Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 14 de abril de 2003 Páx. 4.744

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de marzo de 2003 pola que se convocan axudas económicas para os alumnos e alumnas que realizan formación práctica en centros de traballo correspondentes ós estudios de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño e programas de garantía social cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), establece no seu artigo 34.2º que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica obrigatoria nos centros de traballo e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ó desenvolvemento destas ensinanzas.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 9 que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ó emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e actualización permanente das competencias profesionais.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación non modifica a vixente ordenación xeral da formación profesional, confirmando o carácter obrigatorio da formación práctica incluída no currículo das ensinanzas de formación profesional.

O Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22 de maio), no seu artigo 4, desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), desenvolve o anterior Real decreto 676/1993, establecendo a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional específica así como as directrices sobre os seus títulos.

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e á formación en centros de traballo.

A Orde de 31 de maio de 1999 (DOG do l de xullo, corrección de erros no DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime ordinario e de adultos, dos ciclos fonnativos de formación profesional específica, e a Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro), pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia autorizan a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-la Resolución do 28 de maio de 2002 (DOG de 26 de xuño), pola que se dan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica de cara ó curso 2002-2003, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que a formación práctica en centros de traballo ten un gran valor didáctico e pedagóxico por achega-lo alumnado ó mundo socio-laboral no que se vai desenvolve-la súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como unha das iniciativas dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas económicas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para a realización da formación práctica en centros de traballo destinadas ós alumnos e ás alumnas do derradeiro curso de: artes plásticas e deseño, de módulos profesionais experimentais, de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica e dos programas de garantía social.

Segundo.-Requisitos para solicita-la axuda.

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado dos centros públicos, privados concertados ou privados autorizados, dependentes desta comunidade autónoma que estea cursando o derradeiro curso de:

-Un módulo profesional experimental de nivel 2.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

-Estudios superiores de conservación e restauración de bens culturais.

-Un programa de garantía social.

2. Que o período de formación práctica se realice entre o 1 de setembro de 2002 e o 31 de agosto de 2003.

Terceiro.-Solicitudes, prazos e lugar de presentación da documentación.

1. Os alumnos e as alumnas que reúnan os requisitos para participaren nesta convocatoria presentarán a correspondente solicitude de axuda económica no modelo que figura como anexo I desta orde, no mesmo centro onde están matriculados. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial

de Galicia. A solicitude deberá te-lo visto e prace do director ou da directora do centro educativo, cando se trate dun centro público e da Inspección Educativa, cando sexa un centro privado ou privado concertado.

2. Cada alumno/a que se acolla a estas axudas deberá acompañar, xunto coa correspondente solicitude, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, de acordo co previsto nos artigos 8.4º e 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A dirección do centro, visadas as solicitudes de axuda do alumnado, confeccionará un único proxecto de expediente económico, segundo o modelo que figura como anexo II desta orde, no que se resumirán as solicitudes de todo o alumnado do centro clasificadas por especialidades e especificando: código e nome da ensinanza, número de alumnos, número de centros de traballo, número de xornadas e importes parciais e total. Este proxecto, que deberá ser elaborado utilizando a aplicación informática oficial FCT-Xade subministrada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, virá asinado pola dirección do centro e o coordinador ou coordinadora de Formación en Centros de Traballo (ou titor/titora, de non existir esta figura no centro educativo).

4. A dirección do centro trasladará os datos cargados na aplicación informática oficial FCT-Xade á páxina web: http.// edu.xunta.es/axudasFCT, e elaborará unha lista provisional de todo o alumnado que solicitou axuda no seu centro segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde e que será emitido a través da devandita web. Esta lista provisional de solicitantes, asinada polo director/a e secretario/a, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro ó día seguinte do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. O centro abrirá un prazo de cinco días naturais, contados a partir do día seguinte á data de publicación da lista provisional, para a presentación de reclamacións por parte dos solicitantes.

6. Rematado o prazo de reclamación a dirección do centro resolverá as mesmas, cargará as posibles modificacións xurdidas, na web indicada no punto 4, e elaborará un listado definitivo de solicitantes que será emitido polos medios informáticos antes menciondos, debendo ser asinado polo/a director/a e secretario/a.

7. O proxecto de expediente económico, a lista definitiva do alumnado solicitante, os orixinais de tódalas solicitudes de alumnos e alumnas e as declaracións xuradas referidas no punto 2 serán presentados polo centro no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a súa remisión a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, dentro dos dez días naturais seguintes ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

8. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, a través do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral, revisados tódolos proxectos económicos presentados, e as listas do alumnado solicitante elaborará un cadro resumo no que figurará a relación de centros públicos e privados acollidos a esta convocatoria, especificando: código do centro, CIF do centro, denominación, concello, número de alumnos e importe total por centro e provincia.

Cuarto.-Comisión de selección das axudas.

A selección das peticións e importes solicitados será levada a cabo por unha comisión integrada por:

-A subdirectora xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos, que actuará como presidenta.

-A xefa do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-Catro inspectores/as de institutos de educación secundaria, un por cada provincia, por proposta do/a delegado/a provincial.

-Catro directores/as de centros educativos con formación profesional, un por provincia, por proposta do inspector ou inspectora xefe.

-Un funcionario/a da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Os membros da comisión de selección poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción, por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Quinto.-Criterios de selección para a adxudicación destas axudas.

Para a adxudicación das axudas teranse en conta os seguintes criterios:

1. Que os alumnos solicitantes realicen esas prácticas entre o 1 de setembro de 2002 e o 31 de agosto de 2003.

2. Que o alumnado pertenza a algunha das seguintes modalidades de ensino: un módulo profesional experimental de nivel 2; un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional de réxime xeral; un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño; estudios superiores de conservación e restauración de bens culturais; un programa de garantía social.

3. Que o centro presente un proxecto de expediente económico e unha lista definitiva do alumnado solicitante segundo os modelos anexos II e IV desta orde.

4. Que o proxecto económico (anexo II) recolla o número total de alunmos/as solicitantes das distintas modalidades de ensino por subgrupos, se houbese máis dun, especificando a denominación de cada subgrupo ó que pertenzan, o importe que supón cada subgrupo e o importe total.

5. Que a lista definitiva identifique a totalidade dos solicitantes.

6. O cálculo da contía para cada alumno/a estará en función do número de xornadas formativas que teña previsto realizar, multiplicado polo importe da xornada

(tramos abaixo sinalados), elixindo a menor das distancias existentes entre a empresa e o domicilio do/a alumno/a ou centro educativo, segundo o seguinte baremo:

TramoConceptoImporte

por xornada (A)

1Nun raio de 5 km2,40

2Entre 6 e 15 km4,21

3Entre 16 e 30 km5,41

4Entre 31 e 50 km7,81

5Máis de 50 km (retornando no día)10,22

6Máis de 50 km (sen retorno no día, máximo 15 xornadas)33,06

6. O número de xornadas mínimo para realizar para percibir esta axuda será de 10. O límite máximo de xornadas que hai que considerar, calcularase da seguinte forma:

a) Para o alumnado de ciclos formativos e módulos profesionais experimentais de formación profesional de réxime xeral, o número de xornadas obterase de dividi-lo número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar entre oito (o equivalente a unha xornada laboral).

b) Para o alumnado de ciclos formativos das familias de artes plásticas e deseño o número de xornadas obterase dividindo o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar entre cinco (equivalente a unha xornada laboral).

c) Para o alumnado de programas de garantía social que cursen a modalidade Formación educativa e profesional (para desenvolver integramente no centro educativo-modalidade A), será de 23. Para o alumnado que curse estes programas na modalidade de iniciación profesional (para desenvolver a parte práctica integramente nun centro de traballo -modalidade B) será de 50. En ámbalas dúas modalidades a xornada computarase a razón de 8 horas, con independencia de que o número de horas reais e xornadas de prácticas en centros de traballo sexa superior.

7. Para o desprazamento dentro dun mesmo concello, o importe por xornada para considerar será de 2,40 euros, independentemente da distancia existente entre a empresa e o domicilio do alumno ou entre a empresa e o centro educativo.

8. Para calcula-la distancia existente entre distintos concellos, tomarase como referencia o cadro de distancias quilométricas por estrada, obtida a partir do mapa oficial de estradas do Ministerio de Fomento.

9. En ningún caso poderá ser aplicado simultaneamente máis dun tramo para un mesmo solicitante nunha mesma empresa.

10. Os solicitantes percibirán axuda para unha soa ensinanza, independentemente dos períodos de formación práctica en centros de traballo correspondentes a distintas ensinanzas que realizará no ámbito temporal de vixencia da presente orde.

Sexto.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.480.2 dentro do exercicio orzamentario do ano 2003, da Dirección Xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais, ata un importe máximo de 2.074.765,75 euros (dous millóns setenta e catro mil setecentos sesenta e cinco euros con setenta e cinco céntimos). Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2003.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito do que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para axusta-los importes solicitados por cada centro no proxecto de expediente económico, de xeito que a suma total dos importes de tódolos centros de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Sétimo.-Cada alumno/a en prácticas estará acollido á Mutualidade do Seguro Escolar e ás pólizas de seguro de accidentes corporais e responsabilidade civil, subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-A comisión de selección das axudas, á vista das listas definitivas de solicitantes, dos proxectos económicos dos centros e do crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación destas axudas á directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais que será comunicada ós centros.

Noveno.-Reclamacións.

A partir da data de comunicación ó centro do importe que se lle autoriza, este terá un prazo de reclamacións de 15 días naturais para formula-las alegacións que considere oportunas, en caso de desacordo coa proposta de resolución da dirección xeral. Unha vez vistas e estimadas, se procede, as reclamacións que houbese, a dirección xeral, no prazo dun mes, notificará ó centro afectado a nova resolución, que terá carácter definitivo.

Décimo.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais resolverá esta convocatoria no prazo máximo de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde, notificando a cada centro a resolución que proceda coa concesión, denegación ou modificación da contía solicitada. De non dictarse resolución expresa nese prazo, entenderase denegada. O centro, posteriormente, informará a cada alumno ou alumna do importe que lle vai corresponder. Cada alumno ou alumna deberá acepta-la axuda concedida asinando o impreso que figura como anexo III a esta orde, que deberá quedar arquivado no centro educativo.

De acordo co establecido no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia os centros docentes sostidos con fondos públicos considéranse entidades colaboradoras para a entrega e distribución das axudas concedidas ós beneficiarios, debendo someterse ás obrigas recollidas no citado artigo.

Décimo primeiro.-Contra esta resolución definitiva poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde a data de notificación.

Décimo segundo.-O pagamento do importe das axudas correspondentes a cada centro efectuarase nun só reintegro a través das respectivas delegacións provinciais, unha vez rematadas as prácticas de todo o alumnado solicitante. Para poder recibi-lo importe destas axudas,

o centro debe enviar ó remate do derradeiro período das prácticas en centros de traballo do alumnado solicitante e en todo caso antes do 1 de setembro de 2003, unha certificación orixinal dirixida á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, edifico administrativo San Caetano; CP:15771 de Santiago de Compostela-, asinada polo/a secretario/a, co visto e prace da dirección do centro, onde conste a relación de alumnos/as, segundo o modelo previsto na aplicación informática, que realizaron e finalizaron as prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un e co total.

Décimo terceiro.-Os cambios de centro de traballo, variacións de períodos, baixas ou calquera outra modificación de circunstancias, deberán ser comunicados por escrito, mediante oficio, á Inspección Educativa, co fin de que esta o poña en coñecemento da Inspección de Traballo e dea traslado desta notificación a esta dirección xeral. En ningún caso, as variacións suporán un aumento no importe total das axudas que se comunicou mediante resolución ó centro.

Décimo cuarto.-Desenvolvemento da formación en centros de traballo.

Con carácter xeral o desenvolvemento das prácticas en centros de traballo para o curso 2002-2003 realizarase de acordo coa normativa reguladora da formación en centros de traballo (FCT) -Resolución do 28 de maio de 2002 (DOG de 26 de xuño).

Décimo quinto.-Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas, as aplicacións informáticas que determine e subministre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e asemade proporcionarán á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais todos aqueles documentos ou datos previstos na presente orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou en instruccións remitidas ós centros.

Décimo sexto.-Documentación para enviar ós Servicios de Inspección Educativa das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Para o envío da documentación relativa á FCT do alumnado solicitante das axudas os centros seguirán o disposto no artigo 13.1º da Resolución do 28 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no curso 2002-2003 (DOG do 26 de xuño).

Décimo sétimo.-Xustificación das axudas e documentación para enviar á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

1. Para o envío da documentación relativa á FCT do alumnado solicitante das axudas os centros seguirán o disposto no artigo 14 da Resolución do 28 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no curso 2002-2003 (DOG do 26 de xuño).

2. Unha vez recibida a devandita documentación, na dirección xeral procederase a realiza-los trámites necesarios para transferi-la contía total a cada centro, a través da delegación provincial.

3. Cando o centro teña ingresado na súa conta o importe correspondente para os/as alumnos/as que realizaron as prácticas, deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais o pagamento individual a cada alumno/a, mediante fotocopia da transferencia realizada, copia do cheque nominal coa sinatura do/a alumno/a, ou mediante recibín, igualmente asinado polo alumno/a.

Se fora preciso facer devolucións, deberán ingresarse na conta bancaria número C/C 2091 0300 47 311 0063172 OP de Caixa Galicia, Santiago de Compostela, da Consellería de Economía e Facenda, detallando no concepto Reintegro: formación en centros de traballo, convocatoria 2002-2003.

Décimo oitavo.-Arquivo da documentación.

Toda a documentación relacionada con estas axudas (lista definitiva dos solicitantes, copia das solicitudes do alumnado, copia da declaración de cada alumno/a do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para esta mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, certificación do alumnado que rematou as prácticas, copia dos anexos II utilizados no desenvolvemento do módulo de FCT, correspondentes a tódolos/as alumnos/as afectados/as por estas axudas, así como un duplicado do proxecto de expediente económico presentado, follas de aceptación da axuda asinadas polo/a alumno/a, documentos de xustificación do pagamento individual ó alumnado, etc.) deberá estar correctamente arquivada no centro educativo e dispoñible en caso dalgún tipo de control administrativo e financeiro.

Décimo noveno.-De acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1159/2000 da Comisión do 30 de maio de 2000, (DO L 130 do 31 de maio de 2000), os centros colaboradores tomarán as medidas oportunas para informa-los beneficiarios de que as axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Vixésimo.-A Inspección Educativa asesorará os centros na tramitación dos expedientes económicos e velará polo cumprimento do que se establece nesta orde.

Vixésimo primeiro.-Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, se ben o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

Vixésimo segundo.-A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades ás que houbera lugar.

Vixésimo terceiro.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL