Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 15 de abril de 2003 Páx. 4.823

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico no río Freixas, promovido pola empresa Hidroeléctrica del Baleo, S.L., nos termos municipais de Cerdedo e Forcarei, Pontevedra.

Visto o escrito presentado pola sociedade Hidroeléctrica del Baleo, S.L., con CIF nº B-27250711 e con enderezo para efectos de notificacións en Ronda de Fingoi, nº 83 3º C, 27002 Lugo, solicitando autorización administrativa e aprobación do proxecto hidroeléctrico arriba epigrafiado, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Manuel Peiró Herrera, en representación de Compañía Gallega de Minicentrales, S.A., e en relación ó anuncio do 27 de xullo de 1998, publicado no BOP de Pontevedra do 5 de agosto de 1998, de apertura do trámite de competencia de proxectos relativos á solicitude de concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Freixas cunha potencia non superior a 5.000 kVA, presentou petición para a obtención da concesión anterior de conformidade ó exposto no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, polo que se establece un procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 kVA e o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, que regula a avaliación dos efectos ambientais para Galicia, todo iso con relación ó Decreto 63/1997, do 14 de marzo, polo que se

regula o exercicio de determinadas funcións en relación á tramitación dos aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 kVA nas concas de Galicia costa.

Segundo.-Augas de Galicia someteu ó trámite de información pública, mediante resolución publicada no BOP da provincia de Pontevedra do 21 de xuño de 1999 e no DOG do 25 de xuño de 1999, as peticións de concesión e autorización administrativa para a instalación dun aproveitamento de augas con destino á producción de enerxía eléctrica de potencia nominal non superior a 5.000 kVA no río Freixas, xunto cos proxectos e estudio ambiental dos proxectos en competencia.

Durante o período de información pública recibíronse alegacións, as cales se trasladaron ó peticionario para que realizara as manifestacións oportunas.

Terceiro.-O 17 de xaneiro de 2000, comunicouse oportunamente a Augas de Galicia que os dereitos do expediente administrativo concesional promovido pola Compañía Gallega de Minicentrales, S.A. foi cedido á sociedade Hidroeléctrica del Baleo, S.L.

quedando subrogada esta na posición ocupada por aquela.

Cuarto.-De acordo co Decreto 63/1997, xa dito, Augas de Galicia procedeu o 8 de marzo de 1999, a cualifica-lo proxecto presentado por Manuel Peiró Herrera como de efectos ambientais. Posteriormente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formulou o 20 de decembro de 2000 a preceptiva declaración de efectos ambientais do proxecto do aproveitamento hidroeléctrico no río Freixas, nos concellos de Cerdedo e Forcarei, Pontevedra.

Quinto.-O 8 de outubro de 2001, o servicio competente de Augas de Galicia, de acordo co establecido no artigo 112 do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado por Real decreto 849/1986, do 11 de abril, elaborou informe no que establecía como aproveitamento máis viable o promovido por Hidroeléctrica del Baleo, S.L., segundo determinadas condicións que foron aceptadas pola empresa promotora.

Sexto.-O 14 de decembro de 2001 o presidente de Augas de Galicia resolve outorgar a favor de Hidroeléctrica del Baleo, S.L. unha concesión para derivar un caudal de ata 2.000 l/s dentro do tramo comprendido entre as cotas 545, correspondente ó máximo encoro normal no punto de toma, e a cota 445, correspondente á cota de augas do cauce, en réxime de augas medias, no punto de restitución de caudais ó cauce público do río Lérez, nos termos municipais de Cerdedo e Forcarei, provincia de Pontevedra.

Sétimo.-Mediante escrito con data de entrada do 15 de xullo de 2002, Isabel Acebal Méndez, en nome da sociedade Hidroeléctrica del Baleo, S.L., solicitou a autorización das instalacións electromecánicas e aprobación do proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico no río Freixas, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, xa mencionados.

Oitavo.-As instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico do río Freixas, segundo o proxecto de execución desta, asinado pola enxeñeira de camiños, canles e portos Nuria González González e polo enxeñeiro técnico industrial José Manuel Requejo Requejo, e visado polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Galicia, teñen as seguintes características:

-Caudal máximo derivado: 2.000 l/s.

-Caudal ecolóxico: 133 l/s.

-Cota do aliviadoiro do azude: 545 m.

-Cota do leito do río na captación: 542 m.

-Altura do azude ata o aliviadoiro: 3 m.

-Cota do eixe da turbina: 446,30 m.

-Cota de restitución ó cauce público: 445 m.

-Salto bruto: 100 m.

-Salto neto para o caudal de equipamento: 95,26 m.

-Dúas turbinas tipo «Francis» de eixe horizontal de 600 l/s e 1.400 l/s respectivamente, cunha potencia mecánica activa, cada unha delas, de 475 kW e 1.110 kW e un rendemento do 90%.

-Dous xeradores asíncronos trifásicos de 1.000 r.p.m de velocidade de sincronismo, de 550 kVA e 1.300 kVA de potencia aparente cada un deles, 50 Hz de frecuencia, un factor de potencia de 0,9 e unha tensión de xeración de 0,66 kV.

-Un transformador trifásico de 2,1 MVA e unha relación de transformación de 15-20 kV/0,66 kV.

-Un transformador de servicios auxiliares de 50 kVA de potencia nominal e 15-20 kV /400 V.

-Liña de conexión subterránea coa liña de distribución de Fenosa de 2.200 m de lonxitude.

-Producción media anual estimada: 4.983.583 kWh.

-Orzamento de execución por contrata sen IVE: 795.529,7 euros (132.365.000 pesetas).

-Instalacións de protección, manobra, mando, sinalización, medida e interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora.

Noveno.-A delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 15 /2002, do 24 de xaneiro, e o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, xa mencionados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

Autoriza-las instalacións electromecánicas e aproba-lo proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico do río Freixas, promovido pola empresa Hidroeléctrica del Baleo, S.L., nos termos municipais de Cerdedo e Forcarei, Pontevedra.

Queda obrigada a empresa titular da instalación, a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto esta resolución, despois do oportuno expediente, no momento que

observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade e medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, ante o Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas