Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 04 de abril de 2003 Páx. 4.281

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 27 de marzo de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para as agrupacións de productores agrarios recoñecidas en Galicia.

A Unión Europea establece un réxime de axudas para a constitución e funcionamento administrativo das agrupacións de productores agrarios (en diante APAS), como unha medida encamiñada a fomenta-lo asociacionismo no medio rural, favorece-la concentración da oferta agraria e adecua-la producción e comercialización ás esixencias do mercado.

As APAS que foron recoñecidas de conformidade co Regulamento (CEE) 1360/1978, do Consello, do 19 de xuño, e co Regulamento (CE) 952/1997, do Consello, do 20 de maio, son de grande interese para supera-las deficiencias estructurais que existen na comercialización dos productos agropecuarios. Os anteriores regulamentos están derrogados, pero ás APAS constituídas baixo o seu amparo concedéronselle axudas para os cinco anos posteriores ó seu recoñecemento, para pagar nun período máximo de sete anos.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou o Real decreto 2722/1998, do 18 de decembro, que fai referencia ás bases reguladoras para a concesión de axudas ás APAS recoñecidas de acordo coa normativa europea, establecendo no seu artigo 4 que no caso das APAS de ámbito xeográfico non superior ó dunha comunidade autónoma, lles corresponde a estas a tramitación, resolución e pagamento das axudas.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1. e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde establece as bases reguladoras para a tramitación de axudas para os gastos de constitución e de funcionamento administrativo das agrupacións de productores agrarios e as súas unións, así como convoca as correspondentes ó ano 2003.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse desta liña de axudas as agrupacións de productores e as súas unións que se recoñecesen en Galicia ó abeiro dos regulamentos comunitarios 1360/1978, do 19 de xuño; 952/1997, do 20 de maio; 1696/1971, do 26 de xullo, e 2200/1996, do 28 de outubro.

Artigo 3º.-Condicionantes.

1. As agrupacións de productores agrarios deberán te-lo seu domicilio social e ámbito xeográfico comprendidos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ante a necesidade e interese por parte desta consellería de regularizar e actualiza-lo pagamento destas axudas, tódalas APAS recoñecidas que teñan sen xustificar períodos anuais de funcionamento correspondentes ó exercicio 2002 ou anteriores, deben presenta-los pertinentes expedientes de solicitude da axuda nos prazos e de acordo co establecido nesta orde.

O incumprimento desta obriga poderá conleva-la perda da axuda á que teñen dereito, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades beneficiarias.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

Os conceptos subvencionables e a súa contía económica son os mesmos que se establecen nos regulamentos comunitarios que se citan no artigo 2 desta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada polo presidente da APA ou persoa legalmente acreditada. Presentaranse preferentemente nos servicios de industrias e promoción agroalimentaria das delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O expediente de solicitude de axuda, que contén a documentación que se detalla no artigo 7, deberase presentar por duplicado exemplar.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

1. A data límite de presentación de solicitudes de axuda neste exercicio orzamentario remata o 31 de xullo de 2003.

2. As solicitudes presentadas con anterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia seguirán o seu trámite, sempre que se cumpran as condicións que nela se esixen, así como na normativa comunitaria ó respecto. De non ser así, solicitaráselles ós interesados que cubran debidamente o expediente de solicitude e que acheguen os datos ou xustificantes que puidesen faltar.

Artigo 7º.-Documentación.

1. Xunto coa solicitude, as APAS deberán presenta-la documentación adicional seguinte, referida

ó período anual de funcionamento polo que se pide a axuda:

a) Memoria de actividades.

b) Relación e xustificación do valor da producción recoñecida e que foi comercializada pola APA.

c) Relación e xustificación dos gastos de constitución e de funcionamento administrativo, perfectamente ordenados e clasificados de acordo co establecido no Regulamento (CEE) nº 2084/1980, da Comisión, do 31 de xullo. As facturas que se presenten para xustifica-los gastos realizados deberán trae-lo IVE desagregado.

A relación de gastos deberase presentar en soporte papel e tamén en soporte informático.

d) Balance, conta de resultados e conta de explotación.

e) Relación nominal de socios, cos seus efectivos productivos e volume de producción.

f) Fotocopia do CIF.

g) Certificación bancaria do número de conta na que se solicita o ingreso da subvención.

h) Certificación en conforme a APA leva contabilidade independente e específica para os productos para os que foi recoñecida.

i) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución.

2. Tódalas certificacións deben vir asinadas polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente.

Aqueles documentos que sexan copias deberanse cotexar co seu orixinal e seren perfectamente lexibles.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Para a avaliación das solicitudes teranse en conta a memoria de actividades e o programa de actuación que se levaron a cabo, así como os condicionantes e incidencias que tiveron lugar no seu desenvolvemento. Valoraranse cunha puntuación máxima de ata seis puntos.

Tamén se pode valora-la importancia estratéxica para o sector de actividade e para a comarca de implantación, así como a propia dimensión e estructura organizativa da APA cando foi recoñecida e ó final do exercicio para o que se solicita a axuda. Valoraranse cunha puntuación máxima de ata catro puntos.

Artigo 9º.-Tramitación.

1. Os servicios de industrias e promoción agroalimentaria de cada delegación provincial desta consellería revisarán e comprobarán se os expedientes de solicitude presentados reúnen os requisitos fixados na normativa, facendo os controles que consideren necesarios.

Seguidamente remitirán o expediente orixinal ó Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral

de Industrias e Promoción Agroalimentaria, acompañado do informe-proposta correspondente.

2. Cando os expedientes de solicitude non estean debidamente cubertos, non conteñan a documentación esixida ou presenten defectos corrixibles, requiriranse os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición e arquivarase a solicitude, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Concesión.

1. Unha vez examinadas as solicitudes de axuda e considerados os criterios de valoración citados anteriormente, así como a orde de presentación dos expedientes unha vez que estean completos e debidamente cubertos, a Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria elaborará as propostas de concesión da subvención, onde figurará o seu importe previsto, de acordo co establecido na normativa e segundo a dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas.

2. As propostas de concesión comunicaránselle ás agrupacións de productores beneficiarias. Seguidamente, remitiranse á intervención delegada desta consellería para a súa fiscalización.

3. Unha vez fiscalizadas, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá as solicitudes de axuda. Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de seis meses, contados dende a presentación da solicitude polo interesado, entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 11º.-Financiamento.

As subvencións concedidas imputaranse ás aplicacións orzamentarias 09.04.615-A.770.0, por un importe de 100.000 euros; e 09.04.615-A.470.1, por un importe de 1.821.032,78 euros, dos orzamentos xerais para o ano 2003, así como con outros remanentes que puideran existir nas mesmas aplicacións.

En todo caso, a concesión das axudas para as agrupacións de productores agrarios recoñecidas en Galicia estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 12º.-Compatibilidade.

As axudas consideradas nesta orde son compatibles con calquera outra, dentro dos límites establecidos na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 13º.-Pagamento.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das agru

pacións de productores agrarios beneficiarias, unha vez que se comprobe que o expediente está correcto.

2. Para proceder ó pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente as APAS beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Certificación da APA, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

d) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

As certificacións de estar ó día coa comunidade autónoma e nas obrigas fiscais, poderán solicitalas as APAS beneficiarias, ou ben autorizar á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para que o faga, tal como se establece no anexo II desta orde.

Non obstante, quedan exentas de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas, as APAS beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 A, de acordo co establecido no artigo 42º da Lei 6/2002, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

3. Coa proposta de concesión das axudas que se regulan nesta orde poderase solicita-la documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

Artigo 14º.-Seguimento e control.

1. As agrupacións de productores beneficiarias deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou á correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral, ou en quen ela delegue, realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida

pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as APAS beneficiarias desta axuda non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, estarán suxeitas ó establecido no artigo 78 punto 9, da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999 ), na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas dictadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. Igualmente, os beneficiarios da presente orde de axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dicta-las disposicións complementarias necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural