Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para o programa Emprendedores.

A experiencia acadada na xestión do programa Emprendedores amosa a realidade de que numerosas solicitudes de axudas á formación e elaboración do Plan de empresa se presentan co obxectivo de obter finalmente a cualificación de emprendedor, por parte dun importante número de iniciativas que carecen do sustento necesario para acadar finalmente tal cualificación.

Considerando que para estes numerosos casos, se producese unha xeración de falsas expectativas e que esta situación lles resta de xeito salientable eficacia ós servicios do Igape e, consecuentemente, prexudica os solicitantes. Existindo apoios noutras consellerías a proxectos de autoemprego e, a través do propio Igape, axudas financeiras a proxectos de reducida dimensión que se poderían axustar ás necesidades dos ditos solicitantes.

Tendo en conta, por outra banda, a situación excepcional que se está a producir nas zonas máis directamente afectadas pola catástrofe do petroleiro Prestige e aqueloutras consideradas de especial interese que precisan dun maior esforzo nos apoios públicos postos á disposición das empresas.

Procede, polo tanto, axusta-las bases reguladoras das axudas do Igape para o programa Emprendedores ós acordos adoptados polo Consello de Dirección do Igape do 13 de marzo de 2003.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publica-las seguintes modificacións das bases reguladoras das axudas do Igape para o programa Emprendedores:

1. Modifícanse as letras a) e b) da base 3.3., que quedan redactadas do seguinte xeito:

«a) As persoas físicas que teñan intención de se converter en novos empresarios a través da constitución dunha sociedade mercantil e establezan o seu domicilio social e fiscal e o centro principal da súa actividade en Galicia, e que presenten un plan de empresa cualificado previamente como emprendedor polo Igape e que, independentemente da forma xurídica que adopta a empresa, consten como promotores dela, acrediten unha formación ou experiencia empresarial axeitadas que avalen o bo fin do proxecto, e que a actividade que van desenvolver cumpra os requisitos enumerados no punto 3.2.c) desta base. Deberá presenta-la solicitude o promotor do proxecto por conta da sociedade en constitución que teña previsto crear, ou a mesma sociedade xa constituída, sempre que a dita constitución fose posterior á solicitude de cualificación como emprendedor do proxecto.

b) As persoas xurídicas que teñan a consideración de pequena e mediana empresa, segundo a definición do anexo IV, e pretendan desenvolver unha nova actividade empresarial claramente diferenciada da actual. A nova actividade deberá estar domiciliada social e fiscalmente e te-lo seu centro principal na Comunidade Autónoma de Galicia, ser innovadora ou de escasa implantación en Galicia ou que, por outros aspectos do proxecto, aínda que presentando riscos de implantación superiores ós habituais, teña interese estratéxico polo seu impacto na actividade económica da Comunidade Autónoma».

2. Modifícase o epígrafe I) da letra a) da base 5.5, que quedará redactada co seguinte texto:

«I) Viabilidade técnica, económico-financeira e comercial, que deberá cumprir alomenos unha das seguintes condicións:

I. Que presente unha estructura de investimentos máis gastos subvencionables necesarios para o inicio da actividade, superior a 35.000 euros.

II. Que se comprometa á creación e ó mantemento durante dous anos de, alomenos, dous postos de traballo por conta allea, ademais dos promotores».

3. Modifícase o epígrafe I) da letra b) da base 5.5, que quedará redactada co seguinte texto:

«I) Viabilidade técnica, económico-financeira e comercial, que deberá cumprir alomenos unha das seguintes condicións:

I. Que presente unha estructura de investimentos máis gastos subvencionables necesarios para o inicio da actividade, superior a 35.000 euros.

II. Que se comprometa á creación e ó mantemento durante dous anos de, alomenos, dous postos de traballo por conta allea, ademais dos promotores.

4. Introdúcese unha disposición transitoria co seguinte texto:

«Disposición transitoria.

Os proxectos que presenten solicitude de cualificación como proxecto emprendedor durante o prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta disposición, e que no prazo de vixencia desta cualificación se implanten nos municipios que se enumeran no anexo a esta disposición transitoria, beneficiaranse para os efectos de determina-los apoios ó proxecto dun coeficiente corrector sobre o resultado da avaliación segundo baremo. Este coeficiente será do 1,75 para os municipios encadrados no epígrafe 1 do anexo, e do 1,50 para os municipios encadrados no epígrafe 2 do anexo».

5. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG, e afectará as solicitudes presentadas a partir desa data.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

ANEXO Á DISPOSICIÓN TRANSITORIA DAS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS ÓS PROXECTOS EMPRENDEDORES

1. Municipios da Costa da Morte ós que se aplicará o coeficiente multiplicador establecido no baremo das bases de emprendedores

Muros.

Laxe.

Carnota.

Cabana de Bergantiños.

Cee.

Ponteceso.

Dumbría.

Malpica de Bergantiños.

Corcubión.

Carballo.

Fisterra.

A Laracha.

Muxía.

Zas.

Camariñas.

Vimianzo.

Coristanco.

2. Municipios das áreas de dinamización prioritaria ós que se aplicará o coeficiente multiplicador establecido no baremo das bases de emprendedores

Lugo:

Ribadeo.

Outeiro de Rei.

Barreiros.

Lugo.

Foz.

O Corgo.

Mondoñedo.

Sarria.

Lourenzá.

O Incio.

Trabada.

Bóveda.

Begonte.

Monforte de Lemos.

Rábade.

A Pobra do Brollón.

Ourense:

O Carballiño.

Xunqueira de Ambía.

Leiro.

Sarreaus.

Beade.

Xinzo de Limia.

Ribadavia.

Allariz.

Carballeda de Avia.

Sandiás.

Melón.

A Gudiña.

A Arnoia.

A Mezquita.

Paderne de Allariz.

Riós.

Taboadela.

Verín.

Baños de Molgas.