Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 24 de abril de 2003 Páx. 5.178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 9 de abril de 2003 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por Real decreto 1065/1980, do 3 de maio, créase o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra.

O dito colexio, reunido en Xunta Xeral Extraordinaria, procedeu á aprobación dos seus estatutos, comunicándoos á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local para os efectos da súa aprobación definitiva, inscrición no rexistro de colexios e publicación no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 18.1º parágrafo terceiro da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar e ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e

Administración Local

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de

Graduados Sociais de Pontevedra

TÍTULO I

Do Colexio de Graduados Sociais

Artigo 1º

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra é unha corporación de dereito público, recoñecida pola Constitución e amparada polo ordenamento xurídico, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, con funcionamento e estructura interna democrática.

2. Rexerase pola Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e polos presentes estatutos, sen prexuízo da lexislación básica do Estado. A representación do colexio no ámbito nacional quedará integrada no Consello Xeral como órgano superior que representa e coordina a tódolos colexios de graduados sociais de España.

Artigo 2º

1. Os colexios de graduados sociais estarán integrados polas persoas que posúa os títulos de graduado social, graduado social diplomado, diplomado en relacións laborais ou licenciado en ciencias do traballo e reúnan os requisitos esixidos por estes estatutos e polas normas que lles sexan aplicables.

2. No exercicio profesional utilizarase exclusivamente a denominación de graduado social.

Artigo 3º

1. Constitúese o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, con ámbito territorial na provincia de Pontevedra.

2. O domicilio do Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra fíxase na cidade de Vigo, rúa Alfonso X O Sabio número 3, andar 1º.

Artigo 4º

O Colexio de Graduados Sociais rexerase polas disposicións legais autonómicas ou estatais que lle afecten; polos presentes estatutos; polo estatuto correspondente ó Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso; polos seus estatutos particulares; e polos regulamentos e acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 5º

1. Corresponde ó Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra o exercicio das seguintes funcións dentro do seu ámbito territorial:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido ós dereitos dos particulares, e exerce-la facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

b) Exerce-la representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, xulgados e tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten ós intereses profesionais, e exerce-lo dereito de petición, conforme a lei.

c) Cumprir e facerlles cumprir ós colexiados as leis e os estatutos profesionais, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

d) Organizar e xestiona-la representación da quenda de oficio, cando así estea establecido nas leis.

e) Emitir informe dos anteproxectos de disposicións de carácter xeral que se refiran ás condicións de exercicio da profesión, entre as que figuran o ámbito, os títulos oficiais requiridos e o réxime de incompatibilidades con outras profesións, así como as retribucións e honorarios.

f) Servir de vía de participación orgánica nas tarefas de interese xeral de acordo coas leis.

g) Participar nos consellos e organismos consultivos da Administración en materia de competencia da profesión do graduado social.

h) Estar representados nos padroados e consellos sociais universitarios radicados no ámbito territorial do colexio.

i) Participar na elaboración dos plans de estudio e informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión de graduado social; manter contacto permanente con estes e prepara-la información necesaria para facilita-lo acceso ó exercicio profesional dos novos colexiados.

j) Organizar actividades e servicios comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión, e outros análogos; prove-lo sostemento económico dos medios necesarios e organizar, se é o caso, cursos para a formación profesional dos posgraduados.

k) Procura-la harmonía e colaboración entre os colexiados impedindo a competencia desleal entre eles.

l) Exerce-las accións que as leis establecen para a represión do intrusismo profesional.

m) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

n) Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

ñ) Establecer baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativo.

o) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios profesionais, así como establecer, se é o caso, servicios voluntarios para o seu cobro.

p) Exercer cantas funcións lles sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudios, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que poidan serlle encomendadas ou acorde realizar por propia iniciativa.

q) Exerce-la representación que establecen as leis para o cumprimento dos seus fins.

r) Facilitar ós xulgados e tribunais a relación dos colexiados que puidesen ser requiridos ou designados para intervir como peritos en asuntos xudiciais.

s) Visa-los traballos profesionais dos colexiados de conformidade co que dispoña, se é o caso, a lexislación correspondente.

t) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

u) As demais que veñan establecidas pola lexislación estatal ou pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os acordos, decisións e recomendacións do Colexio de Graduados Sociais con transcendencia económica observarán os límites do artigo 1 da

Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia, sen prexuízo de que os colexios poidan solicita-la autorización singular prevista no artigo 3 da dita lei.

Artigo 6º

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais terá o tratamento de Ilustre, salvo que, por outras circunstancias, lle corresponda un distinto.

2. O presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais terá o tratamento de Ilustrísimo/a Señor/a, salvo que, por outras circunstancias, lle corresponda un distinto.

3. O presidente do Colexio de Graduados Sociais, e os membros da Xunta de Goberno do Colexio de Graduados Sociais usarán toga, así como a medalla correspondente ós seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes ós que asistan no exercicio destes.

4. Nos restantes actos oficiais seguiranse as normas de protocolo.

Artigo 7º

1. A insignia profesional dos graduados sociais colexiados estará constituída pola balanza da xustiza, entre os pratos da cal hai dúas espigas de trigo que enmarcan unha roda dentada, símbolo do traballo, no pé da cal se lerá Iustitia Socialis, e terá como fondo uns raios dourados e fulgurantes. O deseño artístico será fixado polo Consello Xeral de entre os realizados por expertos.

Artigo 8º

1. Nos actos oficiais solemnes os membros da Xunta de Goberno de cada colexio levarán unha medalla na que irá reproducida a insignia profesional, na base da cal se lerá o título do colexio, suxeita con cordón de seda verde esmeralda. A dita medalla será de ouro ou dourada para o presidente e de prata ou prateada para os restantes compoñentes da xunta.

2. As citadas medallas, expresadas en miniatura de dous centímetros, poderán levarse sobre calquera traxe polos que desempeñen ou desempeñasen cargos na Xunta de Goberno do colexio, así como polos colexiados de honra.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo I

Da incorporación

Artigo 9º

No Colexio de Graduados Sociais existirán catro clases de colexiados:

a) Exercente da profesión con carácter libre.

b) Exercente da profesión ó servicio dunha soa empresa mediante relación laboral con ela, e sempre que tal contratación sexa precisamente na súa calidade de graduado social e non inclúa o asesoramento a terceiros. Asimilaranse ós exercentes de empresa aqueles graduados sociais que presten os seus ser

vicios en calidade de funcionarios de organismos oficiais do Estado, da comunidade autónoma, da provincia ou do municipio ou de calquera outro no que ingresasen por razón do título de graduado social ou de diplomado en relacións laborais e lles fose esixido este para obte-lo cargo, e sempre que a función que se realice sexa a específica de graduado social.

c) Non exercente.

d) Emérito. Incluiranse nela os colexiados xubilados e as persoas que, por razón de circunstancias excepcionais apreciadas pola Xunta de Goberno, merezan esta consideración.

Artigo 10º

A incorporación ó Colexio de Graduados Sociais require o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser de nacionalidade española ou dalgún dos estados membros da Unión Europea, salvo o disposto en tratados ou convenios internacionais ou dispensa legal.

b) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

c) Estar en posesión do título de graduado social, graduado social diplomado, diplomado en relacións laborais ou licenciado en ciencias do traballo. No caso dos licenciados en ciencias do traballo, será necesario que, pola súa vez, posúa o título correspondente de graduado social diplomado ou diplomado en relacións laborais.

d) Satisface-la cota de ingreso e demais achegas que teña establecidas o colexio por acordo da Xunta ou Asemblea Xeral.

e) Demais documentación aprobada pola Xunta de Goberno co fin de garanti-la correcta colexiación.

Artigo 11º

1. Para o exercicio legal da profesión será requisito indispensable e suficiente estar incorporado en calidade de colexiado exercente, ó colexio que se corresponda co domicilio profesional único ou principal do graduado social, e cumpri-los requisitos legais e estatutarios esixidos para tal fin.

2. A incorporación ó Colexio de Graduados Sociais como exercente requirirá, ademais de cumpri-las condicións xerais expresadas no artigo anterior, non estar incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

Artigo 12º

1. Son circunstancias determinantes de incapacidade para o exercicio da profesión de graduado social as seguintes:

a) A inhabilitación ou suspensión expresa para o exercicio da profesión en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

b) As sancións disciplinarias firmes que leven consigo a suspensión do exercicio profesional ou a expulsión de calquera colexio de graduados sociais.

c) A xubilación por idade como graduado social e a invalidez no grao de incapacidade permanente total para a profesión de graduado social.

d) A incapacitación civil.

2. As incapacidades desaparecerán cando cesen as causas que as motivasen ou se extinguise a responsabilidade disciplinaria.

Artigo 13º

1. A colexiación solicitarase mediante instancia dirixida ó presidente do colexio, achegando con ela a documentación pertinente.

O secretario do colexio examinará a instancia, así como os documentos unidos a ela, emitirá o correspondente informe e someterá a solicitude á decisión da Xunta de Goberno, que aceptará, denegará ou suspenderá a solicitude de incorporación, dentro do prazo de dous meses.

A resolución será notificada ó interesado por escrito, co visto e prace do presidente do colexio.

2. Os solicitantes non admitidos poderán interpoñer recurso ordinario contra o acordo denegatorio no prazo dun mes que se contará desde a notificación deste, ante o Consello de Colexios da Comunidade Autónoma a través da Xunta de Goberno, que informará o recurso, ou, no seu defecto, ante o Consello Xeral.

Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso sen que se pronuncie resolución entenderase desestimado.

3. Os solicitantes non admitidos poderán retira-la súa documentación, excepto a instancia, que quedará arquivada na secretaría do colexio con expresión das causas da denegación.

Artigo 14º

1. Os novos colexiados quedarán inscritos no Rexistro Xeral do Colexio por orde de admisión de instancia.

2. Ademais do citado rexistro xeral, a secretaría do colexio terá ó seu cargo un rexistro especial de colexiados en exercicio, no que se indicará quén exerce a profesión libremente, quén o fai ó servicio de empresa ou corporación mediante relación especial, ou quén a exerce en réxime de asociacións.

3. A incorporación, xustificada mediante a certificación correspondente do colexio, acredita ó graduado social como tal, sen que sexa necesaria ningunha designación ou nomeamento da Administración pública.

4. O secretario do colexio remitirá, ó principio de cada ano, a tódolos xulgados e tribunais do territorio, así como ós organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión, unha relación de tódolos graduados sociais exercentes incorporados.

Artigo 15º

Os aspirantes admitidos satisfarán as cotas de incorporación, contribucións eventuais e demais achegas aprobadas polo colexio, e entregaráselle-lo carné de colexiado e a insignia profesional.

Artigo 16º

1. Os graduados sociais, antes de inicia-lo seu exercicio profesional, deberán prestar xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ó resto do ordenamento xurídico, e de fiel cumprimento dos deberes da profesión de graduado social.

2. O xuramento ou promesa prestarase ante a Xunta de Goberno do Colexio de Graduados Sociais, na forma que a propia xunta dispoña, coa posibilidade de facelo por escrito de forma provisional.

3. No expediente persoal do colexiado deberá consta-la prestación do xuramento ou promesa.

Artigo 17º

1. O graduado social incorporado ó Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra poderá presta-los seus servicios profesionais libremente en tódolos asuntos que lle sexan encomendados dentro do territorio do Estado español, no ámbito da Unión Europea e nos demais países, segundo a normativa vixente en cada caso.

2. Para actuar profesionalmente no ámbito territorial dun colexio diferente ó Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra, o graduado social deberá comunicar, a través deste, ós colexios distintos as actuacións que vaia realizar nas súas demarcacións, co fin de quedar suxeito ás competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

3. Cando o exercicio en territorio distinto ó do Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra vaia ser habitual, abondará con comunicar esta circunstancia, a través do Colexio de Pontevedra, ó colexio na demarcación do cal se vaia exercer, e quedará o colexiado suxeito ás competencias deste último en materia de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

Capítulo II

Da perda da condición de colexiado

Artigo 18º

1. A condición de colexiado pérdese:

a) Por defunción ou declaración de falecemento.

b) Por baixa voluntaria, mediante comunicación dirixida ó presidente do colexio.

c) Por reiterado incumprimento da obriga de satisface-las cotas ordinarias e extraordinarias que fosen acordadas, así como as demais cargas colexiais ás que estivese obrigado. Enténdese por reiterado incumprimento o atraso de tres meses no pagamento de forma sucesiva ou alterna no período dun ano.

d) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión de graduado social.

e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario.

2. Corresponde á Xunta de Goberno do colexio acordar, en resolución motivada, a perda da condición de colexiado nos supostos dos puntos c), d) e e).

3. As baixas serán comunicadas ó Consello Xeral e ó Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.

4. Anualmente, o secretario do colexio porá en coñecemento dos xulgados e tribunais, e dos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión, os colexiados que causasen baixa.

5. No suposto do punto c) os colexiados poderán rehabilita-los seus dereitos aboando o debido, os seus xuros legais e a cantidade que corresponda como nova incorporación.

Artigo 19º

O graduado social que cause baixa no colexio perderá tódolos dereitos inherentes a tal condición, e estará obrigado a devolve-lo carné de colexiado, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer polo seu uso indebido. En caso de incumprimento da referida obriga o colexio anulará de oficio o carné de colexiado.

Capítulo III

Das incompatibilidades

Artigo 20º

1. O exercicio profesional de graduado social é incompatible con calquera actividade que sexa susceptible de menospreza-la liberdade, a independencia ou a dignidade que lle son inherentes, ou que poidan motiva-lo seu desprestixio.

2. O exercicio profesional de graduado social é incompatible co desempeño da función xudicial ou fiscal, calquera que sexa a súa denominación e grao, e coa de secretario de xulgado ou tribunal.

3. O graduado social non poderá exerce-la súa profesión no xulgado ou tribunal onde desempeñe a función de maxistrado, xuíz, fiscal ou secretario, xa sexan funcionarios ou contratados, o cónxuxe, a parella de feito, ou os parentes dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade daquel.

Artigo 21º

Consideraranse incompatibles co exercicio da profesión:

a) Os titulados que presten funcións ou servicios en organismos, entidades mercantís ou outros entes públicos ou privados que poidan incidir ou lesionar directa ou indirectamente a profesión de graduado social.

b) Os graduados sociais que fosen sancionados por intrusismo, exercicio clandestino ou fraudulento da profesión por un período mínimo de dous anos desde a cancelación da sanción.

c) Os que fosen expulsados doutro colexio profesional ou privados do exercicio da profesión por acordo da Administración, ou por sentencia firme por un período de dous anos desde a data do acordo de rehabilitación.

Artigo 22º

1. O graduado social en quen concorra algunha das causas de incompatibilidade deberá comunicalo á Xunta de Goberno do colexio e cesar inmediatamente na situación de incompatibilidade. De non facelo así a Xunta de Goberno do colexio acordará a suspensión do graduado social no exercicio da profesión mentres subsista a incompatibilidade, e comunicarállelo ós xulgados e tribunais nos que o graduado social exercese a súa profesión, así como ós organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión.

2. Desaparecida a incompatibilidade, o graduado social, logo da xustificación do dito aspecto, poderá instar da Xunta de Goberno do colexio que retire a suspensión.

3. O acordo polo que se lle dá de baixa ó graduado social por causa de incompatibilidade pode ser obxecto de recurso ordinario ante a Xunta de Goberno do Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Consello Xeral se non existise esta, nos termos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A infracción do deber de cesar na situación de incompatibilidade así como o seu exercicio con infracción das incompatibilidades, directamente ou por persoa interposta, constituirá falta moi grave, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

Capítulo IV

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 23º

Os graduados sociais colexiados gozarán dos dereitos, honores, preferencias e consideracións recoñecidos polas leis á profesión.

Artigo 24º

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Permanecer no colexio, salvo que incorran nalgunha das causas determinantes da perda da condición de colexiado recollidas nos estatutos.

b) Ser defendidos polo colexio ante as autoridades, entidades e particulares no exercicio da profesión ou por motivo do mesmo nas súas xustas reivindicacións.

c) Utilizar cantos servicios estableza o colexio, entre eles, biblioteca, institucións de previsión social e benéficas, publicacións e cantos outros poidan crearse, agás aqueles que correspondan exclusivamente a colexiados exercentes.

d) Ser representados e apoiados pola Xunta de Goberno nas súas xustas reclamacións e nas negociacións por diferencias que poidan xurdir como consecuencia do exercicio profesional.

e) Coñecer e estar informado da marcha do colexio.

f) Asistir a cantos actos de carácter corporativo realice o colexio.

g) Usa-lo carné de colexiado e a insignia correspondente.

h) Ser elixidos para os cargos da Xunta de Goberno do colexio, do Consello da Comunidade Autónoma ou do Consello Xeral, sempre que se reúnan os requisitos establecidos.

i) Participar no labor cultural e formativo que realice o colexio.

j) Usa-la denominación de asesor laboral e fiscal como expresión específica do contido da profesión. A denominación de asesor laboral ou de asesor fiscal, e calquera outra, deberá ir sempre precedida da expresión graduado docial.

k) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

Artigo 25º

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Exercer en todo momento a profesión co debido decoro e dignidade.

b) Cumprir fielmente estes estatutos así como os propios de cada colexio onde actúen e as normas vixentes que sexan aplicables á profesión de graduado social.

c) Actuar profesionalmente en toda ocasión baixo o seu nome e apelidos; prohíbese expresamente actuar por medio doutra persoa natural ou xurídica, sen prexuízo do previsto no artigo 34º e seguintes destes estatutos.

d) Participar á secretaría do colexio, dentro do prazo de 30 días, os cambios de domicilio.

e) Satisfacer, dentro do prazo regulamentario, as cotas ás que están obrigados pola súa condición de colexiado, así como as contribucións eventuais e demais cargas sociais.

f) Asistir persoalmente, salvo imposibilidade xustificada, ás xuntas xerais que se realicen no colexio, e participar nas eleccións que regulamentariamente deban levarse a cabo.

g) Comparecer ante a Xunta de Goberno ou ante calquera das comisións existentes cando fosen requiridos para iso.

h) Comunicar ó colexio as suplencias nas funcións profesionais por motivo de enfermidade, ausencia, ou calquera outra causa.

i) Garda-la consideración e respecto debidos ós membros da Xunta de Goberno e das comisións do colexio, e cumpri-los acordos adoptados por estes.

j) Desempeñar con celo e eficacia os cargos para os que fosen elixidos e participar nas comisións cando sexan requiridos para iso pola Xunta de Goberno.

k) Garda-lo segredo profesional, entendendo este como a obriga e o dereito de non revelar ningún feito dos que teñan coñecemento por razón do exercicio profesional.

l) Absterse de realizar publicidade dos seus servicios sen previa autorización do colexio.

m) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

n) Representa-los litigantes que acrediten insuficiencia de recursos nos casos previstos pola lei.

Capítulo V

Do exercicio da profesión de graduado social

Artigo 26º

1. Graduado social é, para os efectos do presente estatuto, o técnico en materias sociais e laborais, de seguridade social e saúde laboral que, en posesión do título oficial e obrigatoriamente colexiado en exercicio, se dedica de forma habitual e mediante retribución ó estudio, asesoramento, representación e xestión, sen necesidade de apoderamento especial, en todos cantos asuntos laborais, de seguridade social, sociais e de saúde laboral que, como propios da súa función profesional, lle fosen encomendados por ou ante o Estado, entidades territoriais ou autónomas e paraestatais, corporacións locais, consorcios, entidades, empresas e particulares.

2. Para exerce-la profesión de graduado social requírese a previa incorporación ó colexio profesional. Unha vez incorporado ó dito colexio profesional realizará a súa actividade profesional en tódolos países da Unión Europea e seguirase o disposto nas normas que para tal efecto teña dictada esta.

3. O graduado social poderá exerce-las funcións que lle corresponde e que lle son propias, en réxime de profesión libre ou ben en réxime de relación administrativa, ou de dependencia laboral en entidades estatais ou privadas.

Artigo 27º

O graduado social poderá exerce-las funcións que lle corresponden e que lle son propias en réxime de profesión libre, de relación laboral ó servicio dunha soa empresa, entidade ou organismo, ou ben de relación administrativa.

Artigo 28º

Entenderase que existe exercicio profesional como graduado social cando concorran algunhas das circunstancias seguintes:

a) Aceptación, sinatura ou desempeño de actos propios da profesión.

b) Anuncio ou ofrecemento público de servicios profesionais, como informes, estudios, asesoramento, representación e xestións propias da actividade de graduado social.

c) Percepción de retribucións ou honorarios polos traballos enunciados no punto anterior.

d) Calquera manifestación ou feito que permita atribuí-lo propósito de exerce-la profesión de graduado social.

Artigo 29º

1. Cando un graduado social, ó encargarse da dirección de calquera asunto profesional, ou despois de iniciado este, tivese coñecemento de que antes fose encomendado a outro compañeiro, deberá gardar cara a este a oportuna consideración, informalo da súa decisión e solicitarlle a venia por escrito ou por calquera outro medio que acredite a dita solicitude.

2. O graduado social a quen se lle solicite a venia só poderá denegala cando non recibise o importe dos seus honorarios. Entenderase tacitamente concedida se transcorren cinco días desde a solicitude sen recibirse por escrito a negativa á súa concesión.

3. Tódalas cuestións que poidan suscitarse en aplicación do disposto neste artigo serán resoltas pola Xunta de Goberno do colexio.

Artigo 30º

1. O exercicio da profesión de graduado social realizarase en réxime de libre competencia e, sen prexuízo da lexislación xeral e específica aplicable na ordenación substantiva propia da profesión, estará suxeito, en canto á oferta de servicios e fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal.

2. Os graduados sociais en exercicio deberán realiza-las funcións propias da profesión con dedicación e responsabilidade directa, sen prexuízo das peculiaridades establecidas para os despachos colectivos.

3. Os graduados sociais no poderán presta-lo seu título nin contratarse como tales para figurar á fronte dos servicios propios da súa competencia en despachos ou empresas dedicadas á prestación de servicios a terceiros, salvo que exista unha asociación de profesionais nas que conserve cada un o seu título e o seu nome.

4. Non obstante, poderán asesorar a gremios, entidades, sindicatos, asociacións, corporacións, federacións e agrupacións tanto de traballadores como empresarios, sempre e cando os seus servicios non os presten ós membros da entidade, senón á Xunta Directiva desta para a súa mellor actuación colexiada en defensa dos intereses propios de toda a asociación como tales membros.

Artigo 31º

1. Os graduados sociais en exercicio libre da profesión poderán auxiliarse por empregados contratados por eles, que estarán suxeitos ós dereitos e ás obrigas sinalados pola normativa vixente.

2. A condición de empregado de graduado social xustifícase mediante documento acreditativo de tal condición expedido polo colexio por petición do colexiado, trala xustificación do cumprimento dos

requisitos legais dimanantes da súa contratación laboral.

Artigo 32º

1. Os colexiados en exercicio poderán establecer, ademais do despacho principal, outros despachos profesionais que deberán dirixir de maneira directa, asumindo tódalas obrigas impostas nestes estatutos.

2. A apertura de tales despachos profesionais deberá poñerse en coñecemento das xuntas de goberno dos colexios correspondentes ó ámbito territorial da actuación profesional, tanto do despacho principal como das sucursais, con anterioridade ó inicio da actividade.

3. A Xunta de Goberno poderá denega-lo establecemento dun novo despacho profesional se infrinxe as normas propias da profesión ou vulnerase o previsto na Lei de defensa da competencia, na Lei de competencia desleal e na Lei xeral de publicidade.

Artigo 33º

1. No exercicio da súa profesión a publicidade dos graduados sociais colexiados rexerase polo disposto na Lei xeral de publicidade coas seguintes particularidades:

a) Os contidos da dita publicidade poderán referirse a datos profesionais, identificación e especialidade, pero non estarán permitidas as frases, expresións ou slogans sen contido informativo e destinados unicamente a enxalza-la calidade ou cantidade dos servicios prestados polos profesionais.

b) A publicidade non poderá ter en ningún caso carácter comparativo.

2. Os graduados sociais colexiados deberán poñer en coñecemento do colexio, cun mes de antelación á súa difusión, a publicidade que pretendan facer. No caso de que a publicidade se estenda a un ámbito territorial maior ó provincial a comunicación deberá realizarse, en función deste, ó Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, ó Consello Xeral de Colexios de Graduados Sociais de España.

3. A publicidade deberá ser autorizada pola Xunta de Goberno. Transcorrido un mes desde a solicitude sen que recaese resolución expresa, entenderase estimada.

Capítulo VI

Dos despachos colectivos

Artigo 34º

1. O graduado social poderá exerce-la súa profesión xuntamente con outros graduados sociais ou con outras persoas de actividade profesional distinta baixo a forma de despachos colectivos.

2. A agrupación rexerase polos pactos que adopten libremente os asociados, sempre que non estean en contradicción coas leis, a dignidade profesional e as normas reguladoras da profesión.

3. Os despachos profesionais poden adoptar calquera das formas lícitas en dereito, incluídas as sociedade mercantís.

Artigo 35º

1. Os despachos colectivos de graduados sociais, trala autorización dos pactos reguladores da súa organización e funcionamento pola Xunta de Goberno do colexio, inscribiranse no Rexistro Especial de Asociacións do Colexio, no cal figurarán os nomes e circunstancias dos graduados sociais que os integren, así como os pactos subscritos. Así mesmo, deberá achegarse copia autorizada da escritura pública ou documento acreditativo da constitución da asociación.

2. O despacho colectivo comunicará á Xunta de Goberno, para a súa autorización e inscrición no rexistro especial, os cambios que se produzan nos pactos reguladores da súa organización e nos nomes e circunstancias dos graduados sociais que o integran.

Artigo 36º

1. Tódolos graduados sociais integrados nun despacho colectivo deberán estar incorporados individualmente ó colexio correspondente como exercentes.

2. Anualmente e coincidindo coa presentación de contas anuais no Rexistro Mercantil, entregarase no colexio unha certificación do rexistro de socios ó igual que, no prazo dun mes, cada vez que se produzan cambios.

Artigo 37º

1. Os graduados sociais que formen parte dun despacho colectivo responderán conxunta e solidariamente ante o colexio de tódalas actuacións e reclamacións que proveñan do exercicio de actividades propias do graduado social, realizadas polo despacho ou polos seus compoñentes, sen prexuízo de calquera outra responsabilidade de orde diversa que afecte individual ou conxuntamente ós seus membros.

2. A actuación profesional nos asuntos da competencia do graduado social deberá realizarse en nome de calquera dos colexiados que integran a asociación.

Artigo 38º

1. Non terá a consideración de despacho colectivo a agrupación de graduados sociais nun mesmo local con total independencia profesional.

2. Presumirase a existencia dun despacho colectivo para os efectos da solidariedade prevista no artigo anterior cando así se deduza dos signos externos.

TÍTULO III

Dos órganos de goberno do colexio

Capítulo I

Da Xunta de Goberno

Artigo 39º

1. O goberno dos colexios corresponde:

a) A Xunta Xeral de Colexiados.

b) A Xunta de Goberno.

c) O presidente.

Artigo 40º

1. O Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra rexerase por unha Xunta de Goberno, que será o órgano de execución e xestión dos acordos da Xunta Xeral, exercerá con carácter permanente a administración do colexio e terá en todo momento a plena representación da corporación.

2. Ademais das que se establecen no presente estatuto, serán atribucións da Xunta de Goberno:

A) En xeral:

1ª Someter a votación nas xuntas xerais asuntos concretos de interese colexial, na forma que estableza a propia Xunta de Goberno.

2ª Resolver sobre a admisión de titulados que soliciten incorporarse ó colexio.

3ª Velar para que os colexiados observen boa conducta nas súas relacións cos órganos xurisdiccionais, cos seus compañeiros e cos seus clientes, así como que no desempeño da súa función profesional despreguen a necesaria dilixencia e competencia.

4ª Impedi-lo exercicio da profesión a quen, sendo colexiado ou non, a exercese en forma e baixo condicións contrarias á legalidade vixente.

5ª Impedi-lo intrusismo e persegui-los infractores do regulado no número anterior, así como as persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o dito irregular exercicio profesional, exercitando fronte a estas cantas accións xurisdiccionais fosen necesarias ou convenientes.

6ª Propoñer á Xunta Xeral a adopción dos acordos que estime procedentes, en canto á cantidade que deba satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación.

7ª Propoñer á Xunta Xeral a determinación das cotas que deben paga-los colexiados exercentes, os exercentes de empresa, e os non exercentes, para o sostemento das cargas e servicios colexiais.

8ª Acordar, se o estima necesario, a imposición de cotas extraordinarias ós seus colexiados, con aprobación da Xunta Xeral.

9ª Recada-lo importe das cotas establecidas para o sostemento das cargas do colexio, do Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso, e do Consello Xeral.

10ª Establecer baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativo, dos graduados sociais e regulalos nos casos previstos por estes estatutos, e informar cando os órganos xurisdiccionais pidan o seu dictame con suxeición ó disposto nas leis.

11ª Convocar eleccións para prove-los cargos da Xunta de Goberno.

12ª Convocar xuntas ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

13ª Exerce-las facultades disciplinarias respecto ós colexiados, de acordo co previsto nos presentes estatutos.

14ª Propoñer á Xunta Xeral a aprobación dos regulamentos de orde interior que xulgue convenientes.

15ª Nomea-las comisións ou seccións de colexiados que fosen necesarios para o estudio das materias que poidan interesar para os fins da corporación e para a defensa e promoción do colectivo profesional.

16ª Velar para que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ó graduado social, provendo o necesario ó abeiro daquelas.

17ª Informa-los colexiados con prontitude de cantas cuestións coñeza e poidan afectarlles, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

B) Con relación ós órganos xurisdiccionais:

1ª Fomentar e estreita-las relacións de respectuosa cordialidade entre o colexio e os seus colexiados coa maxistratura e os funcionarios ó servicio da Administración de xustiza en xeral, e cos xulgados do social e os seus funcionarios en particular.

2ª Regula-las condicións e o funcionamento da quenda de oficio, nos termos establecidos legalmente.

3ª Velar para que, no exercicio da función representativa que exerzan os colexiados de acordo coa Lei orgánica do poder xudicial, cumpran estes coas obrigas inherentes á súa función, de acordo co disposto no ordenamento xurídico profesional aplicable.

4ª Velar para que, nos mesmos casos, os graduados sociais cumpran as obrigas ás que se refire o artigo 187 da Lei orgánica do poder xudicial e, en audiencia pública, reunións dos órganos xurisdiccionais en que proceda e actos solemnes xudiciais, usen toga e, en estrados, senten á mesma altura cás autoridades, funcionarios e profesionais mencionados no dito precepto.

5ª Perseguir, nos mesmos casos, os comportamentos contrarios ó deber de gardar segredo dos asuntos que os colexiados coñezan por razón da súa actuación profesional e impoñe-las sancións disciplinarias pertinentes.

6ª Ampara-los colexiados que, nos mesmos supostos, vexan vulnerado o seu dereito a non ser obrigados a declarar sobre os feitos ou noticias de que coñezan por razón de calquera das modalidades da súa actuación profesional.

C) Con relación ós organismos oficiais:

1ª Defender, cando o estime procedente e xusto, os colexiados no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión destas.

2ª Promover cerca do Goberno, das autoridades e de cantos organismos oficiais cos que teña relación a actividade de graduado social, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta Administración de xustiza.

3ª Informar de palabra ou por escrito, en nome do colexio, en cantos proxectos ou iniciativas o requiran.

D) Con relación ós recursos económicos do colexio:

1ª Recadar, distribuír e administra-los fondos do colexio.

2ª Redacta-los orzamentos e rende-las contas anuais.

3ª Propoñer á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, se se tratase de inmobles.

3. Corresponde igualmente á Xunta de Goberno solicitar, se é o caso e para os efectos do punto 2 do artigo 6º dos presentes estatutos, a autorización singular prevista no artigo 3 da Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 41º

1. A Xunta de Goberno comporase dun presidente, cargo que deberá recaer necesariamente nun colexiado en exercicio e que deberá continuar séndoo durante todo o seu mandato, que a presidirá, e un máximo de doce vocais, dos cales dous haberán de ser non exercentes.

Artigo 42º

1. A Xunta Xeral elixirá o cargo de presidente por proclamación e mediante votación nominal expresa. Os cargos de vicepresidente, secretario, tesoureiro, interventor-contador e vicesecretario serán designados pola propia Xunta de Goberno de entre os vocais exercentes elixidos pola Xunta Xeral e a proposta do presidente.

2. Os cargos da Xunta de Goberno terán unha duración de catro anos, renovaranse por metade cada dous, e poderán ser reelixidos sen limitación.

Artigo 43º

1. O exercicio dos cargos de presidente e vocal da Xunta de Goberno terá o carácter de obrigatorio, honorífico e gratuíto.

2. Poderán ser candidatos tódolos colexiados pertencentes ó ámbito territorial do colexio que estean de alta e ó corrente do pagamento das súas cotas colexiais, cun mínimo de dous anos de colexiación ininterrompida no período inmediatamente anterior á convocatoria electoral, na modalidade para a que opta, e que, posuíndo a condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria.

3. Ós colexiados non exercentes que opten a unha vacante de vocal non exercente computaráselles como período de colexiación tódolos que tivese como exercente libre ou de empresa.

4. Non poderá formar parte das xuntas de goberno quen non goce plenamente dos seus dereitos civís e corporativos.

Artigo 44º

1. Se por calquera motivo quedase vacante algún ou algúns dos cargos da Xunta de Goberno antes da expiración do mandato regulamentario, ocupará este quen lle seguise en número de votos na última elección realizada no colexio e polo tempo que lle faltase cumprir ó membro que cause a vacante.

2. Exceptúase o presidente, que se substitúe regulamentariamente polo vicepresidente ata a primeira Xunta Xeral ordinaria que se realice ou a extraordinaria que poida convocarse para a súa elección.

3. Tamén se procederá á elección parcial de vocais, cando non sexa posible cubri-las vacantes polo sistema previsto no punto 1.

4. Cando non fose posible cubrir máis da metade das vacantes, o Consello de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, ou no seu defecto, o Consello Xeral, designará unha Xunta Provisional entre o primeiro tercio dos colexiados máis antigos, a cal convocará eleccións no prazo de trinta días.

Capítulo II

Da elección da Xunta de Goberno

Artigo 45º

1. Tódolos membros da Xunta de Goberno serán elixidos por votación axustada ó principio de libre e igual participación dos colexiados. O voto de cada colexiado exercente e de empresa terá dobre valor, mentres que o dos non exercentes e eméritos terá valor simple.

2. Figurarán como electores tódolos inscritos no censo, que se atopen no exercicio dos seus dereitos e ó corrente dos seus deberes colexiais. O censo formarao a Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Xunta Provisional; constarán nel tódolos colexiados incorporados ó colexio cun mes de antelación á data de convocatoria das eleccións e incluirá tódolos datos que fagan posible a elección. A propia Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Xunta Provisional resolverá, ata o momento mesmo de iniciarse a Xunta Xeral, as reclamacións que poidan suscitarse ata corenta e oito horas antes da realización desta.

3. Poderán ser candidatos os colexiados que gocen da condición de electores e non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria, que conten polo menos coa antigüidade no colexio que esixen estes estatutos e que sexan proclamados de acordo coas normas e condicións estatutarias.

4. Tamén poderán ser candidatos os colexiados que procedan doutro colexio e gocen da condición de electores, que non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria no colexio de

procedencia, o cal procederá a certifica-la alta colexial e a traslada-lo expediente. Estes colexiados conservarán a antigüidade e modalidade colexial do colexio de procedencia.

Artigo 46º

1. A votación para a elección dos membros da Xunta de Goberno exercerase persoalmente en forma secreta ó celebrarse a Xunta Xeral ordinaria de cada exercicio ou na extraordinaria que para estes efectos haberá de convocarse nos casos de vacante do presidente ou da maioría dos vocais. A Xunta de Goberno poderá tamén convocar Xunta Extraordinaria co único obxecto de realizar separadamente a elección.

