Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 14 de abril de 2003 Páx. 4.738

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 214/2003, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Consello Galego de Formación Profesional.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 30.1º establece a obriga das administracións públicas de garanti-la coordinación da oferta de formación profesional, tanto regrada/inicial como ocupacional e continua. Nesta liña creouse o Consello Xeral da Formación Profesional no ámbito estatal.

En atención ó problema do desemprego na Comunidade Europea, no Consello Extraordinario de Luxemburgo acordáronse unha serie de medidas e liñas de actuación que se concretaron en Galicia co asinamento dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego, subscritos entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios e os sindicatos Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras de Galicia.

Nestes acordos considérase a formación profesional como unha actuación imprescindible para mellora-la ocupabilidade dos desempregados e, neste sentido, salientan a necesidade de avanzar cara á progresiva integración e complementariedade coordinando os tres subsistemas existentes, tal e como sinala o II Programa Nacional de Formación Profesional, e axustar progresivamente a oferta formativa ás necesidades das empresas.

Para materializalos creouse no ano 1999 o Consello Galego da Formación Profesional, mediante o Decreto 110/1999, do 8 de abril (DOG do 5 de maio), como órgano consultivo e de participación dos axentes sociais e económicos de ámbito galego co obxectivo de consensuar con eles a planificación das ensinanzas profesionais en Galicia e de asesoramento ó Consello da Xunta de Galicia en materia de formación profesional.

No ámbito estatal, e como un paso máis cara á adecuación da formación profesional ás necesidades da sociedade na procura dunha competencia profesional que favoreza a inserción laboral e a libre circulación dos traballadores, aprobouse a Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional (BOE nº 147, do 20 de xuño), que constitúe o marco institucional básico para a programación e o desenvolvemento das accións formativas asociadas ás cualificacións profesionais demandas polo tecido productivo.

No ámbito da Comunidade Autónoma, o Plan Galego de Formación Profesional, elaborado no seo do Consello Galego de Formación Profesional, ratificado polo Pleno do citado consello na sesión ordinaria do día 30 de maio, e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 27 de xuño de 2001, contén as directrices que rexerán as ensinanzas profesionais en Galicia ata o ano 2006, e constitúe o instrumento básico que lle garante á poboación galega a consecución dunha cualificación axeitada ás demandas do tecido productivo, como fin último cara ó pleno emprego.

Entre os seus eixes de actuación, o Plan Galego destaca a necesidade de mellora-lo sistema de formación profesional, dotándoo dun conxunto de institucións, organismos e dispositivos que son necesarios para mellora-la planificación das ensinanzas profesionais e a corresponsabilización dos axentes sociais. Nesta liña, prevese a ampliación das funcións do Consello Galego da Formación Profesional e a creación dunha unidade técnica de apoio que lle permitirá acometer eficazmente as súas novas competencias, polo que é necesario modifica-lo Decreto 110/1999, do 8 de abril, para incorporar este organismo e as novas tarefas que debe desenvolver.

Consecuentemente con todo o anterior, de conformidade coa competencia plena que en materia de educación ten atribuída a nosa Comunidade Autónoma en virtude do establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), por iniciativa do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, logo da súa deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 2 do Decreto 110/1999, do 8 de abril, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 2º.-Competencias.

O Consello Galego de Formación Profesional terá as competencias que permitan o tratamento estratéxico e integrado de tódalas modalidades de formación profesional e a asunción das tarefas derivadas da elaboración e aplicación dos plans galegos de formación profesional. Estas competencias son:

a) Elaborar, por medio da súa unidade técnica, os sucesivos plans galegos de formación profesional,

e eleva-la súa proposta de aprobación ó Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional, creado polo Decreto 262/2002, do 31 de xullo (DOG do 22 de agosto de 2002).

b) Realizar informe das programacións de accións de formación profesional efectuadas pola Xunta de Galicia, e propoñe-las modificacións que se consideren necesarias de cara a futuras programacións.

c) Realizar informe da oferta de formación profesional, tentando a adecuación desta ás necesidades do mundo productivo, ás maiores posibilidades de inserción laboral e ós recursos dispoñibles.

d) Emitir informe, dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma, dos proxectos de plans de estudios dos títulos correspondentes ós diversos graos das familias profesionais de formación profesional específica, e as certificacións de profesionalidade en materia de formación profesional ocupacional e continua, así como os relativos á formación adquirida a través da experiencia laboral e, se é o caso, a súa homologación académica ou profesional cos correspondentes graos de formación profesional regrada ou ocupacional, sen prexuízo das competencias que poidan ter outros órganos nesta materia.

e) Emitir propostas e recomendacións ós distintos organismos con competencia dentro da Comunidade Autónoma en materia de formación profesional.

f) Propoñer accións para a mellora das actuacións da rede de información e orientación profesional.

g) Avaliar e face-lo seguimento das accións que se desenvolvan dentro da Comunidade Autónoma en materia de formación profesional, nos diferentes subsistemas que o conforman; así como da xestión integrada, calidade e avaliación da formación profesional.

h) Emitir informe sobre a oferta formativa de formación continua.

i) Emitir informe sobre os proxectos das disposicións normativas relacionadas coa formación profesional.

j) Promove-la determinación das cualificacións profesionais nacionais máis estreitamente vinculadas á estructura productiva de Galicia.

k) Emitir informe sobre os plans e accións encamiñados ó recoñecemento e avaliación da competencia da poboación activa e colaborar na implantación do dispositivo de recoñecemento e avaliación.

l) Emitir informe sobre as propostas de cualificacións profesionais nacionais que formarán parte do sistema de cualificacións de Galicia e dos programas de formación asociada ó Sistema de Cualificacións.

m) Elaborar cada ano unha memoria que inclúa a do Instituto Galego das Cualificacións.

n) Solicitar, con carácter anual, unha memoria das actividades levadas a cabo por tódalas consellerías e organismos xestores en materia de formación profesional.

o) Emitir informe sobre calquera asunto que, sobre formación profesional, lle soliciten as administracións públicas, autonómicas ou a estatal».

Artigo 2º

Engádese un artigo 6 ó Decreto 110/1999, do 8 de abril, co seguinte título e contido:

«Artigo 6º.-Creación e funcións da Unidade Técnica de Apoio ó Consello Galego de Formación Profesional.

1. Créase a Unidade Técnica de Apoio ó Consello Galego de Formación Profesional como órgano que permite incrementa-la súa capacidade de planificación, de xestión integrada e de elaboración técnica, necesarios para facer fronte ás súas competencias. Integrará esta unidade o persoal que para tal fin adscriba a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. As funcións que desenvolverá está unidade técnica son as seguintes:

a) Elaborar, por iniciativa do Consello Galego de Formación Profesional e baixo a supervisión deste e do Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional, a proposta de reforma ou de redacción dos sucesivos plans galegos de FP.

b) Apoia-lo Consello no seguimento da aplicación do Plan Galego de Formación Profesional.

c) Apoia-lo Consello na planificación das accións formativas de formación continua.

d) Apoia-lo Consello na coordinación das comisións sectoriais de cualificación e formación profesional.

e) Preparar e poñer á disposición do Consello Galego de FP a información ou documentación que lle solicite.

f) Cantas outras lle sexan encomendadas polo Consello Galego de FP».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os titulares das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, e a de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para dicta-los actos e as normas necesarios para a aplicación e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública