Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.920

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 27 de marzo de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia e se convocan para o ano 2003.

O Reglamento (CE) 1493/1999, do Consello, do 17 de maio, establece a organización común do mercado vitivinícola; as disposicións de aplicación no relativo ó potencial de producción veñen previstas no Regulamento (CE) 1227/2000, da Comisión, do 31 de maio. No ámbito estatal, as medidas de desenvolvemento da normativa comunitaria están establecidas no Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, que regula o potencial de producción vitícola.

Pola súa banda, a Orde do 5 de setembro de 2000 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria regula os plans de reestructuración e reconversión do viñedo nesta Comunidade Autónoma, establecendo un réxime de axudas para a realización dos ditos plans.

A aplicación do punto 1 do artigo 3º -que regula a concesión das axudas en réxime de concorrencia competitiva- do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, aconsella redefini-los criterios de prioridade do artigo 7º da Orde do 5 de setembro de 2000 da consellería. Así mesmo e, previstas as bases reguladoras das axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, con vixencia indefinida, na Orde do 5 de setembro de 2000, cómpre realiza-la convocatoria correspondente a este ano 2003.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é modifica-la Orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia e convoca-las axudas correspondentes ó ano 2003.

Sección primeira: modificación da Orde do 5 de setembro de 2000.

Artigo 2º

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 5 de setembro de 2000 pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia:

1. Modificación do artigo 7º da Orde do 5 de setembro de 2000.

O artigo 7º quedará redactado como segue:

«Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

1. Para aprobar e resolve-las axudas para a execución dos plans de reestructuración e/ou reconversión do viñedo, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural dará prioridade absoluta en primeiro termo ós plans colectivos sobre os plans individuais.

2. Dentro de cada un dos grupos (plans colectivos e plans individuais) priorizaranse aqueles plans que acaden maior puntuación segundo o seguinte baremo:

1º Agricultores a título principal: 1 punto.

2º Agricultores mozos: 2 puntos.

3º Localización da totalidade da superficie final prevista no plan no ámbito dunha denominación de orixe: 5 puntos.

3. En caso de igualdade de puntuación entre os plans colectivos respecto ó punto anterior, darase prioridade ós de maior número de viticultores totais».

Sección segunda: convocatoria das axudas para o ano 2003.

Artigo 3º.-Convocatoria.

Convócanse para o ano 2003 as axudas reguladas pola Orde do 5 de setembro do 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, coas modificacións introducidas no artigo primeiro desta orde.

Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas, deberanse cumpri-los requisitos establecidos na Orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, modificada pola presente orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentiva-los plans de reestructuración e reconversión do viñedo, no marco do obxectivo xeral, establecido no artigo 11 do Reglamento (CE) 1493/1999, do Consello, do 17 de maio, de adapta-la producción á demanda do mercado abarcando algunha das accións seguintes:

a) Reconversión varietal.

b) Reimplantación de viñedos.

c) Melloras das técnicas de xestión do viñedo.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse entre o 1 de abril e o 31 de maio de 2003, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. As solicitudes, documentación e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 5 de setembro de 2000 pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, coas modificacións introducidas no artigo 1º desta orde, salvo o modelo de solicitude (anexo I) que será o establecido na Orde do 22 de marzo de 2002 (DOG nº 61, do 27 de marzo).

3. Para acreditar estar ó día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, o solicitante poderá optar por acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos, ou ben poderá autoriza-la Xunta de Galicia para que a solicite por vía informática. Neste último caso, deberá cubri-la autorización que figura como anexo II na Orde do 22 de marzo de 2002 (DOG nº 61, do 27 de marzo), e entregala co resto da documentación no momento de face-la solicitude de axuda.

Non obstante, quedan exentos de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia as axudas especificadas no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o 2003.

Artigo 6º.-Pagamentos anticipados.

No caso de solicita-lo pagamento anticipado das axudas, seguirase o disposto no artigo 9, punto 2º da Orde de 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) que establece que se poderán conceder anticipos das axudas cando:

a) Se teña comezada a execución da medida específica. Para estes efectos, considérase que se ten comezada a dita medida cando se teña realizado o arrinque da plantación ou se achegue factura de compra da planta, ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Se teña constituída unha garantía por un importe igual ó 20%.

Artigo 7º.-Prazo e xustificación.

O cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade e segundo os prazos previstos na Orde do 5 de setembro

de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia.

Artigo 8º.-Financiamento.

As axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia para o exercicio de 2003 estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A 776.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. A súa dotación será de 500.000 euros, que se verá incrementada con outros remanentes orzamentarios e en función das asignacións financeiras fixadas en consonancia co artigo 25 do Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, polo que se regula o potencial de producción vitícola.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural