Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 10 de abril de 2003 Páx. 4.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de abril de 2003 pola que se modifica a do 11 de decembro de 2002 pola que se anuncian subvencións para a mellora de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes.

A Orde do 11 de decembro de 2002 (DOG nº 248, do 24 de decembro), da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, regula as axudas económicas para a mellora de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes. No seu artigo 1º disponse que as axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.3, recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, e o importe destinado a elas ascenderá a 272.100 euros.

Dado que o importe establecido na Orde do 11 de decembro de 2002 resulta insuficiente para atende-las axudas solicitadas, faise necesario incrementa-lo dito importe polo que cómpre modifica-la orde no que respecta a este punto.

De acordo co anteriormente exposto e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da

Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifica-lo artigo 1º da Orde do 11 de decembro de 2002, da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, pola que se anuncian subvencións para a mellora de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá conceder subvencións ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil) de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento.

Estas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.3 e a elas destínase un crédito máximo de 479.700 euros, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Turismo para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo