Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.919

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 12 de marzo de 2003 pola que se fixan os prezos privados de doses seminais e de exemplares bovinos e aviares producidos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia.

O artigo 6 da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que os prezos privados obtidos polos órganos da Administración, entes e organismos autónomos, como contraprestación á cesión ou alleamento de bens ou á prestación de servicios, serán fixados pola consellería correspondente atendendo ás condicións e circunstancias do mercado no que operen, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, está a desenvolver distintos programas dirixidos á salvagarda dos recursos cinexéticos da gandería tradicional.

Como resultado deste programa de conservación xorden, a criterio facultativo dos servicios técnicos responsables, bens excedentes dirixidos á súa venda a disposición de tódolos gandeiros interesados. Esta orde fixa a contraprestación económica destes excedentes.

Por outra banda, a asunción da xestión do Centro de Selección e Reproducción Animal de Fontao por parte da sociedade pública Xenética Fontao, determina que sexa esta sociedade a que fixe os prezos, o que implica a necesidade de derroga-la orde que establecía os prezos privados das doses seminais producidas no dito centro e que foran establecidas por Orde do 6 de marzo de 1998.

De conformidade co devandito artigo e co Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da devandita lei, cómpre fixa-los prezos privados correspondentes á venda de doses seminais e de exemplares bovinos e aviares producidos no

Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, no marco do Programa de Recuperación de Razas Autóctonas en perigo de extinción.

Por todo iso, e logo do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Os prezos privados esixibles polos servicios prestados polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, referentes ás doses seminais de gando bovino e ós exemplares bovinos e aviares de razas autóctonas en perigo de extinción son os que figuran no anexo desta orde.

2. Os referidos prezos entenderanse co correspondente IVE.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 6 de marzo de 1998 (DOG do 18 de marzo), pola que se actualizan os prezos privados das doses seminais producidas no Centro de Selección e Reproducción Animal de Fontao.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO

Prezos privados de doses seminais e exemplares producidos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia en Fontefiz (Coles-Ourense).

1. Doses seminais:

* Razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieriresa, Limiá e Vianesa: 0,42 A/dose.

2. Exemplares bovinos:

-Touros das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa de,

* Menos de 12 meses de idade: 250 A/Touro.

* Entre 12-18 meses de idade: 275 A/Touro.

* Maiores de 18 meses de idade: 315 A/Touro.

3. Exemplares da Raza Galiña de Mos:

A. Exemplares inscritos no Rexistro de Nacementos.

* Polos de 1 día: 0,30 A/exemplar.

* Recría de ata 5 meses de idade: 1 A/exemplar.

B. Exemplares inscritos no Rexistro de Reproductores.

* Galos e galiñas de máis de 5 meses de idade: 3 A/exemplar.