Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.960

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2003 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para a posta en marcha de medidas de apoio e incentivo á modernización de establecementos de hostalería en determinadas zonas da Costa da Morte especialmente afectadas pola catástrofe do petroleiro Prestige.

Con data 25 de marzo de 2003 o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo subscribiron un convenio de colaboración co obxecto de incentiva-los investimentos en mellora das infraestructuras dos establecementos turísticos situados en determinados municipios da Costa da Morte especialmente afectados polas consecuencias económicas do afundimento do buque Prestige.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO

Convenio de colaboración entre o Igape e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para a posta en marcha de medidas de apoio e incentivo á modernización de establecementos de hostalería en determinadas zonas da Costa da Morte especialmente afectadas pola catástrofe do petroleiro Prestige

En Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2003.

REUNIDOS:

Dunha banda, José Antonio Orza Fernández, presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, actuando ó abeiro das facultades que lle concede o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e o artigo 11 da Lei 5/1992, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica.

Doutra banda, o Jesús Pérez Varela, conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, actuando ó abeiro das facultades que lle concede o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

EXPOÑEN:

Primeiro.-Que as administracións públicas poden asinar convenios de colaboración con outras entidades públicas, segundo dispón o artigo 3.1º c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

Segundo.-Que o Igape é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, planeando e executando as actuacións do Goberno Autónomo para o apoio ós investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia. Neste senso as bases reguladoras das axudas do Igape para a continuidade e mellora competitiva da PEME galega (base 4.2, publicada no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001) contemplan a posibilidade para o instituto de establecer convenios individual ou conxuntamente cos distintos departamentos da Xunta de Galicia e outras institucións públicas co fin de implementar liñas de apoio sectoriais ou de proxectos que teñan a consideración de estratéxicos.

Terceiro.-Que desde a Administración galega se considera prioritario impulsa-la mellora da competitividade do sector turístico nas zonas afectadas pola catástrofe do petroleiro Prestige, para contribuír a palia-los efectos negativos que o dito evento provoca no sector, nas zonas máis directamente afectadas.

Na súa virtude, e dada a existencia dun interese coincidente, as partes formalizan o presente convenio de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira.-O presente convenio ten por obxecto establece-las condicións de colaboración entre a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e o Igape para incentiva-los investimentos en mellora das infraestructuras dos establecementos

turísticos situados en determinados municipios da Costa da Morte especialmente afectados polas consecuencias económicas do afundimento do buque Prestige, aproba-las bases da convocatoria de axudas e abri-lo prazo para a presentación das solicitudes polos interesados, que será dun ano a partir da entrada en vigor do convenio.

Segunda.-Poderanse beneficiar das axudas establecidas neste convenio os empresarios, persoas físicas ou xurídicas, que cumpran os criterios de microempresa segundo o establecido no anexo IV a este convenio e que acometan proxectos de investimento en infraestructura (ampliación ou reforma), equipamento e mobiliario nos establecementos hostaleiros, cafeterías, restaurantes e bares da súa titularidade, situados nos municipios que se enumeran na listaxe que se xunta como anexo V a este convenio.

Os beneficiarios de axudas para a implantación dun proxecto ó abeiro destas bases deberán achegar un autofinanciamento de alomenos un 30% dos custos previstos, que non poderá ser obxecto de ningunha axuda ou subvención.

Terceira.-Sempre e cando o proxecto presentado contribúa á mellora competitiva da empresa solicitante e supoña un impacto positivo no desenvolvemento turístico da zona, o Igape, con cargo a esta liña de axuda, poderá conceder subvencións a fondo perdido do 40% do investimento considerado subvencionable. Os proxectos deberán ter un investimento subvencionable mínimo de 3.000 A, sendo o máximo do dito investimento subvencionable de 60.000 A por proxecto.

Cuarta.-As actuacións de investimento que se van subvencionar non poderán estar iniciadas antes da data da solicitude da axuda e poderán consistir en ampliación, reforma de instalacións e adquisición de equipamento e mobiliario novos, sempre que se adapten á normativa turística.

Quinta.

1. As solicitudes de subvención presentaranse segundo o modelo que figura no anexo I nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, durante o ano seguinte á entrada en vigor deste convenio.

2. A solicitude presentarase xunto coa documentación, en orixinal ou en copia cotexada, enumerada no anexo II deste convenio. Poderase excluír aquela documentación que figure xa actualizada no Igape, debendo o solicitante especifica-lo número de expediente no que anteriormente foi achegado.

3. Unha vez completo o expediente de solicitude, o subdirector de Xestión de Axudas á Innovación, da Área de Financiamento do Igape, convocará os membros da Comisión Técnica de Avaliación constituída para tal efecto para elabora-la proposta de resolución que se vai elevar ó presidente do Igape. A Comisión Técnica de Avaliación estará presidida pola directora xeral do Igape e composta dun número

impar de membros que designarán a directora xeral do Igape e a directora xeral de Turismo. Sempre que existan solicitudes en estudio, a comisión convocarase cunha periodicidade de 15 días naturais.

4. As solicitudes resolveranse, ata ó esgotamento dos créditos, por orde de entrada do expediente completo no Igape.

5. Salvo as peculiaridades establecidas neste convenio, a presentación das solicitudes e tramitación dos expedientes, recursos, obrigas dos beneficiarios, incidencias no proxecto, xustificación, aboamento das subvencións, incumprimento, incompatibilidades, control das axudas, restriccións ó dereito ó acceso a arquivos e rexistros e sentido do silencio administrativo seguirán a regulación establecida nas bases 8ª á 23ª reguladoras das axudas do Igape para a continuidade e mellora competitiva da PEME galega (DOG nº 142, do 23 de xullo), agás no expresamente regulado neste convenio. Os proxectos que se presenten ó abeiro deste convenio non requirirán a presentación do diagnóstico empresarial a que fan referencia as ditas bases.

Sexta.-A contribución do Igape ós fins do convenio elevarase ata un máximo de 3.000.000 A, que será financiado con cargo á aplicación orzamentaria 02.02.11.02.02.656700, nos seguintes exercicios:

Ano 2003: 1.000.000 A.

Ano 2004: 2.000.000 A.

Sétima.-Para os efectos de velar polo cumprimento do estipulado no presente convenio, créase unha comisión de seguimento del que estará composta pola directora xeral de Turismo en representación da Consellería de Cultura, Turismo e Comunicación Social e a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. Esta comisión, que se reunirá por petición de calquera das partes, será o mecanismo de actuación conxunta para garanti-la efectividade do convenio.

Oitava.-O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ata a completa finalización dos expedientes tramitados ó seu abeiro.

Nonvena.-Serán causas de resolución do convenio, o mutuo acordo das partes e o incumprimento das cláusulas contidas nel.

Décima.-Este convenio ten a natureza dos previstos no artigo 3.1º c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, e o seu réxime xurídico virá determinado polas estipulacións previstas no propio convenio e os principios xerais resultantes da citada lei.

E en proba de conformidade e para a debida constancia do pactado, asinan o presente convenio, por duplicado exemplar, e en tódalas follas, no lugar e data no principio indicados.

Polo Igape, José Antonio Orza Fernández. Pola Consellería de Cultura, Turismo e Comunicación Social, Jesús Pérez Varela.

ANEXO IV

DEFINICIÓN DE MICROEMPRESA

Para os efectos deste convenio, terá a consideración de microempresa a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna cada un dos seguintes requisitos:

1.

a) Que teña menos de 10 traballadores. O número de empregados corresponderá ó número de unidades de traballo/ano (UTA), é dicir, o número de asalariados a xornada completa empregados durante un ano, constituíndo o traballo a tempo parcial ou o traballo estacional fraccións de UTA. Como ano de referencia tomarase o ano do último exercicio cerrado

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 7 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual que non exceda de 5 millóns de euros. Os ditos límites calcularanse segundo o último exercicio financeiro cerrado. No caso de empresas de nova creación con contas que aínda non se pechasen, os límites aplicables deberán basearse en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25%, ou máis, do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa.

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quén o posúe e se a empresa declara que pode, lexitimamente, presumir que o 25%, ou máis, do seu capital non pertence a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa.

Para o cálculo dos límites contemplados nas letras a) e b) engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa, directa ou indirectamente, o 25% ou máis do seu capital ou dos dereitos de voto.

2. Os requisitos establecidos no punto 1 anterior adaptaranse ó establecido en cada momento pola Comisión Europea en canto definición de microempresas.

ANEXO V

MUNICIPIOS DA COSTA DA MORTE PARA A IMPLANTACIÓN DE INVESTIMENTOS SUBVENCIONABLES Ó ABEIRO DO CONVENIO

MurosLaxe

CarnotaCabana de Bergantiños

CeePonteceso

DumbríaMalpica de Bergantiños

CorcubiónCarballo

FisterraA Laracha

MuxíaZas

CamariñasVimianzo

Coristanco