Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 03 de abril de 2003 Páx. 4.145

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 27 de marzo de 2003 pola que se establecen as bases que rexen as axudas a concellos para a promoción da información xuvenil.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade

Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Con aprobación do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, estableceuse a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estructura orgánica básica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, conta cunha Dirección Xeral de Xuventude á que lle correspónde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado entende que para acada-los obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral, e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fundamental promove-las actuacións e canles dirixidas a consolidar e garanti-lo acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á xuventude, prestándolle apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ó cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garanti-lo acceso á unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades, actuacións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto establece-las bases que rexen as axudas a concellos para a promoción da información xuvenil, dirixida a proxectos

desenvolvidos desde o 1 de xaneiro do ano 2003 con mozos e mozas de entre 12 e 30 anos.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun servicio de información xuvenil (contratación de persoal, gastos correntes), así como gastos do servidor para a conexión á RIX.

b) As actividades de dinamización da información que se leven a cabo desde as oficinas de información xuvenil: edición de soportes informativos, información e orientación para a promoción do emprego xuvenil, campañas de difusión estacionais, utilización de medios de comunicación e campañas de difusión e orientación en temas de interese para a xuventude.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha contía de 900.000 euros, con reflectimento orzamentario nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvencións tódolos concellos da Comunidade Autónoma galega.

2. Será requisito imprescindible para poder solicita-la subvención o ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo do anexo I, dirixiranse á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado e presentaranse no rexistro xeral da consellería, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Proxecto detallado do programa ou programas de actuacións que vaia desenvolve-la Oficina de Información Xuvenil, detallando, o orzamento de gastos por capítulos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano que teña asumida a competencia, en virtude do cal se solicita subvención.

c) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

4. Se na solicitude se aprecian defectos por parte da Dirección Xeral de Xuventude, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixera teráselle por desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que será dictada nos termos do artigo 42.

5. No caso de que o servicio de información xuvenil do concello sexa de nova creación ou non estea recoñecido oficialmente, poderán igualmente optar á subvención das actividades recollidas nos puntos a) e b) do punto 2 do artigo 1º desta orde, sempre e cando, ó remate do prazo para a presentación da solicitude de subvención, estea integrado na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, conforme o procedemento establecido no capítulo III do título V do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG nº 49, do 10 de marzo de 2000), e cumpra cos requisitos esixidos no artigo 102 do referido decreto.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

1. A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Na avaliación dos proxectos presentados polos concellos terá consideración prioritaria a valoración do

informe técnico realizado polos servicios provinciais de xuventude ás oficinas municipais de información xuvenil.

Dentro de cada tipo de actividade das relacionadas no artigo 1.2, terán consideración preferente os seguintes criterios:

-Número de beneficiarios e proxección social das actividades programadas.

-As que teñan algún compoñente educativo ou formativo a parte das propias funcións informativas ou de divulgación.

-Aquelas que maioritariamente busquen solucións a necesidades ou problemáticas propias ou máis salientables de cada concello.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. Posteriormente a directora xeral de Xuventude elaborará unha proposta de resolución, correspondendo dicta-la resolución á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado.

2. A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictara no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fora expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte á aquel en que se produza o acto presunto ou ser impugnados directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención procederase á xustificación e pagamento na forma en que se indica a continuación.

2. Unha vez desenvolvida a actividade, remitirase unha certificación expedida polo secretario do concello, na que se farán consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado e o importe, en cifras e letra, do gasto efectuado, e outra, expedida, así mesmo, polo secretario do concello na que se faga consta-la contratación dunha persoa por un período de 12 meses, para as tarefas propias da información xuvenil na Oficina Municipal de Información Xuvenil ó fronte da cal haberá un responsable desta, en todo caso, de acordo co estipulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.

As mencionadas certificacións deberán ser remitidas á Dirección Xeral de Xuventude ata o día 15 de outubro de 2003.

Así mesmo, remitirase, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Pagamento.

1. Recibida e comprobada a documentación á que fai referencia o artigo 8 poderase proceder ó pagamento da subvención de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

2. No caso de non aplica-lo fin previsto á totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, só aboará a parte proporcional do gasto dedicado co fin subvencionable sen prexuízo do que proceda de conformidade co artigo 78.9 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados:

1. A non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado.

2. A facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

3. Estar sometidos ás actuacións de comprobación que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Control e reintegro da subvención.

1. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos así como a efectiva realización destas, e a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

2. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9 da Lei de réxime financeiro e orzamentario en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve ó réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Modificación da subvención.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primera.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado