Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.718

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2003 pola que se somete a información pública o proxecto sectorial relativo a un aproveitamento hidroeléctrico outorgado a Técnicos Asociados Gallegos, S.L. no río Mandeo, concello de Aranga. (Clave AC/73/98).

O 29 de novembro de 2001 o Consello da Xunta de Galicia acordou aprobar definitivamente como plan sectorial de incidencia supramunicipal o Plan sectorial hidroeléctrico das concas de Galicia Costa que fora declarado, por acordo do 10 de maio de 2001, de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

A sociedade Técnicos Asociados Gallegos S.L. presentou para a súa tramitación e en desenvolvemento do Plan sectorial hidroeléctrico das concas de Galicia Costa, un proxecto sectorial relativo ó aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo denominado Salto de Gomil. O dito aproveitamento foi outorgado por resolución de Augas de Galicia do 22 de decembro de 1999, aprobándose unha modificación deste xunto co proxecto constructivo mediante resolución de Augas de Galicia do 26 de novembro de 2001.

Así pois, de conformidade co procedemento legalmente establecido e en cumprimento do disposto nos artigos 25.3º da mencionada Lei 10/1995 e 13.2º do Decreto 80/2000, sométese a información pública o referido proxecto sectorial co fin de que toda persoa física ou xurídica que se considere interesada no expediente de referencia poida examina-lo citado proxecto, en horas hábiles de oficina, nas dependencias do organismo autónomo Augas de Galicia

en Santiago de Compostela (praza de Vigo, 2, 15701 Santiago de Compostela) podendo presentar, perante a presidencia de Augas de Galicia, as alegacións que se consideren oportunas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da última das publicacións da presente resolución no Diario Oficial de Galicia ou no diario La Voz de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2003.

P.D. (Resolución 24-2-2003, DOG do 6 de marzo)

Emilio García Gallego

Director xeral do ente público Augas de Galicia