Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 28 de marzo de 2003 Páx. 3.874

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2003 pola que se convoca un curso de dereito público autonómico de Galicia para persoal de Administración local.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2003, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia,

conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de dereito público autonómico de Galicia para persoal de Administración local, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Análise sistemática do bloque normativo de carácter autonómico que resulta aplicable no ámbito da

Comunidade Autónoma de Galicia, tanto desde unha perspectiva teórica como práctica.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional e técnicos de Administración xeral pertencentes ós grupos A ou B con funcións de asesoramento xurídico.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 67 horas.

2. Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP.

3. Datas: 22 e 30 de abril; 9, 13, 20 e 27 de maio; 3, 10, 17, 19, 24 e 26 de xuño de 2003.

4. Horarios: das 9.30 ás 14 horas e das 16.30 ás 18.30 horas.

5. Prazas: 40.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo desta resolución e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 8 de abril de 2003.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1991, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de aptitude.

Para obte-lo correspondente certificado de aptitude, os alumnos deberán presentar un traballo relacionado coas materias impartidas, conforme as instruccións do director do curso.

A expedición do certificado queda supeditada, ademais, á asistencia regular ás clases, de xeito que a inasistencia non poderá ser igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e corrección, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,60 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 136/1997, do 5 de xuño (DOG nº 114, do 16 de xuño), sobre a determinación dos méritos que lle corresponde fixar á Comunidade Autónoma nos concursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,20 puntos.

Novena.-Contido.

I. Introducción: o dereito público autonómico de Galicia. A articulación do dereito público autonómico de Galicia. O Estatuto de autonomía de Galicia. II. Organización institucional da Comunidade Autónoma de Galicia: estructura orgánica. O Parlamento de Galicia. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo. O Consello Consultivo de Galicia. O Consello de Contas de Galicia. III. Organización territorial de Galicia: os entes locais galegos no marco da Constitución española. A provincia. O municipio. Outras entidades locais. A Lei de desenvolvemento comarcal de Galicia. Relacións interadministrativas. IV. Administración corporativa e outras organizacións representativas. V. Normativa autonómica sectorial. O marco competencial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa aplicación ó persoal ó servicio da Administración local galega. Protección de datos de carácter persoal. O Portelo Único. O Eido local, a personalidade administrativa dixital. As facendas locais: normativa

reguladora. Visión actual e reforma da LRHL. A tutela financeira das corporacións locais de Galicia: fundamentos xurídicos e económicos, contido e alcance. Competencias autonómicas en entidades de depósito: especial referencia ás caixas de aforros. Os fondos da Unión Europea destinados á Comunidade Autónoma e ós entes locais de Galicia. O réxime das subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Axudas públicas dirixidas ós entes locais de Galicia. Participación nos ingresos da Comunidade Autónoma. O Fondo Galego de Cooperación Local. A planificación económica da Comunidade Autónoma. O Plan estratéxico de desenvolvemento económico de Galicia (Pedega): contido e tramitación. Participación dos entes locais de Galicia na planificación económica rexional. Réxime xurídico do medio ambiente. Competencias estatais, da Comunidade Autónoma galega e dos entes locais de Galicia. A xestión e eliminación dos residuos sólidos urbanos en Galicia. O réxime xurídico da auga: a Administración

hidráulica de Galicia, a planificación e a xestión da auga. Montes. Montes veciñais en man común. O Plan Forestal de Galicia. A disciplina ambiental: os estudios de impacto ambiental. O Regulamento de actividades molestas, insalubres,

nocivas ou perigosas. Autorizacións e licencias administrativas en materia de ambiente. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade. O Servicio Galego de Saúde: réxime xurídico e financeiro. Accións preventivas en materia de saúde pública: augas para consumo humano, piscinas, policía sanitaria mortuoria, sanidade ambiental e escolar. Servicios públicos e policía sanitaria autonómica: matadoiros, mercados, lonxas, farmacias. Competencias estatais, autonómicas e locais en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda. A Lei do solo de Galicia (I): disciplina urbanística. A Lei do solo de Galicia (II): planeamento urbanístico e réxime xurídico do solo. A Lei do solo de Galicia (III): execución do planeamento. A normativa reguladora da edificación e da vivenda. O Instituto Galego da Vivenda e Solo. Axudas á construcción e rehabilitación de vivendas. Ordenación do transporte urbano e interurbano de viaxeiros e mercadorías por estrada. O plan concertado

de servicios sociais nas entidades locais galegas. Formación ocupacional e promoción do emprego. Familia, infancia e adolescencia. Muller e xuventude. Cooperación e desenvolvemento: competencias estatais, autonómicas e locais. Políticas de cooperación da Comunidade Autónoma. A ordenación xurídica da pesca marítima na Comunidade Autónoma de Galicia. O marco competencial e normativo da pesca, o marisqueo e a acuicultura. O control da actividade pesqueira. Competencias da

Comunidade Autónoma galega en materia agroalimentaria e desenvolvemento rural. Réxime xurídico e organizativo. Seguridade alimentaria e sanidade animal: principal normativa. A concentración parcelaria e a unidade mínima de cultivo da Comunidade Autónoma en zonas de acusada infraestructura rural. Réxime xurídico das costas españolas. Réxime xurídico e de protección do patrimonio histórico-artístico de Galicia: autorización e licencias preceptivas. Réxime de infraccións e sancións. O uso da lingua galega: normas reguladoras e a súa aplicación ás administracións públicas. O fomento da actividade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia. Cooperación entre Comunidade Autónoma e entes locais. Competencias da Comunidade Autónoma en materia de turismo. Coordinación das actividades de fomento do turismo. A planificación do turismo. O turismo rural. Competencias das distintas administracións públicas en materia de consumo. Normas de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. A

organización de consumidores e usuarios. Horarios comerciais e de apertura ó público: especial referencia a actividades de ocio. Feiras, mercados e espectáculos: normas de aplicación. Normas de funcionamento, horarios, réxime sancionador.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA