Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 10 de abril de 2003 Páx. 4.626

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte Coto do Couto, a favor dos veciños do lugar de Santa Cruz, no concello de Ourense (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o 18 de decembro de 2002, adopta o seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común coa denominación de Coto de Couto, por solicitude dos veciños da parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo, do concello de Ourense.

Resultando que con data 10 de xullo de 1998 tivo entrada, no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños do lugar da parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo, concello de Ourense, solicitando que se declare o monte comunal de Coto do Couto como veciñal en man común.

Resultando que tralo informe do Servicio de Montes e Industrias Forestais o xurado provincial na sesión con data do 15 de decembro de 1999 acorda deixar en suspenso o inicio da clasificación, en espera da correspondente aclaración por parte dos promotores sobre a existencia de dous montes e a pertenza a dúas comunidades diferentes.

Resultando que o xurado provincial en sesión celebrada con data do 26 de setembro de 2001, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-la tramitación, por separado do expediente de clasificación, do monte de Coto de Couto a favor dos lugares de Alén, O Areal, Carruceiro, O Cirro, A Cuqueira, A Garduñeira, A Ponte do Val, Sistís, O Souto do Río e O Val, designando instructores deste a Miguel Ángel González Trigás e Miriam Areal López, que aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade número dous de Ourense, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños do lugar de Santa Cruz, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Ourense, á delegación provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Catastro, ó Servicio de Montes e Industrias Forestais (Consellería de Medio Ambiente), e á delegación provincial da Consellería de Agricultura,

Gandería e Política Agroalimentaria, publicándose edictos no taboleiro de anuncios do Concello de Ourense, durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia estendida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello e no Diario Oficial de Galicia, para que durante o prazo sinalado en edictos os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos.

Constan presentadas alegacións con data do 7 de maio de 2002, do seguinte xeito:

-En primeiro lugar, os promotores da clasificación do monte manifestan a súa desconformidade coa relación dos lugares que integran a comunidade propietaria solicitando que sexan incorporados ademais dos lugares do Val e A Garduñeira os que se relacionan na certificación expedida polo Concello de Ourense que queda incorporada ó expediente que indica: consultado o Rueiro Oficial do Concello puidose comprobar, salvo erro ou omisión, que as entidades O Areal, O Souto do Río, A Cruz, Carreiras, A Cuqueira, A Torre, Cuartelas, Carruceiro, Ponte do Val, O Cirro, Alén e Sistís, forma parte da Parroquia de Arrabaldo (Santa Cruz).

-En segundo lugar, os interesados fan unha corrección de lindeiros no sentido seguinte: norte: propiedade particular de Isaac Conde; sur: Regato de Pedraza, e vía férrea; leste: propiedades particulares: herdeiros Sacundino Sotelo, herdeiros Manuel Rodríguez, herdeiros Vicente Fernández, Manuel Sotelo e Isaac Conde; oeste: vía férrea, propiedades particulares: herdeiros de Emilio Muñoz, Manuel Novoa, Cándido Pérez; Carballeira, herdeiros de Amador Fernández, Manuel Novoa e Abran Gil.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade número dous de Ourense, como segue:

«Tomo 1.546, libro 347 do Concello de Ourense, folio 168; predio rexistral nº 26.465, anotación letra A».

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1) Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais;

2) Que, polo tanto, o número de titulares é variable e indeterminado;

3) Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano;

4) Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescritible e inembargable; e

5) Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la actio communi dividundo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños dos lugares do Areal, O Souto do Río, A Cruz, Carreiras, A Cuqueira, A Torre, Cuartelas, Carruceiro, A Ponte do Val, O Cirro, Alén, Sistís, O Val, e A Garduñeira, no concello de Ourense

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños dos lugares do Areal, O Souto do Río, A Cruz, Carreiras, A Cuqueira, A Torre, Cuartelas, Carruceiro, A Ponte do Val, O Cirro, Alén, Sistís, O Val, e A Garduñeira, están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños de Santa Cruz, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro,

así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro de 1992.

Visto o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica- lo monte coa denominación de Coto do Couto, de 21 ha 12 a, aproximadamente en conxunto de superficie, a favor dos veciños dos lugares do Areal, O Souto do Río, A Cruz, Carreiras, A Cuqueira, A Torre, Cuartelas, Carruceiro, A Ponte do Val, O Cirro, Alén, Sistís, O Val e A Garduñeira, parroquia de Arrabaldo, no concello de Ourense, e cos datos que a seguir se relacionan, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Ourense.

Denominación do monte: Comunal de Coto do Couto.

Comunidade propietaria: veciños dos lugares do Areal, O Souto do Río, A Cruz, Carreiras, A Cuqueira, A Torre, Cuartelas, Carruceiro, A Ponte do Val, O Cirro, Alén, Sistís, O Val, e A Garduñeira (da parroquia de Arrabaldo-Santa Cruz).

Superficie: 21 ha 12 a, aproximadamente.

Estremas.

Norte: propiedade particular de Isaac Conde.

Sur: regato de Pedraza, e vía férrea.

Leste: propiedades particulares: herdeiros Sacundino Sotelo, herdeiros Manuel Rodríguez, herdeiros Vicente Fernández, Manuel Sotelo e Isaac Conde.

Oeste: vía férrea, propiedades particulares: herdeiros de Emilio Muñoz, Manuel Novoa, Cándido Pérez; Carballeira, herdeiros de Amador Fernández, Manuel Novoa e Abran Gil.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Ourense, ós representantes da comunidade veciñal, ó Servicio de Montes e Industrias Forestais (Consellería de Medio Ambiente), ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do

Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 19 de decembro de 2002.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Ourense