Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.951

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2003 pola que se fai público o contido da addenda ó convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A. (CERSA), as sociedades de garantía recíproca de Galicia (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos.

Con data do 12 de marzo de 2002, o Instituto Galego de Promoción Económica, a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A., as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas subscribiron un convenio para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O dito sistema de microcréditos amosouse como unha ferramenta básica para o apoio á posta en marcha e mellora competitiva da microempresa, poñendo á súa disposición recursos financeiros en condicións favorables respecto ás garantías esixidas.

A evolución dos mercados financeiros, e outras circunstancias sobrevidas, aconsellan a modificación dalgunhas das cláusulas iniciais. O Consello de dirección do Igape, previas as consultas oportunas coas entidades colaboradoras, acordou as modificacións que a continuación se publican para ó seu xeral coñecemento e entrada en vigor.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1.a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento,

RESOLVO:

Facer público, como anexo a esta resolución, o texto da addenda ó convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A., e as sociedades de garantía recíproca e entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO

Addenda ó convenio de colaboración entre o Igape, a Compañía Española de Reafianzamento, S.A. (CERSA), as sociedades de garantía recíproca de Galicia (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras

adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2003.

Reunidos.

-José Antonio Orza Fernández, conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en nome e representación do Instituto Galego de Promoción Económica (en adiante Igape), na súa calidade de presidente.

-Mª Isabel Barreiro Fernández, directora xeral da Política da Peme, en nome e representación da entidade Compañía Española de Reafianzamiento, S.A., (en adiante, CERSA), na súa calidade de presidenta.

-Margarita Fernández Antonio, en nome e representación da entidade Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra y Ourense, S.G.R. (en adiante, Sogarpo), na súa calidade de directora xeral.

-Manuel Alonso Fraile, en nome e representación da entidade Afianzamientos de Galicia, S.G.R. (en adiante, Afigal), na súa calidade de director xeral.

EXPOÑEN:

1. O sistema de microcréditos tense amosado coma unha ferramenta básica para o apoio á posta en marcha e mellora competitiva da microempresa, poñendo á súa disposición recursos financeiros en condicións favorables respecto ás garantías esixidas.

A evolución dos mercados financeiros, desde o inicio do programa, determina a oportunidade de revisa-lo tipo de xuro que aplicarán as entidades financeiras a este tipo de operacións.

2. Así mesmo, a experiencia adquirida e a favorable acollida do programa aconsellan a introducción de modificacións na tramitación que aseguren un procedemento máis áxil entre as distintas organizacións implicadas e con iso unha maior eficacia de xestión. Neste sentido introdúcese a cautela de que, para os efectos de concesión do aval das sociedades de garantía recíproca, as entidades financeiras comuniquen a aquelas as propostas de operacións cando xa conten coa aprobación formal destas entidades.

3. Por outra parte, e incardinado no conxunto de medidas deseñado pola Xunta de Galicia para contrarresta-los efectos derivados do afundimento do buque Prestige, considérase oportuno reducir, excepcionalmente, durante un ano a partir da entrada en vigor desta addenda, o custo financeiro dos microcréditos, con especial atención ás microempresas situadas na Costa da Morte. Os microcréditos que se formalicen durante o dito prazo terán unha amortización a cinco anos.

4. Por último, e con vixencia durante o ano seguinte á aprobación desta addenda, prevese que o Igape realice achegas patrimoniais ó Fondo de Provisións

Técnicas das Sociedades de Garantía Recíproca partícipes do convenio para potencia-los seus niveis de solvencia. As ditas achegas calcularanse en función do importe das operacións financeiras dispostas ó longo do dito período.

Cláusulas.

Primeira.-Obxecto.

A presente addenda ten por obxecto definir modificacións, permanentes e temporais, ó réxime das operacións de microcréditos establecido no convenio de colaboración Igape-CERSA-SGR-entidades financeiras para a habilitación dunha liña de financiamento específica de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia, feito público por Resolución do 20 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 61, do 27 de marzo) (en adiante: o convenio).

Segunda.-Modificación da cláusula 5.3.

O punto 3 da cláusula 5ª do convenio pasa a te-la seguinte redacción:

«3. Tipo de xuro. O tipo de xuro nominal anual para as operacións acollidas a este convenio será o 4,25%».

