Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 28 de marzo de 2003 Páx. 3.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 18 de marzo de 2003 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, estableceuse a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estructura básica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado que conta cunha Dirección Xeral de Xuventude á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado considera obxectivo prioritario potencia-la actividade asociativa xuvenil para promove-lo desenvolvemento comunitario e a participación da mocidade na vida social, política, económica e cultural. Para conseguir este obxectivo é fundamental prestarlles apoio ás entidades que traballan neste eido, posibilitando a realización de actividades que sexan de interese para a poboación xuvenil, fomentando e potenciando dese xeito o seu nivel participativo. Por isto establécense estas axudas, dirixidas á promoción do asociacionismo xuvenil, así como a posibilita-la realización de actividades de carácter ambiental, de carácter socio-educativo, dirixidas a incrementa-la concienciación social sobre as distintas problemáticas que afectan a mocidade, de carácter formativo, de animación sociocultural, de aire libre, e aqueloutras dirixidas a incrementa-la formación integral da mocidade así como as relacións e intercambios con outros grupos doutros

ámbitos territoriais e culturais.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido na Lei 6/2002, do 27 de decembro, pola que se aproban os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto establece-las bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á mocidade, sen ánimo de lucro, e proceder á súa convocatoria.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades, realizados desde o 1 de xaneiro de 2003 e dirixidos á mozos e mozas de entre 12 e 30 anos:

a) Promoción do asociacionismo xuvenil.

b) Actividades de aire libre, ambiente e natureza.

c) Realización de actividades de carácter socioeducativo, dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan á mocidade.

d) Programas de animación sociocultural en xeral.

e) Intercambios con entidades xuvenís doutras comunidades autónomas e países estranxeiros.

f) Calquera programa polivalente de actividades que incidan na formación integral da mocidade.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo. Tamén estarán excluídos os gastos derivados do normal funcionamento das entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 1405.355B.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 cunha contía de 300.500 euros, con reflexo orzamentario nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2003.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvencións as organizacións xuvenís e entidades prestadoras de servicios á mocidade, sen ánimo de lucro, que estean inscritas no correspondente censo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, (DOG nº 49, do 10 de marzo), extremo que deberán facer constar no impreso de solicitude no espacio reservado para tal fin (anexo I). Non poderán solicitar subvención aquelas entidades das que a inscrición no dito censo se atope en trámite o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Será requisito imprescindible para poder solicita-la subvención o ter xustificadas debidamente as axudas, recibidas no último ano.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes, co formato do impreso de solicitude (anexo I), dirixiranse á conselleira de Familia,

Xuventude e Voluntariado cando se trate de entidades de ámbito superior a unha provincia, ou ó correspondente delegado provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

Poderán presentarse no rexistro xeral desta consellería, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta na que se recolla a composición do órgano de dirección.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificado dunha conta bancaria aberta pola entidade.

d) Breve memoria explicativa do proxecto de actividades que se pretenden realizar, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderá a realización da actividade, número estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos e orzamento de gastos por capítulos.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

4. A Dirección Xeral de Xuventude ou as delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado requerirán do solicitante que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

1. A contía da axuda concedida non poderá exceder do 75% do orzamento total da/s actividade/s subvencionada/s.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acti

vidade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos proxectos presentados efectuarase conforme os seguintes criterios:

-Aqueles que presenten unha especial relevancia cultural.

-Aqueles con finalidade pedagóxica ou informativa.

-O número de destinatarios e a proxección social das actividades propostas.

-Os programas promovidos por entidades de ámbito rural, sendo destinataria principal a mocidade deste medio.

-O carácter continuado e non simplemente ocasional das actividades programadas.

-Aqueles dirixidos a colectivos con dificultades de integración social.

Artigo 7º.- Tramitación e resolución.

1. No caso das entidades de ámbito superior a unha provincia, unha vez emitido informe sobre as solicitudes polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude, a directora xeral de Xuventude elaborará unha proposta de resolución, e correspóndelle dicta-la resolución á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado.

2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, será emitido o informe previo polos servicios técnicos da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e os delegados provinciais da consellería elaborarán proposta de resolución; correspóndelle dicta-la resolución á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado. A dita resolución porá fin á vía administrativa.

3. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa, e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación da resolución se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

4. A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e comproba-la súa execución, cando o considere conveniente, así

como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

5. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención procederase á xustificación e ó pagamento na forma en que se indica a continuación.

2. A xustificación das axudas efectuarase ata o día 15 de outubro de 2003, mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas ou autenticadas, de conformidade coa normativa vixente, que ademais irán recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

Para os efectos de xustificación, soamente se admitirán os recibos ou facturas que se acheguen e que figuren na relación, especificando en cada un deles a actividade realizada así como o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

Ademais, deberase presentar unha breve memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención, vinculando cada factura á actividade subvencionada e efectivamente realizada.

Igualmente, deberá xuntarse no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación á que fai referencia o artigo 8º, poderase proceder ó pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

2. No caso de non aplicar ó fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado só aboará a parte proporcional do gasto dedicado ó fin subvencionable, sen prexuízo do que proceda de conformidade co artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias das axudas quedarán obrigadas:

1. A non modificar, sen autorización expresa da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, o programa de actividades inicialmente previsto.

2. A admiti-la comprobación da execución dos proxectos subvencionados por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou por parte dos órganos territoriais da consellería.

3. A facer constar, en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada, que recibiron axuda da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, empregando para isto a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Estar sometido ás actuacións de comprobación que serán efectuadas pola Dirección Xeral de Xuventude, e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Control e reintegro da subvención.

Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que, unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde, quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado