Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.974

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a modificación da declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Penas Grandes, nos concellos de Carballedo (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Elecnor, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 13 de xaneiro de 2003 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se modifica a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Penas Grandes, nos concellos de Carballedo (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Elecnor, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Con data 28 de xaneiro de 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico de referencia, modificada posteriormente por Resolución do 10 de setembro de 2002.

Mediante escrito con data de entrada na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas de 19 de xuño de 2002, o promotor solicitou declaración de utilidade pública, autorización administrativa e aprobación do proxecto modificado do Parque Eólico Penas Grandes, que xunto cos denominados Monte Cabeza, Farelo e Chantada constitúen o aproveitamento eólico integral das serras do Faro e Farelo, promovido por Elecnor, S.A.

A modificación do proxecto consiste no cambio de modelo de aeroxerador, que pasa de ter unha potencia unitaria de 1.300 kW a 1.600 kW, co conseguinte aumento da potencia total instalada, que pasa de 11,7 a 14,4 MW. Así mesmo, elimínanse 20 aeroxeradores no Parque Eólico Farelo, co obxecto de non supera-la potencia total asignada ó dito aproveitamento eólico integral.

Á marxe deste cambio de modelo de aeroxerador, non se atoparon modificacións na planta final do parque en relación ás xa informadas favorablemente por esta dirección xeral no oficio de data de saída 16 de setembro de 2002, e recollidas na resolución desta dirección xeral de data 10 de setembro de 2002, pola que se modifica a declaración de impacto ambiental do referido parque eólico.

O proxecto modificado foi sometido polo órgano substantivo a información pública mediante Resolución do 6 de setembro de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia con data 30 de setembro de 2002.

Recibido informe da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas sobre os resultados do trámite de

información pública, así como tendo en conta a mencionada Resolución do 10 de setembro de 2002 e o indicado no oficio desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de data 13 de xaneiro de 2002, e non concorrendo outras circunstancias para efectos ambientais, resulta necesario proceder novamente á modificación da DIA do parque, co obxecto de reflecti-lo ámbito resultante do dito proxecto modificado.

En consecuencia, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente resolución a modificación da DIA do Parque Eólico Penas Grandes nos termos que a continuación se indican:

No punto 1.-Ámbito da declaración, o primeiro parágrafo substitúese polo seguinte:

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque Eólico Penas Grandes. Proyecto modificado, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 14,4 MW de potencia total, nos concellos de Carballedo (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), constituído por 9 aeroxeradores de 1.600 kW de potencia unitaria, que se localizarán na serra do Faro, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM.