Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 08 de abril de 2003 Páx. 4.475

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara a utilidade pública, en concreto, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Goia-Peñote. (Expediente 036-EOL).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Gamesa Energía, S.A. con enderezo para efectos de notificacións na avda. do Cruceiro da Coruña, 201 A; Santiago de Compostela (A Coruña), sobre autorización e aprobación de instalacións, recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial e utilidade pública do parque eólico denominado Goia-Peñote; resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-O 25 de maio de 2000, Luis Caamaño Martínez, en nome e representación de Gamesa Energía, S.A., solicitou a autorización administrativa, aprobación de proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do proxecto sectorial

e recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Goia-Peñote, de 40,8 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo do 23 de xaneiro de 2002, publicada no BOE do 2 de febreiro, no BOP de Lugo do 6 de febreiro, no diario El Progreso do 6 de febreiro, no DOG do 7 de febreiro, e nos taboleiros de anuncios dos concellos de

Xermade, Vilalba e Muras e déuselles coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Manuel Barro Gómez e outros alegan que o procedemento expropiatorio non ten que levar consigo necesariamente o alleamento do ben de que se trate, senón que pode implica-lo arrendamento dos bens a ocupación dos cales sexa necesaria. Parécelles máis aconsellable o arrendamento porque a Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación exclúe a posibilidade de exerce-lo dereito de reversión ó final da vida do parque se esta é maior de dez anos.

Así mesmo, indican que o aproveitamento previsto no proxecto sectorial non se axusta ó prescrito no artigo 92 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, e que existen deficiencias no estudio de impacto ambiental.

Posteriormente, varios destes alegantes presentaron escritos de rectificación de defectos de representación.

2. María Flora Barros Durán alega que se afecta a unha repoboación de árbores autóctonas subvencionada pola UE e que os parques eólicos teñen impacto paisaxístico. Así mesmo, manifesta que a empresa non lle debería ofrecer un contrato de compra senón de arrendamento, no que como mínimo se lle pague a renda equivalente ó rendemento forestal que deixará de per

cibir. Ademais, solicita que se lle envíe ó seu enderezo copia de todo o proxecto.

3. José, Jesús e Herminia Orosa Rego presentan as mesmas alegacións que Manuel Barro Gómez e outros.

4. Manuel e Josefa Alcalde Abalo, Araceli Villanueva Montoto e Antonio Coronado Ramos manifestan que ata que recibiron a notificación individual non tiveron noticia de estaren afectados polo proxecto e que este deixará o seu predio inservible para a explotación gandeira. Ademais, alegan que na Lei de expropiación forzosa se prevé a posibilidade de arrendamento do ben sobre o que se pretende actuar.

Así mesmo, alegan que a edificabilidade do proxecto sectorial non é acorde co artigo 92 da Lei do solo de Galicia e que existen deficiencias no estudio de impacto ambiental.

5. Antonio Mª Orosa Prieto manifesta que o predio 170 pertence ás 29 persoas que relaciona.

6. Inés Carballal Gato comunica que o predio nº 15 do parcelario pertence ós irmáns Manuel, Jesús, Benigno e Fernando Prieto Carballal. Así mesmo, alega que Gamesa se opón a facilita-la opción de arrendamento.

7. Nancy Ramudo Mones comunica os datos do seu representante.

8. José Mª Campo Fernández, en nome e representación de Piedra Natural de Muras, S.L., manifesta que ata que recibiu a notificación descoñecía a existencia do proxecto do parque. Indica que a beneficiaria debería acreditar que non existen solucións alternativas con menor incidencia.

9. Javier e Juan Carlos Orosa García, Isaura Gómez Peón, Estrella Ladra Franco, Concepción Fernández Ladra e Carmen Fernández Ladra e outros alegan defectos de representación nas súas propiedades.

10. Rafael Corral Bellas, en representación do grupo ecoloxista Guerrilleiros das Fragas-F.E.G., formula alegacións de carácter ambiental ó proxecto. Así mesmo, solicita a paralización de tódolos parques eólicos en tramitación, a suspensión do Plan sectorial eólico de Galicia e a creación dunha comisión de traballo na que estean representadas tódalas partes afectadas, co fin de crear un P.E. de Galicia consensuado por todos.

Daniel López Vispo, en nome propio e en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, presenta idéntico escrito de alegacións.

11. Manuel Pico Meizoso, José Luis Castro Baamonde e Manuel Prieto Carballal, en representación da Sociedade de Cazadores Chao de Lousada, titular do T.E.C.O.R de carácter societario Chao de Lousada, manifestan que a instalación do parque eólico implica a exclusión do aproveitamento cinexético no terreo ocupado, de conformidade co artigo 8 da Lei 4/1997, de caza de Galicia. Ademais, é posible que a exclusión desta zona afecte de forma negativa ó resto. Estes dereitos deben ser debidamente indemnizados, polo que solicitan a súa inclusión no expediente expropiatorio.

Terceiro.-O 27 de xaneiro de 2003, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de impacto ambiental do parque eólico de Goia-Peñote, publicada no DOG do 3 de marzo de 2003, o que se lle notificou ó promotor o 21 de febreiro de 2003.

Cuarto.-O 14 de xaneiro de 2002, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio emitiu informe sobre o citado proxecto coas seguintes características básicas:

Instalación e coordenadas poligonais:

NomeMunicipiosVértices

Goia-PeñoteXermade, Vilalba

Muras (Lugo)

XY

V0.604.000,004.811.500,00

V0.606.000,004.811.000,00

V0.605.000,004.810.500,00

V0.605.000,004.810.000,00

V0.605.500,004.810.500,00

V0.606.500,004.810.000,00

V0.606.500,004.811.000,00

V0.607.491,794.811.000,00

V0.608.350,004.808.500,00

V0.609.205,604.808.205,60

V0.608.000,004.807.000,00

V0.607.000,004.808.000,00

V0.606.000,004.807.500,00

V0.605.000,004.809.000,00

V0.605.000,004.809.500,00

V0.604.000,004.809.500,00

V0.602.500,004.810.000,00

Nº de aeroxeradores: 48.

Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW.

Xeradores: G58-850 de Gamesa Eólica.

Potencia total instalada: 40,8 MW.

Producción anual estimada: 107.733 MWh.

Investimento previsto: 33.880.786,77 A.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

48 aeroxeradores tipo G-58 de 850 kW de potencia nominal unitaria.

48 centros de transformación de 900 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e subestación transformadora 20/132 kV.

Subestación transformadora 20/132 kV para evacuación de enerxía producida no parque eólico Goia-Peñote, composta por un transformador principal 20/132 kV de 45/55 MVA ONAF/ONAN de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 50 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra e protección.

Quinto.-O 15 de novembro de 2002, o promotor solicita que lle sexa de aplicación o procedemento establecido no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, xa citado.

Sexto.-O 11 de febreiro de 2003, o promotor comunica que se chegou a mutuo acordo cos titulares dos permisos de investigación nº LU-5394 Fernando e nº LU-5395.2

Angelita fracción segunda, polo que solicita que sexan excluídos do expediente expropiatorio do parque eólico Goia-Peñote.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, modificado polos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro de 2003, e o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. As alegacións de carácter urbanístico serán consideradas no momento de proceder á resolución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. De todos modos, hai que recordar que de acordo co establecido no Decreto 80/2000, que regula os plans e proxectos de incidencia supramunicipal, os plans municipais terán que adaptarse ó establecido nos ditos proxectos.

2. En relación coas alegacións relativas a erros na titularidade dos predios afectados polo parque, nas que se reclama a titularidade ou cotitularidade ou modificacións nestas, a empresa tómaas en conta; non obstante, será no levantamento de actas, ó que serán oportunamente convocados, o momento no que poden demostra-la titularidade dos predios, achegando a documentación acreditativa necesaria.

3. Con respecto ás alegacións de carácter ambiental, foron consideradas na declaración de impacto ambiental.

4. En canto ás alegacións nas que se manifestan os prexuízos ou motivos económicos de calquera índole, cabe dicir que non é obxecto desta fase do expediente valora-la depreciación do solo; correspóndelle á fase de prezo xusto, naqueles predios nos que non se alcance mutuo acordo.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autorizarlle a Gamesa Energía, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Goia-Peñote, que se situarán nos concellos de Xermade, Vilalba e Muras.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Recoñecerlle a esa instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

-Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Goia-Peñote, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Gamesa Energía, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento desta autorización, unha fianza de 677.615.73 A, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 19 do citado Decreto 302/2001, do 25 de outubro.

A citada fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, apartado 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, cun orzamento de 33.880.786,77 A.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, dentro das súas respectivas competencias, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debéndolle comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Gamesa Energía, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, de se-lo caso, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de impacto ambiental do 27 de xaneiro de 2003, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 7.1º do Decreto 442/1990,

do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas