Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 24 de abril de 2003 Páx. 5.138

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos.

Os decretos 8/2003, do 18 de xaneiro e 23/2003, do día 20 do mesmo mes, estableceron, respectivamente, a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta, estructurándoa nas secretarías xerais, direccións xerais ou órganos de igual categoría que son necesarios para o cumprimento dos fins que a nova estructura comporta e adscribíndolle-los organismos autónomos ou entes públicos pertinentes.

O artigo 5 do segundo decreto citado fixou a estructura orgánica básica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Polo tanto, para os efectos de establece-lo marco xurídico-administrativo no que a dita consellería debe desenvolve-los seus cometidos, procede agora establece-la nova estructura ata o nivel de xefatura de servicio distribuíndo as funcións asignadas dun modo racional para así conferi-la máxima eficacia no seu exercicio.

A estructura orgánica que aproba este decreto está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1º.1 da Constitución española e 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma galega para organiza-las súas institucións de goberno e atende ós principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1º do texto fundamental, deben presidi-la actuación administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, tralo informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Organización xeral

Artigo 1º.-Ámbito competencial.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da investigación, desenvolvemento e innovación, industria, enerxía, minería, artesanía, comercio interior e exterior, con

sumo, telecomunicacións e sociedade da información e do coñecemento, así como a planificación, en colaboración coa consellería competente en materia de política territorial, das infraestructuras dos servicios industriais do solo empresarial e residencial, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

O exercicio das devanditas competencias realizarase sen prexuízo das que teñan atribuídas outras institucións nas mesmas materias, mediante o establecemento dos mecanismos de coordinación que, para estes efectos, resulten oportunos.

Artigo 2º.-Órganos directivos.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio estructúrase, para o desempeño das súas funcións, nos seguintes centros directivos:

1. O conselleiro.

2. A Secretaría Xeral.

3. A Dirección Xeral Investigación e Desenvolvemento.

4. A Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

5. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

6. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

7. As delegacións provinciais.

TÍTULO II

Servicios centrais

Capítulo I

Artigo 3º.-O conselleiro.

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e polo artigo 30 da Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Capítulo II

Da Secretaría Xeral

Artigo 4º.-Atribucións.

A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con tódalas unidades e servicios da consellería e, en particular:

a) O asesoramento e coordinación de tódolos servicios da consellería.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudios técnicos e xurídicos que se lle soliciten en relación cos asuntos dos que coñezan a consellería ou os organismos autónomos adscritos a ela.

c) A preparación de métodos de organización interna e sistemas de información para a racionalización e mellora dos sistemas de traballo dos servicios da consellería.

d) A asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de tódolos órganos da consellería e das unidades dependentes dela para automatizar, axilizar e mellora-lo seu funcionamento, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública nesta materia. Para estes efectos, terá as seguintes funcións:

1. Administración de sistemas, incluíndo a súa instalación, mantemento e actualización.

2. Atención ós usuarios e formación destes.

3. Detección de oportunidades de novos desenvolvementos, planificación e execución deles e xestión e mantemento dos desenvolvementos en fase de explotación.

4. Definición e cumprimento das políticas de seguridade e protección de datos, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública nesta materia.

5. Avaliación e coordinación das demandas de desenvolvemento informático das diversas unidades.

e) A tramitación da remisión dos asuntos que deban someterse ó Consello da Xunta de Galicia ou ás comisións delegadas, así como a das disposicións e actos administrativos que deban publicarse no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.

f) A representación da consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

g) A actuación como órgano de comunicación con outras consellerías en materias relacionadas coas súas funcións e competencias.

h) As demais que lle atribúa o ordenamento xurídico vixente e aqueloutras que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular da consellería.

Artigo 5º.-Estructura.

A Secretaría Xeral estructúrase, para o exercicio das súas funcións e baixo a superior dirección do secretario xeral, nas seguintes unidades:

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirector xeral, que exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión de tódolos asuntos relacionados co persoal da consellería, tanto funcionario como laboral, sen prexuízo das atribucións que correspondan ós órganos competentes das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda.

b) A elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamento, modificacións de crédito e o seguimento da súa execución, en coordinación cos órganos afectados.

c) A xestión do Rexistro Xeral de Contratistas e maila tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

d) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

e) A organización, dirección e control do Rexistro Xeral de Documentos e do Arquivo da consellería.

f) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servicios da consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos dela.

g) A atención e coidado do réxime interno das dependencias da consellería, así como a administración e conservación dos bens mobles e inmobles que ten adscritos.

h) A dirección dos servicios de información administrativa da consellería e a coordinación dos sistemas de información dela, en coordinación coa Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

i) O desempeño de tódalas funcións que teña encomendadas a consellería en relación coas fundacións de índole galega sobre as que exerza o protectorado.

j) Aqueloutras que lle encomende o secretario xeral.

Da Vicesecretaría Xeral dependen as seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio:

1.1. Servicio de Xestión Orzamentaria e Persoal.

1.2. Servicio do Rexistro Xeral de Contratistas e Contratación.

2. O Servicio Técnico-Xurídico, baixo a dependencia orgánica e funcional do secretario xeral, que desenvolverá as seguintes funcións:

a) O estudio e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os distintos centros directivos da consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

b) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición e de revisión, dos procedementos de revisión de oficio e das reclamacións por responsabilidade patrimonial da Administración que deba resolve-lo conselleiro e a notificación das súas resolucións.

c) O estudio, preparación e informe dos asuntos que se eleven ó Consello da Xunta de Galicia.

d) A asistencia ó secretario xeral para o estudio e preparación das reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

e) A coordinación da publicación nos diarios oficiais das disposicións e actos administrativos dos distintos órganos da consellería que deban publicarse neles.

f) A elaboración dos estudios xurídicos, resolucións, informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados polo secretario xeral.

g) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

h) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos nos que a consellería sexa parte interesada.

3. A Asesoría Xurídica da consellería e maila Intervención Delegada adscríbense organicamente á secretaría xeral con nivel orgánico de subdirección xeral. Estas unidades administrativas dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Capítulo III

Das direccións xerais

Sección primeira

Dos directores xerais

Artigo 6º.-Os directores xerais.

Os directores xerais son os titulares dos órganos directivos encargados da xestión dunha ou varias áreas funcionalmente homoxéneas da consellería. Para tal efecto, correspóndelles:

a) Propoñe-los proxectos da súa dirección xeral para acada-los obxectivos establecidos polo conselleiro, dirixi-la súa execución e controla-lo seu cumprimento.

b) Exerce-las competencias atribuídas á dirección xeral e as que lle sexan desconcentradas ou delegadas.

c) Propoñerlle, nos restantes casos, ó conselleiro a resolución que considere procedente sobre os asuntos que afecten ó órgano directivo.

d) Impulsar e supervisa-las actividades que forman parte da xestión ordinaria do órgano directivo e velar polo bo funcionamento dos órganos e unidades dependentes e do persoal integrado neles.

e) Coordina-las actuacións das delegacións provinciais da consellería no ámbito da súa competencia para homoxeneiza-lo seu funcionamento e maila interpretación e aplicación da normativa.

f) Xestiona-los programas comunitarios, estatais e autonómicos residentes na dirección xeral.

g) As demais atribucións que lle confiran as leis e regulamentos.

Sección segunda

Da Dirección Xeral de Investigación

e Desenvolvemento

Artigo 7º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento correspóndelle a ordenación, planificación,

coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei estatal 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica e na Lei galega 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; a xestión do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica; a presidencia do Consello de Administración da sociedade anónima Centro de Supercomputación de Galicia e a xestión e utilización da rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga), con capacidade para deseñar modificacións e ampliacións dela, en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 8º.-Estructura.

A Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Subdirección Xeral de Planificación e Xestión Técnica, que exercerá a Secretaría Xeral do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e terá atribuídas as seguintes funcións:

a) A coordinación dos recursos de investigación, a planificación dos asuntos relacionados coa consecución da calidade total no sistema ciencia-tecnoloxía-sociedade e o desenvolvemento dos servicios comúns de apoio á comunidade científica.

b) O apoio ós órganos previstos na Lei de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

c) A asistencia á Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga).

d) A realización do seguimento do actual Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e dos traballos previos necesarios para elabora-lo seguinte plan.

e) O coñecemento da situación das investigacións e programas e dos proxectos nos que participan os centros e institucións de Galicia.

f) A elaboración dos anteproxectos derivados do contido da Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, así como a proposta de financiamento e a valoración económica do plan.

g) A planificación da creación e maila realización do seguimento dos centros tecnolóxicos.

h) O apoio á creación de novas empresas (spin-off).

i) A xestión de iniciativas e recursos comunitarios de I+D.

j) A elaboración de propostas e, se é o caso, a execución de plans específicos de apoio á formación e actualización de investigadores e tecnólogos.

k) O fomento e a coordinación das actuacións destinadas á dotación de infraestructuras científico-técnicas e de material bibliográfico de apoio á investigación de Galicia.

l) As relacións cos órganos nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

m) O desempeño das accións precisas para a difusión de coñecementos, sensibilización social, información e promoción da ciencia e tecnoloxía.

Para o desenvolvemento destas funcións contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de apoio á innovación.

1.2. Servicio de Xestión Técnica.

2. A Subdirección Xeral de Xestión Administrativa e Económica, que exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión administrativa e económica da dirección xeral e, en xeral, a correspondente ós distintos programas do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

b) O apoio ós órganos previstos na Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

c) A asistencia á Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga).

d) O rexistro de centros e institucións de investigación e investigadores.

e) A elaboración dos anteproxectos de disposicións e das propostas de resolucións administrativas no seu ámbito competencial.

f) A xestión do rexistro da dirección xeral, auxiliar do Rexistro Xeral de Documentos da Consellería de Innovación, de Industria e Comercio.

Para o desenvolvemento destas funcións contará coa seguinte unidade:

2.1. Servicio de Xestión Administrativa e Económica do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

Sección terceira

Da Dirección Xeral de Tecnoloxía

e Desenvolvemento Sectorial

Artigo 9º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial correspóndelle a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería en materia de tecnoloxía, infraestructuras da calidade e tecnolóxicas, propiedade industrial, sociedade da información e do coñecemento, telecomunicacións, innovación nos sectores industriais, programas e accións de estructuración sectorial, calidade e innovación na xestión,

deseño industrial e artesanía, así como a representación da Xunta de Galicia perante outros organismos rexionais, nacionais ou internacionais no ámbito das relacións de cooperación en materia de sociedade da información e do coñecemento e as telecomunicacións.

En todo caso, o exercicio das competencias e funcións no ámbito das telecomunicacións entenderase sen prexuízo daquelas que lle corresponden á consellería competente en materia de comunicación social no referente ás infraestructuras propias de telecomunicación, radiodifusión e televisión.

Artigo 10º.-Estructura.

A Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Subdirección Xeral de Tecnoloxía, que exercerá as seguintes funcións:

A. En materia de tecnoloxía:

a) A proposta da normativa relativa ó desenvolvemento tecnolóxico dos sectores industrias.

b) A elaboración, proposta, execución e control de programas destinados a fomenta-lo desenvolvemento de tecnoloxías propias e a incorporación de tecnoloxías da información e das comunicacións ós sectores industriais.

c) A creación e consolidación dunha eficiente infraestructura tecnolóxica ó servicio da mellora da competitividade industrial, planificando e coordinando o funcionamento dos centros tecnolóxicos e institucións dependentes da dirección xeral.

d) O fomento dos vínculos de relación entre as empresas e as entidades ofertantes de tecnoloxía.

e) A actuación como órgano de relación e participación con organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole en materia de tecnoloxía.

f) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de desenvolvemento tecnolóxico.

B. En materia de propiedade industrial:

a) A elaboración, proposta, execución e control de programas de actuación en materia de vixilancia tecnolóxica e propiedade industrial, e a xestión das funcións derivadas de acordos coa Oficina Española de Patentes y Marcas.

b) A proposta da normativa relativa á propiedade industrial.

c) A actuación como órgano de relación e participación con organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole, en materia de patentes e marcas.

d) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas, e sensibilización en materia de propiedade industrial.

C. En materia de sociedade da información e do coñecemento:

a) A proposta da normativa e a planificación relativa ó exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia de sociedade da información e do coñecemento e as telecomunicacións.

b) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a promover e fomenta-la incorporación das novas tecnoloxías da información e comunicación na sociedade galega en xeral.

c) A planificación e xestión das accións no ámbito da sociedade da información e do coñecemento e a súa promoción no conxunto da sociedade galega, así como a coordinación e seguimento das actuacións de calquera organismo da Xunta de Galicia que, no exercicio das súas competencias específicas, teña incidencia no ámbito do desenvolvemento das infraestructuras de telecomunicacións e da sociedade da información e do coñecemento.

d) A actuación como órgano de coordinación e participación dos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole, en materia de sociedade da información e do coñecemento e as telecomunicacións no ámbito competencial da Xunta de Galicia.

e) A planificación e desenvolvemento das actividades do Observatorio Tecnolóxico de Galicia, como órgano oficial de referencia dos diferentes sectores económicos para o seguimento da información e os indicadores das medidas das que ten atribuída a súa execución a dirección xeral.

Contará para iso coa seguinte unidade:

1.1. Servicio de Planificación Industrial e Fomento Tecnolóxico.

2. A Subdirección Xeral de Desenvolvemento Sectorial, que desempeñará as seguintes funcións:

A. En materia de innovación industrial e estructuración sectorial:

a) A elaboración, proposta, execución e control dos plans de desenvolvemento sectorial de estructuración dos conglomerados ou clusters industriais, entre eles o naval, téxtil, automoción e madeira.

b) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomenta-la cooperación e coordinación de sectores ou conglomerados industriais, así como o asociacionismo e as fórmulas de colaboración multisectorial para engadir unha maior competitividade.

c) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a incentiva-la innovación nas actividades industriais e a mellora da competitividade empresarial.

d) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en áreas de cooperación industrial e competitividade.

B. En materia de calidade e innovación na xestión:

a) A proposta da normativa relativa á normalización, certificación, calidade e innovación na xestión.

b) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de calidade e innovación na xestión.

c) A promoción das actividades de normalización e certificación de empresas e productos industriais.

d) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos plans de sensibilización, divulgación e formación en materia de calidade empresarial.

e) A elaboración, proposta, coordinación, execución, control e difusión de actuacións encamiñadas a deseñar novos instrumentos de mellora da xestión e excelencia empresarial.

f) A programación, realización, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de calidade e innovación na xestión.

g) A coordinación das infraestructuras de apoio á calidade.

h) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, relacionados coa calidade e innovación na xestión.

C. En materia de deseño industrial:

a) A proposta da normativa relativa ó deseño industrial.

b) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados ó desenvolvemento do deseño industrial.

c) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos plans de sensibilización, divulgación e formación en materia de deseño industrial.

d) A programación, realización, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de deseño industrial.

e) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de deseño industrial.

D. En materia de artesanía:

a) A proposta da normativa relativa á artesanía.

b) A elaboración, execución e seguimento de estudios e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.

c) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de artesanía.

d) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

e) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

Contará coa seguinte unidade:

2.1. Servicio de Xestión e Cooperación Empresarial.

Sección cuarta

Da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas

Artigo 11º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas correspóndelle a planificación, coordinación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, solo, enerxía e minas.

Artigo 12º.-Estructura.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Subdirección Xeral de Administración Industrial, que desempeñará as seguintes funcións:

a) A proposta de normativa relativa á industria, establecementos, equipamentos, aparellos e productos industriais e de vehículos de motor e fraudes na subminstración de auga, gas e electricidade.

b) A planificación, coordinación, execución e control das actuacións relativas á instalación, ampliación e traslado de industrias, á seguridade dos establecementos, equipamentos, aparellos e productos industriais e de vehículos de motor, así como o contraste de metais preciosos.

c) A coordinación e seguimento de actuacións das entidades de inspección e control regulamentario na aplicación das regulamentacións técnicas e normas de seguridade industrial.

d) A dirección e seguimento de tódalas actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

e) A coordinación, execución, se é o caso, e control das actuacións relativas á subministración e distribución de productos petrolíferos e de consumo de enerxía e auga.

f) A xestión dos rexistros de establecementos industriais, de instalacións de venda polo miúdo de gasolinas e gasóleos de automoción, de instalacións de riscos especiais, radiactivos e químicos e demais rexistros especiais que sexan da súa competencia.

g) A elaboración, de forma coordinada coa consellería competente en materia de política territorial, de plans, propostas e informes en relación coa creación e dotación de solo industrial, así como o desenvolvemento e execución de actuacións de modernización e dotación de servicios avanzados no solo empresarial e residencial.

h) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de industria.

i) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, relacionados con materias da súa competencia.

j) A avaliación e tramitación das licencias, autorizacións e permisos relativos ás instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías e raios X con fins de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

k) A planificación, coordinación, execución e control das actuacións relativas a metroloxía legal, autorizacións de entidades públicas e privadas, desenvolvemento de actividades de vixilancia e inspección e xestión do rexistro de control metrolóxico.

l) A xestión da Oficina de Tramitación Única de Industrias, creada polo Decreto 223/1998, do 24 de xullo.

Contará para isto coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Administración Industrial.

1.2. Servicio de Seguridade Industrial.

2. A Subdirección Xeral de Enerxía, que desempeñará as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ó réxime enerxético, á producción, transporte e distribución de enerxía e ás pólizas de abono, tarifas e dereitos de conexión.

b) A elaboración, proposta e execución dos plans e proxectos enerxéticos.

c) A elaboración, proposta e execución e apoio dos plans e proxectos nas áreas de aforro enerxético e enerxías renovables.

d) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora da infraestructura e da calidade da subministración de enerxía eléctrica, de gas natural e de productos petrolíferos.

e) A xestión de autorizacións e rexistro de instalacións.

f) A realización de estudios e estatísticas enerxéticas.

g) A cooperación e coordinación de actuacións co Instituto Enerxético de Galicia.

Contará coas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Infraestructuras Enerxéticas.

2.2. Servicio de Enerxías Renovables.

3. A Subdirección Xeral de Recursos Minerais, que exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección, coordinación e o control da execución da normativa relativa ó réxime mineiro, seguridade e policía mineira, augas minerais e termais, augas subterráneas e utilización de explosivos, así como o seu desenvolvemento lexislativo.

b) A planificación e dirección da política mineira.

c) A elaboración e seguimento de propostas e programas conducentes ó apoio do sector mineiro, á racionalización do aproveitamento dos recursos minerais e ó impulso dunha axeitada infraestructura de apoio mineiro e do desenvolvemento tecnolóxico-mineiro.

d) A coordinación dos rexistros mineiros.

e) A realización, programación e seguimento de estudios técnicos e estatísticos en materia de minería.

f) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomenta-la investigación mineira aplicada, ó desenvolvemento e innovación da minería e o funcionamento dunha eficiente infraestructura tecnolóxica.

g) A xestión do rexistro de establecementos balnearios e fomento dos aproveitamentos de augas nestes establecementos. Para tal efecto impulsará e coordinará os expedientes relativos a autorizacións industriais e sanitarias e de outorgamento de axudas dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, asumindo as funcións do portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial.

Contará coa seguinte unidade:

3.1. Servicio de Xestión Mineira.

Sección quinta

Da Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Artigo 13º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Comercio e Consumo correspóndelle a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior e exterior e consumo; a planificación e desenvolvemento das estructuras comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación; a intervención en materia de prezos sobre os que deba pronunciarse a Comisión de Prezos de Galicia e maila promoción e desenvolvemento do comercio exterior.

Artigo 14º.-Estructura.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Subdirección Xeral de Comercio exercerá as seguintes funcións:

A. En materia de comercio:

a) A proposta da normativa relativa ó comercio interior e ás cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.

b) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

c) A reforma, coordinación e mellora das estructuras e dos procesos de distribución comercial.

d) A formación e asistencia técnica ós suxeitos da actividade comercial.

e) A asistencia ós concellos en materia de establecementos e espacios comerciais.

f) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos productos galegos no mercado interior.

g) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a Comunidade Autónoma.

h) A planificación, programación e execución das actuacións destinadas a un mellor coñecemento e fomento dos productos galegos no mercado exterior.

i) A promoción e desenvolvemento do comercio exterior das empresas galegas.

j) A cooperación comercial e a colaboración con outros organismos e institucións na formulación e desenvolvemento dos programas de apoio á exportación e, en especial, coas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.

k) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.

l) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de grandes establecementos comerciais.

m) A coordinación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. As resolucións que adopte a Dirección Xeral de Comercio e Consumo no exercicio da tutela sobre as devanditas corporacións esgotarán a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo.

B. En materia de actividades feirais:

a) A proposta da normativa en materia de actividades feirais.

b) A dirección, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de actividades feirais.

c) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.

d) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da Comunidade Autónoma en feiras, exposicións e certames.

C. En materia de prezos:

a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.

b) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.

Contará para isto coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Ordenación.

1.2. Servicio de Promoción Comercial.

1.3. Servicio de Comercio Exterior.

TÍTULO III

Das delegacións provinciais

Artigo 15º.-Atribucións.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio estructúrase en catro delegacións provinciais, que desenvolven as súas funcións no ámbito territorial correspondente a cada unha das provincias da Comunidade Autónoma.

2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado provincial do que dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que se achen no ámbito territorial da súa competencia.

Os delegados provinciais dependen, orgánica e funcionalmente, do conselleiro, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do secretario xeral e dos directores xerais da consellería.

3. Os delegados provinciais exercerán, nos seus respectivos ámbitos territoriais, as competencias establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e as derivadas da desconcentración de competencias efectuada en virtude dos decretos 87 e 88/1990, ámbolos dous do 15 de febreiro, así como calquera outra competencia ou atribución que a lexislación vixente lle confira ou todas aquelas funcións que lles asigne o conselleiro.

Artigo 16º.-Estructura.

1. As delegacións provinciais, para o exercicio das súas funcións, contarán coas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:

-Secretaría.

-Servicio de Administración Industrial.

-Servicio de Enerxía e Minas.

2. A Delegación Provincial de Pontevedra ten unha oficina en Vigo, á fronte da cal existirá unha unidade co nivel orgánico de servicio.

3. As xefaturas de servicio das delegacións provinciais dependerán funcionalmente das direccións xerais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerzan os delegados, dos que dependerán organicamente.

A Secretaría Xeral poderá dictar instruccións sobre as materias de ámbito horizontal da consellería, para a debida coordinación dos distintos servicios das delegacións e un axeitado seguimento na execución orzamentaria.

Artigo 17º.-Organismos autónomos, entes de dereito público e demais órganos adscritos á Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

1. Quedan adscritos á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia:

a) O Instituto Galego de Consumo, como organismo de carácter administrativo, creado pola Lei 8/1994, do 30 de decembro.

b) O Instituto Enerxético de Galicia, como ente de dereito público, creado pola Lei 3/1999, do 11 de marzo.

2. Así mesmo, quedan adscritos á Consellería de Innovación, Industria e Comercio:

a) O Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b) A Comisión de Prezos de Galicia e a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais, a través da Subdirección Xeral de Comercio da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

c) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios e o Laboratorio de Consumo de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A competencia para inicia-los procedementos sancionadores derivados das infraccións administrativas nas materias atribuídas á Consellería de Innovación, Industria e Comercio corresponderalles ós delegados provinciais da consellería, agás que unha disposición de carácter xeral estableza outra cousa.

Non obstante, a dita competencia corresponderalle ós directores xerais competentes por razón da materia nos casos de infraccións administrativas que afecten ó ámbito territorial de dous ou máis provincias da Comunidade Autónoma de Galicia e de tramitación dun único expediente como consecuencia de infraccións cometidas por unha mesma persoa física ou xurídica en dous ou máis provincias.

2. A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores ós que fai referencia o punto anterior corresponderá:

a) Nas infraccións leves, ós delegados provinciais da consellería cando afecten unicamente ó seu respectivo ámbito territorial e ós directores xerais competentes por razón da materia nos casos contemplados no último parágrafo do punto anterior.

b) Nas infraccións graves, ó conselleiro.

c) Nas infraccións moi graves, ó Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.-O exercicio das competencias que este decreto lles outorga ós distintos órganos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio en materia de estatística entenderase sen prexuízo das atribuídas ó Instituto Galego de Estatística.

Terceira.-As referencias que a normativa vixente en materia de investigación e desenvolvemento realiza á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento entenderanse efectuadas á Consellería de Innovación, Industria e Comercio e á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, respectivamente.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 15/2002, do 29 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, o Decreto 374/1998, do 29 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Laias-Cenlle (Ourense), once de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio