Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.704

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental dun criadeiro de moluscos bivalvos, no concello de Ribeira (A Coruña), promovido pola empresa Inprocar de Carril, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 12 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental dun criadeiro de moluscos bivalvos, no concello de Ribeira (A Coruña), promovido pola empresa Inprocar de Carril, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2003.

Javier Pereiro Muñoz

Director xeral de Recursos Mariños

ANEXO

Antecedentes

O artigo 1 da Ley 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental dispón: «Os proxectos públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calqueira outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso».

Por outra banda, no anexo II, grupo 9, punto K), inclúense os «Proxectos que afecten a áreas de especial protección designadas en aplicación das Directivas 79/409/CEE e 92/43/CEE, ou a terras húmidas incluídas na lista do convenio Ramsar».

Tendo en conta a afección ó Complexo Húmido de Corrubedo, o proxecto cualificouse como sometido a avaliación de impacto ambiental, polo que se procede a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O proxecto consiste na rehabilitación e acondicionamento dunha nave existente para dedicala ó cultivo de moluscos bivalvos e a construcción dunha nova instalación de bombeo de auga mariña (caseta de bombeo, pozo de decantación e conduccións).

Con data 25 de abril de 2002 (DOG nº 80) publicouse a Resolución do 3 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se somete a información pública o estudio ambiental correspondente ó citado proxecto. Durante o período de exposición pública non se ten constancia da presentación de alegacións.

Con data 4 de decembro de 2002 recíbese nesta dirección xeral o expediente do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, conten

do, xunto co seu informe, os certificados de información pública e os informes das Direccións Xerais de Patrimonio Cultural, Saúde Pública a de Conservación da Natureza.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental do criadeiro de moluscos bivalvos, no lugar de Couso, concello de Ribeira (A Coruña), promovido pola empresa Inprocar de Carril, S.L.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Recursos Mariños e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental (EsA).

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas foi tido en conta, no que procede, no condicionado desta DIA.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora, «Estudio de avaliación de impactos ambientais. Proxecto de criadeiro de moluscos bivalvos en Couso, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer por esta DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva á rehabilitación e acondicionamento dunha nave existente, así como á construcción dunha instalación de bombeo de auga mariña (caseta de bombeo, pozo de decantación e conduccións), no concello de Ribeira (A Coruña). A superficie da nave é de 1.662 m.

A localización da granxa mariña será a que se recolle no plano «Situación. Febreiro 2002. Plano nº 1» do estudio de impacto ambiental.

2. Protección da atmósfera.

2.1. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no contorno da nave e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra

a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal efecto, deberase presentar unha proposta de plan de vixilancia de ruídos para as fases de obra e explotación, tendo en conta que se deberá realizar unha medición do ruído na fase preoperacional e que as medicións deberán ser realizadas por entidade homologada por esta dirección xeral e vir asinadas por técnico da entidade, segundo o indicado no punto 8.1º desta DIA.

2.2. Sobre a emisión de po.

Nos períodos de seca procederase á humectación das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po, tal como se indica no estudio ambiental.

3. Protección das augas.

A vertedura das augas deberá cumpri-lo estipulado na lexislación vixente, sendo necesario contar coa correspondente autorización de vertedura emitida por Augas de Galicia.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulte afectada, deberá realizarse un seguimento específico, polo que a proposta de seguimento da calidade das augas presentada polo promotor terase que ampliar nos seguintes conceptos:

1) A toma de mostras deberá cumprir como mínimo o especificado na Orde do 13 de xullo de 1993. Terase en conta que se deberá controlar tamén a calidade das augas nas zonas de baño (praias) que se poidan ver afectadas polo criadeiro. Ademais, deberase detallar a periodicidade de toma de mostras.

2) Os parámetros para incluír serán os do anexo IV do Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, debendo realizarse unha análise na fase preoperacional.

3) Deberanse cumpri-los obxectivos de calidade das augas indicados na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia.

4) Presentarase unha proposta de seguimento das augas en canto a temperatura.

5) Ademais, deberanse realiza-las seguintes análises:

* Control de sedimentos e organismos no medio receptor. Terase en conta que o primeiro ano a periodicidade será como mínimo semestral.

* O seguimento da calidade das augas débese facer coas instalacións en funcionamento.

Así mesmo, deberase describir detalladamente o sistema de depuración das augas, tanto salgada previo á vertedura como as provenientes dos servicios hixiénicos (características e localización e posibilidade de conexión á rede de saneamento municipal), segundo o requirido no punto 8.3 da DIA.

4. Protección do solo.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da zona de obras, e que conte coas debidas autorizacións.

As actuacións que se realicen na zona de dominio público marítimo terrestre deberán contar coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Costas e as que se realicen na zona de servidume deberán contar coa autorización do Servicio de Conservación do Litoral da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Así mesmo, deberase presentar un estudio hidrodinámico de biocenose inicial e contaminación, batimetría, xeofísica, clima marítimo e dinámica litoral, segundo o indicado na Orde do 13 de xullo de 1993 para conduccións de sumidoiro.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos xerados como consecuencia da instalación e explotación do criadeiro serán xestionados en función da súa natureza, de acordo co estipulado pola lexislación vixente de aplicación. Neste sentido, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de contaminación por verteduras accidentais.

O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, poderá efectuarse dentro dunha zona delimitada en lugares previamente seleccionados e sinalizados, dotados dos medios necesarios para garanti-la non afección ó contorno e o cumprimento da lexislación de aplicación, segundo o indicado no estudio ambiental.

O tratamento dos residuos dos moluscos debe cumpri-las normas establecidas no Real decreto 747/2001, do 29 de xuño, polo que se establecen as substancias e productos indesexables na alimentación animal e na Orde do 28 de febreiro de 2001 pola que se regula o destino de determinados subproductos animais.

Os entullos de demolición e/ou construcción resultantes das obras xestionaranse segundo a lexislación vixente, e os sobrantes de escavacións serán levados e depositados en sitio autorizado por órgano competente.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna:

Deberase presentar cunha lista detallada de productos zoosanitarios, productos de limpeza e desinfección para utilizar, acompañado dun calendario de limpeza e desinfección das instalacións e unha proposta de seguimento da posible afección destes productos sobre o medio e as poboacións da fauna presentes na zona, segundo o requirido no punto 8.5 da DIA.

Dado que na zona de influencia do criadeiro existen plans de explotación de percebe e ourizo de distintas confrarías, deberase realizar un estudio detallado sobre tódolos recursos pesqueiros-marisqueiros existentes na zona de influencia da explotación e valora-los posibles impactos que se poidan producir, segundo o requirido no punto 8.6 da DIA.

6.2. Sobre a vexetación:

Reducirase ó máximo a eliminación da vexetación existente na zona, tendo en conta que se afectará a hábitats e taxóns incluídos na Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e flora e fauna silvestres.

7. Protección do patrimonio cultural.

Realizarase un seguimento e control arqueolóxico dos movementos de terras durante a fase de obras, logo de presentación e aprobación dun proxecto de control e seguimento arqueolóxico pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras o promotor presentará, nun prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da DIA, perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

8.1. Proposta dun plan para o control do ruído, segundo o indicado no punto 2.1 desta DIA. Terase en conta que o informe de resultados estará asinado por técnico da entidade realizadora da medición.

8.2. Proposta detallada de seguimento da calidade das augas no que se recolla todo o indicado no punto 3 desta DIA. A proposta terá que contar con planos onde se reflictan os puntos elixidos para levar a cabo o control. Terase en conta que a toma de mostras e tódalas analíticas serán realizadas por laboratorio homologado. Así mesmo, indicaranse as coordenadas UTM do punto de vertedura.

8.3. Descrición detallada dos sistemas depuracións do auga de mar e servicios hixiénicos, propostos polo promotor.

8.4. Estudio hidrodinámico de biocenose inicial e contaminación, batimetría, xeofísica, clima marítimo e dinámica litoral, segundo o disposto na Orde do 13 de xullo de 1993 para conduccións de sumidoiro, segundo o requirido no punto 4 da DIA.

8.5. Lista de productos zoosanitarios, productos de limpeza e desinfección, calendario de utilización e proposta xustificada dun plan para o control da incidencia destes productos sobre a fauna da zona e sobre a calidade das augas, tendo en conta o indicado no punto 6 desta DIA.

8.6. Estudio detallado sobre tódolos recursos pesqueiros-marisqueiros existentes na zona de influencia do criadeiro, valora-los posibles impactos que se poidan producir e proposta de medidas correctoras

para os posibles impactos detectados, segundo o indicado no punto 6 desta DIA.

8.7. Plano en planta da nave no que se reflictan as diferentes salas previstas para o criadeiro, así como os conductos de auga salgada, doce e aire.

8.8. Copia da autorización emitida polos diferentes órganos competentes para a vertedura ó mar.

8.9. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

8.10. Notificación do responsable do seguimento ambiental, segundo o requirido no punto 10.3 da DIA.

8.11. Copia da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, que inclúa tódalas actividades para realizar, a execución das medidas protectoras e correctoras.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudio ambiental e do condicionado desta declaración. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

9.1. Durante a execución das obras: con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa,

1) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e

correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia que aprobe esta dirección xeral e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías deberase indicar a data e a hora de toma e o informe deberá vir asinado polo técnico responsable.

2) No primeiro informe durante a execución de obras incluirase unha copia da inscrición no rexistro de pequeno productor de residuos perigosos na fase de obras.

3) Resultados e conclusións das campañas de análises das calidades das augas (puntos de vertedura e zonas de baño) realizadas durante as obras, asinado polo técnico responsable.

4) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade.

9.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento do criadeiro e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

1. Definición das incidencias ou imprevistos acontecidos desde a emisión do último informe de obras, cos contidos indicados no devandito punto 9.1 da DIA, descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

2. Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras.

3. Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

9.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, e durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

1) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do criadeiro. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento en que sexan obtidos. Terase en conta que o informe de resultados estará asinado por técnico da entidade realizadora da medición.

2) Resultados e conclusións das campañas de análises das calidades das augas (puntos de vertedura e zonas de baño) trala finalización das obras de construcción.

3) Documentación acreditativa da inscrición no rexistro de pequenos productores de residuos perigosos para a fase de explotación.

4) Informe detallado dos controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto polo promotor e completado nesta DIA, e das incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA.

9.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá os mesmos contidos co informe descrito no punto anterior.

9.5. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do criadeiro, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono das instalacións. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no estudio ambiental, xunto coa súa xustificación.

9.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós diferentes residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a esta dirección xeral, e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas.

10. Condicións adicionais.

10.1. Para efectos de seguimento desta declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

10.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na DIA.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

10.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

10.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para facer fronte ós posibles danos que se poidan causar ó medio, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. A proposta de aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, establécese no 4% do orzamento de execución por contrata.

10.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como na fase de explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

10.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

10.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

10.9. A esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

10.10. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

10.11. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa realizado este trámite.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2002.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto consiste na rehabilitación e acondicionamento dunha nave existente para dedicala ó cultivo de moluscos bivalvos e a construcción dunha nova instalación de bombeo de auga mariña (caseta de bombeo, pozo de decantación e conduccións).

Medidas protectoras e correctoras

-Fase de obras:

* Rega con auga para a estabilización.

* Control das emisións a atmosfera.

* Replanteo e balizamento de tódalas zonas de obras.

* Xestión de residuos e verteduras.

* Amoreamento de terra vexetal e rexeneración de solos.

* Medidas sobre a calidades das augas.

* Medidas de protección sobre a fauna

* Acondicionamento paisaxístico: restauración.

* Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico.

-Fase de explotación:

* Xestión de residuos e verteduras.

* Medidas de control da calidade das augas.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe:

* Informar favorablemente o E.I.A dun criadeiro de moluscos bivalvos en Couso (Ribeira, A Coruña).

* As conclusións do devandito estudio arqueolóxico incluiranse na correpondente declaración ambiental.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable, sen detrimento das competencias propias doutros organismos oficiais, coa seguinte puntualización:

* Deberán extremarse os controis do efluente ó medio receptor, de tal xeito que a calidade da auga das zonas de baño (praias de calidade óptima), situadas na área de influencia da vertedura do efluente, non se vexa afectada polo mesmo. Nembargantes, por parte do órgano substantivo poderá terse en conta outras consideracións, á hora de resolve-lo expediente.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños emite informe no que conclúe:

* Inprocar de Carril, S.L. planifica a instalación dun criadeiro de moluscos no lugar do Couso, para o que aproveitan unha nave existente e proxectan construír unha nova instalación de bombeo, pozo de decantación e conducción de aspiración e sumidoiro.

* Deberíase comprobar se as obras que se van realizar se sitúan na zona de servidume, caso no que necesitarán informe favorable do Servicio de Ordenación Litoral da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

* Deberían indica-la producción máxima para autorizar distribuída por grupo de especies. O estudio non se acompaña de ningún plano das instalacións, nos que consten as distintas salas de cultivo e instalacións auxiliares, dimensión e nº de piscinas ou tanques, planos das canles de auga doce, salgada e aire. Tampouco achegan datos sobre o nº de recipientes ou tanques de cada unha das salas, bandexas por tanque, obras para acometer na nave existente. Deberían presentar un anexo con estes datos.

* Non achegan a información sobre as conduccións de captación e sumidoiro establecida na orde do 13 de xullo de 1993. Tampouco indican as coordenadas do punto de vertedura nin o volume e posible composición de mesmo. Deberían aclara-los ditos aspectos.

* A entrada de especies na hatchery debe contar co seu permiso de inmersión e documento de transporte. Do mesmo xeito, a saída cara ós parques debe contar coa mesma documentación.

* Non presentan estudio hidrodinámico de biocenose inicial e contaminación, batimetría, xeofísica, clima marítimo e dinámica litoral. O estudio debería ser ampliado nestes aspectos relacionados na Orde do 13 de xullo de 1993 para conduccións de sumidoiro.

* Na valoración de impactos non fan referencia ás posibles afeccións durante a fase de obras derivadas dos movementos de terra e operacións de limpeza e reparacións de maquinaria; aínda que si establecen medidas correctoras contra elas.

* Na valoración de impactos relativo á vertedura de augas e a súa afección ó medio receptor, non teñen en conta que a auga é máis quente que a do medio receptor. Tampouco valoran a posible aparición de substancias empregadas no tratamento dos animais como desinfectantes, antibióticos favorecedores da maduración e posta, e elevadas concentracións de compostos nitroxenados e fosforados nin o impacto do lavado e mantemento da maquinaria a movementos de terra durante a fase de obra.

* Debería describir máis detalladamente o sistema de depuración que van te-las augas antes da súa vertedura.

* As operacións de lavado e mantemento de maquinaria deben realizarse sempre en talleres especializados. As ditas operacións conlevan a manipulación de substancias contaminantes que, aínda que pasen por unha balsa de decantación, van ir finalmente ó mar, co conseguinte prexuízo para a calidade das augas.

* A auga doce debe ir á rede de saneamento en caso de existir no lugar.

* O programa de vixilancia ambiental debería estar máis completo e incluír toda a información recomendada na guía metodolóxica de avaliación ambiental.

Deben realizar un control da calidade das augas previo ó inicio das obras e varios na fase de construcción.

O control das conduccións e calidade das augas debe facerse durante todo o período de funcionamento das instalacións. Deben especificar un anexo o seguimento que van seguir, tanto na calidade estructural da conducción como na vixilancia ambiental da calidade do efluente e do medio receptor (puntos exactos de mostraxe, análises que se van efectuar, debendo implicar tódolos parámetros establecidos no anexo IV de Real decreto 345/1993). Non debe aceptarse unha simplificación da mostraxe de base ás reducidas dimensións das instalacións, dado que na orde non se especifica o dito punto.

* Non se debe producir modificacións do proxecto salvo que estas foran autorizadas pola Administración con competencia substantiva.

* Deben enviar copias dos informes do seguimento de E.I.A. á Dirección Xeral de Recursos Mariños.

* Deberían presentar un anexo no que se aclararan a información relacionada nos distintos puntos do deste informe.

* Este informe non exime dos que teñen que ser efectuados en virtude da lexislación vixente.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que conclúe:

Os hábitats afectados pola execución das obras descritas, segundo a Directiva 92/43/CEE do Consello 21 de maio de 1992 relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, son:

* 1230. Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas.

* 4040. Uceiras secas atlánticas costeiras de Erica vagans.

* 1130. Esteiros.

* 1210. Vexetación anual sobre reboutallos mariños acumulados.

E como taxóns hai:

* Emys orbicularis.

* Geomalacus maculosus.

A realización das conduccións de toma e saída das augas do criadeiro de moluscos producen a remoción do solo e a conseguinte destrucción da cuberta vexetal e dos hábitats situados na liña de costa. Por este motivo, recoméndase reducir ó máximo a destrucción da vexetación existente na zona, sinalando a zona de actuación e eliminando a estrictamente necesaria por razóns de obra.

Por outra banda, e para conseguir unhas obras coa mínima afección ó medio natural deberanse cumprir tódolos preceptos recollidos nas medidas correctoras expostas, ademais do programa de vixilancia e seguimento ambiental. De todas formas, e con relación ós efluentes vertidos ó mar, deberase comprobar que se depuran adecuadamente e que en ningún momento se afectan ós valores polos que o «Complexo Húmido de Corrubedo» foi declarado espacio natural en réxime de protección xeral. En tal caso tomaranse as medidas adecuadas para impedir que se prexudiquen estes valores.

Este informe emítese sobre a documentación achegada e sen prexuízos doutras comunicacións, autorizacións e/ou informes precisos. Calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá o seu informe correspondente.