Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

A experiencia acadada na xestión dos programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega amosa a existencia dunha inadecuada relación entre os requirimentos esixidos nos diagnósticos integrais cando se refiren a moi pequenas empresas. Por isto, o Igape está preparando para as empresas de moi reducida dimensión unha ferramenta de autodiagnose, menos esixente que os contidos requiridos no diagnóstico integral existente nas bases actuais.

Tendo en conta, por outra banda, a situación excepcional que se está a producir nas zonas máis directamente afectadas pola catástrofe do petroleiro Prestige, e aqueloutras consideradas de especial interese que precisan dun maior esforzo nos apoios públicos postos á disposición das empresas.

Procede, por tanto, axusta-las bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega ós acordos adoptados polo Consello de Dirección do Igape do 13 de marzo de 2003.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publica-las seguintes modificacións das bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega:

1. Introdúcese unha disposición transitoria segunda co seguinte texto:

«Disposición transitoria segunda.

Mentres o Igape non poña á disposición das empresas galegas unha ferramenta telemática para elabora-lo seu propio autodiagnóstico empresarial, as empresas que cumpran os requisitos da definición de microempresa que se publica como anexo a esta disposición transitoria segunda poderán substituí-lo diagnóstico integral esixido por unha explicación directa das expectativas de mellora que a empresa espera acadar coas actuacións previstas no proxecto. Nestes casos aplicarase o resultado da avaliación segundo o baremo xeral, sen reducción do nivel de axuda resultante».

2. Introdúcese unha disposición transitoria terceira co seguinte texto:

«Disposición transitoria terceira.

Os proxectos que presenten solicitude de apoio durante o prazo dun ano desde a entrada en vigor desta disposición, para a súa implantación nos municipios que se sinalan no anexo a esta disposición transitoria terceira, beneficiaranse, para os efectos de determina-los apoios ó proxecto, dun coeficiente corrector sobre o resultado da avaliación segundo baremo. Este coeficiente será do 1,75 para os municipios encadrados no epígrafe 1 do anexo a esta disposición transitoria terceira, e do 1,50 para os municipios encadrados no epígrafe 2 do dito anexo».

3. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG, e afectará as solicitudes presentadas a partir desa data.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

ANEXO Á DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA DAS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DO IGAPE ÓS PROGRAMAS DE CONTINUIDADE E MELLORA COMPETITIVA DA PEME GALEGA

Definición de microempresa

A unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna cada un dos seguintes requisitos:

1.

a) Que teña menos de 10 traballadores. O número de empregados corresponderá ó número de unidades

de traballo/ano (UTA), é dicir, o número de asalariados a xornada completa, empregados durante un ano, constituíndo o traballo a tempo parcial ou o traballo estacional fraccións de UTA. Como ano de referencia tomarase o ano do último exercicio pechado.

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 7 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual que non exceda de 5 millóns de euros. Os ditos límites calcularanse segundo o último exercicio financeiro pechado. No caso de empresas de nova creación con contas que aínda non se pechasen, os límites aplicables deberán basearse en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25%, ou máis, do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa.

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quén o posúe e se a empresa declara que pode, lexitimamente, presumir que o 25%, ou máis, do seu capital non pertence a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa.

Para o cálculo dos límites realizados nas letras a) e b), engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa, directa ou indirectamente, o 25% ou máis do seu capital ou dos dereitos de voto.

2. Os requisitos establecidos no punto 1 anterior adaptaranse ó establecido en cada momento pola Comisión Europea en canto definición de microempresas.

ANEXO Á DISPOSICIÓN TRANSITORIA TERCEIRA DAS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DO IGAPE ÓS PROGRAMAS DE CONTINUIDADE E MELLORA COMPETITIVA DA PEME GALEGA

1. Municipios da Costa da Morte ós que se aplicará o coeficiente multiplicador establecido no baremo das bases de apoios á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

Muros.

Laxe.

Carnota.

Cabana de Bergantiños.

Cee.

Ponteceso.

Dumbría.

Malpica de Bergantiños.

Corcubión.

Carballo.

Fisterra.

A Laracha.

Muxía.

Zas.

Camariñas.

Vimianzo.

Coristanco.

2. Municipios das áreas de dinamización prioritaria ós que se aplicará o coeficiente multiplicador establecido no baremo das bases de apoios á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

Lugo:

Ribadeo.

Outeiro de Rei.

Barreiros.

Lugo.

Foz.

O Corgo.

Mondoñedo.

Sarria.

Lourenzá.

O Incio.

Trabada.

Bóveda.

Begonte.

Monforte de Lemos.

Rábade.

A Pobra do Brollón.

Ourense:

O Carballiño.

Xunqueira de Ambía.

Leiro.

Sarreaus.

Beade.

Xinzo de Limia.

Ribadavia.

Allariz.

Carballeda de Avia.

Sandiás.

Melón.

A Gudiña.

A Arnoia.

A Mezquita.

Paderne de Allariz.

Riós.

Taboadela.

Verín.

Baños de Molgas.