2. As votacións para esta elección de cargos vacantes da Xunta de Goberno serán sempre por papeleta editada polo colexio e non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

3. As papeletas serán azuis (voto dobre) para colexiados exercentes e de empresa, e brancos (voto simple) para os colexiados non exercentes e eméritos.

4. Poderase exerce-lo voto por correo, que deberá realizarse por correo certificado, en sobre dirixido á secretaría do colexio e coa lenda Eleccións.

5. Para que o voto por correo sexa válido deberá enviarse nun sobre que conteña unha fotocopia do carné de colexiado ou do DNI e o sobre de votación coa papeleta dentro, co fin de identifica-lo colexiado que o envía, así como de garanti-lo segredo do voto.

Artigo 47º

1. A convocatoria das eleccións faraa o vicepresidente no caso de elección unicamente do presidente e, nos demais casos, a Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Xunta Provisional, cunha antelación polo menos de sesenta días naturais; deberá enviarse coa convocatoria o calendario electoral no que se cumprirá o estipulado nos presentes estatutos.

2. As candidaturas haberán de presentarse en horas de oficina na secretaría do colexio e con trinta días naturais de antelación, como mínimo, á realización das eleccións. Deberán incluír na solicitude a clase de colexiación, atoparse ó corrente do pagamento das súas cotas colexiais, gozar plenamente dos seus dereitos colexiais, e conterá o previo compromiso de prestar xuramento ou promesa segundo o establecido no Real decreto 707/1979, do 5 de abril, así como obediencia ó ordenamento xurídico profesional contido nos presentes estatutos.

3. A proclamación de candidatos faraa a Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Xunta Provisional, dentro dos cinco días hábiles, como mínimo, ó seguinte da finalización do prazo para presenta-las candidaturas. Seguidamente porao no taboleiro de anuncios e comunicarao ós interesados; sen prexuízo de que o colexio poida remitir tamén comunicacións individuais ós seus membros. As impugnacións que se produzan serán resoltas pola mesma Xunta de Goberno antes da realización da votación.

Artigo 48º

1. A Mesa Electoral estará integrada por tres membros designados pola propia da Xunta de Goberno, excluídos os que sexan candidatos e os asociados ou parentes dos candidatos ata terceiro grao inclusive por consanguinidade ou afinidade.

Serán presidente e secretario da mesa, os que o sexan da Xunta de Goberno, ou quen designe a Xunta de Goberno para substituílos.

A Mesa Electoral tomará os seus acordos por maioría de votos dos seus compoñentes.

2. Cando o número de candidatos proclamados resulte igual ou inferior ó dos vocais da xunta que se vai elixir, a proclamación equivalerá á elección, e esta, por tanto, non haberá de efectuarse. Produciranse as mesmas consecuencias cando se trate da elección só do presidente e se proclame un único candidato.

3. Os candidatos proclamados poderán efectuar, por conta deles, as actividades de campaña electoral axustadas ó ordenamento xurídico. Non poderán utilizarse para tal efecto locais nin outros medios materiais ou persoais do colexio, excepto o dereito a que se lles facilite unha copia do censo electoral, así como os sobres e papeletas para a elección e, se é o caso, xogos de etiquetas cos enderezos de tódolos colexiados.

4. Cada candidato poderá designar outro colexiado que actúe como interventor na Mesa Electoral, e iso deberá comunicarlo por escrito á Xunta de Goberno, polo menos, con cinco días de antelación ó da votación. A Xunta de Goberno facilitarlle ó designado un documento acreditativo.

Artigo 49º

1. A votación levarse a cabo coincidindo co inicio da Xunta Xeral e, terá unha duración mínima de dúas horas.

2. A votación realizarase en dúas urnas separadas, unha para colexiados exercentes e de empresa, e outra para non exercentes e eméritos. Os electores entregarán persoalmente a quen presida a mesa as súas papeletas de voto, introducidas en sobre oficial, e este introduciraas na urna correspondente, e anotaraos na lista do censo. Votarán en último lugar os interventores, se os houbese, e os membros da mesa. Por fin, introduciranse nas urnas os votos recibidos por correo que cumpran os requisitos estatutarios.

3. Para os efectos de votación sinalaranse cun X os candidatos que se desexen votar, e fixarase como tope de votación por colexiado o número de vacantes motivo das eleccións.

4. Serán válidas unicamente as papeletas e sobres oficiais entregados polo colexio ós candidatos e electores, que terán unhas e outros á súa disposición, na sede colexial, antes e durante a votación.

5. O escrutinio, realizado pola Mesa Electoral, será público, autorizará o secretario a correspondente

acta, que subscribirán os interventores e os demais membros da mesa. Incluiranse as reclamacións que procedesen, que serán imprescindibles para ulteriores recursos. Só se conservarán aquelas papeletas que fosen obxecto de impugnación.

6. No caso de que se produza empate en número de votos será elixido o candidato de maior antigüidade no colexio e, de ser igual, o de maior idade.

7. Contra os acordos da Xunta de Goberno e da Mesa Electoral relativos ás eleccións, poderán interpoñerse os recursos, que non terán efectos suspensivos, establecidos con carácter xeral nos presentes estatutos.

Artigo 50

1. No prazo de cinco días desde a constitución da Xunta de Goberno, comunicarse esta ó Consello Xeral e, se é o caso, ó Consello de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, e a través destes, ó ministerio e á consellería autonómica correspondentes, participando a súa composición e o cumprimento dos requisitos legais. De igual forma procederase cando se produzan modificacións.

2. Os elixidos como presidente e demais membros da Xunta de Goberno, antes de tomar posesión dos seus cargos, deberán proceder a presta-lo xuramento ou promesa establecidos no Real decreto 707/1979, do 5 de abril.

3. O presidente tomará posesión no acto de ser elixido, e os demais membros na primeira Xunta de Goberno.

Capítulo III

Dos cargos e do funcionamento da

Xunta de Goberno

Artigo 51º

1. O presidente exercerá a representación oficial e legal do colexio, tanto en xuízo como fóra del e nas relacións cos poderes públicos e autoridades; será o executor dos acordos do colexio; convocará e presidirá as sesións das xuntas xerais e das xuntas de goberno, así como das comisións de traballo ás que asista; coordinará o labor dos distintos órganos colexiais, presidindo todos eles cando asista e resolverá os empates co seu voto de calidade se aqueles subsistisen durante dúas votacións sucesivas.

2. O presidente do colexio asumirá igualmente por delegación tódalas funcións do colexio nos casos de urxencia que así o requiran, e poderá adopta-las resolucións e medidas pertinentes baixo a súa responsabilidade e a reserva de sometelos ó coñecemento e validación da Xunta de Goberno.

3. O presidente do colexio será o ordenador dos cobros e dos pagamentos, asinando a documentación colexial, e autorizando co seu visto e prace as certificacións expedidas polo secretario e as actas da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno. A ordenación de cobros e pagamentos poderá delegala con carácter xeral no tesoureiro; neste caso o presidente autorizaraas co seu visto e prace.

4. Incumbe ó presidente do colexio, en particular, fomentar e manter entre tódolos colexiados relacións de compañeirismo e a tutela dos dereitos da profesión, do colexio e dos seus integrantes, ademais de cantas atribucións determinen os presentes estatutos

Artigo 52º

1. O vicepresidente, e, se é o caso, os vicepresidentes pola súa orde, substituirán o presidente cando este non puidese exercita-las súas funcións e en todas aquelas comisións que lles encomende o presidente, con carácter permanente ou ocasional, para o que cumprirá o correspondente informe a este sobre o desenvolvemento dos seus cometidos.

2. Nos casos xustificados, o vicepresidente ou vicepresidentes tamén poderán representa-lo colexio para tódolos efectos legais, e en caso de imposibilidade do presidente asistirán no seu lugar ás reunións do Consello Xeral con tódolos seus dereitos e obrigas.

Artigo 53º

1. Corresponde ó secretario redacta-las actas, a correspondencia e as comunicacións oficiais, dirixi-los traballos administrativos do colexio e leva-lo arquivo e custodia da súa documentación.

2. O secretario terá tamén ó seu cargo a expedición de certificacións, co visto e prace do presidente, a legalización de sinatura de colexiados e a redacción da memoria anual do colexio.

3. O control directo e inmediato de tódolos servicios colexiais e das persoas afectas ó seu cadro de persoal corresponderá ó secretario.

4. A Xunta de Goberno poderá contratar un director técnico ou xerente, profesional na materia e colexiado ou non. En todo caso o nomeamento e remoción corresponderá á Xunta de Goberno, e exercerá o director técnico as atribucións propias da dirección técnica e, por expresa delegación para concretos casos, as facultades executivas estatutarias que acorden o presidente ou o secretario.

Artigo 54º

1. O tesoureiro materializará a recadación e custodia dos fondos do colexio; darálle-lo investimento que corresponda segundo os acordos da Xunta de Goberno; levará inventario dos bens do colexio, dos que será administrador; e ingresará e retirará fondos das contas bancarias, xuntamente co presidente.

Artigo 55º

1. Ó interventor-contador correspóndelle a intervención de tódolos documentos contables, así como a redacción para a súa aprobación pola Xunta Xeral de tódolos balances, contas e orzamentos, e o control destes.

2. O tesoureiro e o interventor-contador, se o houbese, substitúense reciprocamente en caso de vacante ou ausencia por calquera causa.

Artigo 56º

1. Os cargos de vicepresidente segundo ou sucesivos ou de vicesecretario substituirán, respectivamente, o vicepresidente ou vicepresidentes, pola súa orde, e o secretario.

Artigo 57º

1. As xuntas de goberno reuniranse, polo menos, unha vez ó mes, salvo o que cada colexio considere como período de vacacións, e en todo caso, sempre que as convoque o presidente ou o soliciten a cuarta parte dos seus compoñentes.

2. A convocatoria acordaraa o presidente e incluirá a orde do día, sen prexuízo de tratarse aqueles asuntos que este declare urxentes.

3. As xuntas de goberno quedarán validamente constituídas se concorre a maioría dos seus compoñentes.

4. A asistencia ás sesións da Xunta de Goberno será obrigatoria para tódolos seus membros. Será causa de cesamento e conseguinte substitución regulamentaria, acordados pola propia xunta, a falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no prazo dun ano.

Artigo 58º

A Xunta de Goberno nomeará, de entre os seus membros, os compoñentes das comisións seguintes:

1. Comisión de Cultura, que terá por misión:

a) A organización de cursos, conferencias e coloquios que se crean convenientes para a formación e o perfeccionamento dos colexiados.

b) A organización, actualización e posta ó día da biblioteca do colexio, que comprenderá, principalmente, obras e revistas de carácter profesional.

c) O servicio de información científica e técnica para os colexiados.

d) A edición da revista ou boletín que publique o colexio para a información dos seus membros e dos organismos e entidades relacionadas co seu cometido.

e) A organización e desenvolvemento, con carácter permanente, de seminarios ou equipos de traballo dedicados a afondar nas materias sociais e laborais.

2. Comisión de Relacións Públicas.

Terá o cometido de propoñerlle e informa-la Xunta de Goberno sobre asuntos de interese para a corporación, asistencia a actos nos que debe estar representado o colexio; a planificación e desenvolvemento de actos públicos; contactos cos medios de comunicación social e organización de campañas de prensa, así como participación dos colexiados en congresos e asembleas sobre problemas sociais e laborais.

3. Comisión de Ética e Honorarios Profesionais.

Deberá informa-la xunta sobre as actividades dos colexiados que non se axusten á ética e ó honor profesional, así como sobre a procedencia de actua

lización de honorarios mínimos profesionais, e dunha maneira especial, emiti-lo seu parecer sobre as reclamacións contra minutas de graduados sociais por non atopalas correctas.

4. Comisión de Intrusismo.

Velará por que persoas ou entidades alleas á profesión de graduado social non invadan a súa esfera de acción contravindo os preceptos vixentes sobre a materia, efectuando propostas, á Xunta de Goberno, dos correspondentes expedientes administrativos ou accións ante a xurisdicción que proceda, unha vez practicada información sucinta das denuncias e documentos que se lles participen.

5. Ademais das comisións que establecen os estatutos, a Xunta de Goberno poderá crear todas aquelas que estime oportunas, xa sexa con carácter permanente ou transitorio, determinando as súas respectivas misións e cometidos e o réxime do seu funcionamento.

6. Tódalas comisións e ponencias serán presididos polo presidente do colexio, se asistise, ou polo membro da Xunta de Goberno que designase aquel. Os seus acordos terán o carácter de propostas, que haberán de ser dirixidas á Xunta de Goberno para a súa aprobación ou desestimación.

Artigo 59º

1. A Xunta de Goberno poderá propoñe-la designación de delegados en todas aquelas localidades ás que alcance a súa xurisdicción e nas demarcacións que se estime conveniente, e poderá suprimilas cando o considere oportuno.

2. Os delegados, se os houbese, serán propostos á Xunta de Goberno por votación levada a cabo polos colexiados radicados na demarcación da que se trate; deberá recae-lo nomeamento nun graduado social en exercicio, e o cargo terá unha duración de catro anos, con posibilidade de reelección sen límite.

3. Corresponde ós delegados, se os houbese, a legal representación do colexio no ámbito da súa demarcación territorial e sempre que non estea representada a Xunta de Goberno ou o seu presidente, seguindo as instruccións e normas da súa Xunta de Goberno; serán da súa competencia todas aquelas funcións que lle asigne a Xunta de Goberno; asistirán a tódolos actos de carácter oficial e corporativo nos que deba estar presente o colexio; e coidarán de informa-la Xunta de Goberno das necesidades, aspiracións e problemas profesionais e corporativos dos colexiados da súa demarcación, ós que reunirá coa frecuencia debida para darlles traslado das informacións da vida colexial.

Capítulo IV

Das xuntas xerais

Artigo 60º

As xuntas xerais do colexio, que poden ser ordinarias ou extraordinarias, son o órgano supremo de decisión colexial. Intégranas a totalidade dos graduados sociais adscritos ó colexio que gocen plenamente dos seus dereitos.

Artigo 61º

1. A Xunta Xeral ordinaria reunirase dentro do primeiro trimestre de cada ano para tratar, como mínimo, os asuntos seguintes:

1º Lectura e aprobación, se é o caso, da acta da xunta anterior.

2º Exame e aprobación, se é o caso, da memoria anual.

3º Exame e votación do balance e contas anuais de ingresos e gastos e do orzamento para o exercicio.

4º Exposición polo presidente da actuación e desenvolvemento do colexio durante o ano anterior, e do estado no que están as xestións realizadas en defensa dos intereses dos colexiados.

5º Proposicións da Xunta de Goberno.

6º Proposicións, rogos e preguntas dos colexiados.

7º Elección de cargos vacantes, cando procedese e salvo que a Xunta de Goberno acordase convocar para iso unha xunta extraordinaria co único obxecto de realizala separadamente.

2. O Consello Xeral ou, se é o caso, o Consello de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, poderá autorizar que a realización da Xunta Xeral ordinaria teña lugar durante o segundo trimestre do ano, se concorre causa bastante para iso e por petición da Xunta de Goberno respectiva.

Artigo 62

1. As proposicións dos colexiados ante a Xunta Xeral ordinaria deberán ser entregadas á Xunta de Goberno, para que esta as examine e forme criterio sobre elas, cunha antelación mínima de cinco días hábiles respecto da data na que debe realizarse a reunión, e haberán de levar como mínimo a sinatura de dez colexiados, dos que polo menos sete serán exercentes. A Xunta Xeral acordará, despois da súa lectura, se procede ou non discuti-las proposicións así formuladas.

2. Dos requisitos anteriores exceptúanse as proposicións incidentais e de orde que se presenten durante a realización da xunta por un ou varios asistentes, sobre a procedencia das cales resolverá o que presida.

Artigo 63º

1. As convocatorias ás xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias faranse sempre por escrito e enviarase a cada un dos colexiados polos medios que habitualmente se utilicen no colexio.

2. A convocatoria deberá cursarse polo menos con oito días hábiles de antelación á realización daquelas. En caso de urxencia, a xuízo da Xunta de Goberno ou do presidente, poderá reducirse este prazo a cinco días hábiles.

Artigo 64º

1. As xuntas xerais extraordinarias convocaranse por iniciativa da Xunta de Goberno ou ben por medio solicitude por escrito dunha terceira parte dos

colexiados, na que expresarán as causas que xustifiquen a petición, dirixida á Xunta de Goberno e puntualizando os asuntos concretos que teñan que estudiarse, con excepción de calquera outro.

2. A Xunta de Goberno só poderá denega-la convocatoria cando a petición que cumpra os requisitos expresados, sexa contraria á lei ou allea ós fins colexiais. Noutro caso, iniciará os debates o primeiro asinante da petición.

3. A Xunta Xeral extraordinaria haberá de realizarse no prazo de trinta días naturais, computados desde o acordo da Xunta de Goberno ou desde a presentación da solicitude.

Artigo 65º

1. As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias realizaranse sempre no día e na hora sinalados, ben sexa en primeira convocatoria, de asistir como mínimo a metade máis un dos colexiados, ou en segunda, trinta minutos despois, calquera que sexa o número dos asistentes.

2. O presidente dirixirá os debates, poderá conceder ou suspende-lo uso da palabra, e chamará á orde ós colexiados que se excedesen na extensión ou alcance das súas discusións, que non se cinguisen á materia discutida ou faltasen ó respecto á súa autoridade, a algún compañeiro, á xunta ou á asemblea, e poderá expulsar do local a quen, chamado á orde dúas veces, llo desobedecese.

3. Como regra xeral, nos temas que sexan obxecto de debate só se permitirán, como máximo, dúas quendas en pro e dúas en contra, salvo nos asuntos de excepcional interese a criterio do presidente.

4. As xuntas xerais non se darán por rematadas mentres non se discutisen e se tomase acordo sobre tódolos puntos da orde do día. Sen embargo, salvo os casos de elección para cargos da Xunta de Goberno, poderá suspendelas quen as presida cando as sesións se prolonguen máis de catro horas, e continuarán o mesmo día ou o seguinte hábil.

Artigo 66º

1. As votacións realizadas nas xuntas xerais serán de tres clases: ordinaria, nominal e por papeleta. Entenderase que existe unanimidade nunha votación, cando ó pregunta-lo presidente se se aproba o asunto sometido a debate, ningún colexiado manifeste o contrario. En todo caso, o presidente poderá propoñer que se realice votación.

2. A votación ordinaria verificarase levantándose primeiro os que aproben a cuestión que se debate, e despois, os que a desaproben, e efectuarase sempre que a pida un colexiado.

3. A votación nominal realizarase dicindo cada colexiado asistente os seus dous apelidos, seguido da palabra si, non ou abstención, e terá lugar cando o soliciten cinco colexiados como mínimo.

4. A votación por papeleta deberá realizarse cando afecte a cuestións persoais dun ou máis colexiados, cando a pida a terceira parte dos asistentes á xunta

ou a propoña o presidente. As votacións para o nomeamento de cargos vacantes da Xunta de Goberno serán sempre por papeletas, non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

5. En calquera votación, o sufraxio de cada colexiado en exercicio ou exercente de empresa terá o valor de dobre, mentres que o do non exercente será estimado simple.

Artigo 67º

Sen prexuízo do establecido nestes estatutos para a elección de cargos vacantes da Xunta de Goberno, o secretario da corporación será o encargado de escruta-los votos emitidos nas xuntas xerais nos demais casos, poderán auxilialo dous asistentes á reunión designados pola propia Xunta Xeral para intervir na dita función.

Artigo 68º

1. Os colexiados poden exerce-lo dereito de censura-lo presidente ou algún dos membros da Xunta de Goberno, ou esta en pleno.

2. A petición de moción de censura haberá de vir subscrita por unha terceira parte dos compoñentes do colexio e só poderá adoptarse en Xunta Xeral extraordinaria convocada expresamente con este só obxecto.

3. Para que se realice a Xunta Xeral será necesario que asistan a ela a maioría absoluta dos colexiados. A mesma maioría absoluta haberá de votar favorablemente a censura para que esta prospere.

4. Cando prospere a moción de censura, procederase a prove-los cargos vacantes de acordo co previsto para tal suposto nestes estatutos, e darase coñecemento de todo isto ó Consello Xeral e ó Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, se é o caso.

TÍTULO IV

Do réxime económico do colexio

Artigo 69º

1. O sostemento económico do colexio corresponderá ós colexiados, mediante o pagamento das cotas de entrada e mensuais que serán fixadas pola respectiva Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

2. Ademais, formarán parte dos seus ingresos:

a) Os dereitos por recoñecemento ou legalización de sinatura dos colexiados, pola expedición de certificacións e por compulsa de documentos.

b) As subvencións, donativos e bens que reciban por calquera título.

c) Os importes das prestacións de servicios ós colexiados.

d) Cantos outros recursos directos ou indirectos poidan dispoñer ou crear logo do acordo da Xunta Xeral, incluídas contribucións eventuais extraordinarias.

Artigo 70º

1. Os fondos e patrimonio do colexio investiranse exclusivamente nas atencións inherentes á súa existencia e competencias corporativas.

2. A Xunta de Goberno en pleno, agás aqueles vocais que salven expresamente o seu voto, serán responsables dos investimentos e do uso dos fondos e do patrimonio, así como dos prexuízos que a estes poidan sobrevir por incumprimento das disposicións legais, regulamentarias e estatutarias e dos acordos da Xunta Xeral, Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais e do Consello Xeral.

3. A corrección das contas e a realidade dos seus ingresos e gastos deberá ser auditada, mediante informe emitido por unha persoa externa ó colexio, debidamente habilitada, cando menos ó producirse a renovación ordinaria da maioría dos membros da Xunta de Goberno.

4. En caso de disolución do colexio, logo de cumprir tódalas obrigas pendentes, o sobrante, se o houbese, quedará a disposición do Consello Xeral ou do autonómico competente.

TÍTULO V

Do réxime de responsabilidade

dos colexiados

Capítulo I

Da responsabilidade penal

Artigo 71º

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade penal polos delictos e faltas que cometan no exercicio da súa profesión.

Capítulo II

Da responsabilidade civil

Artigo 72º

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade civil cando por dolo ou neglixencia danen os intereses que tivesen confiados no exercicio da súa profesión, será esixible esta responsabilidade conforme á lexislación ordinaria ante os tribunais de xustiza.

Capítulo III

Da responsabilidade ante os órganos

xurisdiccionais

Artigo 73º

Na súa actuación ante os órganos xurisdiccionais os graduados sociais están suxeitos ás correccións disciplinarias establecidas na Lei orgánica do poder xudicial e nas leis procesuais.

Capítulo IV

Da responsabilidade disciplinaria

Sección primeira

Faltas e sancións

Artigo 74º

As faltas cometidas polos graduados sociais poden ser moi graves, graves e leves.

Artigo 75º

Son faltas moi graves:

a) Os actos e omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión, ás regras éticas que a gobernan e ós deberes establecidos nos presentes estatutos.

b) A comisión de delictos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

c) A infracción ó réxime de incompatibilidades establecido nos estatutos.

d) O atentado contra a dignidade ou honor dos membros do Consello Xeral, do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, e da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións e contra os compañeiros no exercicio profesional.

e) A alteración maliciosa dos datos consignados en documentos que expidan ou outorguen.

f) A realización de actos de competencia ilícita ou desleal.

g) O intrusismo profesional e o seu encubrimento.

h) O exercicio das funcións profesionais sen estar dado de alta como exercente.

i) A reincidencia en falta grave.

Artigo 76º

Son faltas graves:

a) A demora, neglixencia ou descoidos reiterados no cumprimento dos deberes profesionais e corporativos que causen notorio prexuízo ou quebranto.

b) O incumprimento das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia.

c) O reiterado incumprimento da obriga de atende-las cargas colexiais salvo que constitúa falta de maior gravidade.

d) A falta de respecto, por acción ou omisión ós membros do Consello Xeral, do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, e da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.

e) A desconsideración grave a autoridades, clientes ou compañeiros no exercicio da profesión.

f) A inasistencia inxustificada a unha citación do presidente do Consello Xeral, Autonómico ou do Colexio cando iso cause grave prexuízo á corporación.

g) O incumprimento da obriga de información ó colexio acerca da utilización de medios publicitarios para dar a coñece-los seus servicios como graduado social, así como a infracción das normas que sobre

publicidade dispoñan os órganos colexiais, e a realización de publicidade sen obte-la autorización da Xunta de Goberno.

h) O incumprimento das prescricións establecidas sobre comunicación ou, se é o caso, autorización, de oficinas, sucursais ou despachos colectivos.

i) O incumprimento do deber de solicita-la venia nos termos establecidos nos presentes estatutos.

j) Os actos e omisións descritos nos puntos a), b), c), d) e f) do artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

Artigo 77º

Son faltas leves:

a) A demora ou neglixencia no desempeño das funcións profesionais que teñan encomendadas, sempre que non ocasione prexuízo ou quebranto notorio.

b) A falta de respecto ós membros de Consello Xeral, do Consello Autonómico e da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta grave ou moi grave.

c) Os actos enumerados no artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como graves.

Artigo 78º

As sancións que poden impoñerse son:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por prazo superior a seis meses sen exceder de dous anos.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por prazo superior a seis meses sen exceder de dous anos.

c) Expulsión do colexio.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a seis meses.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo non superior a seis meses.

3. Por faltas leves:

a) Reprensión privada.

b) Apercibimento por escrito.

Sección segunda

Procedemento

Artigo 79º

1. Corresponde á Xunta de Goberno a incoación do expediente disciplinario e o nomeamento de instructor na persoa da xunta en quen se delegue e, se é o caso, do secretario.

2. A imposición de sancións é da exclusiva competencia da Xunta de Goberno, que adoptará os seus acordos por maioría de votos emitidos secretamente entre os membros presentes en sesión convocada

para o efecto, excluído o membro da Xunta de Goberno que realizase a función de instructor do expediente.

3. A sanción que se impoñerá por falta moi grave debe ser adoptada pola Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros compoñentes dela. O membro da xunta que, inxustificadamente, non concorrese deixará de pertencer ó órgano rector do colexio.

Artigo 80º

1. As facultades disciplinarias en relación cos membros das xuntas de goberno do Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra corresponden ó Consello de Colexios de Galicia ou, noutro caso, ó Consello Xeral.

2. Contra os acordos do Consello de Colexios de Galicia ou do Consello Xeral, nos casos previstos nos parágrafos precedentes, caberá recurso de reposición ante o propio consello, como previo ó recurso contencioso-administrativo.

Artigo 81º

Na imposición das sancións deberase garda-la debida proporción entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, considerarase especialmente a existencia de intencionalidade ou reiteración e a natureza dos prexuízos causados, como criterios para a gradación da sanción.

Artigo 82º

1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. As sancións que impliquen suspensión do exercicio da profesión ou expulsión dun colexio terán efectos no ámbito de tódolos colexios de graduados sociais de España, para o fin dos cales haberán de ser comunicadas ó Consello Xeral para que este as traslade ós demais colexios, que se absterán de incorporar ou habilita-lo sancionado mentres estea vixente a sanción.

Artigo 83º

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, a morte do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

2. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción quedará en suspenso para ser cumprida se o colexiado causase novamente alta no colexio.

Sección terceira

Prescrición

Artigo 84º

1. As faltas moi graves prescribirán ós tres anos, as graves ós dous anos e as leves ós seis meses.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese ou desde que a Xunta de Goberno ou o consello correspondente tivesen coñecemento da súa comisión.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento sancionador, e proseguirase de novo o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis de dous meses por causa non imputable ó colexiado inculpado.

Artigo 85º

1. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán ós tres anos, as impostas por faltas graves ós dous anos e as impostas por faltas leves ós seis meses.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer de novo o prazo se aquel está paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ó colexiado sancionado.

4. O prazo de prescrición da sanción cando o colexiado sancionado quebranta o seu cumprimento comezará a contarse desde a data do quebrantamento.

Sección cuarta

Anotación de correccións e sancións

disciplinarias

Artigo 86º

1. As correccións disciplinarias que impoñan os xulgados ou tribunais ó graduado social faranse constar no expediente persoal deste, salvo que, por causa xustificada, a Xunta de Goberno non o considere procedente.

2. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal.

Sección quinta

Cancelación de sancións disciplinarias

Artigo 87º

1. A anotación das sancións de reprensión privada e apercibimento por escrito quedarán canceladas polo transcurso do prazo de seis meses desde que adquiriu firmeza, se durante ese tempo non dese lugar o sancionado a outro procedemento disciplinario que remate coa imposición de sanción.

2. A anotación da sanción de suspensión poderá cancelarse, a instancias do interesado, cando transcorresen polo menos dous ou catro anos desde a imposición firme da sanción, segundo se trate de falta grave ou moi grave, e se durante este tempo non dese lugar o sancionado a novo procedemento disciplinario que remate coa imposición de sanción.

3. O colexiado sancionado coa expulsión do colexio poderá solicitar da Xunta de Goberno a rehabilitación cando transcorresen polo menos seis anos dende a imposición firme da sanción. Para tal efecto, instruirase o oportuno expediente, con audiencia do interesado, que resolverá á Xunta de Goberno de forma motivada en votación secreta, para o cal será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros.

TÍTULO VI

Do réxime dos acordos e a súa impugnación

Artigo 88º

Os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do colexio, e as decisións do presidente e demais membros dos órganos colexiados, dictadas no exercicio das súas funcións, serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou se refira ó réxime disciplinario dos colexiados.

Artigo 89º

1. En cada colexio levaranse obrigatoriamente dous libros de actas onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Xunta Xeral e á Xunta de Goberno.

2. As actas serán asinadas polo presidente ou por quen lle substituíse na presidencia e polo secretario ou quen desempeñase as súas funcións.

Artigo 90º

1. Os acordos ou decisións do presidente e dos demais membros da Xunta de Goberno poderán ser obxecto de recurso ante esta no prazo de quince días, que se contarán desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación ós colexiados ou persoas a quen afecte. A Xunta de Goberno deberá resolver de forma expresa a impugnación no prazo de quince días, e considerarase desestimada se transcorre o citado prazo sen que se resolva.

2. Contra a resolución expresa ou presunta do referido recurso caberá interpoñer recurso ordinario na forma prevista no artigo seguinte.

Artigo 91º

1. Os acordos adoptados pola Xunta de Goberno do Colexio de Pontevedra poderán ser obxecto de recurso ordinario ante o Consello de Colexios de Galicia ou, se é o caso, ante o Consello Xeral dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación ós interesados.

2. O recurso presentarase ante a Xunta de Goberno que dictou o acordo, que deberá remitilo ó consello correspondente no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

3. A interposición do recurso deberá expresar:

a) O nome e apelidos do recorrente así como a identificación do medio e, se é o caso, do lugar que se sinale para efectos de notificacións.

b) O acto que se recorre e a razón da súa impugnación.

c) Lugar, data e identificación persoal do recorrente.

d) Órgano ó que se dirixe.

e) As demais particularidades esixidas no seu caso polas disposicións específicas.

4. O consello, tralos informes que estime convenientes, deberá dictar resolución expresa estimando en todo ou en parte, ou desestimando as pretensións formuladas neste, ou declarando a súa inadmisión, dentro dos tres meses seguintes á súa interposición, e considerarase que en caso de silencio queda denegado.

5. O consello, ó resolve-lo recurso, decidirá cantas cuestións, tanto de forma como de fondo, presente o procedemento, fosen ou non alegadas polo recorrente, con audiencia previa neste último caso. A resolución será congruente coas peticións formuladas polo recorrente sen que en ningún caso poida agravarse a súa situación inicial.

Artigo 92º

1. A interposición do recurso, excepto nos casos nos que unha disposición estableza o contrario, non suspende a execución do acto impugnado, se ben o consello, logo dunha ponderación, suficientemente razoada, entre o prexuízo que causaría ó interese colexial ou a terceiros a suspensión e o prexuízo que se causa ó recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto obxecto de recurso, poderá suspender de oficio ou por solicitude do recorrente a execución do acto obxecto de recurso cando esta poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación, ou a impugnación se fundamente nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito previstas no artigo 94º destes estatutos.

2. O acordo de suspensión deberá adoptarse no prazo de trinta días contados desde a solicitude, e entenderase concedida se transcorre o referido prazo sen dictarse resolución expresa.

Artigo 93º

1. Os acordos da Xunta Xeral poderán ser obxecto de recurso pola Xunta de Goberno ou por calquera colexiado con interese lexítimo ante o Consello de Colexios de Galicia ou, se é o caso, ante o Consello Xeral no prazo dun mes desde a súa adopción.

2. Se a Xunta de Goberno entendese que o dito acordo é gravemente prexudicial para os intereses do colexio ou contrario ó ordenamento xurídico, poderá, no momento de formula-lo recurso previsto no parágrafo anterior, suspender inmediatamente a execución daquel, que deberá ratificar ou deixar sen efecto o consello correspondente no prazo de dez días.

Artigo 94º

1. Os actos dos órganos colexiais son nulos de pleno dereito nos casos seguintes:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os dictados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se dicten como consecuencia desta.

e) Os dictados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ó ordenamento xurídico polos que se adquiran facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

3. O defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanza-lo seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

4. A realización de actuacións fóra do tempo establecido para elas só implicará a anulabilidade do acto cando así o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 95º

Os actos das xuntas xerais, e da Xunta de Goberno do colexio, en canto estean suxeitos ó dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, poden ser directamente obxecto de recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa, logo da comunicación ó órgano que dictou o acto impugnado.

Artigo 96º

1. As notificacións dos acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, e as decisións do presidente e demais membros dos órganos colexiados practicaranse na forma prevista na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os prazos expresados en días enténdese que son hábiles, excluiranse do cómputo os domingos, os declarados festivos e o mes de agosto.

3. En todo o non expresamente regulado rexe como supletoria a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

TÍTULO VII

Das relacións coas administracións

Artigo 97º

1. O Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra relacionarase coa Comunidade Autónoma, no marco da cooperación de acordo coa Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO VIII

Honores

Artigo 98º

1. Créanse os títulos de presidente de honor e colexiado de honor, que poderán ser conferidos pola Xunta de Goberno en votación que precisará o acordo da maioría absoluta de tódolos seus compoñentes, para premia-los méritos que, no exercicio da profesión, contraian os colexiados e os servicios relevantes que lle presten as persoas ou colectividades alleas ó colexio. Ámbolos dous títulos terán carácter vitalicio.

2. Os ex presidentes e as persoas que ostenten o título de presidente de honor terán dereito, nos actos públicos do colexio, a usar toga cos símbolos que distinguen ó presidente, e a ocupar nestes un lugar preferente.

TÍTULO IX

Extinción e liquidación do colexio

Artigo 99º

A extinción do colexio requirirá o acordo unánime dos seus membros adoptado en Xunta Xeral convocada para o efecto e ratificado pola disposición legal correspondente. A liquidación levarase a cabo conforme ás disposicións legais vixentes e prescricións contidas no acordo de disolución adoptado pola Xunta Xeral á que se refire o parágrafo anterior.

Disposicións transitorias

Primeira.-Respectaranse as situacións creadas e os dereitos adquiridos consonte o réxime anteriormente en vigor, sempre que non se opoñan ó disposto nos presentes estatutos.

Segunda.-A Xunta de Goberno queda facultada para a adaptación da súa actual composición ás prescricións do artigo 42.2º destes estatutos sen máis limitacións que as derivadas da duración máxima de catro anos prevista para os seus cargos.

Disposición adicional

Os presentes estatutos enténdense sen prexuízo do que sobre esta materia, de acordo coa Constitución, coa lexislación do Estado e co Estatuto de autonomía, regule a Comunidade Autónoma de Galicia.