Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 14 de abril de 2003 Páx. 4.763

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

MINISTERIO DE FACENDA

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2003, da Secretaría Xeral de Política Fiscal, Territorial e Comunitaria, pola que se ordena a publicación dos acordos 1/2000, do 29 de novembro, e 1/2001, do 27 de xullo, sobre modificación de determinados artigos do Regulamento de réxime interior do Consello de Política Fiscal e Financeira.

O Pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira das Comunidades Autónomas, na súa reunión do día 29 de novembro de 2000, aprobou o seguinte acordo:

Acordo 1/2000, do 29 de novembro, polo que se aproba a modificación do Regulamento do Consello de Política Fiscal e Financeira.

O Pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira das Comunidades Autónomas, na súa reunión do día 27 de xullo de 2001 aprobou o seguinte acordo:

Acordo 1/2001, do 27 de xullo, polo que se aproba a modificación dun artigo do Regulamento do Consello de Política Fiscal e Financeira proposta polas comunidades autónomas.

Os mencionados acordos publícanse como anexo a esta resolución.

Madrid, 29 de xaneiro de 2003.

Antonio Beteta Barreda

Secretario xeral de Política Fiscal, Territorial

e Comunitaria

ANEXO

Acordos 1/2000, do 29 de novembro, e 1/2001, do 27 de xullo, sobre modificación de determinados artigos do Regulamento de réxime interior do Consello de Política Fiscal e Financeira

O Pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira das Comunidades Autónomas celebrou a súa trixésimo novena reunión o día 29 de novembro de 2000, de acordo coa orde do día que, entre outros asuntos, incluía un punto primero referente á «proposta de modificación do Regulamento do Consello de Política Fiscal e Financeira».

O Real decreto 557/2000, do 27 de abril, de reestructuración dos departamentos ministeriais, modifica a estructura orgánica da Administración xeral do Estado, separándose o Departamento de Economía e Facenda en dous departamentos, o de Economía e o de Facenda.

Así mesmo, o Real decreto 689/2000, do 12 de maio, polo que se establece a estructura orgánica básica dos ministerios de Economía e de Facenda suprime a Dirección Xeral de Coordinación coas Facendas Territoriais, encomendando unha parte das súas funcións, á Secretaría Xeral de Política Fiscal, Territorial e Comunitaria.

Á súa vez, no Real decreto 1330/2000, do 7 de xullo, polo que se desenvolve a estructura orgánica básica do Ministerio de Facenda, se relacionan as competencias que exercerá a Secretaría Xeral de Política Fiscal, Territorial e Comunitaria, entre as cales, a desenvolvida no artigo 3.1º d) di así: «A coordinación das tarefas precisas, así como a prestación do soporte necesario para o adecuado desenvolvemento das actividades do Consello de Política Fiscal e Financeira das Comunidades Autónomas, sen prexuízo das funcións atribuídas a outros órganos directivos do Ministerio de Facenda».

Por conseguinte, faise necesario adaptar á nova situación aqueles artigos do Regulamento do Consello de Política Fiscal e Financeira, o texto dos cales conteña referencias á citada organización administrativa que foi obxecto de modificación.

Por outra parte, a inclusión das cidades autónomas de Ceuta e Melilla como membros do Consello de Política Fiscal e Financeira e a asistencia ós seus plenos dos secretarios de Estado de Facenda, de Organización Territorial do Estado e de Orzamentos e Gastos, fan aconsellable a súa mención no texto do regulamento.

Ademais, considérase conveniente introducir determinadas modificacións co obxecto de adapta-la redacción actual ó que dispón con carácter xeral a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O pleno do consello de Política Fiscal e Financeira das Comunidades Autónomas celebrou a súa cuadraxésima reunión o día 27 de xullo de 2001, de acordo coa Orde do día que, entre outros asuntos, incluía un punto terceiro referente ó estudio e se é o caso aprobación das modificacións do Regulamento do consello, propostas polas comunidades autónomas.

Unha vez estudiadas e debatidas as propostas presentadas polas distintas comunidades autónomas, o Goberno propón a modificación do artigo 2 do Regulamento do consello, engadindo un novo parágrafo despois do punto 4 deste, co fin de permitir que os conselleiros, membros do Consello de Política Fiscal e Financeira, poidan estar acompañados e recibi-lo conseguinte apoio técnico durante as sesións plenarias deste.

En consecuencia, as ditas modificacións, que se recollen a continuación, aprobáronse nos indicados plenos, de acordo co previsto no artigo 10.3º do Regulamento do Consello de Política Fiscal e Financeira, asistindo a estes a totalidade dos membros do consello excepto o conselleiro de Economía e Finanzas de Cataluña que escusou a súa asistencia á sesión plenaria do 29 de novembro de 2000 e o conselleiro de Economía e Facenda de Navarra que igualmente escusou a súa asistencia á sesión do 27 de xullo de 2001.

Polo que, de conformidade co establecido no punto 2º do artigo 10 do Regulamento de réxime interior do consello, publícase, para xeral coñecemento.

Madrid, 21 de xaneiro de 2003. O presidente do Consello de Política Fiscal e Financeira das Comunidades Autónomas. Cristóbal Montoro Romero, ministro de Facenda.

«Artigo 2º.

1. O consello estará constituído polos ministros de Facenda e de Administracións Públicas e polos conselleiros que desempeñen as responsabilidades de Facenda de cada comunidade ou cidade autónoma.

2. Será presidente o ministro de Facenda e vicepresidente o conselleiro de Facenda dunha comunidade ou cidade autónoma, elixido de entre elas polos seus representantes no consello. A vicepresidencia deberá renovarse anualmente sen posibilidade de reelección do vicepresidente cesante nos dous anos naturais seguintes.

3. Actuará como secretario, con voz, pero sen voto, o secretario xeral de Política Fiscal Territorial e Comunitaria da Secretaría de Estado de Facenda.

4. Tamén poderán asistir por invitación do presidente, con voz pero sen voto, o secretario de Estado de Facenda, o secretario de Estado de Orzamentos e Gastos e o secretario de Estado de Organización Territorial do Estado, así como aqueles altos cargos da Administración do Estado a presencia dos cales se considere conveniente.

5. Igualmente os conselleiros poderán asistir ás sesións do consello acompañados por un alto cargo da súa comunidade autónoma, sempre que comuniquen a dita circunstancia á secretaría do consello cunha antelación mínima de 48 horas. (Adicionado por acordo do Pleno do 27 de xullo de 2001).

Artigo 3º

1. Para a adopción dos seus acordos, o consello poderá solicitar das comunidades e cidades autónomas e de tódolos órganos da Administración do Estado os datos económicos, informes e asesoramento técnico que considere necesarios.

2. A Secretaría Xeral de Política Fiscal Territorial e Comunitaria, da Secretaría de Estado de Facenda actuará como secretaría permanente e órgano administrativo do consello, sen prexuízo do apoio técnico que outros centros competentes por razón das materias deban de prestar ó consello.

Artigo 4º

1. En casos de ausencia ou enfermidade, e en xeral cando concorra unha causa xustificada, os membros do consello representantes das comunidades e cidades autónomas poderán ser substituídos polo conselleiro que designe a respectiva comunidade ou cidade autónoma.

2. En ausencia do presidente presidirá a reunión o vicepresidente.

Artigo 5º

1. Correspóndelle ó Pleno a adopción das recomendacións que considere convenientes sobre aquelas materias da súa competencia, de acordo co prevido no artigo terceiro da Lei orgánica 8/1980.

2. O Pleno poderá acorda-la creación de grupos de traballo dos que poderán formar parte funcionarios que se designen da Administración central do Estado e das comunidades ou cidades autónomas, a composición das cales e réxime de funcionamento serán determinadas por aquel no momento da súa creación.

3. Os grupos de traballo levarán a cabo as tarefas e traballos preparatorios que lles foran encomendados e concluirán coa elevación ó Pleno de informes ou propostas, podéndose facer constar naqueles as opinións minoritarias discrepantes.

Artigo 7º

1. Ó presidente do consello correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Te-la representación do consello ante a Administración do Estado e as comunidades e cidades autónomas.

b) Presidi-las sesións do consello e dirixi-las súas deliberacións.

c) Convoca-las reunións do consello segundo o previsto no artigo anterior.

d) Lexitimar coa súa sinatura os dictames e recomendacións emitidos polo consello.

e) Coidar do cumprimento deste regulamento e resolve-las dúbidas sobre a súa interpretación.

f) Desempeña-las funcións que lle encomende o Pleno.

2. O presidente poderá delegar no vicepresidente as funcións que en cada caso considere convenientes.

Artigo 9º

1. Levarase un diario de sesións, para o exclusivo uso dos membros do consello, no que se reproducirán integramente, a través de transcrición taquigráfica, tódalas intervencións, incidencias e acordos adoptados nas sesións do consello.

2. De cada sesión do consello levantarase acta autorizada polo secretario, que deberá leva-lo visto e prace do presidente e haberá de ser aprobada polo Pleno do consello na seguinte reunión.

3. Nas actas especificaranse necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

4. Igualmente figurará, por solicitude dos respectivos membros do consello, o voto contrario ó acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro do consello ten dereito a solicita-la inclusión íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se achegue no acto, ou no prazo que sinale o presidente, o texto que se corresponde fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia a esta.

5. Os membros do consello que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas, que se incorporará ó texto aprobado.

6. Calquera membro do consello terá dereito a que se lle expida certificación literal das actas.

Artigo 10º

1. Para a válida constitución do consello será necesaria a asistencia, polo menos, da metade dos seus membros.

2. Os acordos do consello nas materias a que se refire o artigo terceiro da LOFCA adoptarán a forma de recomendacións, que se elevarán ó Goberno e serán publicadas no Boletín Oficial del Estado e nos das comunidades e cidades autónomas.

3. Para a adopción de recomendacións os acordos tomaranse:

a) En primeira votación, cando así o acorden os dous tercios dos votos dos membros de dereito que integran o consello.

b) En segunda votación, por maioría absoluta dos votos correspondentes ó número de membros de dereito que integran o consello. Esta segunda votación efectuarase no prazo máximo de dez días en relación coa primeira.

Os ministros de Facenda e de Administracións Públicas disporán, en conxunto, do mesmo número de votos que posúan as comunidades e cidades autónomas que formen parte do consello, adxudicándose a cada un deles a metade dos que a estas correspondan.

Os representantes das comunidades e cidades autónomas disporán cada un deles dun voto.

Artigo 11º

1. O Consello elaborará unha memoria das actividades realizadas durante o exercicio anterior que haberá de ser aprobada polo Pleno dentro do primeiro semestre de cada ano.

2. A memoria será remitida, dentro dos trinta días seguintes á súa aprobación, ás Cortes, ó Goberno da Nación e ós consellos de Goberno das distintas comunidades e cidades autónomas.

Disposición adicional

En todo o non regulado expresamente neste regulamento será de aplicación supletoria o disposto nos artigos 22 a 27, ambos inclusive, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA