Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 02 de abril de 2003 Páx. 4.068

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de marzo de 2003 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Galega do Metal para a Formación Cualificación e Emprego foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 19

de febreiro de 2003, ante o notario Enrique Roger Amat, co número sete do seu protocolo por Francisco Javier Martínez López, Serafín Álvarez Rego e María Dolores González Pérez, interveñen Francisco Javier Martínez López, en representación da Asociación de Industriales Metalúrgicos, Serafín Álvarez Rego, en representación da Federación Minerometalúrgica de CC.OO. e María Dolores González Pérez, en representación da Federación del Metal, Construcción y Afines de UGT. Esta escritura foi emendada por outra posterior de data 19 de febreiro de 2003 outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo setecentos cincuenta e sete.

3. A fundación ten por obxecto segundo o artigo 5 dos estatutos o desenvolvemento de todo tipo de actividades sociolaborais dirixidas ó fomento da formación e cualificación profesional e á mellora do emprego do sector do metal, sen prexuízo de que poida desenvolver tamén actividades intersectoriais. A fundación poderá desenvolver, entre outras, as seguintes actividades:

a) Consegui-lo perfeccionamento e cualificación profesional dos traballadores e dos empresarios.

b) Impulsar e desenvolve-las relacións sociolaborais entre os traballadores e empresarios do sector do metal.

c) Contribuír á mellora do diálogo social en tódolos ámbitos negociais do sector.

d) Fomenta-la mellora das condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo do sector.

4. O padroado da fundación estará integrado segundo establece o artigo 9 dos seus estatutos

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 20 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e a súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de marzo de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico social a Fundación Calgega de Metal para a Formación, Culificación e Emprego adscribíndoa á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA