O 29 de novembro de 2001, o Consello da Xunta de Galicia acordou aprobar definitivamente como
plan sectorial de incidencia supramunicipal o Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas de Galicia Costa, que fora declarado, por acordo do 10 de maio de 2001, de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
A sociedade Desarrollo Energético de A Lama, S.R.L. presentou para a súa tramitación e en desenvolvemento do Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas de Galicia Costa un proxecto sectorial relativo ó aproveitamento hidroeléctrico no río Xiesta, outorgado ó seu favor mediante resolución de Augas de Galicia do 28 de marzo de 2000.
Así pois, de conformidade co procedemento legalmente establecido e en cumprimento do disposto no artigo 25.3º da mencionada Lei 10/1995 e 13.2º do Decreto 80/2000, sométese a información pública o referido proxecto sectorial co fin de que toda persoa física ou xurídica que se considere interesada no expediente de referencia poida examina-lo citado proxecto, en horas hábiles de oficina, nas dependencias do organismo autónomo Augas de Galicia en Santiago de Compostela (praza de Vigo, 2, 15701 Santiago de Compostela), podendo presentar, perante a presidencia de Augas de Galicia, as alegacións que se consideren oportunas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da última das publicacións desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou no xornal La Voz de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2003.
P.D. (Resolución 24-2-2003, DOG do 6 de marzo)
Emilio García Gallego
Director xeral do organismo autónomo Augas
de Galicia