Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2003 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que establece un programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data de 13 de marzo de 2003 o Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) adoptou o acordo de establecer unha liña de préstamos dedicada ó financiamento de proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do seu xeral coñecemento e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape,

RESOLVO:

Único.-Publica-lo programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia, acordado polo Consello de Dirección do instituto na súa reunión de data 13 de marzo de 2003, o que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO

Programa de préstamos para financiar proxectos

emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, planeando e executando as actuacións do Goberno autónomo para o apoio ós investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia. Entre os diferentes programas de axudas das que o Igape dispón para a dinamización económica e a promoción empresarial en Galicia atópase o Programa

de Emprendedores, que se fixo público por Resolución do 13 de xullo de 2001 (DOG nº 142, do 23 de xullo), que se caracteriza por ser un programa de apoio integral a novos emprendedores e iniciativas innovadoras, que inclúe apoios diversos, entre os que se atopan a concesión de préstamos. A concesión de préstamos a emprendedores está así mesmo prevista no Decreto 133/2002, do 11 de abril, regulador da concesión de préstamos polo Igape.

Á vista das dificultades de accesibilidade ós recursos financeiros con que se poden atopa-los proxectos emprendedores, considérase de grande interese a posta en marcha dunha liña de préstamos que debe complementa-la oferta existente no mercado financeiro, especialmente para proxectos que puidesen presentar riscos de implantación superiores ós que se poidan considerar habituais, pero que contan cunhas bases mínimas de viabilidade.

Considerando prioritario impulsar iniciativas emprendedoras na Comunidade Autónoma de Galicia para contribuír á revitalización económica, máis necesaria despois dos efectos negativos globais do accidente do petroleiro Prestige, o Igape considera de grande interese a habilitación desta liña de financiamento ós emprendedores, a cal poderá ver incrementada as súas dotacións coas achegas que se acorden, mediante a subscrición, se é o caso, de convenios de colaboración con outras Administracións públicas ou entidades públicas ou privadas.

En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 13 de marzo de 2003, tomou o acordo de aprobar un programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia coas seguintes características:

Primeiro.-Constitución do fondo.

Con cargo á aplicación 02.01.16.02.02.252000 do seu orzamento para 2003, o Igape constitúe un fondo por importe de 1.600.000 euros, que se destinará á concesión de préstamos reembolsables a proxectos de novas iniciativas empresariais, que cumpran os requisitos e condicións especificados no punto seguinte. O dito fondo poderá verse incrementado, se é o caso, coas achegas que outras Administracións públicas ou entidades públicas ou privadas realicen mediante a subscrición dos oportunos convenios de colaboración co Igape.

Segundo.-Características da liña de préstamos.

-Prestatarios: persoas xurídicas que presenten un proxecto previamente cualificado como emprendedor de acordo co establecido na base 5ª das bases reguladoras de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para o Programa Emprendedores, que teñan vixente a cualificación de emprendedores, ó abeiro das citadas bases e que o dito proxecto requira para a súa maduración e viabilidade unha achega financeira en condicións favorables.

-Finalidade: financiamento da adquisición de:

a) Activos fixos materiais necesarios para o inicio da actividade empresarial, que poden consistir en terreos, urbanizacións e acometidas de servicios, obra civil, maquinaria, bens de equipo e traballos técnicos necesarios para a implantación productiva.

b) Activos de carácter intanxible: adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licencias de fabricación, patentes e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.

c) Aprovisionamentos necesarios para o inicio e posta en marcha do proxecto.

-Importe de financiamento: o importe mínimo do préstamo fíxase en 25.000 euros, sendo o importe máximo 600.000 euros.

O risco vivo por prestatario ó abeiro desta liña de préstamos non poderá ser superior en ningún momento a 600.000 euros.

O préstamo non poderá supera-lo 50% do orzamento do proxecto.

-Tipo de xuro: variable: Euribor a seis meses máis 0,50 p.p.

-Prazo e carencia: o prazo de vixencia das operacións será como máximo 7 anos.

O plan de reembolso do capital establecerase para cada operación de acordo coas características do proxecto.

Terceira.-Solicitudes de concesión do préstamo.

1. Os interesados presentarán no Igape (servicios centrais, Subdirección de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica) ademais de tódolos antecedentes que se consideren necesarios para a adecuada análise de viabilidade da operación, o formulario de solicitude (anexo I), que deberá estar acompañado da seguinte documentación:

-Descrición das garantías que, se é o caso, se ofrezan para cubri-los riscos da operación.

-Autorización ó Igape para solicita-la información acreditativa da solvencia e situación patrimonial, segundo anexo II (deberase cubri-la autorización na súa versión en castelán).

-Certificación acreditativa de atoparse ó corrente nas obrigas fiscais, coa Administración autonómica e Seguridade Social, expedida polos respectivos organismos.

2. As solicitudes serán resoltas polo Consello de Dirección do Igape.

Cuarta.-Operativa do préstamo.

O tipo de xuro variará por semestres naturais e determinarase de acordo coa seguinte norma:

4.1. Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética

simple dos tipos diarios do Euribor a prazo de 6 meses correspondentes ó mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do Euribor a prazo de 6 meses correspondentes ó mes de maio do mesmo ano.

4.2. Tipo adicional: 0,50 puntos porcentuais.

4.3. O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ó tipo de referencia o tipo adicional. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

4.4. Para os efectos deste acordo, enténdese por Euribor (Euro Interbank Offered Rate, isto é, tipo interbancario ofrecido en euros) a prazo de seis meses, como o tipo de xuro para depósitos interbancarios en euros a prazo de seis meses publicado pola Federación Bancaria Europea ou pola entidade pública ou privada, española ou da Unión Europea, designada para tal efecto.

4.5. No caso de que desaparecera o Euribor, o tipo de xuro de referencia calcularase segundo o disposto no contrato de préstamo ou supletoriamente, segundo as disposicións que para tal efecto o Igape publique no Diario Oficial de Galicia.

4.6. O tipo de xuro de referencia para cada semestre será publicado no Diario Oficial de Galicia.

4.7. O devengo de xuros será por días naturais, base 360, con liquidacións semestrais, que comezarán a computarse desde o primeiro día inmediato posterior á data de disposición. Non obstante, o primeiro período de liquidación será irregular e igual ou inferior ós 6 meses polos días que transcorran desde a data da disposición ata o último día do semestre en que se realizou a disposición.

4.8. O tipo de xuro nominal anual dos préstamos que se formalicen no primeiro semestre do 2003 será o 3,10 %.

Quinta.-Xuros de demora.

En caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigado a pagar sobre a suma vencida un tipo de xuro anual calculado sobre o Euribor a seis meses, máis 4 puntos porcentuais. Os importes vencidos e non satisfeitos capitalizaranse como aumento de capital debido, e devengarán, á súa vez, novos xuros ó tipo de xuro moratorio que resulte segundo o dito anteriormente. Os xuros moratorios devengaranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días e liquidaranse semestralmente ou coincidindo co vencemento semestral de xuros ordinarios.

Sexta.-Amortización anticipada.

O prestameiro ten a facultade de proceder ó reembolso total ou parcial do préstamo, mediante notificación dirixida ó Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles, e coincidente, en calquera caso, cunha data de revisión do tipo de xuro. Os reembolsos así efectuados non levarán penalización.

Sétima.-Incumprimento do préstamo.

No caso de producirse o incumprimento das condicións do contrato de préstamo, o Igape procederá a dalo por vencido, efectuándose a súa amortización anticipada obrigatoria e procedéndose ó reembolso do capital e xuros pendentes. Neste caso, a amortización levará, en todo caso unha penalización do 2% sobre o importe amortizado anticipadamente.

Oitava.-Garantías.

O Igape tomará as garantías que considere adecuadas segundo as características de cada operación. Se como consecuencia do seguimento e control que se efectúe durante a vixencia da operación fora notoria a diminución de solvencia do prestatario, procuraranse as accións precisas para reforza-lo cumprimento da obriga de reembolso.

Novena.-Dereito privado, información para remitir ós prestatarios e normativa supletoria.

9.1. Os contratos mediante os que se formalicen as operacións someteranse ó dereito privado.

9.2. Para os efectos do oportuno seguimento do risco vivo, anualmente, durante a vixencia do préstamo, os prestatarios deberán presentar ante o Igape a documentación específica que se detalle no momento da concesión do préstamo.

Os prestatarios obríganse a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-lo Igape ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. A tal fin quedan obrigados á conservación de toda a documentación orixinal que acredite a realidade dos investimentos e gastos financiados coas operacións de préstamo.

9.3. En todo o non previsto nesta resolución, resultará de aplicación supletoria o Decreto 133/2002, do 11 de abril, regulador de préstamos do Igape.

Disposición adicional

Os gastos financeiros dos préstamos concertados conforme a esta resolución non serán subvencionables ó abeiro da base 6.2.1.c) I) das reguladoras do Programa Emprendedores do Igape.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO II

Autorización ante o Banco de España

..., ... de... de...

Autorizo á entidade Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para que lle solicite á Central de Información de Riscos do Banco de España un informe dos riscos crediticios da entidade

NIF, autorización que fago extensiva

á mencionada Central de Información de Riscos para que lle facilite os datos interesados.

Sinatura

Nome e cargo do asinante

DNI

Para cubrir pola entidade declarante

Garanto a autenticidade deste documento.

Asinado

Nome, cargo e DNI

Selo da entidade