Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 09 de abril de 2003 Páx. 4.498

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de abril de 2003 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 10 de abril de 2003.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño).

A Confederación Intersindical Galega e a Unión Xeral de Traballadores, mediante escrito do 31 de marzo de 2003, comunicaron a convocatoria de folga xeral que terá lugar durante as 24 horas da xornada do 10 de abril de 2003, aínda que a súa efectividade será de dúas horas por quenda de traballo, e que afectará a tódalas actividades laborais e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos establecidos dentro do ámbito xeográfico e xurídico da Comunidade Autónoma galega.

O Comité Rexional de Galicia da Confederación Nacional del Trabajo (CNT) e o Comité Confederal de Galicia da Confederación General del Trabajo (CGT), mediante escrito do 31 de marzo de 2003, comunicaron a convocatoria de folga xeral para tódolos traballadores e traballadoras de tódolos ámbitos sectoriais, públicos e privados, funcionarios e funcionarias desta comunidade para o día 10 de abril de 2003 e que abarcará desde as 0 horas ata as 24 do mesmo día.

Ante o carácter de folga xeral, que afecta a todo o persoal da Administración autonómica, parece axeitado regula-los servicios mínimos mediante unha única norma de aplicabilidade a tódolos centros, dependencias e servicios desta, sendo necesario conciliar, por unha banda, o dereito constitucional de folga e, por outra, o mantemento dos servicios esenciais.

A fixación dos servicios anteditos por esta orde é concordante co auto do 19 de xuño de 2002 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dictado no recurso interposto pola Unión Xeral de Traballadores (UGT-Galicia), Sindicato Nacional Comisións Obreiras de Galicia e Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a Orde do 17 de xuño de 2002, da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 20 de xuño de 2002. O devandito auto, na súa parte dispositiva, suspendía a efectividade da orde recorrida establecendo que os servicios mínimos que se van fixar para o período de

folga non poderán exceder, en cada centro, departamento, oficina, etc, do número de persoas que normalmente permanecen nestes con ocasión dun domingo ou día festivo, agás que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, no que haberá que aterse ás quendas establecidas para os sábados.

En consecuencia, e de acordo co establecido no artigo 5.2º do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e oído o comité de folga

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os servicios mínimos que se fixan para o período de folga convocado pola Confederación Intersindical Galega, a Unión Xeral de Traballadores, o Comité Rexional de Galicia da Confederación Nacional del Trabajo (CNT) e o Comité Confederal de Galicia da Confederación General del Trabajo (CGT) para a xornada do día 10 de abril de 2003, nos termos explicitados na parte expositiva desta disposición, non poderán exceder, agás norma ou resolución xudicial firme en contrario, en cada centro, departamento ou oficina da Administración autonómica de Galicia, dos organismos autónomos, entes de dereito público e empresas públicas adscritas ou dependentes daquela, así como nas empresas que presten ou xestionen servicios considerados esenciais, do número de persoas que normalmente permanezan neles con ocasión dun domingo ou día festivo, agás que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, no que haberá que aterse ás quendas establecidas para os sábados.

Artigo 2º

O persoal que debe presta-los servicios mínimos establecidos de conformidade co disposto no artigo anterior, será fixado polos secretarios xerais de cada consellería, nos servicios centrais, polos delegados/directores provinciais/territoriais, nos servicios periféricos, e polos directores dos centros, organismos autónomos, entes de dereito público e empresas públicas.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente aplicable ós diversos colectivos.

Artigo 4º

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA