Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2003 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a Consellería de Medio Ambiente para a posta en marcha de medidas de apoio a proxectos ambientais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 28 de marzo de 2003, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Consellería de Medio Ambiente subscribiron un convenio de colaboración co obxecto da posta en marcha de medidas de apoio a proxectos ambientais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO

Convenio de colaboración entre o Igape

e a Consellería de Medio Ambiente para a posta

en marcha de medidas de apoio a proxectos

ambientais na Comunidade Autónoma de Galicia

En Santiago de Compostela o 28 de marzo de 2003.

REUNIDOS:

Dunha banda, o José Manuel Barreiro Fernández, conselleiro de Medio Ambiente, actuando ó abeiro

das facultades que lle concede o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Doutra banda, José Antonio Orza Fernández, conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, actuando ó abeiro das facultades que lle concede o artigo 11 da Lei 5/1992, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica.

EXPOÑEN:

Primeiro.-Que as administracións públicas poden asinar convenios de colaboración con outras entidades públicas, segundo dispón o artigo 3.1º c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

Segundo.-Que o Igape é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, planeando e executando as actuacións do Goberno autónomo para o apoio ós investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia. Neste sentido, as bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (base 4.2, publicada no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001), recollen a posibilidade para o instituto de establecer convenios individual ou conxuntamente cos distintos departamentos da Xunta de Galicia e outras institucións públicas, co fin de implementar liñas de apoio sectoriais ou de proxectos que teñan a consideración de estratéxicos.

Terceiro.-Que desde a Administración galega se considera prioritario impulsa-los proxectos de iniciativa privada que promovan actividades de protección e mellora ambiental e contribúan ó desenvolvemento sustentable.

Na súa virtude, e dada a existencia dun interese coincidente, as partes formalizan este convenio de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS

Primeira.

1.1. Este convenio ten por obxecto establece-las condicións de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e o Igape para incentiva-los investimentos de iniciativa privada que promovan novos proxectos de protección e mellora ambientais e contribúan ó desenvolvemento sustentable.

1.2. Poderán ser obxecto de apoio os proxectos que se incardinen na seguinte tipoloxía:

a) A implantación de proxectos de tratamento de residuos.

b) Fabricación de equipamento para instalacións de xestión e tratamento de residuos, reducción ou eliminación da contaminación.

c) Fabricación de productos terminados considerados de interese ecolóxico.

Segunda.-Poderanse beneficiar das axudas establecidas neste convenio aquelas sociedades con obxecto empresarial dedicado á realización da tipoloxía de proxectos recollidos na cláusula primeira deste convenio e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter radicados ou preve-la radicación dalgún centro de actividade de carácter permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Desenvolver no centro radicado en Galicia algunha das actividades subvencionables que se sinalan na cláusula primeira deste convenio.

c) Presentar un proxecto no que o orzamento de investimento subvencionable segundo a base 5ª das reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (publicadas no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001) ascenda como mínimo a 600.000 A, e que sexa considerado viable técnica, económica e financeiramente pola Comisión Técnica de Avaliación prevista na cláusula 5.4 deste convenio. Aqueles proxectos con orzamento superior a 3.000.000 A presentaranse enmarcados nun plan estratéxico que defina as perspectivas de futuro da empresa.

d) Achegar para o proxecto de investimento un autofinanciamento de alomenos un 30% do seu importe, que non poderá ser obxecto de ningunha axuda ou subvención.

e) Comprometerse a manter unha determinada composición do accionariado nos supostos en que esta represente un elemento substancial para garanti-la viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto e así se establecese na resolución de concesión.

Terceira.

3.1. O Igape, ó abeiro deste convenio, poderá conceder subvencións a fondo perdido cos límites de axuda establecidos na base 16.2 das reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (publicadas no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001), garantíndose, en calquera caso, unha axuda mínima do 15% do importe do investimento subvencionable.

3.2. Os criterios preferentes para a concesión e intensidade das axudas previstas neste convenio serán os seguintes:

3.2.1. Por tipo de proxecto:

a) Proxectos de reciclaxe.

b) Proxectos de valorización de residuos.

c) Proxectos de eliminación de residuos.

3.2.2. Por características dos proxectos:

a) O interese ambiental do proxecto.

b) A creación de emprego.

c) O carácter dinamizador do proxecto para a economía da zona na que se implante.

d) O carácter innovador do proxecto.

e) O valor engadido que xere.

f) A incorporación de tecnoloxía avanzada.

g) As necesidades de axuda con base na rendibilidade esperada do proxecto.

Cuarta.-Os conceptos de investimento que se vai subvencionar serán os recollidos na base 5ª das reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (publicadas no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001).

Quinta.

5.1. As solicitudes de subvención presentaranse segundo o modelo que figura no anexo I nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. As solicitudes presentaranse xunto coa documentación, en orixinal ou en copia cotexada, enumerada no anexo III das bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (publicadas no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001), segundo os modelos alí establecidos.

5.3. Poderase excluír aquela documentación que figure xa actualizada no Igape, debendo o solicitante especifica-lo número de expediente no que anteriormente foi achegada.

5.4. Unha vez completo o expediente de solicitude, o subdirector de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica, da Área de Financiamento do Igape, convocará os membros da Comisión Técnica de Avaliación constituída a tal efecto para elabora-la proposta de resolución que se vai elevar ó presidente do Igape. A Comisión Técnica de Avaliación estará presidida pola directora xeral do Igape e composta dun número impar de membros que designarán a directora xeral do Igape e o director xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental. Poderase así mesmo, solicita-la asistencia de técnicos doutros departamentos cando así fose conveniente por razón da materia. Sempre que existan expedientes, a comisión será convocada cunha periodicidade de 15 días naturais.

5.5. Salvo as peculiaridades establecidas neste convenio, a presentación das solicitudes e tramitación dos expedientes, recursos, obrigas dos beneficiarios, incidencias no proxecto, xustificación, aboamento das subvencións, incumprimento, incompatibilidades, control das axudas, restriccións ó dereito ó acceso a arquivos e rexistros, e sentido do silencio administrativo seguirán a regulación establecida nas bases 7ª á 23ª reguladoras das axu

das do Igape para proxectos empresariais de investimento, así como os anexos correspondentes a elas (publicadas no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001), agás no expresamente regulado neste convenio.

Sexta.

6.1. Os interesados poderán presenta-las súas solicitudes desde a entrada en vigor deste convenio e ata o 31 de decembro de 2006.

6.2. A contribución do Igape ós fins do convenio elevarase ata un máximo de 2.700.000 A, que será financiado con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.10/03/02.656700, nos seguintes exercicios:

Ano 2003: 350.000 A.

Ano 2004: 1.000.000 A.

Ano 2005: 1.000.000 A.

Ano 2006: 350.000 A.

6.3. O Igape poderá incrementa-los importes das anualidades en función das dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio.

6.4. No caso dos expedientes que non puidesen ser resoltos favorablemente por falta de crédito, e unha vez habilitado no exercicio seguinte, os solicitantes poderán reitera-la súa solicitude, computándose a data da primeira solicitude para os efectos de realización das actuacións subvencionables.

Sétima.-Para os efectos de velar polo cumprimento do estipulado neste convenio, créase unha comisión de seguimento que estará composta pola directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, en representación do Igape, e o director xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental, en representación da Consellería de Medio Ambiente. A dita comisión, que se reunirá por petición de calquera das partes, será o mecanismo de actuación conxunta para garanti-la efectividade do convenio.

Oitava.-Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ata a completa finalización dos expedientes tramitados ó seu abeiro.

Novena.-Serán causas de resolución do convenio o mutuo acordo das partes e o incumprimento das cláusulas contidas nel.

Décima.-Este convenio ten a natureza dos previstos no artigo 3.1º c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, e o seu réxime xurídico virá determinado polas estipulacións previstas no propio convenio e os principios xerais resultantes da citada lei.

E en proba de conformidade, e para a debida constancia do pactado, asinan este convenio, por duplicado exemplar e en tódalas follas, no lugar e data do principio indicados.

Polo Igape, José Antonio Orza Fernández. Pola Consellería de Medio Ambiente, José Manuel Barreiro.