Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 10 de abril de 2003 Páx. 4.603

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 9 de abril de 2003 pola que se dictan normas que determinan os servicios mínimos nos centros de atención á infancia (garderías infantís) durante a folga convocada para o día 10 de abril de 2003.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a asistencia social.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios e o persoal preciso para prestalos.

A Confederación Intersindical Galega e a Unión Xeral de Traballadores, mediante escrito do 31 de marzo de 2003, comunicaron a convocatoria dunha folga xeral que terá lugar durante as 24 horas da xornada do 10 de abril de 2003, aínda que a súa efectividade será dun par de horas por quenda de traballo, e que afectará a tódalas actividades laborais

e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos establecidos dentro do ámbito xeográfico e xurídico da Comunidade Autónoma galega.

O Comité Rexional de Galicia da Confederación Nacional do Traballo (CNT) e o Comité Confederal de Galicia da Confederación Xeral do Traballo (CGT), mediante escrito do 31 de marzo de 2003, comunicaron a convocatoria de folga xeral para tódolos traballadores e traballadoras de tódolos ámbitos sectoriais, públicos e privados, funcionarios e funcionarias desta comunidade para o día 10 de abril de 2003 e que abarcará desde as 0 horas ata as 24 do mesmo día.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais, de acordo coa normativa vixente, e con carácter complementario á Orde do 8 de abril de 2003 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública pola que se dictan as normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 10 de abril de 2003, obriga a esta consellería a fixar uns servicios mínimos específicos e indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais nos centros de atención á infancia (garderías infantís).

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a esta consellería a fixa-los servicios mínimos necesarios para o axeitado desenvolvemento das actividades en prol do principio constitucional de protección social da familia (artigo 39) que abrangue a actividade asistencial e educativa.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servicio mínimo para garantilos establécese a necesaria presencia no centro de atención á infancia do director/a, para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade e resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran no centro citado.

Do mesmo xeito, este deber de protección esténdese desde garantir unha mínima limpeza ou hixiene no centro ata as funcións orgánicas básicas dos menores de idade, como é o comer, e que determina que se establezan servicios mínimos para que se poida presta-lo servicio de comedor, sendo este servicio, así como o servicio de limpeza, parte indivisible e ineludible do servicio esencial de asistencia social e que non poden ser paralizados nas súas actividades básicas, como é alimenta-los menores e coida-la hixiene. A determinación dos anteditos servicios mínimos por porcentaxes considérase como criterio máis apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos centros de atención á infancia que hai na nosa comunidade. Así asígnase unha porcentaxe inferior ó 50%, en relación cos cadros

de persoal dos ditos centros, e tendo ademais en conta a ocupación actual destes.

Hai que ter presente que os centros de atención á infancia non están abertos os sábados, domingos ou festivos, en consecuencia non é posible atender ó criterio establecido como medida cautelar na parte dispositiva do Auto do 19 de xuño de 2002, do Tribunal Superior de Xustiza, en relación coa Orde do 17 de xuño de 2002 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública pola que se dictan as normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 20 de xuño de 2002, por tanto cómpre establecer normas específicas para garanti-los servicios esenciais e para protexe-los bens xurídicos mencionados nos parágrafos anteriores nos centros de atención a infancia.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada, oído o comité de folga, e tendo en conta o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán a consideración de servicios mínimos en tódolos centros con carácter xeral:

-O/A director/a.

-O 40% do persoal de atención directa ós nenos (técnicos especialistas en xardín de infancia ou mestres especialistas en educación infantil).

-O 40% do persoal de cociña, limpeza.

Artigo 2º

A designación nominal do persoal que deberá cubri-los distintos servicios relacionados no artigo anterior será feita pola dirección do centro respectivo, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 4º

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos centros sinalados.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado