Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 02 de abril de 2003 Páx. 4.066

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de marzo de 2003 pola que se regulan as probas de madurez e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas reguladas polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

O artigo 55.1º da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte; o artigo 1 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro (BOE do 23 de xaneiro 1998), e o artigo 7.3º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, da calidade na educación (BOE do 24 de decembro) configuran como ensinanzas de réxime especial as ensinanzas deportivas.

O artigo 8 do devandito real decreto establece, entre outros, os requisitos de titulación académica e proba de carácter específico que con carácter xeral se precisan para o acceso a cada grao e nivel de ensinanza, indicando que a estructura e contidos da proba de carácter específico e os criterios de avaliación delas, serán establecidos nas normas que regulan as correspondentes ensinanzas na Comunidade Autónoma.

Segundo o disposto no artigo 9.1º do citado Real decreto 1913/1997, será posible acceder ás ensinanzas sen cumpri-los requisitos de titulación académica: graduado en educación secundaria ou bacharelato, sempre que o aspirante supere ou reúna os outros requisitos de acceso que se establezan, de conformidade co sinalado no artigo 8, cumpra as condicións de idade e supere a proba de madurez que se especifique.

Por outra parte, a disposición transitoria primeira do Real decreto 1913/1997, establece que, en tanto se produce a implantación efectiva das ensinanzas que se regulan nel, a formación que promovan as entidades ás que se refire o seu artigo 42.1º.a), poderán obte-lo recoñecemento para efecto da correspondencia coa formación en materia deportiva prevista no artigo 18 desa norma, sempre e cando se adapten, entre outros, ós requisitos de acceso que se establece no Real decreto 594/1994.

A Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro (BOE do 12 de decembro), regula, entre outros, os requisitos xerais da formación en materia deportiva, ós que se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1913/1997.

De acordo co disposto no punto sexto, no punto dous.1 da devandita orde, establécese a posibilidade de acceso ás ensinanzas de materia deportiva a través da superación dunha proba de madurez, sen cumpri-los requisitos de titulación establecidos para o acceso a nivel I e nivel III, e obrígase, no punto sexto, número 2, á Administración educativa a convocar probas, determina-los centros e elabora-los contidos da proba de madurez.

O artigo 9.2º do Real decreto 1913/1997 establece que o órgano competente das comunidades autónomas que se atopen no pleno exercicio das súas com

petencias en educación regularán no ámbito das súas respectivas competencias as probas ás que se refire o punto anterior. Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

I. Disposicións de carácter xeral.

Primeiro.-Obxecto da orde.

A presente orde regula as probas que serán de aplicación ós procesos de acceso e admisión de alumnado que desexe cursar ensinanzas conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos regulados polo Real decreto 1913/1997, así como á formación en materia deportiva que regula a Orde ECD/3310/2002.

Segundo.-Convocatoria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ó ano, as probas de madurez e as probas de carácter específico para o acceso ás ensinanzas indicadas no artigo primeiro.

Terceiro.-Inscrición.

A inscrición para realiza-las probas farase na secretaría dos centros docentes públicos de educación secundaria nos que se impartan ensinanzas de formación profesional, nos prazos que se determinen na convocatoria.

Cuarto.-Realización.

En cada convocatoria, as probas para o acceso a cada un dos graos de ensinanzas, xa sexa de grao medio ou superior, realizarana tódolos aspirantes nas mesmas datas e ás mesmas horas.

Quinto.-Coordinación.

As probas e os seus criterios de avaliación serán coordinadas pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

II. Desenvolvemento e avaliación das probas.

Sexto.-Tribunal único.

Da avaliación das probas, así como das posibles exencións, responsabilizarase un tribunal único nomeado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, composto por un presidente, un inspector ou director de centro, e un coordinador-corrector por cada área ou materia avaliable.

Ademais, incorporaranse ó tribunal en cada área ou materia tantos correctores como se considere necesarios en función das características da proba e do número de persoas inscritas.

Este mesmo tribunal atenderá as reclamacións ás probas e estará facultado para nomear expertos no caso das exencións.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, este tribunal avaliador considérase incluído na categoría primeira.

III. Requisitos de admisión ás probas.

Sétimo.-Probas de madurez.

Para poder concorrer ás probas de madurez para o acceso ás ensinanzas deportivas, reguladas polo Real decreto 1913/1997 e a Orde ECD 3310/2002,

os requisitos de acceso ás modalidades e, se é o caso, especialidades deportivas, serán os seguintes:

1. Para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio ou nivel I de formación deportiva, deberanse ter cumpridos 18 anos de idade, ou cumprilos no ano en que se realicen as probas.

2. Para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior ou nivel III de formación deportiva deberanse ter cumpridos 20 anos ou cumprilos no ano de realización da proba.

Oitavo.-Probas de carácter específico.

Para poder concorrer ás probas de carácter específico, reguladas polo Real decreto 1913/1997 e a Orde ECD3310/2002, os requisitos de acceso ás modalidades e, se é o caso, especialidades deportivas, serán os seguintes:

1. Para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio, estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente para efectos académicos. Para o acceso ó segundo nivel de grao medio ter superados os estudios do primeiro nivel.

2. Para o acceso ás ensinanzas de grao superior, estar en posesión do título de técnico deportivo da modalidade ou, se é caso, especialidade deportiva correspondente e estar en posesión do título de bacharelato ou equivalente para efectos académicos.

IV. Realización das probas de madurez para o acceso ó grao medio e grao superior de ensinanzas deportivas.

Noveno.-Contidos.

Os contidos das probas de madurez serán os seguintes:

1. Para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio tomarán como referencia os vixentes currículos oficiais da educación secundaria obrigatoria e valorará os coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento os novos estudios. O contido da proba atenderá ós aspectos sociocultural e científico-tecnolóxico da educación secundaria obrigatoria.

2. Para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior adecuaranse ós currículos vixentes do bacharelato. A citada proba acreditará a madurez en relación cos obxectivos do bacharelato, fundamentalmente en contidos procedementais.

Décimo.-Exencións da proba.

As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos poderán quedar total ou parcialmente exentas de realizar esta proba de madurez, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade, coa formación de base necesaria para cursa-las ensinanzas deportivas ás que se desexe acceder.

A resolución sobre a exención correspóndelle ó tribunal avaliador que se indica no punto sexto desta orde; a persoa que a solicita xuntará o certificado de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada. Unha copia da resolución deberá incorporarse ó expediente académico do alumno/a.

No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada (artigo 54 a) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común), e contra ela poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro.-Cualificación.

Para a cualificación da proba, a valoración de cada un dos exercicios expresarase mediante unha cualificación numérica, de 1 a 10. Para a superación da proba será necesario acada-los seguintes dous requisitos:

a) Acadar unha nota mínima en cada un dos exercicios que será establecida polo tribunal avaliador.

b) Acadar unha puntuación final mínima de 5.

A puntuación final será a media aritmética, con dous decimais, das cualificacións obtidas en cada exercicio.

As actas serán remitidas polo tribunal único ós servicios provinciais de Inspección Educativa que procederán ó seu arquivo. Así mesmo, unha copia autentificada remitirase a cada centro onde se realizou a proba, segundo o modelo establecido, para o coñecemento dos interesados, arquivo e emisión das certificacións correspondentes.

Décimo segundo.-Certificación.

A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría do centro no que se realizou aquela, segundo o modelo establecido. Esta acreditación deberá retirala a persoa interesada na citada secretaría.

Tal como se establece no artigo 12 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, a certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, mantendo a súa vixencia sempre que non se modifique o título e a ensinanza deportiva correspondente.

V. Realización das probas de carácter específico para o acceso ó grao medio e superior das ensinanzas deportivas.

Décimo terceiro.-Estructura das probas.

1. A estructura e contido das probas de carácter específico e os criterios da súa avaliación serán os establecidos nas normas que regulen as correspondentes ensinanzas para a Comunidade Autónoma.

2. Configuraranse tendo en conta os obxectivos das ensinanzas mínimas da correspondente modalidade ou especialidade deportiva, os niveis de habilidade práctica e aptitudes necesarias que o aspirante debe acreditar para cursar con aproveitamento estas ensinanzas e, se os houbese, os estándares ou requisitos mínimos para o seu recoñecemento no ámbito deportivo. Estas probas poderán establecerse para o acceso ó segundo nivel do grao medio e para o grao superior naquelas modalidades e, se é o caso, especialidades deportivas que así o requiran.

VI. Probas de acceso adaptadas ás persoas que acrediten discapacidades.

Décimo cuarto.-Solicitudes.

As solicitudes ás probas de madurez e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas por parte de persoas con discapacidades deberán ir xunto co correspondente certificado acreditativo da condición de minusválido emitido polos equipos de valoración e orientación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Décimo quinto.-Tribunal.

Co obxecto de garanti-la eficacia da formación e o posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ó titulo, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais establecerá un tribunal que avaliará o grao de discapacidade e as limitacións que leva aparelladas para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas e, se é o caso, adaptará os requisitos e probas de acceso de carácter específico que deban supera-los aspirantes que, en todo caso, deberán respecta-lo esencial dos obxectivos fixados no Real decreto 1913/1997 e das ensinanzas mínimas da modalidade ou especialidade deportiva correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA