Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 14 de abril de 2003 Páx. 4.761

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2003 pola que se convoca un Seminario internacional sobre calidade nos servicios públicos: exemplos de boas prácticas para a Administración galego-lusa.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2003 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en unión co Instituto de Gestão e Administração Pública do Porto e en colaboración co Centro Europeo de las Regiones, un Seminario internacional sobre calidade nos servicios públicos: exemplos de boas prácticas para a Administración galega-lusa.

Esta actividade inscríbese dentro do subprograma 1 (Galicia-Norte de Portugal) de Interreg-III, e as bases que rexen esta convocatoria son as seguintes:

1. Obxectivos.

As administracións públicas son cada vez máis conscientes da necesidade de mellora-la calidade dos servicios prestados ós seus clientes e ós cidadáns en xeral, co fin de cubrir adecuadamente as súas necesidades e contribuír a unha mellor calidade de vida para todos e a unha adecuada cohesión da sociedade.

En tódalas administracións da UE se están aplicando programas de xestión de calidade que utilizan distintos modelos e metodoloxías. Ó longo das dúas xornadas presentarémo-las experiencias doutras administracións

estranxeiras, así como as experiencias luso-galegas na materia. Presentaremos de maneira detallada o marco común de avaliación (CAF), nova ferramenta para que as administracións públicas da UE comprendan e utilicen as técnicas de xestión de calidade na Administración.

Estas xornadas aspiran a congrega-los responsables políticos e técnicos, así como os executores das políticas de calidade, os académicos e a todas aquelas persoas relacionadas coas administracións públicas autonómica e local de Galicia e da rexión norte de Portugal.

Este curso, organizado de maneira interactiva ofrécelles ós seus asistentes coñecemento teórico e práctico, para que analizando as experiencias concretas, os seus éxitos e problemas, poidamos aprender daqueles que xa percorreron o camiño na aplicación da calidade, e analizar cáles desas experiencias poden ser de uso común para Galicia e a rexión norte de Portugal.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As iniciativas europeas en materia de calidade.

-A visión europea da calidade: o marco común de avaliacións (CAF).

-Exercicio práctico CAF: exemplos.

-Metodoloxías de calidade: a experiencia da Administración xeral do Estado español.

-A experiencia das comunidades autónomas e da Administración local en materia de calidade.

-A evolución da calidade nos departamentos ministeriais.

-Presentación dun caso de aplicación dun modelo de calidade pola Administración portuguesa.

-A xestión de rendementos con compoñentes de calidade: a experiencia de Galicia.

-A xestión da calidade na Administración pública portuguesa.

-A evolución da calidade no sector público: o futuro.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio das administracións públicas galega e lusa e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o seminario convocado desenvolverase no salón de actos da biblioteca pública do Estado en Pontevedra (rúa Alfonso XIII nº 3 da citada cidade) os días 14 e 15 de maio de 2003.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 12 de maio de 2003.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 13 de maio, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública