Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 24 de abril de 2003 Páx. 5.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 14 de abril de 2003 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras de adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais de Galicia.

Á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de conformidade co establecido no artigo 13 do Decreto 147/2002, do 11 de abril, polo que

se establece a estructura órganica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (que en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, pasa a denominarse Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local) compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, relacións que ó abeiro dos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderán ser de colaboración e cooperación económica e revesti-las formas de subscrición de convenios e concesión de subvencións.

Tendo en conta isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local pretende continuar co seu labor de colaboración coas entidades locais de Galicia na mellora da calidade da vida local, regulando, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras de adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de obras de adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais de Galicia de carácter non asociativo, nos edificios onde se sitúa a casa do concello, ou ben naqueles que aínda tratándose de inmobles anexos ou incluso independentes deste se adiquen en exclusiva á prestación de servicios, que de ordinario, se poderían prestar na propia casa do concello, incluídas as instalacións adicadas a xulgados de paz.

2. Poderán ser beneficiarios desta subvención aquelas entidades locais de Galicia que teñan menos de 30.000 habitantes, circunstancia que se acreditará de acordo co establecido no artigo 4º desta orde.

3. Poderanse subvencionar:

a) Pequenas obras de adaptación, así como obras complementarias e menores dentro das citadas sedes.

b) Equipamento mobiliario e de oficina (agás equipos informáticos).

Artigo 2º

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.123.A.760.0, programa 123.A, ata unha contía máxima de seiscentos mil euros (600.000 A), correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

A axuda económica que se conceda poderá alcanzar como máximo o 80% do total do orzamento presentado.

Artigo 3º

No caso de obras que teñan carácter plurianual, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá comprometerse a subvencionar fases da execución da obra con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4º

1. As entidades locais que desexen acollerse ó beneficio desta orde presentarán instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no da propia consellería ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade local peticionaria achegará coa solicitude a seguinte documentación:

2.1. No suposto de obras.

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local pola que se aproban as obras que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención.

c) Se a obra que se vai subvencionar é obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas unicamente será esixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

d) Certificación do secretario xeral da entidade local, co visto e prace do presidente, na que se faga consta-la poboación de dereito que figura no padrón de habitantes da entidade local o 31 de decembro de 2002; así mesmo, farase constar que esta cifra non supera o límite máximo establecido no artigo 1º desta orde.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

2.2. No suposto de equipamento:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que se aproba o equipamento que se vai realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade do equipamento para o que se solicita subvención.

c) Orzamento detallado do equipamento para o que se solicita subvención.

d) Certificación do secretario xeral da entidade local, co visto e prace do presidente, na que se faga constar-la poboación de dereito que figura no padrón de habitantes da entidade local a data de 31 de decembro de 2002; así mesmo, farase constar que esta cifra non supera o límite máximo establecido no artigo 1º desta orde.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectara o contido ou á vixencia dela, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, estime oportuna.

4. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixi-los erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local que lle elevarán o correspondente informe ó director xeral, quen elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos; de acordo coas porcentaxes sinaladas a continuación:

-As cantidades que a entidade local achega, xa sexa con cargo a fondos propios ou procedentes doutras administracións para a execución das obras respecto das que solicita a subvención, ou a adquisición ou renovación do equipamento que supoñan unha mellora evidente na calidade do desenvolvemento no servicio ó que van destinados: 25%.

-A necesidade das obras ou adquisicións que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia, en canto ó estado material e ás condicións dos inmobles onde se pretende actuar ou ben dos equipamentos que se pretenden adquirir ou renovar: 20%.

-Realización de obras de adaptación que supoñan unha racionalización do espacio dispoñible: 20%.

-Fomentaranse aqueles proxectos tendentes a logra-la accesibilidade e a supresión de barreiras, así como a mellora das condicións de seguridade e a hixiene nas que o cadro de persoal da entidade local desenvolva o seu traballo: 15%.

-O incremento do cadro de persoal da entidade local que determine a xustificación de obras de adapatación ou a adquisición de mobiliario: 10%.

-Data e contía da subvención anterior para obra/equipamento na mesma entidade local: 10%.

Artigo 7º

1. A resolución seralles notificada a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º

1. O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la resolución.

Artigo 9º

A tramitación e adxudicación das obras será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería

de Xustiza, Interior e Administración Local, mediante certificación expedida polo secretario xeral da entidade local.

Artigo 10º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. As entidades locais beneficiarias da subvención presentarán inescusablemente, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (Dirección Xeral de Administración Local), as xustificacións orixinais ou copias cotexadas, por triplicado, antes do 15 de outubro de 2003 mediante certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo II desta orde, con relación valorada, tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local, acompañada da correspondente certificación, relativa ó acordo de aprobación pola entidade expedida polo secretario dela.

No caso de que a obra sexa obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas só será esixible a remisión da factura correspondente, acompañada da correspondente certificación, relativa ó acordo de aprobación pola entidade expedida polo secretario dela.

No caso de equipamento, facturas orixinais ou fotocopias cotexadas do gasto, acompañadas da correspondente certificación, expedida polo secretario da entidade local, relativa ó acordo da aprobación por ela.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos; que en ningun caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

4. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais

beneficiarias poderán adicarse a subvencionar outras entidades locais que presentaron solicitude de subvención ó abeiro desta orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase entender que a entidade local renuncia á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 11º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se establece o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme ó previsto no citado decreto.

Artigo 13º

Os solicitantes ós que non lles fose concedida a subvención disporán dun prazo de trinta días naturais, contados a partir da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local