Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 24 de abril de 2003 Páx. 5.146

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 9 de abril de 2003 pola que se crea a Unidade de Referencia do Catálogo Central de Productos do Servicio Galego de Saúde.

O Servicio Galego de Saúde promove, con carácter corporativo, un sistema integral de aprovisionamento orientado a dota-los servicios de Compras e Subministracións de tódolos seus centros de gasto, de atención especializada e atención primaria, de sistemas comúns de organización, formación, información e tratamento de datos.

Neste sistema enmárcanse as actuacións relativas á elaboración e publicación do Manual de Organización dos Servicios de Compras e Subministros para Hospitais do Sergas 1996, a creación da Comisión Técnica de Subministracións (Orde do 31 de xullo de 1997), dependente da Subdirección Xeral de Orzamentos da División de Recursos Económicos do Sergas (artigo 15.3º do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro), a implantación en tódolos centros dunha aplicación informática para xestión de compras e subministracións con módulos adicionais para xestión de depósitos, emprego da tecnoloxía de códigos de barras no servicio ás unidades asistenciais, e emprego da tecnoloxía da Internet para comunicación dos centros cos provedores.

Sen incluír productos farmacéuticos e hemoderivados, o Sergas ten rexistradas máis de cen mil referencias comerciais de productos distintos nos seus centros, que corresponden a máis de dous mil cincocentos provedores. Dado o anterior, a análise de forma conxunta, homoxénea e comparable de toda esta información resultaba difícil, pois o mesmo producto era denominado e clasificado de forma diferente por cada centro.

Para resolver esta situación, naceu o proxecto de Catalogación Central de Productos, co obxectivo xeral de dispoñer dunha terminoloxía común para tódolos centros dependentes do Sergas, establecendo unha clasificación xerarquizada, troncal, con detalle sobre os productos, un sistema de denominación única por producto, con absoluta independencia de nomes comerciais, e codificación única para o Sergas.

Cada producto catalogado leva asociada información comercial sobre os provedores que os comercializan, xa sexan fabricantes, importadores ou distribuidores, a imaxe do producto, as referencias comerciais, marcas, modelos, códigos de barras en estándar EAN asociados ós productos, así como a información necesaria para a xestión de compras realizada de forma particular polos centros de gasto.

O Catálogo Central de Productos do Sergas é un completo sistema de información sobre os productos comprados e consumidos, orientado a facilitar unha cultura común e a incrementa-la eficiencia na xestión destes materiais nos centros do Sergas.

Este catálogo de productos está domiciliado na División de Recursos Economicos do Sergas, e aproveita e vese favorecido pola política establecida no Sergas de desenvolvemento de plataformas tecnológicas, de comunicacións e de sistemas de información de carácter corporativo. Isto permite que tódolos centros da organización, independentemente do seu tamaño, medios ou localización xeográfica dispoñan de ferramentas de xestión comúns, e todos eles teñan acceso ós medios dispoñibles para a consulta e utilización do catálogo central.

O fin último do proxecto é a utilización do catálogo central como único catálogo de referencia en cada centro do Sergas, respectando en tódolos centros a

información histórica e a súa autonomía de contratación, decisión e xestión sobre compras e consumos.

O proxecto realízase mediante procesos de vinculación ó catálogo central, substituíndo en cada centro a catalogación propia pola clasificación e codificación do catálogo central. Con cada centro planifícase a vinculación de forma individualizada, mediante acordo na decisión de vinculación, establecendo equivalencias entre o catálogo particular do centro e o catálogo central, recodificando a base de datos do centro, e utilizando os procedementos definidos na Intranet do Sergas para altas e modificacións posteriores de catálogo.

Por todo isto, en exercicio das facultades conferidas no artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación da Unidade de Referencia do Catálogo Central de Productos do Servicio Galego de Saúde.

1. Por esta orde créase a Unidade de Referencia do Catálogo Central de Productos do Servicio Galego de Saúde, dependente da División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

2. A Unidade de Referencia terá como obxecto a implantación do Catálogo Central de Productos en tódolos centros do Sergas, como única base de datos con definición común sobre os productos consumibles que se utilizan na actividade asistencial dos seus centros dependentes.

Artigo 2º.-Composición.

1. A Unidade de Referencia do Catálogo Central de Productos do Sergas estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente: o subdirector xeral de Orzamentos da División de Recursos Económicos do Sergas.

b) Secretario: o xefe de Servicio de Aprovisionamento da Subdirección Xeral de Orzamentos da División de Recursos Económicos do Sergas.

c) Vocais:

-O coordinador da Catalogación Central de productos no Servicio de Aprovisionamento da División de Recursos Económicos do Sergas.

-Un representante designado polo Servicio de Informática dependente da Secretaría Xeral do Sergas.

-Os responsables de catalogación nos centros sanitarios, en calidade de vocais designados polo director xeral da División de Recursos Económicos, ata un máximo de catro.

2. Os vocais ós que se refire a alínea anterior desempeñarán os seus cometidos relativos ó catálogo central principalmente nos seus propios centros de pertenza.

Artigo 3º.-Funcións.

1. A dirección e o desenvolvemento do programa de Catalogación central no Sergas compételle ó Servicio de Aprovisionamento da Subdirección Xeral de Orzamentos da División de Recursos Económicos do Sergas.

2. Á Unidade de Referencia do Catálogo central de Productos do Sergas correspóndelle a execución das seguintes funcións:

2.1. A través do coordinador do Catálogo Central no Servicio de Aprovisionamento:

a) Planificación dos procesos de vinculación.

b) Definición final de equivalencias previas á vinculación.

c) Comunicación cos provedores dos centros sobre características de productos.

d) Catalogación final de productos, provedores e información comercial asociada.

e) Publicación e actualización permanente do catálogo central.

f) Coordinación das actividades dos colaboradores designados e supervisión da aplicación práctica dos procedementos de vinculación establecidos.

2.2. A través dos vocais designados nos centros sanitarios:

a) Atender, en primeira instancia, as demandas dos centros vinculados.

b) Análise das solicitudes de alta e/ou modificacións de catalogación de productos, provedores e fichas comerciais.

c) Proposta de alta ou modificación en resposta a cada solicitude, de forma rápida e exacta.

d) Proposta de resolución das dúbidas ou discrepancias que susciten as decisións e criterios de catalogación central.

3. Nas reunións e actividades da unidade de referencia poderán participar e colaborar, convocados polo presidente, expertos técnicos que por razón da súa actividade e dos seus coñecementos teñan relación cos temas que se van tratar. A duración desta colaboración virá determinada pola da reunión ou actividade á que sexan convocados.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Servicio Galego de Saúde habilitará os medios necesarios para o cumprimento do disposto nesta orde, e disporá a utilización de programas e procedementos específicos, así como da rede informática do Sergas.

Segunda.-No non previsto nesta orde seranlle de aplicación á Unidade de Referencia do Catálogo Central de Productos do Sergas as normas relativás ó funcionamento dos órganos colexiados, contidas no capítulo segundo do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999),

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral da División de Recursos Económicos do Sergas para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2003.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade