003.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A. Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios:

Primeiro.-Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado na primeira parte do programa que figura como anexo II. O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio.

Segundo.-Consistirá en resolver por escrito supostos prácticos baseados na primeira parte do programa. O tempo máximo de realización será de 240 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio.

Terceiro.-Só para a quenda de acceso xeral libre. Terá carácter obrigatorio e non eliminatorio.

a) Consistirá nunha proba tipo test sobre a lingua galega. O tempo máximo de realización será de 20 minutos.

b) Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado na segunda parte do programa. O tempo máximo de realización será de 20 minutos.

Cualificación dos exercicios.

Nos exercicios tipo test cada resposta errónea descontará o 25% do valor da resposta correcta.

A) Promoción interna:

1º exercicio: cualificarase cun máximo de 40 puntos, sendo necesario obter 20 puntos para superalo.

2º exercicio: cualificarase cun máximo de 45 puntos, sendo necesario obter 22,5 puntos para superalo.

B) Acceso xeral libre:

1º exercicio: cualificarase cun máximo de 35 puntos, sendo necesario obter 17,5 puntos para superalo.

2º exercicio: cualificarase cun máximo de 40 puntos, sendo necesario obter 20 puntos para superalo.

3º exercicio: cualificarase cun máximo de 10 puntos, distribuídos como segue:

a) Galego: cualificarase cun máximo de 4 puntos.

b) Test: cualificarase cun máximo de 6 puntos.

B. Fase de concurso.

a) Promoción interna:

1. Antigüidade nas universidades públicas de Galicia, certificada pola Xerencia ou unidade de persoal respectiva, a razón de 0,084 puntos por mes traballado, ata un máximo de 10 puntos.

2. Formación directamente relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais, superiores ó esixido pola convocatoria ou afíns. Cualificarase cun máximo de 5 puntos.

b) Acceso xeral libre:

1. Experiencia: valorarase o desempeño de postos da mesma categoría có da praza convocada nas universidades públicas de Galicia, certificada pola Xerencia ou unidade de persoal respectiva, a razón de 0,12 puntos por mes traballado, ata un máximo de 10 puntos.

2. Formación directamente relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais, superiores ó esixido pola convocatoria ou afíns. Cualificarase cun máximo de 5 puntos.

ANEXO II

Programa

Primera parte.

Bloque I: conceptos básicos.

1. Principios e conceptos básicos do funcionamento dos ordenadores. Xerarquías de abstracción. Modelos funcionais, estructurais e procesuais no nivel de máquina convencional. Sistemas abertos e pechados.

2. Unidades básicas para as máquinas de propósito xeral. Variacións de funcionamento. Comunicación entre unidades. Modelo de Von Neuman.

3. Formato de datos e instruccións. RISC vs CISC. Codificación da información. Transformacións.

4. Nivel de microarquitectura. Modelos estructurais e procesuais. Microprogramación. Variacións sobre microarquitectura.

5. Nivel de máquina operativa. Sistemas operativos. Concepto básicos. Xestión de memoria. Xestión dos sistemas de ficheiros. Xestión de comunicación cos periféricos.

6. Sistema operativo UNIX. Conceptos básicos. Comandos. Administración e xestión de sistemas.

7. Sistema operativo MS Windows NT/2000. Conceptos básicos. Administración e xestión de sistemas.

8. Xestión estructurada da información. Evolución histórica. Bases de datos relacionais. Modelo de entidade/relación. Modelo relacional. Control de concorrencia.

9. Linguaxes de consultas. SQL, Query-by-example, Quel, Datalog.

10. Bases de datos orientadas a obxectos. Bases de datos distribuídas.

11. Bases de datos: Informix, Oracle, MS SQL Server, MySQL.

12. Almacenamento e estructura dos arquivos. Medios físicos de almacenamento.

13. Multimedia. Conceptos básicos. Peculiaridades, características e propiedades dos formatos multimedia.

Bloque II: redes de ordenadores.

1. Fundamentos. Fluxos de datos, protocolos, encamiñamento, control de conxestión, interconexión.

2. Protocolos. IP, IP móbil, TCP, UDP, nomes de dominio.

3. Exemplos de redes. Ethernet, LAN sen fíos. Redes de modo de transferencia asíncrono.

4. Redes locales, metropolitanas e de área extensa. Topoloxías de redes. Análise comparativa de modelos. Análise comparativa de topoloxías.

5. Xestión de redes de ordenadores. Conceptos básicos. Protocolos. Manexo de sistemas.

6. Xestión de redes en contornos UNIX, MS Windows.

7. Comunicación entre procesos en entornos de rede distribuído. Sockets. Comunicación de datagramas. Comunicación de streams.

8. Representación externa de datos e empaquetado. CDR. ASN. Formatos de serialización.

9. Comunicación en grupo. Multidifusión IP.

10. Sistemas middleware. RPC. ONC, DCE, Java RMI, COM, CORBA.

11. Tratamento de seguridade nas redes. Ameazas e ataques, seguridade das transaccións electrónicas. Deseño de sistemas seguros. Certificados. Criptografía. Control de acceso. Credenciais. Cortalumes. Algoritmos criptográficos. Sinaturas dixitais. Kerberos. SSL.

12. Servicios de nomes. Administración de espacios de nomes. Servicios de directorios. X.500, LADP, etc.

13. Transaccións distribuídas. Control de concorrencia. Interbloqueos distribuídos. Recuperación de transaccións.

14. Sistemas multimedia distribuídos. Servidores de vídeo baixo demanda. Calidade de servicio. Xestión de recursos.

15. Instalación, xestión e mantemento de rede. Routers, Switches, Hubs, Productos CISCO Y 3COM.

16. Protocolo SNMP. Conceptos avanzados. Protocolos alternativos.

17. Monitorización do funcionamento de redes e equipos. Monitorización de tráfico. Xeración de estatísticas.

18. Rede da Universidade de Vigo: estructura, organización e servicios ofrecidos.

19. Redes académicas e científicas nacionais e internacionais. Estructura, organización e servicios ofrecidos.

Bloque III: tecnoloxías Internet.

1. Conceptos básicos e evolución da Internet. Estructura. Sistemas de interconexión. Dominios. Conexión física. Internet II.

2. Linguaxes de marcado. Desenvolvemento de páxinas www. HTML. XML.

3. Linguaxes de script. Javascript.

4. Tecnoloxías Java. Linguaxe Java. Applets, Servlets. JavaBeans. Desenvolvemento con compoñentes EJBs.

5. Xeración dinámica de contidos. Tecnoloxías asociadas. JSP, PHP, ASP.

6. Administración e instalación de servidores www. Integración de servicios www con fontes de información externas.

7. Localización de información en contornos da Internet. Conceptos básicos. Teorías de xestión, almacenamento e publicación de información. Tecnoloxías e conceptos relacionados.

8. Servicios sobre a Internet. Evolución histórica. Correo electrónico, news, ftp, telnet. Xestión e administración avanzada.

9. Servicios avanzados. Comercio electrónico. Teleeducación.

10. A Internet para dispositivos móbiles. WAP, WMLScript. Acceso desde PDAs, PALM, PocketPC. Servicios dispoñibles. Restriccións asociadas. Tecnoloxías de desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles.

11. Protocolos para a Internet. TCP/IP, http, HTTPS, WTLS, etc.

Bloque IV: sistemas de telepresencia.

1. Sistemas de videoconferencia. Conceptos básicos. Evolución histórica.

2. Instalación e manexo de equipos. Equipos audiovisuais. Codificadores. Equipos da Universidade de Vigo. Sistemas de iluminación para aulas de videoconferencia. Necesidades especiais. Control de iluminación.

3. Servicios sobre sistemas de telepresencia. Servicios ofrecidos pola Universidade de Vigo.

4. Videoconferencia sobre IP.

5. Videoconferencia sobre RDSI.

6. Videoconferencia sobre ATM.

7. Protocolos, estándares e tecnoloxías asociadas.

8. Novos servicios sobre plataformas de videoconferencia. Control de recursos. Administración e explotación. Verificación de novas versións de equipos e aplicacións.

9. Ferramentas de apoio a sesións de videoconferencia. Sistemas BBS.

Bloque V: redes de telefonía.

1. Conceptos básicos. Evolución histórica.

2. Infraestructuras telefónicas. Terminais. Centrais. Cableado. Interconexión. Transmisión. Sistemas de tarificación. Protocolos de sinalización.

3. Rede de telefonía da Universidade de Vigo. Sistema Ericson MD110.

4. Novos servicios sobre redes de telefonía. Control de recursos. Administración e explotación. Verificación de novas versións de equipos e aplicacións.

Bloque VI: enxeñería do software.

1. Conceptos básicos. Evolución histórica. Linguaxes de programación (ADA, Caml, C, C++, C#, Modula-3, Lisp, Visual Basic, Prolog, Pascal, Java, Fortran, Cobol, Delphi, Python, PERL) Sintaxe, características esenciais, análise comparativa.

2. Ciclo de vida. Fases. Modelos de ciclo de vida.

3. Organización de proxectos. Planificación de tarefas. Ferramentas de planificación de tarefas. Ferramentas Case (Excelerator, Application, Factory, Information Engineering, System Architect, EasyCase, MetaEdit, ObjectGeode, ActiveWatch, Adpac, Casetools, Beacon, Doors, EiffelCase, Grace, Innovator, Locana, Panorama, Robochart). Conceptos xerais e particularidades de solucións concretas.

4. Captura de requisitos. Procedementos de captura de requisitos. Casos de uso, viewpoints, Word, Core, Gist, Jad, Paisley, Ra, Revs, RSL, Sadt, Srem, Statemate.

5. Modelado de sistemas software complexos. Proceso unificado de desenvolvemento software. Linguaxes de modelado.

6. Análise, deseño, implementación, despregamento.

7. Modelos de negocio e arquitecturas de referencia.

8. Probas de sistemas.

9. Técnicas de descrición formal: LOTOS, SDL, Promela, Estelle, Z, VDM. Principios. Especificación, validación, verificación e proba.

Bloque VII: atención ó usuario.

1. Mecanismos e procedementos de atención ó usuario utilizados na Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións da Universidade de Vigo.

2. Servicios de atención ó usuario. Servicios ofrecidos pola Área de Tecnoloxías de Información e Comunicacións.

Bloque VIII: normativas.

1. Sinatura electrónica. Normativa internacional e nacional. Autoridades e certificación.

2. Lexislación sobre protección de datos. Normativa comunitaria. Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal. Real decreto 994/1999, de medidas de seguridade. A Axencia de Protección de Datos. A protección xurídica dos programas de ordenador. Normativa comunitaria e nacional.

3. Xestión académica: R.D. 778/1998, do 30 de abril, polo que se regulan o terceiro ciclo de estudios uiversitarios; R.D. 1497/1987, do 27 de novembro, polo que se establecen directrices xerais comúns dos planos de estudios universitarios; Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro, polo que se regula a proba de acceso a estudios universitarios; Decreto-lei 9/1975, do 10 de xullo, para o funcionamento institucional da universidade; e Decreto 240/2002, do 11 de xullo, de prezos públicos para a obtención de títulos oficiais no ensino universitario.

4. Xestión económica: Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. O orzamento. Concepto clásico e evolución das funcións do orzamento. Procedemento común de execución do gasto público: autorización, compromiso de gasto. Recoñecemento da obriga. Proposta de pagamento. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos empregados públicos. Devengo e liquidación.

Segunda parte.

1. A Constitución de 1978: dereitos e deberes fundamentais. Goberno, Cortes Xerais e Administración. O Estatuto de autonomía de Galicia. As institucións da Comunidade Autónoma de Galicia: composición, organización e competencias.

2. A Lei do estatuto dos traballadores: disposicións xerais. O contrato de traballo. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo. Dereitos de representación e reunión. A negociación colectiva.

3. O procedemento administrativo común. Órganos das administracións públicas. Os interesados. A actividade das administracións. Disposicións xerais sobre os procedementos administrativos. Revisión de actos.

4. A Lei orgánica de universidades.

5. Os estatutos da Universidade de Vigo. Natureza e estructura da universidade. Órganos de goberno. A comunidade universitaria. Garantías xurídicas. Réxime económico e financeiro.

6. Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios da Universidade de Vigo. O I convenio colectivo do persoal laboral da Universidade de Vigo.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Martín Llamas Nistal, profesor titular de universidade. Universidade de Vigo.

Vocais:

José M. Pousada Carballo, profesor titular de universidade. Universidade de Vigo.

2 vocais en representación do comité intercentros.

Secretario: Manuel J. Fernández Iglesias, profesor titular de universidade. Universidade de Vigo.

Suplente:

Presidente: Francisco Javier González Castaño, profesor titular de universidad. Universidad de Vigo.

Vocais:

Fernando Aguado Agelet, profesor titular de universidade. Universidade de Vigo.

2 vocais en representación do comité intercentros.

Secretario: Juan Carlos Burguillo Rial, profesor titular de universidade. Universidade de Vigo.