Terceira.-Modificación da cláusula 7ª.

3.1. Modifícase o punto 6 da cláusula 7ª do convenio, que pasa a te-lo seguinte texto:

«6. A entidade financeira estudiará a proposta e aprobará ou denegará a operación dentro dos 10 días hábiles seguintes á recepción da solicitude».

3.2. Engádese un punto 6.3 á cláusula 7ª do convenio co seguinte texto:

«As propostas de préstamos que as entidades financeiras adheridas remitan ás SGR deberán estar formalmente aprobadas pola entidade financeira, condicionadas á concesión do aval por parte da SGR correspondente. Simultaneamente á comunicación de concesión, as entidades financeiras remitirán á SGR unha copia da documentación que sexa de aplicación, da prevista no anexo IV do convenio, así como aqueloutros antecedentes dispoñibles que servisen de soporte para a resolución de aprobación da operación».

Cuarta.-Disposición transitoria.

Engádese unha disposición transitoria ó convenio co seguinte texto:

«Con carácter extraordinario, para as solicitudes de microcréditos presentadas dentro do prazo dun ano a contar desde a entrada en vigor desta disposición transitoria, rexerán as seguintes condicións:

Primeira.-O tipo de xuro nominal anual das operacións financeiras acollidas a este convenio será un dos dous seguintes:

a) Micrompresas con domicilio fiscal nos municipios que se sinalan en anexo a esta disposición: 0%.

b) Microempresas con domicilio fiscal no resto de Galicia: 2,5%.

Segunda.-O prazo de reembolso das operacións que se soliciten durante o ano no que esta disposición estea en vigor será de 5 anos, incluíndo ata un ano de carencia na amortización do principal. O resto das condicións de amortización son as que prevé a cláusula 5ª, punto 8 do convenio.

Terceira.-A achega do Igape ás entidades financeiras prevista na cláusula 6ª do convenio por operacións formalizadas con base no previsto nesta disposición transitoria será do 12,5% respecto ás operacións previstas no punto a) anterior e do 5,5%, para as operacións do punto b).

Respecto ás SGR mantéñense as achegas do 3,15% das operacións formalizadas.

Cuarta.-Igualmente, o Igape achegará ó Fondo de Provisións Técnicas das SGR partícipes do convenio o 3% do importe das operacións financeiras dispostas ó longo do ano en que estea en vigor esta disposición transitoria. A liquidación desta operación practicarase semestralmente no mes seguinte ó vencemento de cada semestre.

Quinta.-No non modificado por esta disposición transitoria, permanecerán vixentes as condicións establecidas no convenio.

Quinta.-Entrada en vigor.

Esta addenda entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Dotacións orzamentarias.

En virtude das previsións establecidas na cláusula cuarta, as dotacións orzamentarias do Igape para facer fronte ó convenio increméntanse en: 3.915.000 A distribuídos nas seguintes anualidades:

Con cargo á aplicación: 02.01.16.01.02 656 701 do seu orzamento para os anos:

2003: 1.552.500 A.

2004: 517.500 A.

Con cargo á aplicación: 02.01.16.01.02 656 702 do seu orzamento para os anos:

2003: 708.750 A.

2004: 236.250 A.

Con cargo á aplicación: 02.01.16.01.03 656 702 do seu orzamento para os anos:

2003: 675.000 A.

2004: 225.000 A.

E en proba de conformidade asinan este documento, no lugar e data do encabezamento, en catro exemplares nas dúas versións, en castelán e galego, sendo esta última a que prevalecerá no caso de discrepancias por erros gramaticais.

Polo Igape: José Antonio Orza Fernández.

Por CERSA: Mª Isabel Barreiro Fernández.

Por Sogarpo: Margarita Rodríguez Antonio.

Por Afigal: Manuel Alonso Fraile.

Anexo á disposición transitoria do convenio

Municipios da Costa da Morte os que se aplicará o tipo de xuro do punto a) da condición primeira da disposición transitoria

Muros.

Carnota.

Cee.

Dumbría.

Corcubión.

Fisterra.

Muxía.

Camariñas.

Coristanco.

Laxe.

Cabana de Bergantiños.

Ponteceso.

Malpica de Bergantiños.

Carballo.

A Laracha.

Zas.

Vimianzo.