Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 15 de abril de 2003 Páx. 4.811

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2003 pola que se convocan unhas xornadas sobre a tutela das persoas maiores.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2003, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso monográfico sobre a tutela das persoas maiores, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Na actualidade existe unha porcentaxe de persoas maiores que alcanza case o 20% da poboación. A lonxevidade é unha das características das sociedades máis avanzadas. O descenso da natalidade e a reducción da mortalidade son dous dos factores máis importantes para entende-lo incremento destas persoas. Hai que ter en conta que este proceso de alongamento da vida que se produce está determinado pola mellora das condicións nas que viven. Este aumento da poboación supón un incremento importante das necesidades específicas de atención social e sanitaria. Hoxe chégase á consideración de persoa maior (65) con máis saúde física e psíquica e en plena autonomía, que se irá perdendo moi lentamente e de forma progresiva.

As persoas maiores son activas pero tamén son persoas con necesidades múltiples e dispares, polo que a súa atención require ter claras as características de cada perfil de persoa maior, é importante partir da análise da realidade actual e das previsións de evolución futuras.

Coa finalidade de logralo, preténdese dar unhas explicacións formativas no ámbito social, económico e xurídico, de maneira non exhaustiva, pero que permitan ter un coñecemento claro das súas posibles necesidades e poder achegar claras solucións para cubrilas. A mellora do benestar das persoas maiores é un dos obxectivos prioritarios.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As persoas maiores na Constitución.

-Consideracións básicas da normativa autonómica.

-O chamado testamento vital.

-A incapacitación e o internamento.

-As institucións de defensa das persoas maiores.

-As situacións convivenciais de axuda mutua.

-O acollemento das persoas maiores.

-Problemas legais sobre a tutela, asistencia e protección ás persoas maiores.

-A autotutela.

-O patrimonio das persoas maiores: xestión e administración.

-Vellos e novos itinerarios nos dereitos das persoas maiores.

-O papel das persoas maiores na nova sociedade.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega, profesionais do dereito e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas terán lugar no salón de actos da delegación da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública na Coruña (praza de Pontevedra, s/n, da citada cidade), os días 8 e 9 de maio de 2003.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 6 de maio de 2003.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 7 de maio das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública