Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 14 de abril de 2003 Páx. 4.752

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 4 de abril de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa, e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa.

Supostos de feito.

Primeiro.-A fundación solicitou a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por medio do escrito presentado por Roberto Pereira Costa, en calidade de representante da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 31 de decembro de 2002 en Santiago de Compostela, ante o notario Xosé Antonio Cortizo Nieto, co número 1169 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos secretarios xerais na reunión celebrada o día 3 de marzo de 2003 elevou ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese galego da Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola Orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 5 de marzo de 2003 (Diario Oficial de Galicia nº 53, do 17 de marzo), clasificouse como benéfico-social a Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa, tendo en conta o disposto no artigo 32.2.c) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado de Fundacións de Interese Galego e dado o seu obxecto adscribiuse á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Quinto.-Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos o obxecto da fundación é promover e apoia-lo deporte e a educación dos mozos galegos.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación (Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

-Manuel Ángel Cabana Rey como presidente.

-Roberto Pereira Costa como secretario.

-Waldo Rueda Soto como vocal.

-Rafael Romero López-Grado como vocal.

-Francisco Montero García como vocal.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.2º a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, que aquela emitiu favorablemente con data do 20 de marzo de 2003.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o Réxime das Fndacións e Interese Galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, así como co artigo 11 do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no rexistro de fundacións, da Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico, e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no rexistro de fundacións, sección da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como as demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a dar contas anualmente ó protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado