Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.719

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

CÉDULA do 24 de febreiro de 2003, da Delegación Provincial de Lugo, de notificación de inicio de expediente sancionador 6/2003 a Manuel Abad Méndez e María José López Mosquera.

A Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo tramitou expediente sancionador 6/2003, seguido de oficio, contra Manuel Abad Méndez e María José López Mosquera, finalizando este trámite con acordo de inicio de expediente sancionador por incumprimento na compra da vivenda de promoción pública. Expediente LU-85/100, conta 85.

O citado acordo é do seguinte teor:

Acordo de inicio do expediente sancionador 6/2003.

Vistas as dilixencias seguidas de oficio pola Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, en relación coa vivenda de promoción pública construída baixo o expediente LU-85/100, conta 85, adxudicada a Plácido López Cabo, rúa Aquilino Iglesia Alvariño, 13-3º B de Lugo e unha vez terminadas estas e logo das actuacións previas practicadas, de acordo cos seguintes feitos:

1. Que, con data do 21 de xaneiro de 2003, ten entrada no rexistro desta Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, decisión da sentencia número 4 da sección 1ª, da Audiencia Provincial de Lugo, da que se deduce que quedou acreditada a existencia dun documento privado de venda entre Plácido López Cabo e os seus fillos Raquel e Luis Alberto como vendedores, e o matrimonio formado por Manuel Abad Méndez e Mª José López Mosquera, como compradores.

2. O artigo 6, puntos f) e h), da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda, dispón que «a omisión do visado pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia dos contratos de compravenda e alugamento de vivendas de protección oficial» e «a transmisión de vivendas de protección oficial promovidas, sen ánimo de lucro, polas administracións públicas, dentro dos cinco anos seguintes a data do contrato de compravenda,

sen a autorización administrativa correspondente, e sen prexuízo do dereito ó exercicio das accións de tanteo ou retracto convencional da administración», constitúe unha infracción moi grave.

Fundamentos de dereito:

1. É competente para a resolución deste expediente o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, de acordo co disposto no Decreto 134/1997, do 22 de maio.

2. Ó amparo do disposto no artigo 3.2º do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, os interesados teñen dereito a formular alegacións e a achegar tódolos documentos que consideren convenientes en calquera momento do procedemento con anterioridade ó trámite de audiencia.

Poderán, así mesmo, recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade conforme o establecido no artigo 8 do citado regulamento.

3. En particular, e segundo o artigo 16.1º do Regulamento do procedemento, os interesados dispoñen dun prazo de 15 días contados desde a notificación deste acordo para achega-los documentos ou informacións que estimen convenientes e propoñer probas, concretando os medios dos que pretendan valerse.

4. Os feitos indicados poden ser constitutivos de infracción administrativa tipificada no punto f) e h), 6 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, sobre infraccións en materia de vivenda da que aparece como presuntos responsables Manuel Abad Méndez e María José López Mosquera, podendo corresponderlles unha sanción de 3.005,07 ata 60.101,21 euros de multa, sen prexuízo do que resulte da tramitación deste procedemento.

5. De acordo co artigo 153 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei 30/1992, do 26 de novembro, o presunto responsable ten dereito a coñecer, entre outros extremos, o instructor do procedemento sancionador, dereito que o artigo 13.1º do Regulamento do procedemento estende ó coñecemento do secretario, sendo o seu réxime de recusación o considerado nos artigos 28 e 29 da dita lei.

Vistos os preceptos sinalados e os demais de aplicación xeral, esta delegación

ACORDA:

1. Incoa-lo procedemento administrativo sancionador contra Manuel Abad Méndez e María José López Mosquera, como presuntos responsables dos feitos sinalados.

2. Nomear instructor do expediente a Francisco Centeno Márquez, xefe da Sección de Inspección e Sancións do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e como secretario a Jesús Rodríguez Anllo, auxiliar administrativo da Sección de Inspección e Sancións do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo.

3. Conceder un prazo de quince días para achega-los interesados cantas alegacións, documentos e informacións estimen convenientes, e, de se-lo caso, propoñer probas concretando os medios dos que pretendan valerse.

Comuníquese este acordo ó órgano instructor con traslado de tódalas actuacións practicadas, e notifíqueselles ós interesados, entendendo en todo caso como tal o inculpado, con mención expresa dos requisitos esixidos polo artigo 58.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Lugo, 24 de febreiro de 2003.

Antonio Boné Piña

Delegado provincial de Lugo