Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 21 de abril de 2003 Páx. 4.971

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2003 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de seis prazas de técnicos medios de tecnoloxías da información e comunicacións.

En cumprimento do disposto nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados por Resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade.

Este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, resolve convocar probas selectivas para cubrir seis prazas de técnicos medios de tecnoloxías da información e comunicacións vacantes no seu cadro de persoal.

Bases da convocatoria.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo seis prazas de técnicos medios de tecnoloxías da información e comunicacións pola quenda de promoción interna.

1.2. O procedemento de selección será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que se especifican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.4. Estas probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 95/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto nesta convocatoria.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán posuír tódolos requisitos esixidos nesta base na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a sinatura do correspondente contrato.

2.2. Requisitos:

a) Ser persoal laboral fixo da Universidade de Vigo.

b) Estar en posesión do título de bacharel, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

c) Ter aboadas as taxas por dereitos de exame.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI, da titulación mínima esixida e, de se-lo caso, xustificación dos méritos alegados.

Os méritos alegados acreditaranse do seguinte xeito:

3.1.1. Os servicios prestados nas universidades públicas acreditaranse mediante certificación da xerencia ou unidade de persoal correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. A formación acreditarase mediante a presentación dos títulos e diplomas correspondentes, ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Para os efectos divulgativos esta convocatoria remítese tamén ó Diario Oficial de Galicia.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo (rúa Oporto, 1. 36201 Vigo) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 31 euros e se ingresaranse na conta corrente número 2091-0501-67-3110002558, Caixa Galicia, O.P. Vigo. Universidade de Vigo. Contas oposicións, facendo constar no impreso o enunciado técnicos medios de tecnoloxías da información e comunicacións. Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubrisen os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

3.5. Os erros de feito que puidesen advertirse, poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.6. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes o rector da Universidade de Vigo dictará resolución, no prazo máximo dun mes, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobada a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaron a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de realización do primeiro exercicio e contra ela, logo de comunicación a este rectorado, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño). Coa relación provisional de aspirantes admitidos e excluídos publicarase o nome dos dous vocais designados en representación do comité intercentros.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo de convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros titulares ou suplentes. Nesta sesión, o tribunal acordará as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopcións de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificada no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que estime pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores elevarase ó rector da Universidade de Vigo e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalideces gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalideces que soliciten na forma prevista na base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. Para tal efecto, o tribunal poderá recabar xustificación documental dos aspirantes e os informes sanitarios ou técnicos correspondentes.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes e excluirá a aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Oporto nº 1, teléfono 986 81 20 00 (centraliña) e 986 81 37 62 (negociado de persoal de administración e servicios).

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra C, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 10 de marzo de 2003 (DOG do 14 de marzo).

6.2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. O primeiro exercicio da fase de oposición realizarase a partir do 1 de xullo de 2003. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

6.4. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos por esta convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes. O tribunal poderá acorda-la inclusión de preguntas de reserva que necesariamente deberán ser contestadas polos aspirantes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares de realización destes e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superasen, o servicio de persoal expedirá, de oficio, certificacións acreditativas do tempo de servicios prestados na Universidade de Vigo e o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso, que en ningún caso poderán sumarse para os efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, de se-lo caso, na fase de concurso. No caso de empate, terá preferencia o candidato con maior puntuación no conxunto da fase de oposición; de persistir, dirimirase a prol da maior puntuación nos exercicios da fase de oposición, atendendo á súa orde de realización.

O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os aspirantes que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non

apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións da fase de concurso, se é o caso, e de cada un dos exercicios da fase de oposición, e a suma total.

8. Contratación.

Confirmado de oficio pola administración o cumprimento dos requisitos fixados na base segunda polos aspirantes, procederase á sinatura dos correspondentes contratos como persoal laboral fixo da Universidade de Vigo. Os aspirantes seleccionados deberán superar satisfactoriamente un período de proba de catro meses, de conformidade co previsto no I Convenio colectivo para o persoal laboral da Universidade de Vigo e no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo (BOE do 29 de marzo), polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

9. Norma derradeira.

Esta convocatoria e as súas bases vinculan á administración, ó tribunal encargado de xulga-las probas e ós que participen nelas.

A convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 17 de marzo de 2003.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A) Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios:

Primeiro: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado na primeira parte do programa que figura como anexo II. O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase cun máximo de 40 puntos, sendo necesario obter 20 puntos para superalo.

Segundo: consistirá en resolver por escrito supostos prácticos baseados na primeira parte do programa. O tempo máximo de realización será de 240 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase cun máximo de 45 puntos, sendo necesario obter 22,5 puntos para superalo.

B) Fase de concurso.

a) Promoción Interna:

1. Antigüidade nas universidades públicas de Galicia, certificada pola Xerencia ou unidade de persoal respectiva, a razón de 0,093 puntos por mes traballado, ata un máximo de 10 puntos.

2. Formación directamente relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais, superiores ó esixido pola convocatoria ou afíns. Cualificarase cun máximo de 5 puntos.

ANEXO II

Programa

Bloque I: conceptos básicos.

1. Principios e conceptos básicos do funcionamento dos ordenadores. Xerarquías de abstracción. Modelos funcionais, estructurais e procesuais no nivel de máquina convencional. Sistemas abertos e pechados.

2. Unidades básicas para máquinas de propósito xeral. Modelo Von Neuman.

3. Sistemas operativos:

a) Planificación de CPU.

b) Xestión de memoria.

c) Sistemas de ficheiros.

d) Periféricos.

e) Seguridade.

f) Sistemas operativos (instalación, configuración e utilización):

-Unix.

-Solaris.

-Microsoft Windows 98/Me/NT/2000/XP.

-Linux.

4. Enxeñería do software:

a) Ciclos, fases e modelos de vida do desenvolvemento de aplicacións informáticas.

b) Organización e planificación de proxectos.

c) Captura de requisitos de software.

d) Modelado de sistemas de software.

e) Deseño, probas, implementación, soporte.

Bloque II: bases de datos.

1. Xestión estructurada da información. Evolución histórica. Bases de datos relacionais. Modelo entidade/relación. Modelo relacional. Control de concorrencia.

2. Deseño e normalización de bases de datos relacionais.

3. Linguaxe SQL.

4. Xestores de bases de datos relacionais: Informix, Online, Oracle, MySQL (instalación, administración, catálogos do sistema).

5. Ferramentas de consulta e programación de Informix:

a) Informix SQL, procedementos almacenados, triggers.

b) Informix 4GL.

c) Informix ISQL 6.04.

d) Informix i4GL 6.04.

e) Informix RDS 6.04.

f) Informix interactive debugger 6.04.

6. Ferramentas bases de datos documentais.

Bloque III: microinformática.

1. Arquitectura do PC.

2. Periféricos:

a) Dispositivos ópticos: lectoras de marcas ópticas, tarxetas magnéticas (instalación, configuración e programación), Scanners.

b) Deseño de follas de lectura óptica.

c) Dispositivos de almacenamento.

3. Ofimática: Microsoft Office 97 e superiores, Cristal Reports.

Bloque IV: servicios Internet.

1. Conceptos básicos. Evolución histórica.

2. Protocolos IP, IP móbil, TCP, UDP, dominios.

3. Servicios e protocolos: NEWS, TELNET, FTP, HTTP, HTTPS, SSH, SSL.

4. Linguaxes de Marcado: XML, HTML, DHTML, WML.

5. Linguaxe Java, Applets, Servlets, JavaBeans, compoñentes EJB.

6. Linguaxes de script: JavaScript, WMLScript.

7. Xeración dinámica de contidos: PHP, PERL, ASP.

8. Apache 1.3* (módulos, instalación, configuración).

Bloque V: atención ó usuario.

1. Mecanismos e procedementos de atención ó usuario utilizados na Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións da Universidade de Vigo.

2. Servicios de atención ó usuario. Servicios ofrecidos pola Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións.

Bloque VI: normativas.

1. Sinatura electrónica. Normativa internacional e nacional. Autoridades de certificación.

2. Lexislación sobre protección de datos. Normativa comunitaria. Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal. Real decreto 994/1999, de medidas de seguridade. Axencia de Protección de Datos. A protección xurídica dos programas de ordenador. Normativa comunitaria e nacional.

3. Xestión académica: Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regulan o terceiro ciclo de estudios uiversitarios; Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, polo que se establecen directrices xerais comúns dos planos de estudios universitarios; Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro, polo que se regula a proba de acceso a estudios universitarios; Decreto lei 9/1975, do 10 de xullo, para o funcionamento institucional da universidade; e Decreto 240/2002, do 11 de xullo, de prezos públicos para a obtención de títulos oficiais no ensino universitario.

4. Xestión económica: Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. O orzamento. Concepto clásico e evolución das funcións do orzamento. Procedemento común de execución do gasto público: autorización, compromiso de gasto. Recoñecemento da obrigación. Proposta de pagamento. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos

empregados públicos. Devengo e liquidación. Réxime económico e financeiro das universidades.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Martín Llamas Nistal, profesor titular de universidade da Universidade de Vigo.

Vocais:

Luis Gallego Fernández, analista da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións da Universidade de Vigo.

2 vocais en representación do comité intercentros.

Secretario: Miguel Jiménez Polo, analista da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións da Universidade de Vigo.

Suplente:

Presidente: Manuel José Fernández Iglesias, profesor titular de universidade da Universidade de Vigo.

Vocais:

José M. Pousada Carballo, profesor titular de universidade da Universidade de Vigo.

2 vocais en representación do comité intercentros.

Secretario: Juan Carlos Burguillo Rial, profesor titular de universidade da Universidade de Vigo.