Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 15 de abril de 2003 Páx. 4.809

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2003 pola que se convoca un curso de especialización en ambiente.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de especialización en ambiente, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos xerais:

-Facilitarlles ós membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e ós membros dos corpos de Policía Local de Galicia unha maior especialización na materia de ambiente, na que desenvolven competencias ámbolos dous corpos.

-Acadar unha posta ó día na normativa e nos procedementos de actuación operativa nesta temática.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e ós membros dos corpos de Policía Local de Galicia; que teñan realizado o curso básico de ambiente e alomenos outro dos cursos de ambiente (incendios, verteduras, etc.) desenvolvidos pola Academia Galega de Seguridade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 28 de abril de 2003, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade; avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase durante os seguintes días: 6, 13, 21, 27 e 30 de maio de 2003.

O horario será o seguinte:

Día 6: das 10 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas.

Día 13: das 9.30 ás 14.30 horas e das 16 ás 19 horas.

Días 21, 27 e 30: das 9 ás 14 horas.

Contido.

No curso desenvolveranse os seguintes módulos:

-I. Residuos.

-II. Verteduras.

-III. Incendios.

-IV. Animales en catividade. Caza e pesca.

-V. Procedemento sancionador.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o mesmo día 30 de abril a partir das 14 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e que superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de abril de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade