Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 10 de abril de 2003 Páx. 4.651

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CONSELLO XERAL DO PODER XUDICIAL

ACORDO do 18 de febreiro de 2003, da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial, sobre a aprobación de creación do ficheiro dos datos de identificación e enderezos que constan nos padróns municipais das persoas residentes na provincia da Coruña.

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial, na súa reunión do 18 de febreiro de 2003, acordou aproba-la presente proposta:

Primeiro.-Crear un ficheiro automatizado, facilitado polo Instituto Nacional de Estatística, con localización no Xulgado Decano da Coruña, formado cos

datos de identificación e enderezos dos residentes na provincia da Coruña, que consten nos padróns municipais e no censo electoral.

Segundo.-Finalidade. A identificación e localización de quen puidese ter dereito a intervir como parte nos procesos que se tramiten nos órganos xudiciais dependentes do Xulgado Decano da Coruña.

Terceiro.-Estructura básica do ficheiro. É unha base de datos relacional, que conterá o nome, apelidos, domicilio, sexo e data de nacemento dos residentes da provincia da Coruña.

Cuarto.-O responsable do ficheiro será o secretario xudicial do Xulgado Decano da Coruña, quen adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando, en todo caso, a confidencialidade, garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e nas súas normas de desenvolvemento.

Quinto.-Medidas de seguridade. En cumprimento do disposto no artigo 4 do Real decreto 994/1999, do 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal, aplicaranse a este ficheiro as medidas de seguridade de nivel básico, previstas no dito regulamento.

Sexto.-Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercitarse polo afectado na sede do Xulgado Decano da Coruña e ante o secretario xudicial do dito xulgado.

Madrid, 18 de febreiro de 2003.

Francisco José Hernando Santiago

Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial