Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 07 de abril de 2003 Páx. 4.373

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de marzo de 2003 pola que se convoca concurso de méritos para cubrir un posto nos equipos de orientación específicos.

O Decreto 120/1998, do 23 de abril (DOG do 27 de abril), regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e dispón, no seu artigo 2, a creación de equipos de orientación específicos.

O perfil profesional dos candidatos e candidatas para desempeñar postos nestes equipos vén determinado polo artigo 5 do citado decreto, debendo responder ó dun profesional con formación e experiencia que lle permita desenvolve-las funcións establecidas no artigo 18 da Orde do 24 de xullo de 1998 (DOG do 31 de xullo) pola que se establece a organización e funcionamento da orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia regulada polo Decreto 120/1998.

Debido á existencia dunha praza definitiva vacante no cadro de persoal dos equipos de orientación específicos, cómpre proceder a realiza-la súa oferta pública.

En consecuencia, e en uso da autorización que figura na disposición derradeira primeira do Decreto 120/1998, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase concurso público de méritos para cubri-la praza dos equipos de orientación específicos que se relaciona no anexo I desta orde.

Artigo 2º.-Concursantes.

Poderán participar neste concurso os funcionarios de carreira do corpo de profesores de ensino secundario, con destino en centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que reúnan na data de finalización do prazo de presentación

de solicitudes os requisitos xerais e específicos fixados nos artigos 3º e 4º desta orde.

Artigo 3º.-Requisitos xerais.

1. Encontrarse en situación de servicio activo, ou servicios especiais, con destino definitivo ou provisional en centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre que, de conformidade co establecido no parágrafo segundo do número 6 da disposición adicional décimo quinta da Lei 30/1984, do 2 de agosto, transcorreran ó remate do presente curso académico, polo menos dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

2. Contar cun mínimo de tres anos de experiencia nunha praza directamente relacionada co posto ó que se aspira (psicoloxía e pedagoxía).

3. Tanto para os efectos do disposto nos puntos anteriores deste artigo como para a determinación das puntuacións de antigüidade que figuran no baremo recollido no anexo III, entenderase como data de finalización para os cómputos o 31 de agosto de 2003. No relativo ós demais méritos que figuran nese baremo, deberanse reunir na data na que finaliza o prazo de presentación a esta convocatoria, que se establece no punto 1 do artigo 6º desta orde.

4. Presenta-lo proxecto ó que se fai referencia no punto 7 do anexo IV.

Artigo 4º.-Requisitos específicos.

Poderán solicita-la praza ofertada os funcionarios de carreira do corpo de profesores de ensino secundario da especialidade de psicoloxía e pedagoxía. Así mesmo, deberán acredita-la formación que lles permita desenvolve-las actividades propias da praza solicitada, tal como establece o punto 2 do artigo 5º do Decreto 120/1998.

Artigo 5º.-Instancias e documentación.

1. Instancias:

a) As persoas participantes no concurso deberán presenta-la súa solicitude mediante instancia axustada ó modelo que se publica no anexo II desta convocatoria.

b) A citada instancia, así como a documentación á que se alude no punto 2 deste artigo, poderá presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela), nos rexistros das delegacións provinciais da consellería ou en calquera das dependencias que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se presentase a solicitude nunha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

2. Á instancia xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Folla de alegacións e autobaremación, axustada ó modelo que se publica no anexo IV desta convocatoria.

b) Documentación á que se refire o anexo III desta convocatoria, para acreditar tódolos servicios e méritos alegados, así como unha relación numerada, datada e asinada, dos documentos presentados seguindo a orde que aparece no citado anexo. Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non serán tidos en conta.

c) Proxecto de traballo en relación á praza solicitada, cunha extensión máxima de 20 páxinas, tamaño folio, a unha soa cara, a dobre espacio e letra tipo courier de 12 puntos sen comprimir. O proxecto deberá incluí-los seguintes puntos: xustificación baseada no contexto, obxectivos, planificación xeral e definición de accións prioritarias, estratexias de intervención e criterios de avaliación.

Na valoración dos proxectos terase en conta o carácter innovador na súa formulación, así como a capacidade para organizar, orientar e dar resposta ás situacións que se poidan atopar no desenvolvemento das funcións xerais e específicas asignadas ós ditos equipos.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación de instancias e documentación, incluído o proxecto de traballo sinalado no artigo 5.2º c) será dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os méritos alegados fóra do prazo de presentación das solicitudes non se terán en conta nin serán valorados.

Artigo 7º.-Comisión de selección.

1. Este concurso será resolto por unha comisión de valoración formada polos seguintes membros:

a) Presidente: o secretario xeral, ou persoa en quen delegue.

b) Vocais: ata un máximo de catro, con categoría de subdirector xeral, xefe de servicio ou membros da Inspección Educativa.

c) Secretario: un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará con voz e sen voto.

Cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente poderá nomear un representante para asistir ás sesións da comisión, con voz e sen voto. Para tal fin, coa debida antelación, deberase comunica-lo nome do representante ó presidente da comisión de selección.

2. A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada, así como solicita-la participación de especialistas, para colaborar na valoración daqueles méritos e/ou proxectos de traballo que coiden pertinentes. Cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da subcomisión con voz e sen voto.

3. Os membros da comisión e da subcomisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, estando cualificadas na categoría primeira establecida no artigo 25 desa norma.

Artigo 8º.-Selección.

O proceso de selección constará de dúas fases. Unha primeira na que se valorarán os méritos alegados e o proxecto, e unha segunda na que se realizará unha entrevista ós aspirantes que superen a primeira fase.

Artigo 9º.-Primeira fase da selección.

1. A comisión fará públicas as puntuacións provisionais asignadas a cada un dos aspirantes, como resultado da aplicación do baremo que figura no anexo III.

Estas listas publicaranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das delegacións provinciais.

2. Os aspirantes poderán presenta-las alegacións contra a lista provisional que estimen convenientes, dirixidas ó presidente da comisión de selección establecida no artigo 7º, no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación, por calquera dos procedementos recollidos no artigo 5.1º b) desta orde.

3. Unha vez estudiadas e resoltas as alegacións presentadas, a comisión publicará a lista definitiva das puntuacións nos epígrafes de méritos e proxecto de traballo, nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 10º.-Segunda fase da selección.

1. Tódolos aspirantes que obteñan unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto serán convocados pola comisión de selección á realización dunha entrevista para mellor aprecia-las circunstancias que neles concorren, e que versará sobre o proxecto presentado e as funcións que hai que desempeñar no posto ó que se aspira.

2. Aqueles aspirantes que non acaden as puntuacións mínimas de 4 puntos no proxecto e de 4 puntos na entrevista non poderán ser propostos pola comisión, sendo seleccionado o aspirante que, obtendo as puntuacións mínimas antes sinaladas, acade a maior puntuación no total dos epígrafes incluídos no baremo establecido no anexo III.

3. No caso de producirse empates no total de puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo, sucesivamente e por esta orde, á maior puntuación nos epígrafes 7, 8, 1, 2 e 6 dese baremo.

Artigo 11º.-Proposta de nomeamento.

1. A relación provisional co concursante preseleccionado farase pública nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Establecerase un prazo de dez días naturais, contados a partir da data de publicación, para que os interesados poidan efectua-las posibles reclamacións ou renuncias ás prazas adxudicadas provisionalmente, que se dirixirán ó presidente da comisión de selección.

2. Unha vez resoltas as reclamacións e admitidas as posibles renuncias, a comisión remitiralle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da presente convocatoria, xunto coa acta definitiva coa expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final coa persoa seleccionada.

Artigo 12º.-Resolución da convocatoria.

1. Unha vez realizado todo o proceso anterior, a comisión de selección proporá ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación da praza, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e pola que se entenderán notificados, para tódolos efectos, os concursantes ós que lles afecte. As solicitudes consideraranse desestimadas de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de catro meses, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Contra esa resolución, que esgotará a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. A praza adxudicada será con carácter definitivo, polo que a persoa seleccionada deberá incorporarse con data do 1 de setembro de 2003, cesando no seu destino de procedencia o 31 de agosto dese ano.

Artigo 13º.-Devolución da documentación presentada.

As persoas interesadas, ou os seus representantes legais, poderán retira-la documentación achegada para

acredita-los méritos alegados, unha vez transcorridos tres meses desde a publicación da resolución definitiva desta convocatoria, debendo presenta-la correspondente solicitude ó presidente da comisión de selección.

Artigo 14º.-Aplicación e desenvolvemento.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Prazas nos equipos de orientación específicos

EspecialidadeEquipo específicoNº de prazas

Discapacidades motóricasOurense1