Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 09 de abril de 2003 Páx. 4.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 209/2003, do 27 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2003 do persoal sanitario funcionario.

O dereito transitorio da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, prevé a realización de tres procesos selectivos para o acceso á condición de persoal sanitario funcionario incluído no seu ámbito de aplicación, garantindo o dereito a continuar prestando servicios como persoal interino a aquel que á súa entrada en vigor tivese tal condición e mentres tanto se executasen os ditos procesos selectivos.

O distinto ritmo seguido nas reformas estructurais da sanidade galega motivou o feito de que para algunhas clases xa se realizaran os tres procesos selectivos, mentres que noutras aínda quedan pendentes algúns deles.

Así, nas clases de inspectores médicos e subinspectores sanitarios, pertencentes á escala de saúde pública e Administración sanitaria, tan só se convocou e resolveu un proceso selectivo, polo que resulta necesario afronta-lo segundo, dando así cumprimento ó mandato legal.

En consecuencia, logo da negociación no seo da mesa sectorial de negociación do persoal sanitario e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co disposto no artigo 29.6º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, apróbase a oferta de emprego público para o ano 2003 do persoal sanitario funcionario ó servicio da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, nas clases de inspectores médicos e subinspectores sanitarios, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2º

Nesta oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas con efectivos de persoal existente na actualidade que afectan o funcionamento dos servicios públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 26 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 3º

1. Para tódolos postos de traballo que se convocan, o sistema de selección será o de concurso-oposición libre.

2. A convocatoria do dito concurso-oposición libre e as súas bases serán acordadas e publicadas no Diario Oficial de Galicia polo Servicio Galego de Saúde.

Artigo 4º

1. De conformidade co previsto no artigo 60.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, na redacción dada polo artigo 20 da Lei 3/1995, do 10 de abril, na convocatoria do concurso-oposición reservarase o 25% dos postos de traballo da clase de inspectores médicos para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Igualmente e de conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, na convocatoria reservarase o 3% das vacantes ofertadas para seren cubertas por quen teña a condición legal de persoa con minusvalidez.

Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas de reserva, computarase como unha praza para incluír en tal cota.

Cando o número de vacantes ofertadas sexa igual ou superior a 10 pero inferior ó número necesario para aplica-lo sinalado nos parágrafos anteriores, reservarase, en todo caso, unha praza á devandita cota.

En todo caso, na convocatoria establecerase o número concreto de prazas que queden reservadas para as persoas con minusvalidez ás que puidese corresponder esta cota. Farase constar, así mesmo, que non se reserva ningunha praza, no suposto de que non se alcanzase o mínimo necesario para isto, de acordo co previsto nos puntos anteriores.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de marzo de dues mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Corpo, escala, claseNº de postos de traballo

1. Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia.

1.1. Escala sanitaria de saúde pública e Administración sanitaria.

1.1.1. Clase de inspectores médicos 10

2. Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia

2.1. Escala sanitaria de saúde pública e Administración sanitaria.

2.1.1. Clase de subinspectores sanitarios 6