Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2003, da Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, pola que se convocan trinta e oito cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro para agricultores.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes, e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de formación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores deste productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia celebrar.

A finalidade principal destes cursos é conseguir unha formación adecuada para os agricultores que realicen tratamentos na súa propia explotación, sen

empregar persoal auxiliar, con productos fitosanitarios ou de uso gandeiro, de categorías toxicolóxicas nociva ou tóxica, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador para eses productos, de nivel básico, que os capacite para exerce-la devandita actividade a nivel autonómico e estatal.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de trinta e oito cursos de aplicador/manipulador de praguicidas que terán lugar de acordo coas seguintes bases:

1. Clase de cursos que se van impartir.

Cursos de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios de uso gandeiro. Nivel básico.

2. Datos dos organismos organizadores.

Os organismos organizadores serán o Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, en colaboración coas organizacións profesionais agrarias.

3. Obxectivos dos cursos.

Que os agricultores que produzan alimentos para consumo propio ou para a venda efectúen correctamente os tratamentos con praguicidas para poder garantir así que se gardan os prazos de seguridade obrigatorios para cada praguicida e se cumpren coas esixencias legais en vigor en canto a límites de residuos.

Que o aplicador utilice o equipo de protección adecuado para evita-los posibles danos á súa saúde e á doutras persoas.

Que o agricultor coñeza os primeiros auxilios que se deben prestar en caso de que se produza unha intoxicación con praguicidas.

Que as técnicas de aplicación dos praguicidas se realicen de forma que se impida a posible contaminación do ambiente.

4. Destinatarios.

a) Destinatarios: agricultores que realicen tratamentos na Comunidade Autónoma de Galicia con productos fitosanitarios ou de uso gandeiro.

b) Número de prazas: o número de alumnos que poderá participar por curso será de 30 como máximo.

Criterios de selección: o solicitante deberá ter, alomenos, 18 anos.

Na selección terán prioridade os agricultores especificados no punto 3, e os preseleccionados polas cooperativas e organizacións profesionais agrarias que colaboren na realización do curso.

5. Realización.

Os lugares e datas de realización dos trinta e oito cursos son os que figuran como anexo III de esta resolución.

Duración e horario:

-Duración de cada curso: 21 horas lectivas distribuídas en 13 horas de clases teóricas e 8 de clases prácticas.

O horario de cada curso será das 15.30 horas ás 19.30 horas de luns a xoves, e das 9 ás 14 horas o venres.

Os coordinadores de cada curso poderán modifica-lo horario ou ben os días se fose necesario.

6. Programa.

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinación técnica do curso.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a coordinación do curso será realizada a través do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

8. Solicitudes e inscrición.

a) Documentación: o persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación da preselección realizada pola organización profesional agraria que colabora na organización do curso.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, das 9 ás 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de instancias permanecerá aberto ata 20 días naturais antes do inicio do curso.

b) Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase no taboleiro de anuncios do organismo convocante e do organismo colaborador, no prazo de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da finalización do prazo sinalado para a inscrición.

9. Certificado de superación do curso.

Para obte-lo certificado de superación do curso, o alumno debe asistir a tódalas sesións deste e ter superadas as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos. Unha vez obtido o devandito certificado, poderase solicitar do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia o carné de manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro de nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2003.

José Antonio Álvarez Vidal

Secretario xeral da Consellería de Política

Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural

ANEXO II

Programa do curso de aplicador/manipulador de praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios en caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 21.

ANEXO III

PROVINCIALUGARESDATAS DE REALIZACIÓN

A CORUÑAOROSO21-25 ABRIL

O PINO13-17 OUTUBRO

TORDOIA22-26 SETEMBRO

TRAZO21-25 ABRIL

CARBALLO5-9 MAIO

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ5-9 MAIO

VIMIANZO6-10 OUTUBRO

PONTECESO13-17 OUTUBRO

MONFERO27-31 OUTUBRO

SAN SADURNIÑO3-7 NOVEMBRO

TOURO3-7 NOVEMBRO

BRIÓN10-14 NOVEMBRO

MELIDE6-10 OUTUBRO

FRADES6-10 OUTUBRO

LUGOO PÁRAMO5-9 MAIO

CASTRO DE REI30 XUÑO-4 XULLO

GUNTÍN2-7 XUÑO

RIOTORTO5-9 MAIO

COSPEITO23-27 XUÑO

A PASTORIZA14-18 XULLO

POL7-11 XULLO

ABADÍN16-20 XUÑO

A FONSAGRADA13-17 OUTUBRO

PEDRAFITA DO CEBREIRO20-24 OUTUBRO

XERMADE1-5 SETEMBRO

PALAS DE REI6-10 OUTUBRO

CARBALLEDO3-7 NOVEMBRO

RIBAS DE SIL5-9 MAIO

OURENSEVILAMARTÍN DE VALDEORRAS20-24 MAIO

MACEDA1-5 SETEMBRO

PONTEVEDRACUNTIS5-9 MAIO

DOZÓN21-25 ABRIL

AGOLADA13-17 OUTUBRO

VILAGARCÍA DE AROUSA9-13 XUÑO

SANXENXO16-20 XUÑO

ARBO23-27 XUÑO

TOMIÑO20-24 OUTUBRO

OIA6-10 OUTUBRO

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO