Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 14 de abril de 2003 Páx. 4.752

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 216/2003, do 11 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Lalín, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación e parcelario para a obtención e valoración do solo para a vía Leste, treito 2 SG-V3.

O Concello de Lalín, en sesión do día vintecinco de febreiro de dous mil tres, aprobou o proxecto de expropiación e parcelario para a obtención e valoración do solo para a vía Leste, treito 2 SG-V3, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día oito de abril de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, na actualidade se dá un incremento cada día maior de tráfico pesado que atravesa o núcleo urbano por vías inadecuadas e non axustadas a este tipo de tránsito, o que ocasiona graves problemas para o tráfico rodado e xera un constante atasco na circulación. É tamén, en especial, unha fonte de risco elevado para os outros automóbiles e conductores que circulan pola zona, incrementándose constantemente o número de accidentes e víctimas, situación que se paliaría abrindo unha vía de circulación fóra do núcleo urbano, eliminando deste xeito riscos nos conductores e evitando o colapso no tráfico rodado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, polo Concello de Lalín para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación e parcelario para a obtención e valoración do solo para a vía Leste, treito 2 SG-V3.

Laias-Cenlle (Ourense), once de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local